PROYECTO INNOVACION AJEDREZ EDUCATIVO no CIFP Manuel Antonio

 Os alumnos que están a estudar a 2º curso da FP Básica de Cociña e Restauración e de Tapizaría e Cortinaxe no CIFP Manuel Antonio participaron ao longo do curso nun PROYECTO INNOVACION AJEDREZ EDUCATIVO.

 Aprenderon a xogar ao xadrez, paticárono e incluírono en moitas actividades do día a día da aula, sobre todo na materia de Ciencias.

 Como remate da actividade desenvolveron un taller de cociña/repostería e outro de deseño/tapizaría. Os alumnos de cociña e restauración prepararon unhas tartas de chocolate decoradas cun taboleiro de xadrez e unhas fichas diminutas, que podemos asegurar, ESTABAN DELICIOSAS!. Os alumnos de tapizaría confeccionaron unha alfombra axedrezada e unhas camisetas estampadas coas figuras do xadrez.

 Como premio por participar na actividade, polo traballo desenvolvido ao longo do curso e por facelo tan ben, recibiron un diploma.

 Deixamos unhas fotos onde podedes ver a festa que se montou na entrega de diplomas.

 

O xadrez é unha ferramenta moi poderosa para axudar na aprendizaxe, axuda á concentración e a pensar, estimula a memoria, o pensamento abstracto e a súa práctica é moi beneficiosa para as mozas e mozos en proceso de aprendizaxe.

Dende aquí damos as grazas a Roberto Páramos, coordinador do PROYECTO INNOVACION AJEDREZ EDUCATIVO. Así mesmo, deixamos un enlace á páxina do Centro Galego de Xadrez, centro colaborador que fixo posible todo isto, co seu programa “Ajedrez en las Escuelas”

http://www.xadrezgalego.net

 

Alumnos do Ciclo superior de Patronaxe e moda traballando nas clases.

Os alumnos que cursan o Ciclo Superior de Patronaxe e moda deben aprender a elaborar patróns interpretando diferentes deseños. Adquiren amplos coñecementos de patronaxe, escalado, e confección que lles permitirá, ao rematar os seus estudos,  traballar nun departamento técnico de calquera empresa téxtil (departamento de patronaxe, oficina técnica, xestión de produción, control de  calidade, etc.)  Así mesmo aprenden a utilizar as ferramentas informáticas necesarias para o deseño técnico de patronaxe e control dunha sala de corte.

Nas fotos pódense ver a diferentes alumnos de CS no proceso de patronaxe, corte e confección dun pantalón e dunha saia.

 

Colaboración do ciclo medio de Confección e Moda no Día das Letras Galegas

O alumnado de ciclo medio de Confección e Moda colaboraron na exposición que se puxo no vestíbulo de CIFP Manuel Antonio co motivo da celebración día 17 de maio, Día das Letras Galegas 2019.
Este ano o Día das Letras Galegas dedícase ao escritor e intelectual galego, Antón Fraguas.  

Fraguas consagrou a súa vida ao estudo da cultura galega, foi un incansable investigador da historia, do folclore e da etnografía de Galicia. Por iso esta homenaxe coa mostra de traxes e diferentes útiles e apeiros que se utilizaban na vida cotiá da nosa terra.

Na exposición pódense ver: un fuso que se utilizaba para fiar o liño e a la, una vasoira de xestas, una sella para carrexar a auga da fonte, mazarocas de millo, unha peneira, unhas madroñas, unha saba de liño, diferentes pezas do traxe tradicional tanto feminino como masculino e moitas outras curiosidades antigas.

Dende aquí damos as grazas a todos aqueles profesores e alumnos que co seu traballo fixeron posible esta  bonita mostra.

Amais de todo isto, no CIFP  Manuel Antonio programáronse diversas actividades e conferencias ás que asistiron os alumnos dos diferentes ciclos, nas que puideron ademais de divertirse, aprender moitas cousas sobre este insigne intelectual que tanto fixo para preservar nosa cultura.

 

Xornada de orientación para o alumnado do primeiro curso

Recentemente celebrouse no CIFP Manuel Antonio unha xornada de orientación co fin de axudar aos alumnos a atopar o seu primeiro traballo.

Ás charlas asistiron moito do alumnado que están a cursar algún ciclo no Centro.

A xornada resultou moi interesante e proveitosa pois deu a coñecer aos alumnos diferentes ferramentas que poden utilizar para buscar emprego ao rematar os seus estudos.

Deixamos unhas fotos para que poidades ver o concorrido e animado que estaba o salón de actos do Centro. Entre ese público  por suposto  estaban moitos dos alumnos do téxtil.

Colaboración dos alumnos de CM modular de Confección e Moda con Hostalaría e Turismo do CIFP Manuel Antonio

Quedou moi bonita a roupa deseñada e confeccionada polo alumnado de CM modular de confección e moda. Fixérona para vestir ao alumnado de Hostalaría e Turismo no congreso FP Inova 2019 que presentaba un proxecto de innovación.

Bonita colaboración, si señor!

https://www.faroeduca.es/faro-educacion

Visita dos alumnos de 1º de COMO a STL

O alumnado de 1º de COMO visitaron hoxe mesmo, dia 30 de abril, a empresa STL, no Parque Empresarial Pereiro de Aguiar, Ourense.

Foron moi ben recibidos e realizaron unha visita guiada por diferentes seccións. Deste xeito puideron apreciar os diversos métodos de traballo que se utilizan nesta empresa líder no sector téxtil. Líder pola calidade, creatividade e nivel de excelencia coa que traballan.

Dende aquí dámos as grazas a STL, empresa á que tanto debemos polas súas valiosas colaboracións co CIFP Manuel Antonio.

PROXECTOS FINAIS DO CICLO SUPERIOR DE PATRONAXE E MODA CURSO 2017-2018

Os alumnos do Ciclo Superior de Patronaxe e Moda entregaron os seus proxectos onde mostran os coñecementos adquiridos durante os dous anos que dura o ciclo. A elaboración deste traballo supón un grande esforzo xa que teñen que simular a creación dunha empresa.

Os pasos na realización deste proxecto son os seguintes:

Os alumnos primeiramente elaboran os deseños das prendas , de seguido realizan os patróns e cortan e confeccionan o prototipo, este próbano e realizan os arranxos oportunos, para conseguir unha prenda perfecta. Paralelamente van elaborando as fichas técnicas. Unha vez que as prendas son aprobadas, elaboran as escalaxes e marcadas.

 

A continuación presentamos os proxectos feitos polos alumnos:

O PROXECTO DE NEREA

Nerea creou unha empresa co seu propio nome. Distínguese por ser unha marca nova cun espírito creativo, deseños atrevidos e orixinais.

Presentou un top cun escote halter, traslado de pinza cun pregado no escote e pedrería cosida a man, cinturiña no baixo do top atada cun lazo, saia con táboas encontradas e petos nas costuras.

O PROXECTO DE JÉSICA

Jésica presenta o seu proxecto coa marca empresarial HAHEHI. O nome ven dunha pequena gargallada, o cal quere dicir que é unha firma divertida, orixinal, creativa e transmite alegría.

A firma destínguese por ter produtos orixinais dende accesorios, complementos para o fogar e roupa.

Jésica elaborou a colección “Arena” , que é a cor principal do tecido. Dentro desta colección están as prendas que presenta no proxecto: unha saia con peto abotoada no centro dianteiro cun volante rizado no baixo, traslado da pinza ao baixo da saia para ter máis voo; a outra prenda que presenta é unha camisa colo mao con bandas entrelazadas, manga ¾ co traslado da pinza á metade do ombreiro. Canesú nas costas e bandas entrelazadas nas mangas un pouco máis arriba da altura do cóbado. Utiliza o recurso de superposición co entrelazado das bandas. Destaca a traballo manual de estampado das letras brancas e negras.

 

O instagram da súa firmA:  https://www.instagram.com/hahehi_com/

O PROXECTO DE GRACIELA

Esta alumna presenta o seu proxecto co seu propio nome, Graciela González, ela fai un traballo de alta calidade con pedrería cosida artesanalmente, co fin de vestir a todas aquelas mulleres que, nun día especial, se queren sentir coma unhas princesas.

As prendas son un top con escote pico no dianteiro e nas costas, este é de encaixe con pedrería cosida a man, e ondas do propio encaixe rematan a liña do escote. Nas costas leva botóns con presillas para cerrar a prenda. A saia que presenta e longa, con cola, como detalle práctico púxolle un peto pequeniño escondido na costura da cinturiña.

 O PROXECTO DE ISABEL

Baixo a marca Jimena´s, Isabel presenta unha firma na que, nun pequeno taller de confección, realiza exclusivos deseños e prendas únicas. COSTURA no sentido máis amplo “deseño, confección e artesanía”.

No seu proxecto Isabel presenta un conxunto inspirado no mar. Unha saia con cortes nas pinzas, peto italiano, e volante cun xeitoso voo, máis curto por diante que por detrás. Un top con costadiño francés, escote solto, ombreiro disparado cara a fóra e un gracioso “peplum”. Costas abertas con botóns e presillas. Remate cun cordón de vivo nos bordos.

O PROXECTO DE RAQUEL

Raquel creou unha empresa en Mondariz, a súa vila natal cuxa marca chámase “EME”. Eme máis que un taller de confección ou unha marca de moda é un xeito de ver e de facer as cousas. O nome “Eme” esconde moitos significados, MONDARIZ, MULLER, MEMORIA, MORRIÑA, e sobre todo, as iniciais do nome da súa avoa e da súa nai. “Eme” é unha forma de vida que che devolve ás orixes, para comezar de novo e facer do pequeno algo grande.

Nesta empresa créanse prendas básicas cun acertado toque funcional e moderno, camisas, saias, vestidos e abrigos. Tódalas prendas confecciónanse con tecidos ecolóxicos e responsables co medio ambiente.

As prendas que presentou Raquel no seu proxecto semellan as dun cabaleiro medieval do Século XVII. Camisa efecto pico na copamanga, lorzas na parte inferior, corte diagonal por debaixo do peito onde trasladou a pinza, puño con forma de pico con botóns simulando xemelgos, colo mao con volante rizado. Saia globo rizada no baixo con petos nos costados.

 O PROXECTO DE MARÍA

Baixo a marca co seu propio nome, María presenta unha empresa na que se crean pequenas coleccións por tempada ademais de prendas exclusivas onde a clienta pode escoller todo, dende os materiais ata os adobíos.

As prendas que presenta no seu proxecto María seguen a tendencia Little Black Dress, un clásico de  Coco Chanel que foi tamén utilizado por Audrey Hepburn no filme Desayuno con diamantes, no que se pasea  cun vestido negro de Hubert de Givenchy fronte o escaparate da xoiería Tiffany’s.

O traballo consta de dúas prendas, un Top asimétrico coas pinzas trasladadas ao talle ocultas nos cortes en “v” asimétricos e unha saia fruncida con moito voo, rematado cunha costura francesa e volante fruncido.

 O PROXECTO DE PATRICIA

Patricia Crujeiras no seu proxecto creou unha empresa co seu propio nome. Esta caracterízase por ser unha marca creativa e versátil. Patricia presentou un conxunto de dúas pezas que precisamente se distingue por iso, pois se pode utilizar só a camisa, a saia tamén soa ou as dúas prendas que xuntas semellan un vestido. Deste xeito intenta que os seus clientes poidan facer o máximo uso da prenda.

A camisa leva volantes e colo dobre, a saia tamén ten volantes, Ambas prendas péchanse con botóns de diferentes cores. O efecto é unha fervenza de tecido con moito movemento que con todo, resulta minimalista.

https://www.instagram.com/patriciacrujeiras