Skip to Content

SEMANA CULTURAL 2019

Esta edición da Semana Cultural deu comezo cunha actuación das CONTACONTOS, Carla e Loreto, e o seu conto sobre a igualdade entre mulleres e homes, "Daniela Pirata"

O martes, todo o alumnado prepara actividades para representar dentro do tempo dedicado a INTERCONTOS, durante a Semana Cultural.

Entre as diferentes actuacións, os nenos e nenas de 4º curso contaron unhas adiviñas e cantaron uns versos de Rosalía de Castro.

O alumnado de 5º A representou unha obra de teatro titulada “O libro dos porcos” sobre o significado da igualdade e a diversidade.

O alumnado de 5º B ofreceunos unha actuación musical baseada no programa“Got Talent Kids”.

Os rapaces e rapazas de 6º A representaron un teatro-baile, un anuncio publicitario e uns chistes.

Por último 6º B lembrounos a importancia da reciclaxe cunha pequena obra de teatro titulada “Coidemos o noso planeta”

No colexio estamos moi concienciados no apoio á loita contra o cambio climático, polo que na celebración da Semana Cultural, non podía faltar un espazo para unha realidade que afecta a todo o mundo.

Nesta ocasión as CONTACONTOS Voltereta e Volvoreta, agasalláronnos co seu conto “O medio ambiente conta moito”,actividade organizada pola ANPA.

Alfredo López concedeunos unha CHARLA o xoves sobre A toniña, un cetáceo que, como moitas outras especies mariñas, está sufrindo as consecuencias da cantidade de refugallos e plásticos vertidos aos nosos mares. Ademais agasallounos cuns libros escritos por el mesmo e dedicóunolos agarimosamente.

O xornal La Voz de Galicia publicou unha reseña sobre este evento no colexio.

Durante a tarde do venres, instalamos un pequeno MERCADIÑO para intercambiar libros por sementes de tempada para a nosa querida horta. Ademais aproveitamos para recoller tamén produtos non perecedoiros para colaborar coas familias máis necesitadas durante este Nadal.

Grazas a todos e todas pola vosa desinteresada colaboración.

Como colofón da semana, o venres, día dedicado ás familias, o grupo de teatro Bertorella, representou unha obra de TEATRO titulada “O negro, a mulata e o galego” de Gustavo Pernas Cora, unha comedia que ten como escenario a illa de Cuba  dividida en tres actos.


 



page | by Dr. Radut