VI Ciclo de Música Contemporánea

A música popular foi dende sempre unha das principais fontes de inspiración para compositores doutros tipos de música, extraendo dela, a través do seu estudo, os seus xiros melódicos e harmónicos e a súa esencia co obxectivo de crear algo máis aló por medio da abstracción das súas linguaxes persoais. Da mesma maneira, pódese dicir que o mesmo paralelismo se produciu no mundo da danza con coreógrafos/as de danza contemporánea asimilando para si elementos das danzas populares de todas as culturas.

 

Orixes é un espectáculo de música e danza concibido en dúas metades na que catro pezas ‘populares’ e outras tantas ‘contemporáneas’ se reflicten mutuamente a través dun espello do tempo na procura de que unhas encontren nas outras as súas raíces.

 

Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo

 

  • Summon the Spirits: Lucía Álvarez Pardo, Alba Burón Vázquez, Carlota Castro López, Jesús Fágil Rueda, Laura Fernández Pardo, Ignacio Illán Sastre, Laura López San Juan, Marta Montes García, Aroa Palmón Meléndez, Laura Reboredo González, Amparo Silva Rodríguez, Amparo Valcárcel Real e Carmen Gao Valcárcel Real

  • African Sketches: Laura Carreira, María Díaz, Elisabet Fernández, Aitana Fuentes, Carla Mosquera, Nuria Otero, Carlota Paz, Claudia Pérez, Claudia Pía, Helena Silva, Lucía Télez e Nahir Armada

  • Bell Plates: Lucía Baamonde Castro, María José Pérez González e Ana Rodríguez Salgueiro

  • Rítmicas 5 e 6 e The Song of Queztecoatl: Irene Crespo Picado, Teresa Delgado López, Paloma Fernández de Vega, Carlota Gómez Montes, Nerea López Muruais, Paula Martínez Maseda, Stephanía Orozco Herrera, Laura Xiao Ouro Iglesias, Laura Pan Meirama, Lucía Baamonde Castro*, María José Pérez González* e Ana Rodríguez Salgueiro*

(* Só Rítmicas 5 e 6)

  • Rhythm Song: Raquel Ameijide Asorey, Sandra Carreira Díaz, Carlota Criado Sanz, Carlota Díaz Martínez, Noa Fágil Rueda, Paula Fernández Méndez, Alicia García Cabaleiro, Paula García Fraga, Cristina Pérez Díaz, Ariadna Sánchez Rúas, Lucía Tosar Pérez e Xián Varela Armesto

  • Sen VI e Lancaran Singa Nebah Pélog: Lucía Álvarez Corbelle, Candela Díaz Iglesias, Lucía Díaz Iglesias, Ángela Gay Barral, Serea López Valín, Paula López Vázquez, Carlota Pardo Rodríguez, María Rey Rivera, María Rodríguez Losada e Paula Leonor Rodríguez Otero

Silvia Victoria Eijo(The Song of Queztecoatl),Alba Felpete(Rhythm Song),Ana Belén Ferreiro(Summon the Spirits, Bell Plates e Sen VI),Reyes González(African Sketches) eJulia Penado(Rítmicas 5 e 6 e Lancaran Singa Nebah Pélog) coreografías

Grupo de percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes

Íñigo Barreiro Pérez, Pablo Carballeira Lamas, Óscar Carballo Puebla, Uxío Domínguez Darriba, César Fouce López, Brais Pérez Díaz, Pablo del Valle Prieto, Brais Vázquez Bande, Martín Vázquez Rodríguez

Diego Ventosodirección musical

 

PROGRAMA

 

  • Kevin Tuck Summon the Spirits (1998)cuarteto de percusión (tradicional Xapón)

  • James Kent Williams African Sketches (1968) cuarteto de percusión(tradicional África)

  • Amadeo Roldán Rítmica 5 e 6 (1930) grupo de percusión (tradicional Centroamérica)

  • Tradicional Java (adaptación: Brian Pfeifer) Lancaran Singa Nebah Pélog (tradicional Java) grupo de percusión

  • Scott Lindroth Bell Plates (2002) multipercusión e electrónica (influencias gamelán Java)

  • Lou Harrison The Song of Queztecoatl (1941) cuarteto de percusión (influencias Centroamérica)

  • Paul Smadbeck Rhythm Song (1984) marimba (influencias África)

  • Toshio Hosokawa Sen VI (1993) multipercusión (influencias Xapón)

AS OBRAS

Summon the Spirits

Summon the Spirits está inspirada na arte da música ritual ‘kumi-daiko’ de tambores xaponeses, aínda que pode ser interpretada con tambores ‘occidentais’ como toms, congas e bombos.

Impregnada da enerxía desbordante característica deste tipo de música, na súa interpretación en directo cobra un gran valor o compoñente visual e coreográfico que se xera de maneira natural entre todos os intérpretes cos unísonos, canons e improvisacións que percorren a peza de principio a fin.

African Sketches

African Sketches é unha suite en tres movementos, estando cada un deles inspirado nun tipo concreto de ritmo tradicional africano. A instrumentación da peza é unha especie de orquestración/adaptación levada a cabo con instrumentos occidentais do que nas agrupacións tradicionais orixinalmente se faría con djembés, tambores batá e outros instrumentos.

A textura das pezas imita a utilizada na música tradicional na que os unísonos e os solos acompañados de ‘grooves’ se alternan con gran dinamismo, pero con maior refinamento nunha estrutura de 3 movementos que recorda ó da sonata clásica.

Rítmicas 5 e 6

Rítmicas é un ciclo de 6 pezas que o compositor cubano Amadeo Roldán (París, 1900 – A Habana, 1939) compuxo entre 1929 e 1930, sendo as catro primeiras para unha formación de frauta, óboe, clarinete, fagot, corno e piano e as dúas últimas para un ensemble de 11 percusionistas.

Escritas na linguaxe folclórica afrocubana característica da música de Roldán, Rítmicas V e VI son estudos puramente rítmicos baseados no son cubano e na rumba, respectivamente, e utilizan unha mistura de instrumentos típicos deste folclore como claves, bongós, cencerros, quixada, güiro, maracas e timbais cubanos con instrumentos procedentes doutros tipos de folclore ou da orquestra sinfónica como a marimba, o bombo ou os timbais sinfónicos.

A pesar de que a formación instrumental é bastante ampla, as dúas pezas caracterízanse pola fraxilidade da súa textura só interrompida ocasionalmente por complexos motivos polirrítmicos abruptos.

Estas pezas foron as primeiras escritas para grupo de percusión, precedendo no tempo á icónica Ionisation de Edgar Varese.

Lancaran Singa Nebah Pélog

Lancaran Singa Nebah Pélog é unha adaptación da peza popular Singa Nebah da illa de Java en Indonesia. Esta adaptación foi feita polo percusionista Brian Pfeifer como parte do seu traballo doutoral na Univeridade de Washington sobre o arranxo de pezas tradicionais do gamelán de Indonesia ós instrumentos convencionais occidentais.

O principal hándicap desta adaptación é que os instrumentos convencionais occidentais non poden reproducir con exactitude o tipo afinación non temperada das escalas utilizadas na música gamelán, aparte das diferencias tímbricas lóxicas ocasionadas pola utilización de xilófonos, metalófonos, gongs e tambores diferentes.

A nivel textural a peza segue as características habituais deste tipo de música: unha melodía sinxela tocada nun metalófono (neste caso, a lira) repítese constantemente a modo de mantra contando cunha ornamentación levada a cabo por outros metalófonos e xilófonos (vibráfono, campanólogo e marimba) e cun acompañamento que reforza o pulso levado a cabo por tambores (neste caso, timbais e congas). A conxunción de todo o ensemble forma a masa sonora tan característica da música gamelán de gran variedade e riqueza tímbrica.

En canto á estrutura, a peza conta cunha pequena introdución ó principio e unha coda ó final, entre as cales a melodía se repite 14 veces a diferentes velocidades.

Introdución + 7 + 1 + 2 + 4 + coda

 

Bell Plates

Bell Plates é unha peza para percusión e electrónica do compositor norteamericabo Scott Lindroth (Cincinnati, Ohio, 1958). A instrumentación da peza inclúe freos de disco, tubos de aluminio, bloques de madeira, bongós, toms e pratos suspendidos.

A parte electrónica consta de samplers de varios tambores, pratos e gongs que son escoitados ó comezo da peza e que máis adiante se procesan para parecerse a unha variedade de gongs e campás que recordan e evocan inequivocamente ás sonoridades do gamelán de Indonesia.

O intérprete debe atopar e acadar unha configuración instrumental que iguale os seus sons cos pregravados da electrónica para acadar o maior equilibrio posible entre eles, de maneira que a audiencia non sexa quen de distinguir entre os sons en directo e os sons electrónicos. A combinación dos dous elementos debería ser algo máis aló da suma das partes individuais, de maneira que a masa sonora resultante se transforme nunha especie de "meta-instrumento" que sexa a partes iguais electrónica, tambores, metais e madeiras.

The Song of Queztecoatl

The Song of Queztecoatl é unha composición dramática, sorprendente e histórica no desenvolvemento do grupo de percusión, sendo unha das primeiras para un conxunto deste tipo cunha asociación extramusical para darlle sentido e atmosfera. Desta maneira, transcendeu a tendencia á abstracción da música que Lou Harrison (Portland, Oregon, 1917 – Lafayette, Indiana, 2003) compuxera ata aquel momento. Este traballo, en contraste coas súas pezas anteriores, é inmediata, visceral e clara na súa forma e na construción.

Lou Harrison converteuse nun pioneiro do grupo de percusión en parte por predilección persoal e en parte por necesidade, xa que traballou como compositor para compañías de danza modernas nas que o uso da percusión venceu problemas de falta de espazo e escaseza de diñeiro. Estivo moi interesado nas moitas músicas étnicas que estaban ó seu alcance en San Francisco en torno a 1940 e coleccionou instrumentos musicais étnicos, incluídos os de percusión, que completaba con obxectos atopados en colectores de lixo (por exemplo, freos de disco) que demostraban ter boas cualidades sonoras.

Influenciado polo forte interese que houbo nesa época en California acerca da historia e as culturas de México, adquiriu unha reprodución a toda cor de materiais procedentes de códices mexicanos. Harrison atopou estas reproducións de cores fascinantes e decidiu escribir música sobre a vida de Quetzalcoatl, o Deus heroe "serpe con plumas" descrito nalgunhas das páxinas destes códices. Tamén foi inspirado por unha película que viu, pioneira na idea de usar unha cámara de cine para percorrer obras de arte e editar as imaxes acompañadas dunha banda sonora. Aínda que non houbo ningún proxecto de cine no que se implicase, Harrison imaxinou a música que podería escribir para tal tratamento das imaxes mexicanas.

A formación instrumental de The Song of Quetzalcoatl é un conxunto ben equilibrado de toms, instrumentos mexicanos e metalófonos, incluíndo algúns dos seus instrumentos de "lixo" e instrumentos chineses. A instrumentación son campás, bloques de madeira, bocas de dragón, sistrums, cencerros, freos de disco de coche suspendidos ou apagados, carraca, caixa, güiro, cortina de cristal, triángulo, gongs, tam-tam e un bombo moi grave.

A súa duración está entre 6 e 7 minutos e comeza cun patrón que se converterá no fío unificador de toda a peza. Ten a característica dunha procesión ou ritual, particularmente nas primeiras seccións da composición. O final, que é silencioso, ten unha calidade máxica.

Rhythm Song

Rhythm Song do compositor e marimbista Paul Smadbeck (Nova York, 1955) é unha das obras para marimba máis populares de todos os tempos. Nela fóndense elementos da música minimalista, africana, latin, jazz-fusión e gamelán e pode interpretarse como peza a solo ou para máis intérpretes tocando a unísono ou en diferentes oitavas.

Na súa interpretación Smadbeck quere intencionadamente que o intérprete semelle estar tocando unha batería tradicional. Isto pódese conseguir considerando as notas seleccionadas como tambores afinados. É desta maneira como intenta enfatizar o poder expresivo dun instrumento cuxo segredo reside para el na mistura entre a percusión e o ton, procurando a primeira semellarse á dun tambor e o segundo ó son dun piano de 4 ou 5 oitavas.

A simplicidade harmónica e melódica da peza pretende conseguir que a melodía e a harmonía formen un contrapuntalismo rítmico. Toda a peza e todas as súas posibilidades rítmicas se desenvolven a partir dunha melodía sinxela en 7/4. Dita melodía comeza dunha forma moi simple para despois ser distribuída entre as catro baquetas, xerando desta maneira intrincadas melodías tecidas entre elas por todo o teclado. A fusión e evolución deste proceso ó longo da peza produce sonoridades de músicas para marimbas, xilófonos e balafóns tradicionais africanas.

Na segunda sección en 6/8, Smadbeck sinala que o pulso debe ser conducido de xeito continuo e persistente sen flutuacións no tempo e mantendo un ‘groove’ que pode eventualmente ser sentido ou pensando nun compás de dúas ou catro partes.

Sen VI

En 1993 Toshio Hosokawa (Hiroshima, 1955) culminou o seu ciclo para instrumentos solo titulado Sen (línea) coa sexta e derradeira peza para percusión. As anteriores foron Sen I para frauta (1984-86), Sen II para violoncello (1986), Sen III para shamisen (1988), Sen IV para órgano (1990) e Sen V para acordeón (1991-92).

A escritura para percusión representa para Hosokawa unha escusa que lle permite remitirse ás sonoridades da música tradicional do seu país e confrontar coa súa cultura natal. Nun dos seus ensaios, Hosokawa recorda como no teatro noh se utiliza un instrumento de percusión, o tsuzumi. O músico avanza, debuxa un círculo no aire e, xusto nese momento, produce o son golpeando o instrumento. O son que resulta está cargado dunha tensión particular enxendrada grazas ó xesto que o precede. Desta maneira, nin o son nin o silencio precedente opoñen entre eles senón que, dalgunha forma, o son afunde as súas raíces no xesto preliminar.

Sen VI  reincide nas caligrafías sonoras ensaiadas por Hosokawa un ano antes co seu Vertical Study I: discursos entrecortados, xestos e sons illados que, entre pausas prolongadas de silencio, desafían á lóxica música occidental. Súmanse, ademais, as exclamacións do intérprete, o carácter ritual, a suspensión temporal do acontecemento sonoro no que non parece haber un antes e un despois e un final no que uns misteriosos golpes nos crótalos rematan un fragmento onde semella que ningunha narración ten concluído, ningún percorrido lóxico previsible ten rematado e ningunha arquitectura coñecida ten sido debuxada.

 

OS INTÉRPRETES

Grupo de percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes

Este grupo de percusión está formado por alumnos de percusión do Conservatorio Profesional de Música Xóan Montes, desenvolvendo a súa actividade no marco das clases de conxunto deste centro.

A formación do grupo é flexible e adáptase ás diferentes necesidades de cada un dos proxectos levados a cabo.

Grupo de danza contemporánea do Conservatorio de Danza Profesional de Lugo

Este grupo de danza está formado por alumnas de grao profesional da especialidade de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Desenvolven a súa actividade no marco das clases deste conservatorio baixo a dirección académica e artística das profesoras do centro.

A formación do grupo é flexible e adáptase ás diferentes necesidades de cada unha das coreografías propostas.