Novas con respecto a saídas, transporte e comedor

Benqueridas familias.

Este curso 2017/18 vai levar consigo varios cambios a nivel organizativo. Os dous máis importantes competen ás saídas autónomas e ao transporte escolar, pero tamén o comedor amosa cambios.

En base á Instrución Conxunta 9/2017, de saídas e transporte informamos que:

1.- Tan só o alumnado de 5º e 6º de Primaria poderá abandonar o centro de xeito autónomo (é dicir, só), ao rematar o horario escolar ou extraescolar. O resto do alumnado deberá ser recollido por un adulto autorizado, ou por un irmán ou irmá menor de idade de 5º ou 6º de primaria, de secundaria, bacharelato ou FP que estea autorizado.

2.- O alumnado transportado será recollido nas paradas asignadas por adultos autorizados ou polos menores autorizados mencionados no punto 1. Para isto deberedes entregar no centro un documento de autorización (adxuntamos modelo) co nome completo e número de DNI e de teléfono móbil de cada persoa autorizada, e o centro lle dará copia á empresa de transporte.  Ao rematar o periodo lectivo e no caso de non haber ninguén na parada, despois de agardar un tempo prudencial, o encargado do transporte chamará á familia, que poderá recoller ao alumno/a na seguinte parada ou nas dependencias da empresa de transporte, onde quedarán custodiados até o peche. É dicir, que xa non volverían ao centro se non se recollen na parada correcta.

Situacións de tardanza en calquera dos dous casos levarían a informar á Policía Local ou Garda Civil, que se faría cargo dos alumnos e, en caso de reiteración, poñeríase o asunto en mans do Servizo Provincial de Menores.

En canto ao comedor escolar e, até onde se nos informou mediante a Instrución 8/2017, as coidadoras do centro faranse cargo do alumnado NEE/NEAE que faga uso deste servizo.
Tamén con respecto ao comedor insistimos: a cesión do servicio é ao Concello de Santiago, e nós nin regulamos becas nin listaxes de admitidos... tan só cedemos o espazo e nos aseguramos de que o servizo cumpla os criterios normativos.

Powered by Drupal - Design by artinet