Skip to Content

Os Irmandiños de Vincios

Os irmandiños de vincios sábado 4 Maio / 23.30 h Bar Liceum

Irmandiños de Vincios xuntáronse no ano 2007 coa pretensión de divertirse tocando xuntos en furanchos e seráns. Ainda que variou o número de compoñentes, nestes momentos está formado por oito músicos que proveñen da música tradicional galega e da banda de música. O grupo contaba nun principio con dúas gaitas e percusión engadindo posteriormente o acordeón diatónico. Nos dous últimos anos incorpóranse ademais clarinete e saxo soprano. Nos seus comezos tocaban coñecidas pezas tradicionais e populares adaptadas aos instrumentos da formación. Na actualidade Os Irmandiños interpretan, na súa maioría, pezas propias, ás que,engaden varios temas do repertorio tradicional galego. No Liceum presentarán o seu novo traballo musical, que leva por nome Monte Galiñeiro. Un disco de 16 temas onde homenaxean ao seu monte. Situada entre cinco concellos (Gondomar, Vigo, Mos, Porriño e Tui) atópase a Serra do Galiñeiro, o seu colosal pico en terras de Vincios foi testemuña de moitas festas que os canteiros celebraban cada 3 de maio para agradecer a pedra que o monte lles ofrecía. Símbolo sacro, inspiración de músicos, gaiteiros e pachangueiros nos seus pachín-pachín, érguese altivo mirando a Fofe, a Meder, a Sabaxáns, terra de Floreano... e tamén o lugar perfecto para ensimismarse coas estrelas.... A nosa serra!, da que os canteiros extraían a pedra para facer unha lareiriña onde poder cociñar unha pataca, un chicho e pouco máis que tivese calquera chaíñas. Mais a fame pasou e agora, Galiñeiro, xa non te quero como antes, agora gozo subindo para divisar Baiona, Gondomar, Vigo... e bailar unha polkería cando, co frío vento do inverno, non para nin o can alí. Os Irmandiños de Vincios son: Rosa (saxo soprano, percusión e voz), Ana (clarinete e percusión), Paula (pandeireta e percusión), Javi (tambor e voz), Isma (acordeón diatónico e voz), Gonzalo (bombo con pratos), Moreno (gaita e voz) e Félix (gaita, percusión e voz). “Dun tempo, dun país. Monte Galiñeiro. Símbolo laico; serra da fraternidade. Melodías doutrora e novas creacións que ocupan máis de media memoria. Irmandiñas e irmandiños en formación: gaitas, vento, percusión, acordeón. Voces do Galiñeiro para oficio da estirpe: ourizantes lasqueando xido o aghuzar o argina lasquean a zanco de tisco. Javi Costas compoñendo no garaxe. Música do XXI que vén de lonxe e cheira a sempre. La Polar, Habana, 1938, Daniel Castelao e Luís Soto, cen mil ouvintes nun mitin para rematar coa guerra, a metade negros. Despois o baile, alí mesmo ou na Tropical, como no Uruguai ou na Arxentina; a gaita de barquín de Los Miñoranos con redobrante e bombo; na comarca, os de Donas, terribles; os de Camos, leóns; Verderoles, Miúdos, Os Airiños. Música de baile para vencer a nostalxia. Coma hoxe, tempos difíciles, tamén de emigración. Os nosos Irmandiños, non; eles eiquí darnos festa, correr a morriña, superar o fracaso, gañar o futuro. Música tradicional en movemento. Viva Vincios!

www.facebook.com/osirmandinos.devincios

www.youtube.com/watch?v=bBl6qcFcv1g
FULANO MENGANO E CITANO 11-5-13
PACO QUINTANA 16-5-13
QUICO CADAVAL 18-5-13
TINO BAZ 31-5-13
LUIS PASTOR 1-6-13
NATALIA CONTESSE 7-6-13
ANTILOPEZ 8-6-13
YONI MEDIOGRAMO 22-6-13
BANDA CREBINSKY 28-6-13
RADIO COS 29-6-13


story | by Dr. Radut