Skip to Content

FELICES "VACACIÓNS"

Estimadas familias:

 

Antes de nada, desexar que todos esteades BEN! MOI BEN! estas primeiras liñas levan de novo as nosas apertas e os nosos ánimos, agardamos, que como días atrás,  cheguen ata cada un dos vosos fogares; vendo como están as cousas a única noticia importante é que esteamos todos, e todos ben.

Tal e como sabedes, mañá, día 4 de abril, dan comezo as vacacións de Semana Santa, que abranguen ata o vindeiro luns día 13 de abril (ambos incluídos). Por desgraza para todas e todos, xa sabemos que serán unhas vacacións confinadas e que teremos que deixar para mellor ocasión todos os nosos plans e as nosas ansias de “liberdade”; polo de agora, non é posible. Aínda así, si que é o momento de parar, de botar o freo, de descansar, de tomar uns días lonxe da actividade “escolar”.  

Ata o de agora, podemos dicir, que dentro da excepcionalidade na que estamos, a comunidade educativa do CEIP Vistahermosa (mestras e mestres, alumnado, familias, ANPA, persoal de servizos…) goza dunha situación privilexiada en relación a outros escenarios; mantense unha boa comunicación coas familias, a meirande parte delas poden acceder ás plataformas creadas, estase a seguir en contacto coa escola e as aprendizaxes…e, en xeral estamos acometendo a situación con relativa soltura.

Pero tampouco nos imos enganar, a pesar do anterior, esta situación non é fácil para ninguén; dificultades dalgunhas familias, imposibilidade de chegar a todos con éxito, dificultades cos medios técnicos… sabiámolo ao comezar e seguimos a ser plenamente conscientes disto pois estámolo a vivir tamén na nosa actividade docente, pero, intentamos, e seguiremos a intentar que os atrancos sexan reducidos ao mínimo, corrixindo todo aquilo que poidamos mellorar.

Dende o Claustro seguiremos a traballar para un incerto terceiro trimestre; gustaríanos poder dicir que vai pasar e como vai ser a situación pero lamentablemente non o sabemos. A incerteza que tedes vós, témola nós.

 Despedímonos ata o martes día 14 de abril, ata entón, as plataformas dixitais (AbalarMóbil, Web, Aula Virtual, blogues,…) seguirán sendo accesibles aínda que cunha actividade máis baixa.

 Lembrade que o obxectivo final segue a ser o mesmo, deixar atrás este mal soño canto antes,  e ese obxectivo ÍMOLO LOGRAR!

  

Recibide das mestras e mestres as nosas máis sinceras apertas!



story | by Dr. Radut