Skip to Content

Axenda Cultural

Acontecementos Culturais

Paco Quintana

Paco Quintana

  • xoves16 Maio / 23.30 Bar Liceum
    Paco Quintana presenta A tiempo completo. Paco Quintana, cantautor porriñés pouco prodigado nos escenarios, excompoñente de grupos locais nos 80 reaparece cunha batería de temas compostos dende entón. Cheos de vivencias propias, de amores e desamores, xustizas e inxustizas sociais; Paco Quintana quere reaparecer no Bar Liceum, local emblemático e cheo de lembranzas da xuventude, para compartir, coa xente da súa vila, a súa poesía e música, e así achegarse un pouco máis aos seus queridos amigos. Esta actuación é o preambulo do seu primeiro disco en solitario.

Os Irmandiños de Vincios

Os irmandiños de vincios sábado 4 Maio / 23.30 h Bar Liceum

Irmandiños de Vincios xuntáronse no ano 2007 coa pretensión de divertirse tocando xuntos en furanchos e seráns. Ainda que variou o número de compoñentes, nestes momentos está formado por oito músicos que proveñen da música tradicional galega e da banda de música. O grupo contaba nun principio con dúas gaitas e percusión engadindo posteriormente o acordeón diatónico. Nos dous últimos anos incorpóranse ademais clarinete e saxo soprano. Nos seus comezos tocaban coñecidas pezas tradicionais e populares adaptadas aos instrumentos da formación. Na actualidade Os Irmandiños interpretan, na súa maioría, pezas propias, ás que,engaden varios temas do repertorio tradicional galego. No Liceum presentarán o seu novo traballo musical, que leva por nome Monte Galiñeiro. Un disco de 16 temas onde homenaxean ao seu monte. Situada entre cinco concellos (Gondomar, Vigo, Mos, Porriño e Tui) atópase a Serra do Galiñeiro, o seu colosal pico en terras de Vincios foi testemuña de moitas festas que os canteiros celebraban cada 3 de maio para agradecer a pedra que o monte lles ofrecía. Símbolo sacro, inspiración de músicos, gaiteiros e pachangueiros nos seus pachín-pachín, érguese altivo mirando a Fofe, a Meder, a Sabaxáns, terra de Floreano... e tamén o lugar perfecto para ensimismarse coas estrelas.... A nosa serra!, da que os canteiros extraían a pedra para facer unha lareiriña onde poder cociñar unha pataca, un chicho e pouco máis que tivese calquera chaíñas. Mais a fame pasou e agora, Galiñeiro, xa non te quero como antes, agora gozo subindo para divisar Baiona, Gondomar, Vigo... e bailar unha polkería cando, co frío vento do inverno, non para nin o can alí. Os Irmandiños de Vincios son: Rosa (saxo soprano, percusión e voz), Ana (clarinete e percusión), Paula (pandeireta e percusión), Javi (tambor e voz), Isma (acordeón diatónico e voz), Gonzalo (bombo con pratos), Moreno (gaita e voz) e Félix (gaita, percusión e voz). “Dun tempo, dun país. Monte Galiñeiro. Símbolo laico; serra da fraternidade. Melodías doutrora e novas creacións que ocupan máis de media memoria. Irmandiñas e irmandiños en formación: gaitas, vento, percusión, acordeón. Voces do Galiñeiro para oficio da estirpe: ourizantes lasqueando xido o aghuzar o argina lasquean a zanco de tisco. Javi Costas compoñendo no garaxe. Música do XXI que vén de lonxe e cheira a sempre. La Polar, Habana, 1938, Daniel Castelao e Luís Soto, cen mil ouvintes nun mitin para rematar coa guerra, a metade negros. Despois o baile, alí mesmo ou na Tropical, como no Uruguai ou na Arxentina; a gaita de barquín de Los Miñoranos con redobrante e bombo; na comarca, os de Donas, terribles; os de Camos, leóns; Verderoles, Miúdos, Os Airiños. Música de baile para vencer a nostalxia. Coma hoxe, tempos difíciles, tamén de emigración. Os nosos Irmandiños, non; eles eiquí darnos festa, correr a morriña, superar o fracaso, gañar o futuro. Música tradicional en movemento. Viva Vincios!

www.facebook.com/osirmandinos.devincios

www.youtube.com/watch?v=bBl6qcFcv1g
FULANO MENGANO E CITANO 11-5-13
PACO QUINTANA 16-5-13
QUICO CADAVAL 18-5-13
TINO BAZ 31-5-13
LUIS PASTOR 1-6-13
NATALIA CONTESSE 7-6-13
ANTILOPEZ 8-6-13
YONI MEDIOGRAMO 22-6-13
BANDA CREBINSKY 28-6-13
RADIO COS 29-6-13

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS

venres 3 Maio / 23.30 h
 
Eladio Santos é un vello coñecido do panorama musical español. Tras o seu paso por diversas formacións como Medusa, Foggy Mental ou Los Tres Sudamaricones, en decembro de 2007 e tras unha longa espera, publicouse en soporte físico o seu primeiro álbum como Eladio y Los Seres Queridos. Esto que tienes delante gravouse no selo zaragozano Grabaciones en el mar (El niño gusano, La habitación roja, La granja) e produciuno Juan de Dios (Deluxe, Marlango, La Unión) nos seus Estudios Casa Dios de Madrid. A primeira edición deste traballo esgotouse en cuestión de días. Xa no 2008 son recoñecidos como novo talento FNAC durante a primavera, e o seu videoclip 'Espanha a las 8' obtivo o premio do público no prestixioso Festival de Curtas de Cans, convertíndose así en todo un clásico nas televisións galegas. A partir de entón levan xirado por toda España acumulando fieis seguidores e críticas entusiastas. No 2011 inicia unha nova viaxe musical con Están Ustedes Unidos. Un ramallete de cancións chamadas a permanecer na nosa retina durante moito tempo. Para moitos, Eladio é un artista imprescindible que milita na liga do contra estilo, a contra tendencia e a atemporalidade. Con este traballo o diamante en bruto púlese, os seus temas gañan en peso, arranxos e matices sonoros que ata o de agora non empregara. Con todo, a intransitable estrada do pop en castelán atopa o seu percorrido natural con melodías adultas e letras que enchen os oídos dos máis novos e os máis veteranos. A súa naturalidade sen complexos fai que o difícil resulte asequible para varias xeracións. Sen dúbida un artista que se converte na grande esperanza da rexeneración artística da tantas veces maltratada escena musical española. Eladio é o mellor exemplo de como sonorizar as emocións. O calendario de xira do grupo comezou hai ano e medio e levoulles a ofrecer máis de 70 concertos por todo o teritorio nacional, incluíndo festivais como Primavera Sound, Sonorama Rivera, Ebrovisión, Vigo Transforma, Monkey Week, Festimad, Music Land ou portAmérica, entre outros. En agosto do ano 2011 o seu segundo single, El tiempo futuro entra nas listas da MTV, 40 Principales, Sol Música e Kiss TV, reafirmando así que os de Vigo veñen pisando forte co seu novo traballo e cun segundo single que “dá moito que escoitar”.

www.youtube.com/watch?v=Z51joi4TzR8

www.youtube.com/watch?v=j5mVGy8-7TY

http://www.eladioylosseresqueridos.es

Bar Liceum

Olladas

Olladas O vindeiro venres, 26 de abril  ás 20:30 hrs. no Club Náutico de Ribeira. A Asociación Cultural Barbantia, Sotelo Blanco Edicións e a  La Voz de Galicia, convídante á saída do número 84 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal.
Intervirán: Ánxela Gracián, Editorial Sotelo Blanco; Manuel Cartea, Club Náutico de Ribeira; e Pastor Rodríguez, Coordinador de Barbantia. O acto terá lugar o venres, 26 de abril de 2013, ás 20:30 hrs. no Club Náutico de Ribeira.

Blanca Ana Roig Rechou

Blanca Ana Roig Rechou

XOVES LITERARIOS QUE SE CELEBRARÁN EN ABRIL NA BIBLIOTECA DE RIVEIRA

Xoves, 25 de abril, ás 20 horas

"Educación literaria, saberes e enciclopedia do mediador "


Blanca Ana Roig Rechou

Naceu en Portosín (Porto do Son). É profesora de Literatura galega e Literatura Infantil e Xuvenil nas Facultades de Filoloxía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela onde coordina o Grupo de Investigación LITER21 “Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas” (GI-1839). Investigadora no “Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades”, onde dirixe dous proxectos de Investigación "Informes de Literatura" e "Literatura Infantil e Xuvenil".  Presidenta da Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e membro das Asociación de investigadores de Literatura infantil e J/Xuvenil galegos e portugueses (ELOS), da que foi presidenta. Tamén membro da asociación de investigadores galegos de Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia. Investigadora principal da Red temática de investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI). Autora de monografías e diferentes traballos sobre Literatura galega e literatura infantil e xuvenil

Presentación “A Pobra do Caramiñal. Cronoloxía Histórica”, de X. Pastor Rodríguez Santamaría

A Pobra do Caramiñal Presentación de A Pobra do Caramiñal. Cronoloxía Histórica, de X. Pastor Rodríguez Santamaría no Museo de valle Inclan. Un acto que terá lugar o vindeiro martes 23 de abril e no que intervirán Encarna González, concelleira de cultura; Xerardo Agrafoxo, historiador; Xesús Laíño, presidente da A.C. Barbantia; o pianista Toño Pita; e o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras Rivas.

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría

XOVES LITERARIOS QUE SE CELEBRARÁN EN ABRIL NA BIBLIOTECA DE RIVEIRA

Xoves, 18 de abril, ás 20 horas

"Cervantes e o Quixote en Galicia"


Xoán Pastor Rodríguez Santamaría 

Naceu en Xuño (Porto do Son) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa responsabilidade pública é moi extensa, e exerceu como alcalde de Porto do Son na pasada lexislatura. É home interesado pola cultura e polo que ela produce, autor de varias publicacións, entre as que destacan Escritores da Barbanza, Dicionario de escritores ribeirenses, Dicionario Ramón Piñeiro ou Cervantes e o Quixote en Galicia. Profesor en diferentes colexios, activo membro de varias asociacións culturais, entre as que destaca o seu enorme traballo na Asociación Cultural Barbantia

Las Migas

Las migas sábado 20 Abril / 23.30 h Bar liceum
Nosotras somos (2012) leva por título o segundo disco de Las Migas e a súa magnífica acollida ten consolidado definitivamente esta nova e fértil etapa. A voz de Alba Carmona, o violín de Roser Loscos e as guitarras de Marta Robles e Isabelle Laudenbach conforman un dos grupos máis singulares que leva dado nunca Barcelona. Ou calquera outra parte do mundo. Porque a rechamante natureza de Las Migas correspóndese cun xeito de entender a música tamén único. Entre o culto e o popular, a tradición e a vangarda, de sensibilidade exquisita. Coa produción do sevillano Raúl Rodríguez, Nosotras somos ratifica intencións e abre novos camiños. Á beira sempre do flamenco, cruzándose con sons antillanos, mediterráneos ou de calquera confín da alma. Este grupo catalán con nome de referencia culinaria substituiu a Silvia Pérez Cruz por Alba Carmona á voz, logo de que a primeira optase por emprender a súa carreira en solitario. E parece que con moi bo criterio, pois a intérprete aporta moita frescura aos seus temas, ademais do enorme pouso flamenco que vai con ela. Para un público profano no flamenco, Las migas poden ser unha oportunidade para achegarse a este xénero músical. Porque non fan flamenco puro nin 'cante jondo', senón “música española, mediterránea medio flamenca”. Las migas son: Alba Carmona (voz), Roser Loscos (violín), Marta Robles (guitarra) e Isabelle Laudenbach (guitarra).

www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=sRSCbpdxFHg

Sergio Tannus

Sergio Tannus venres 19 Abril / 23.30 h - Bar Liceum
Sérgio Tannus é un dos artistas mais completos da 'safra brasileira'. Virtuoso en instrumentos variados, como guitarras, violões, baixos, cavaquinho, bandolín e percusións, e autodidacta, o músico foise perfeccionando na busca de novas sonoridades, aliadas ás influencias universais, sen entretanto deixar de lado as súas raíces brasileiras. Dende o 2006, vive en Santiago de Compostela, en Galiza, dende onde está a divulgar o seu traballo como multi-instrumentista e cantautor por varios países de Europa. Tras numerosos traballos e colaboracións con outros artistas, para este ano proponnos o proxecto do seu novo disco Son Brasilego. Un proxecto de gran porte e numerosos colaboradores, onde está apoiado como sempre pola formación base que conforma o seu trío. Acompáñase tamén en 'Son Brasilego' de todos aqueles artistas galegos que o coñeceron e que compartiron con él grandes momentos musicais en todos estes anos que leva vivindo en Galiza. Outros músicos portugueses, brasileiros, angolanos... cos cales tamén compartiu estes anos de traxectoria artística tamén estan presentes neste traballo, creándose así unha auténtica ponte musical entre os países da lusofonía, especialmente entre Galicia e Brasil. 'Son Brasilego' aposta polo intercambio, polo achegamento cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns. Trae ademais da música intuitiva a reflexión sobre a nosa identidade e irmandade, e sobre todo sobre o futuro das mesmas a través da música e desa sonoridade atlántica que nos fai a todos ser "brasilegos". Pero sobre todo é un agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e persoas que fixeron posible o crecemento musical e artístico de Sérgio Tannus deste lado do Atlántico. O seu cuarteto está formado por: Pablo Seoane (piano) é un dos músicos máis activos da Galiza. Ten realizado ademáis numerosas masterclass con músicos como Mulgrew, Abe Rábade, Jesús Santandreu... Ademais de pianista é compositor para espectáculos teatrais, así como para moitos proxectos moi vencellados á música brasileira, sendo o jazz e a música brasileira os estilos aos que adica o seu maior tempo. Paulo Silva (percusión) é natural de Salvador de Bahia. Cursou estudos de batería de jazz con Michael Kuettner en Alemaña e participou en numerosas gravacións como batería, percusionista ou cantante. Dende que vive na Galiza traballou con artistas como: Budiño, Odaiko, Uxía, Guadi Galego, Xoán Curiel, Emilio Rúa, Mercedes Peón, Kepa Junkera, entre outros. Gutier Álvarez (zanfona, violín e gaita) é a novidade neste cuarteto, e o elemento galego dos directos de 'Son Brasilego'. Natural da Pobra de Trives, dende moi novo vencéllase á música tradicional a través de varios grupos cos que actúa en festivais de toda Europa. Formou parte de diversas formacións e proxectos como Os Cempés ou Pablo Seoane Grupo. É mestre de música.

www.youtube.com/user/SonBrasilego

www.youtube.com/watch?v=ob_74yxWb9M

CARACOL ANDADOR

sábado 13 Abril / 23.30 h Bar liceum
Recentemente cumpríronse 80 anos da gravación do disco Colección de Canciones Populares Españolas coa voz de La Argentinita e Federico García Lorca ao piano. Nel descúbrese a pouco coñecida faceta de estudoso da música de raíz que desenvolveu durante toda a súa vida o xenial escritor granadino. Agora, un grupo de experimentados músicos procedentes de diversos estilos musicais, recuperan este repertorio de xoias da cultura musical española para atoparlles acomodo nos nosos días. Novos arranxos buscan matices a temas populares españois como En el café de chinitas, Las tres hojas, Anda jaleo, Los cuatro muleros o Las morillas de Jaén. Un concerto que nos achega ao gusto polo popular que as dúas personalidades que o inspiran destilaron ao longo da súa vida e que ten cabida no gusto persoal dos integrantes de Caracol Andador. Os seus compoñentes son: Jesús Ronda (guitarra, percusións e voz). Inquedo músico, cunha ampla bagaxe de experiencias na súa longa traxectoria artística. Colaborador habitual de moitos dos artistas máis coñecidos en Castilla y León, ten formado parte tamén de grupos como Festi Davini, Ensalada Mixta ou Tradere. Alberto Requejo (saxo tenor). Formado no Conservatorio Profesional de música de Valladolid en estudos de saxofón clásico, ten asistido a diversos seminarios de jazz con músicos do talle de Joe Henderson e Jerry Bergonzi. Compoñente de diversas formacións como La Parrús Dixie Band, La Zarabandina ou A la Big Bom Band. Jaime Lafuente (voz). Un dos intérpretes de música tradicional de maior relevancia no ámbito castellano y leonés. Cofundador dos grupos La Carraca e Tradere, dos que segue a formar parte e cos que ten gravado varios discos. En solitario gravou Colectivo 1, unha das experiencias máis interesantes do folk da súa rexión e Divergente, moi ben acollido por público e medios. Chuchi Marcos (baixo). Aporta xuventude e unha sorprendente experiencia e calidade na interpretación e un alto grao de virtuosismo. Forma parte da nova xeración de excelentes músicos que teñen xurdido en Valladolid en épocas recentes e realiza as súas tarefas musicais en diversos grupos como Zaratán Connection, Kéltiber ou Tradere. Paco Tejero (batería). Licenciado en percusión, dende hai anos é batería en múltiples grupos de variados estilos de Castilla y León. Tamén toca percusión clásica, colaborando coas grandes orquestas da zona.

www.myspace.com/elcaracolandador

www.youtube.com/watch?v=9C7NMfIR4dc

www.divergentes.es

ALDAOLADO

  • Venres 12 Abril / 23.30 h barliceum
    Con dez poemas por barba é un espectáculo no que hai poesía, música en directo e simpáticas historias. Está pensado para aquelas persoas que xuran que na vida asistirán a un recital de poesía. Pero Aldao e Lado xa avisan de que este non é un recital convencional. É a poesía como nunca a viches e a diversión como nunca imaxinaches. Ás poetas gústalles definilo como un cabaret lírico. Lucía Aldao e María Lado levan máis de dez anos escribindo e lendo poesía en público e elas mesmas non soportan a idea dun poeta aburrindo o público cos seus textos. Por iso inventaron hai xa seis anos un formato de lectura dos seus poemas no que cantan as súas cancións favoritas -dende Janis Joplin ata Lou Reed, pasando por outros clásicos do rock pock e do pock rock-, contan historias desternillantes que teñen que ver cos poemas ou coa súa azarosa vida de escritoras e propoñen ao público que se convirta en autores dadaístas a través de divertidos xogos. Todo o que faga falta para que o respectable asista a unha velada chea de poesía, emoción e sobre todo, risas. Despois de títulos como Onde estea un cubata que se quite un soneto, Moita poesía, pouca diversión e Poeta de mierda, Aldao e Lado presentan Con dez poemas por barba, un recital dos seus poemas máis significativos, no que contan as súas máis divertidas experiencias, ríense das súas miserias líricas e cantan as súas cancións favoritas. Ademais diso, tamén é o espectáculo dos seus números máis populares. En fin, unha maneira divertidísima e sentimental de achegarse á poesía de Lucía Aldao e María Lado. María Lado (Cee, 1979). Comezou a escribir entre as xentes do Batallón Literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicado cinco libros individuais -A primeira visión (1997), casa atlántica casa cabaret (2002), berlín, Nove (2008) e Amantes (2011)- e numerosas colaboracións en volumes colectivos. Colabora habitualmente con revistas e xornais como Tempos Novos ou o suplemento de libros Protexta, onde se dedica á reseña de tebeos. Tamén fixo colaboracións en radio, e mesmo ten realizado creacións audiovisuais relacionadas coa poesía (chegando a recitar, acompañada de Lucía Aldao, no Instituto Cervantes de Berlín). Tamén é actriz. Lucía Aldao (A Coruña, 1982). Comeza dende moi nova gañando diversos premios literarios (o Tanxedoira, Francisco Fernández del Riego...). A súa obra aparece en diferentes publicacións periódicas e antoloxías. Participou en varios proxectos con Carlos Blanco (no espectáculo Dillei ou no programa de televisión Somos unha Potenzia) e presentou a gala Acústico Feminino do 2006. Dende os seus inicios participou en multitude de recitais por toda a xeografía galega. Tamén é cantante e leva dende o 2004 ofrecendo concertos por toda Galiza, acompañándose coa guitarra e facendo versións de cancións de grupos míticos dos anos 70. Na actualidade mantén co músico Diego Delgado o grupo Alddao.
    www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/corte-a-corte/con-dez-poemas-por-barba-o-novo-espectaculo-de-ladoaldo#.UROeIKWPgRZ

    www.youtube.com/watch?v=eE1QNFvWJiI

Sofía Toro Prieto

O venres, 12 de abril, ás 18 horas  visitará o Club Nautíco Deportivo de Riveira a medallista  olímpica SOFIA TORO, coa proposta "Espello Deportivo" promovida pola Deputación da Coruña en colaboración coa Rede de Dinamización linguística, a que pertenece o Concello de Riveira.

A regatista coruñesa, primeira deportista Galega cunha medalla de ouro conquerida nos xogos Olímpicos de Lomdres 2012, entrena actualmente no Centro de Alto Rendemento de Vilagarcía de Arousa, formando parella coa vigesa Patricia Suárez, preparándose para competir na clase 470 en Rio 2016.

Sofía Toro Prieto-Puga (La Coruña, 19 de agosto de 1990) é unha regatista española do Real Club Náutico da Coruña.

Compite na modalidade de match race, onde forma equipo coa patrona Támara Echegoyen e Ángela Pumariega, con quen se  proclamou campeona olímpica nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, na modalidade de match race, con barcos da clase Elliott 6m.

Ademáis a tripulación, foi campeona de España no 2010 e 2011, así como campeona iberoamericana no 2010 e campeona de Europa no 2011.

Fran Godón Davila.

Fran Godón Davila.

XOVES LITERARIOS QUE SE CELEBRARÁN EN ABRIL NA BIBLIOTECA DE RIVEIRA

Xoves, 11 de abril, ás 20 horas

“O teatro galego: circunstancias e antecedentes”

Fran Godón Davila.

Naceu en A Pobra do Caramiñal. É o director de UT·Tópico Teatro, compañía teatral propia da Asociación Cultural Turbina, da Pobra do Caramiñal. Licenciado en Filoloxía na Universidade de Santiago e posgraduado Especialista en Arte Dramática  na mesma universidade. Traballou teatro universitario en varias compañías, e na propia Aula de Teatro da USC, desenvolvendo a súa maior labor no grupo Teatro no Aramio de Santiago, do que é responsable máximo dende hai catro anos. No 2011 crea a súa propia compañía e a súa primeira montaxe: Baile de sombras; a obra estreouse en novembro do 2011 en Berlín, ao ser seleccionada a obra para participar no certame 3 Noches Españolas, unha iniciativa da compañía madrileña Theatreuropa que conta co apoio do Ministerio de Cultura, e galardoada co premio Xuventude Crea 2012, organizado pola Xunta de Galicia e que procura a mellor obra, feita por xente nova, do ano. Neste ano 2013 estrea Faust-Box coa súa compañía, obra da súa autoría na que ademais é intérprete. Mentres traballa na creación de novos produtos desenvolve na Pobra o obradoiro P-12, lugar de formación teatral para adolescentes e en Riveira colabora tamén con persoas afeccionadas ao teatro no seu interese de convertérense en actores e actrices.

Jose Luis Sampedro

O pasado domingo 7 de abril  faleceu  José Luís Sampedro. Dende  o CIFP COROSO  tamén queremos decirlle adeus. 

Economista, novelista, filósofo... era un home do seu tempo, comprometido cos seus semellantes, e déixanos innumerables leccións de humanismo e sentido común e grandes novelas cheas de sensibilidade.
Él xa non está, pero as súas obras permanecen, e é momento de telas, unha vez  máis, presentes: "El río que nos lleva", "La sonrisa etrusca", "La vieja sirena", "Escribir es vivir", "El mercado y la globalización", etc...

O Principiño

O principiño
O día 6 de abril cumpríronse setenta anos da publicación de “Le Petit Prince" de Antoine de Saint-Exupery. 
Esta obra foi traducida a 180 linguas e dialectos e é unha das máis lidas da historia da literatura.
Nós coñecémola coma "O principiño". 
A obra está ilustrada polo propio autor e os seus sinxelos debuxos son tan célebres como o libro mesmo.

Recordade que na nosa biblioteca temos varios exemplares tanto en galego coma en castelán.

Distribuir contido


by Dr. Radut