Skip to Content

CARACOL ANDADOR

sábado 13 Abril / 23.30 h Bar liceum
Recentemente cumpríronse 80 anos da gravación do disco Colección de Canciones Populares Españolas coa voz de La Argentinita e Federico García Lorca ao piano. Nel descúbrese a pouco coñecida faceta de estudoso da música de raíz que desenvolveu durante toda a súa vida o xenial escritor granadino. Agora, un grupo de experimentados músicos procedentes de diversos estilos musicais, recuperan este repertorio de xoias da cultura musical española para atoparlles acomodo nos nosos días. Novos arranxos buscan matices a temas populares españois como En el café de chinitas, Las tres hojas, Anda jaleo, Los cuatro muleros o Las morillas de Jaén. Un concerto que nos achega ao gusto polo popular que as dúas personalidades que o inspiran destilaron ao longo da súa vida e que ten cabida no gusto persoal dos integrantes de Caracol Andador. Os seus compoñentes son: Jesús Ronda (guitarra, percusións e voz). Inquedo músico, cunha ampla bagaxe de experiencias na súa longa traxectoria artística. Colaborador habitual de moitos dos artistas máis coñecidos en Castilla y León, ten formado parte tamén de grupos como Festi Davini, Ensalada Mixta ou Tradere. Alberto Requejo (saxo tenor). Formado no Conservatorio Profesional de música de Valladolid en estudos de saxofón clásico, ten asistido a diversos seminarios de jazz con músicos do talle de Joe Henderson e Jerry Bergonzi. Compoñente de diversas formacións como La Parrús Dixie Band, La Zarabandina ou A la Big Bom Band. Jaime Lafuente (voz). Un dos intérpretes de música tradicional de maior relevancia no ámbito castellano y leonés. Cofundador dos grupos La Carraca e Tradere, dos que segue a formar parte e cos que ten gravado varios discos. En solitario gravou Colectivo 1, unha das experiencias máis interesantes do folk da súa rexión e Divergente, moi ben acollido por público e medios. Chuchi Marcos (baixo). Aporta xuventude e unha sorprendente experiencia e calidade na interpretación e un alto grao de virtuosismo. Forma parte da nova xeración de excelentes músicos que teñen xurdido en Valladolid en épocas recentes e realiza as súas tarefas musicais en diversos grupos como Zaratán Connection, Kéltiber ou Tradere. Paco Tejero (batería). Licenciado en percusión, dende hai anos é batería en múltiples grupos de variados estilos de Castilla y León. Tamén toca percusión clásica, colaborando coas grandes orquestas da zona.

www.myspace.com/elcaracolandador

www.youtube.com/watch?v=9C7NMfIR4dc

www.divergentes.es


story | by Dr. Radut