Novas

Cuestionario sobre Convivencia Escolar

Estimadas familias:

No marco de mellora da convivencia escolar que promove o Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar, a Consellería ten a ben facilitarnos unha serie de códigos cos que poderedes entrar online a facer un Cuestionario sobre a Convivencia Escolar.

A recollida de datos faise mediante unha ferramenta informática en liña, de xeito automatizado e totalmente anónimo. Na información en papel que vos mandaremos van unhas pequenas instrucións, a dirección web á que tedes que acceder e os códigos de entrada (sen os cales non se pode facer o cuestionario).
 
As familias que desexen participar teñen que cubrir un único cuestionario, o de FAMILIAS. Tamén cubrirá un cuestionario o alumnado de 5º e 6º de Primaria, o de ALUMNADO.
O prazo para cubrir o cuestionario remata o día 30 de novembro.
Calquera consulta ou dúbida que teñades, eiquí estamos.
 
ACTUALIZACIÓN 1: Hoxe, venres 13, foron entregados os códigos de 5º e de 6º, tanto de alumnado como de familia... seguide ben as instrucións!
 
ACTUALIZACIÓN 2: O luns 16 foron entregados os códigos de 4º, 3º, e 2º!
 
ACTUALIZACIÓN 3: Hoxe, mércores 18 foron entregados os códigos de Infantil e dos 1ºs. Lembrade: día tope 30 de novembro!
 
 

Importante: autorizacións

Neste entrada temos para descargar diferentes documentos sobre autorizacións, dende as normas xerais de retirada de alumnado, pasando polas autorizacións a persoas, a típica de imaxe, saídas didácticas no concello de Santiago e a non tan típica saída autónoma do centro (permitindo que o alumnado volva a casa só á saída do cole, mesmo acompañando a un irmán pequeno, por exemplo). Tamén tedes a de retraso ou abandono do centro antes da fin do horario (a típica se tedes que ir ao médico, por exemplo).

 

Botádelle un ollo e meditade sobre o tema. Se queredes autorizar a outros, lembrade de conseguir as fotocopias dos DNIs.

Se queredes traer os documentos xa feitos da casa para aforrar tempo, agradecémolo!

Un saúdo!

Comezamos o curso con algunha nova interesante

Dámosvos a benvida ao CEIP de Vite no seu curso 2015-16.

Comezamos cun par de novas: unha é a orde pola que se poden solicitar axudas de material didáctico para este curso (LIGAZÓN) e outra é unha resolución pola que se poden obter axudas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (LIGAZÓN).

Comprobade ben os prazos de solicitude e, se tedes que presentar algún documento no cole, esixide un resgardo conforme entregades documentación.

 

O Equipo Directivo

Admisión 2015

A partires do 1 de marzo e ata o 23 deste mesmo mes está aberto o prazo de solicitudes de admisión en centros públicos. Nos arquivos adxuntos tedes toda a información. Para as familias que queiran vistar o noso centro, estamos á súa disposición os martes pola tarde dende as 16,30 horas ata as 18,30 horas. Para calquera outra hora podedes facelo por medio do email ceip.vite1@edu.xunta.es. Así mesmo, quen desexe facer unha preinscrición pode facelo por este medio, aínda que logo ten que presentar a solicitude orixinal no centro.

Powered by Drupal - Design by artinet