try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
">
Someso 6, 15008 A Coruña Tfno: 881880001

Historia do noso Centro

CIFP Someso, foi inaugurado o 29 de agosto de 1960 como Centro de Formación Profesional Acelerada  n°5.

A formación que se impartía  na Acelerada, nome polo que se coñecía o centro, era naqueles anos moi innovadora, baseada na FPA francesa, de tipo intensivo, cunha duración media de 6 meses, unhas 1000 horas por curso. O centro tivo nesta época un gran prestixio como institución docente, onde se formaron 11.530 profesionais dos distintos oficios, e se incorporaban ao mundo laboral como traballadores cualificados, alcanzando en pouco tempo postos de responsabilidade.

Cumpre destacar como obras significativas desta época, a fonte de Catro Camiños, réplica da que se atopa na entrada do instituto, ou un reloxo luminoso, situado no centro do complexo que se divisaba dende a cidade, e un Belén con efectos de luz, moi visitado polo Nadal, obras estas últimas, xa desaparecidas.

No ano 1984  toma o nome de Centro de Formación Profesional Someso. Comezan as ensinanzas da Formación Profesional  regrada coas titulacións de Técnico Auxiliar e Técnico Especialista.A partir do ano 1988 o centro pasa a depender da Xunta de Galicia. Dáselle a partir do ano 1989 un forte pulo coa remodelación de parte dos talleres, pero é en 1991 cando adquire a fisonomía actual ao se construír o aulario central do Instituto.Na mesma parcela créase a Escola de Imaxe e Son.

Coa promulgación da LOGSE, cámbiase de novo  o nome do centro pasando a denominarse Instituto de Formación Profesional Someso;  implántanse os estudios de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato Tecnolóxico e comeza a nova formación profesional cos Ciclos Formativos de Grao Medio, e no ano 1996 os de Grao Superior.           
Pero aí non rematan os cambios. No ano 2006 créanse en Galicia os Centros Integrados de Formación Profesional, e dada a traxectoria do centro fomos incluídos, pasando a  ser Centro Integrado de Formación Profesional Someso. Etapa na que nos atopamos.
           
A diferencia fundamental deste tipo de centro e que nel se poden impartir tódolos subsistemas de Formación Profesional. Regrada, Continua e Ocupacional. Polo que a oferta dos Centro Integrados vai  ser dinámica e acorde coas necesidades empresarias e coa cualificación dos futuros traballadores.
No seguinte enlce podes acceder a varias fotos da nosa historia: http://www.edu.xunta.gal/centros/cifpsomeso/galeria/