Novas

Bolsas do comedor e material escolar do Concello

Lembrade que o prazo para solicitar as bolsas remata o 14 de xuño. As bases están na web do Concello.

 

 

Reserva e solicitude de praza

Benqueridas familias de 6º de Primaria que reservaron praza no IES Xelmírez II e familias que solicitáchedes praza no CEIP de Vite para o curso 2019/20:

 TODOS OS SOLICITANTES OBTIVERON PRAZA.

 

Un saúdo.

 -O director

Conciliación Semana Santa: programa do Concello

Transmitimos a información que nos chega dende o Concello (adxuntamos 3 arquivos coa solicitude)

Programa municipal de conciliación de Semana Santa 2019

Estimada/o amiga/o

O venres día 15 de marzo ábrese o prazo de inscrición no Programa de Conciliación laboral e familiar de Semana Santa 2019, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía. 

Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa  de conciliación para as familias no tempo de vacacións de Semana Santa. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades desenvolveranse os días 15, 16, 17 e 22 de abril nos CEIP Monte dos Postes e CEIP Raíña Fabiola, de alcanzarse o número mínimo de participantes requirido.

Poden participar nenos e nenas empadroados no  Concello de Santiago de Compostela ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos. 

A inscrición realizarase a través Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4),ou no rexistro auxiliar do Centro Sociocultural o Ensanche (Rúa de Frai Rosendo Salvado, 14-16) cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación e Cidadanía ou no propio rexistro. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

 

 O prazo de inscrición estará aberto dende o venres día 15 de marzo ata o venres 29 de marzo de 2019.

 

O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

 

Prégoche que difundas, se es tan amable, esta información dentro da comunicade educativa da cal formas parte. Podes atopar detalles, no texto explicativo que se acompaña, así como a ficha de inscrición no programa

 

Grazas de antemán pola túa colaboración

 

Manuel Dios Diz 

Concelleiro delegado de Educación e Cidadanía

 

Concello de Santiago de Compostela

Departamento de Educación e Cidadanía

Edificio Cersia. Rúa Alcalde Raimundo López Pol, S/N. 

San Lázaro. Santiago de Compostela 15707

Teléfono: 981 554 400

Fax: 981 571 511

www.santiagodecompostela.gal <http://www.santiagodecompostela.gal/> 

dptoeducacion@santiagodecompostela.gal <mailto:dptoeducacion@santiagodecompostela.gal>

Cuestionario Convivencia Escolar

Estimadas familias,

O vindeiro luns 11 de marzo faremos entrega ao alumnado dunha folla cun código único para cada familia para participar na enquisa de convivencia anual derivada do Decreto 8/205 que desenvolve a Lei 4/2011 de Convivencia; forma parte das medidas da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.

Esta enquisa deberedes cubrila en liña entrando na páxina https://edu.xunta.es/convfamil, inserindo o código que vos corresponda. Ás veces dá un erro de seguridade, pero garántennos que a páxina é segura, así que avanzade que non haberá problema. Cúbrese só 1 enquisa por familia, non por alumno/a.

O alumnado de 5º e 6º cubrirá outra no propio centro.

Completar o cuestionario de familias non leva máis de 5-10 minutos.Teredes até o 17 para participar; de facelo, canto antes a completedes, mellor.

Páxina de preguntas frecuentes

 

Moitas grazas.

 

Pablo Fernández Otero

Director do CEIP de Vite

Documento de Solicitude de Praza

Xúntase o documento normalizado de admisión curso 2019/20.

LIGAZÓN

En referencia á solicitude de praza

Información para todos os solicitantes:

 Xa viñeron varias persoas preguntando, e traendo informacións doutros lugares que nos parece preocupante.

O CEIP de Vite non é un centro nin "de preferencia" nin "de referencia" para alumnado de necesidades educativas especiais cos datos cos que contamos a día de hoxe. 

Somos un CEIP: Colexio de Educación Infantil e Primaria. Un centro ordinario. Non temos nin máis nin mellores medios que o resto de centros de Compostela. Simplemente pelexamos polo alumnado que nos corresponde por zona de escolarización e solicitamos os medios, persoal docente e persoal non docente axeitado por medio de proposta motivada á nosa Xefatura Territorial. É dicir: temos os medios xustos que precisamos despois de pelexalos moito.

Se no centro que che corresponde por zona de escolarización, ou en calquera outro, che din sobre o teu fillo ou filla NEAE que "eiquí non temos medios para atendelo; proba en Vite que alí vai a estar mellor" estante enganando.

Tedes dereito a solicitar praza para escolarizar aos vosos fillos e fillas en calquera centro, pero que non vos mintan facendo que pensedes que tedes que solicitar nun centro que non vos corresponde por zona. O centro que che corresponde DEBERÁ pedir os medios pertinentes para atender á diversidade, tal e como tentamos facer nós.

 Defendemos a inclusión, pero rexeitamos a guetificación do alumnado. Tes todo o dereito a estudar no teu cole.

 

-- O Director

Aparcadoiro (de novo)

Benqueridas familias. 

 

De novo vos lembramos que as prazas do aparcadoiro reservadas ao persoal do centro deben quedar libres. Facemos especial fincapé durante as mañáns, pero queremos tamén sinalar que os martes pola tarde todo o equipo docente asiste ao centro, polo que esas prazas tamén deben quedar libres nesa tarde.

Lembramos tamén que os vehículos do persoal do centro e os vehículos con distintivo de mobilidade disfuncional teñen sempre preferencia á hora de aparcar.

 

Agardando a vosa colaboración para unha mellor convivencia,

-O Director

Normas do Aparcamento

Un ano máis lembrámosvos as normas do aparcamento. 

Nesta imaxe tedes a liña azul (onde pode aparcar o persoal do centro), a liña morada (que é o espazo que hai que despexar para que pasen os 2 buses ordinarios), a liña laranxa (ruta que ten que quedar libre para o bus adaptado) e a liña verde (onde poden aparcar as familias).

Unha vez pasados os buses sabedes que hai espazos onde se pode aparcar sen problema.

 

 

En caso de dúbida o mellor é preguntar e deixarse aconsellar por membros da comunidade educativa que aparquen con máis frecuencia, e sempre seguir as indicacións do persoal do centro, sobre todo se estamos aparcando mal.

Entrega de Libros para 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria

Benqueridas familias,

 

Aquelas familias que teñan asignados libros de texto do Fondo poderán vir a recollelos os vindeiros XOVES e VENRES en horario de 10 a 12h.

 

En caso de non vir serán dados a partires do comezo de curso o día 12 de setembro.

 

Contacto co centro

Lembramos que a atención ao público até setembro será por medio do correo electrónico do centro, ou chamando polas mañáns para deixar recado á bedel. En caso de haber algunha consulta moi persoal que se queira tratar no centro, haberá que solicitar cita previa.

 

Os cheques de libros e material non recollidos poderán recollerse a partires do 3 de setembo.

As ligazóns da listaxe de Fondo Libros, dos adxudicatarios de cheque de material e libros, do calendario escolar, dos libros de texto, do alumnado asignado a transporte, das paradas coas coordenadas, etcétera, están neste mesmo portal web.

 

Un saúdo e feliz verán.

Powered by Drupal - Design by artinet