Carta os Reis Magos (con retraso, que a páxina estaba bloqueada)

Queridos Reis Magos:

 

Este ano no CEIP de Vite estamos tendo un ano bastante bo. Estamos moi contentos coas compañeiras que viñeron para completar o cadro de persoal; sobre todo tendo en conta a situación do ano pasado. Este feito lévanos a poder incidir en casos específicos con máis rapidez e usar os recursos dos que dispoñemos con maior eficiencia.

 

Este ano pedimos, coma noutros anos, que o curso remate ben e sen incidencias, que a rutina sexa levadeira e que, cando haxa que rompela, sexa porque as profesionais docentes e non docentes do centro apliquen métodos, enfoques e técnicas de innovación que fagan que o noso alumnado adquira hábitos, valores e coñecementos dun xeito significativo e práctico, para que estes poidan aplicalos no seu día a día, na súa maduración, na procura do que realmente busquen na vida.

E, xa de pedir, pedimos que a praza de Orientadora compartida que temos fose definitiva, ou alomenos cuberta durante anos pola mesma persoa.

 

Este ano temos, coma noutros tempos, alumnado con necesidades. De todo tipo e clase. E aínda que talvez na prensa pareza que somos un centro específico, non é así. Somos un centro ordinario onde temos a vantaxe de ter un alumnado EXTRAORDINARIO. Todos e cada un dos case 200 que hai no cole. E pode que sexamos alegres, confiados, que agardemos ter máis recursos, máis medios e máis vontade para educar e aprenderlles cousas aos nosos alumnos e alumnas, teñan estes as particulariedades que teñan.

Pero o que NUNCA faremos é falar mal do noso cole, xa sexa na rúa, no bar ou nos medios de comunicación. Porque, igual que cos nosos fillos e fillas, debemos felicitar en público, e correxir e criticar construtivamente en privado.

Somos o mellor cole do mundo por un motivo: polo noso alumnado, que é o mellor que existe e o que nos motiva para seguir adiante. Se non cremos en nós mesmos e nas nosas capacidades, pouco poderemos facer. 

 

Moitas grazas, Reis Magos.

Powered by Drupal - Design by artinet