Skip to Content

Valentín Paz Andrade

Valentín Paz-Andrade, (pinchade no nome  para ter máis información),

nado en Lérez (Pontevedra) o 23 de abril de 1898 e falecido en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galego. En 2012 adicaráselle o Día das Letras Galegas.

Licenciado en Dereito (1921) pola Universidade de Santiago de Compostela, o seu interese pola literatura comezou grazas á influencia do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade, quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra, cando este fixou a súa residencia en Pontevedra, en 1916.

Durante a súa etapa formativa iniciouse no movemento galeguista participando na II Asemblea Nacionalista (1919) de Santiago de Compostela e creando e presidindo o primeiro grupo galeguista estudantil en Santiago. Presidiu o Grupo Autonomista Gallego (1930) e foi militante do Partido Galeguista, do que foi nomeado secretario (1934), cando Castelao e Alexandre Bóveda foron desterrados durante o Bienio Negro.

Como periodista, publicou os seus primeiros artigos con 15-16 anos. Foi xefe de redacción do semanario La Provincia de Pontevedra (1917-1922) e foi colaborador do xornal Gaceta de Galicia. Entre 1922 e 1926 dirixiu o xornal Galicia. Diario de Vigo.

Durante a Guerra de Marrocos foi enviado á fronte, pero tivo que ser evacuado por mor dunha infección intestinal e, tras un recoñecemento médico na Coruña, dado por inútil para o servizo militar.

Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931, pero non saíu elixido por escasa marxe. Volveu presentarse ás eleccións de 1936, desta volta nas listas do partido de centro democrático de Portela Valladares, pero tampouco resultou elixido.

Nese mesmo ano colaborou na redacción dun Antreproyeito de Estatuto da Galiza  e publicou diversos artigos políticos en El Pueblo Gallego.

En 1936 foi vítima dun atentado e recibiu cinco disparos que case acaban con el.

Co estalido da Guerra Civil Española axudou a fuxir a diversos intelectuais galeguistas e defendeu a outros das condenas que lles eran impostas. Posteriormente, foi desterrado a Verín, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e Villanueva de la Serena (Badajoz). Foi autorizado a saír do seu desterro para asistir a unha asemblea de armadores en Bilbao pero ó regreso veu por Pontevedra e retornou a Vigo, para quedar o resto da súa vida nesta cidade.

Ao longo da súa vida, e por mor dos seus artigos e do seu vencello político, foi detido en diversas ocasións.

En 1942 dirixiu a revista Industrias Pesqueras (1942). Avogado de prestixio en Vigo, foi un dos impulsores do grupo industrial Pescanova, que converteu na primeira compañía armadora europea de buques conxeladores, e da que foi vicepresidente (1960). Traballou tamén como técnico da FAO, con que participou en diversos congresos e seminarios, e para a que publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954); ademais, foi o primeiro especialista español proposto por esta organización para misións internacionais en Hispanoamérica.

Nesta época seguiu colaborando en El Pueblo Gallego e publicou diversos artigos en Faro de Vigo e La Noche, asinados cos pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro (este último para asinar artigos sobre temática pesqueira). Na revista literaria La Noche publicou o 14 de xaneiro de 1950 un artigo en portada e a catro columnas sobre Castelao, quen morrera unha semana antes, baixo o título "Castelao. El hombre y el artista". A revista foi expedientada por incumprir as normas ditadas pola Dirección Xeral de Prensa para o tratamento que debía dar a prensa á noticia do pasamento e pechada dúas semanas despois. As instrucións esixían que a noticia se dera en páxinas interiores e a unha columna, e que só se podía eloxiar as cualidades de humorista, literatio e caricaturista.

A partir de 1945 organizou o parladoiro do café Alameda, en Vigo, onde se reunía con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego e os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros. Ingresou na Real Academia Galega o 11 de febreiro de 1978 co discurso "A galecidade na obra de Guimarães Rosa", respondido por Cunqueiro.

Na restauración borbónica volveu ao mundo da política. Formou parte da Xunta Democrática, da Comisión Negociadora da Oposición co Goberno (1976-1977) e da Plataforma de Organizaciones Democráticas, e foi elixido senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Gallega nas Cortes Constituíntes (1977-1978).

Obra

Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.

Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.

Colaborou en Grial, O Ensino e Outeiro con artigos sobre literatura, especialmente ao redor da figura de Castelao; e en Industria Conservera, El País e La Vanguardia con artigos económicos e políticos.

Obra en galego

Ensaio literario, histórico e económico

  • A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978, Edicións do Castro) ISBN 978-84-85134-92-2.
  • Castelao na luz e na sombra (1982, Edicións do Castro) ISBN 978-84-7492-130-4.
  • Galiza lavra a sua imagem (1985, Edicións do Castro) ISBN 978-84-7492-258-5.

 Poesía

  • Pranto matricial (1955, Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires) ISBN 978-84-85134-04-5.
  • Sementeira do vento (1968, Galaxia) ISBN 978-84-7154-087-4.
  • Cen chaves de sombra (1979, Edicións do Castro) ISBN 978-84-7492-007-9.
  • Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986, Fundación Otero Pedrayo).

Narrativa

  • Soldado da morte (1921).

Ensaio e artigos

  • O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade (1997, La Voz de Galicia). A cargo de Tucho Calvo. ISBN 978-84-88254-53-5.

 Obras colectivas

  • A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa. O porvir da lingua galega, 1968, Círculo das Artes, Lugo, 166 pp., pp. 115-132.
  • O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824), 1985, Real Academia Galega de Ciencias. Coa resposta de Enrique Vidal Abascal.
  • Epistolario, (1997, Edicións do Castro). Edición de Charo Portela Yáñez e Isaac Díaz Pardo, ISBN 978-84-7492-841-9.

 Obra en castelán

Ensaio literario, histórico e económico

  • Galicia como tarea (1959, Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires).
  • La anunciación de Valle-Inclán (1967, Losada, Buenos Aires) ISBN 978-84-7339-537-3.
  • La marginacíón de Galicia (1970, Siglo XXI, Madrid) ISBN 978-84-323-0027-1.

Sobre temas pesqueiros

  • Los puertos nacionales de pesca. Aportacíón de Vigo al estudio del problema (1928, Unión de Entidades Viguesas).
  • Principios de economía pesquera (FAO, Santiago de Chile, 1954)
  • Producción y fluctuación de las pesquerías (1954, Unesa).
  • Sistema económico de la pesca en Galicia (1958, Editorial Citania, Buenos Aires).
  • Los derechos sobre el espacio marítimo (1960, Ed. Reus) ISBN 978-84-290-0260-7.
  • El capital como factor del desarrollo de Galicia (1970, Banco Noroeste, A Coruña).
  • El concepto de zona económica en el nuevo derecho del mar (1974).

Colectiva

  • X. R. Barreiro Fernández, F. Díaz-Fierros e outros, Los Gallegos, ed. AKAL, 1976, 547 pp. La sociedad y la economía, 1975, pp. 45-93.

Edicións e estudos

  • Ensayo de un historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia, de Joseph Cornide, estudo preliminar, 1983, Edicións do Castro.

Premios e distincións

Foi nomeado membro da Real Academia Galega (1964) e da Real Academia Galega de Ciencias (1985), e foi galardoado co Pedrón de Ouro (1975), a Medalla da Cidade de Pontevedra (1979), a Medalla Castelao (1984), a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1986) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986).

Levan o seu nome o buque escola do Servizo de Gardacostas de Galicia, unha rúa no Burgo, Pontevedra, un paseo de Bouzas e un centro de formación profesional de Cabral, en Vigo.

O sábado 4 de xuño de 2011 foi escollido para se-lo homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2012.



page | by Dr. Radut