Skip to Content

COMUNICACIÓN ÁS FAMILIAS

Estimadas familias:

Chegados ao final desta primeira semana de suspensión de clases, desde o CEIP Vistahermosa queremos facer chegar a todos as seguintes reflexións:

En primeiro lugar, e antes de nada, desexar que todos esteades BEN! MOI BEN!, nenos, nenas, familias, avoas, avós, amizades, veciñanza…; estas primeiras liñas levan as nosas apertas e os nosos ánimos, que aínda sendo virtuais, agardamos cheguen ata cada un dos vosos fogares.

En segundo lugar, o claustro do CEIP Vistahermosa é perfectamente consciente do anómalo da situación que todos estamos a vivir e por iso, queremos mandar unha mensaxe de calma e tranquilidade, tanto ao alumnado como ás súas familias.

As mestras e mestres sabemos que non é sinxelo adaptarse a unha situación sobrevida nun espazo tan corto de tempo e somos conscientes, porque así nolo estades facendo chegar a través das vosas mensaxes, das inquedanzas, dificultades e temores en relación á situación “académica” das vosas fillas e fillos. Pois ben, desde aquí recordamos, e insistiremos as veces que faga falta, no seguinte:       

As actividades enviadas polo profesorado están pensadas para realizar de xeito gradual e ao ritmo que cada alumno sexa quen de levar; sen présas, sen prazos, sen presións. Non son clases presenciais, nin sequera son clases a distancia, non podemos pretender, nin nós, nin vós, que os alumnos leven o ritmo das cinco horas que pasaban no colexio. Non! E non o pretendemos porque temos en conta que non todas as alumnas e os alumnos poden acceder nas mesmas condicións e cos mesmos recursos á tecnoloxía, que non todas as familias están a vivir o día a día do mesmo xeito, que cada un de nós e de vós afronta esta situación desde posicións ben diferentes…

As actividades non son avaliables, ninguén vai quedar atrás por non facer este ou aqueloutro exercicio de lingua, ninguén vai levar nota por facer máis ou menos problemas de matemáticas, non se vai acabar o mundo por no ter feito un mapa de sociais… Non queremos que vos sintades presionados por estas cuestións académicas nestes días tan complexos. Non hai motivo.  

As actividades enviadas tédelas que tomar como unha forma de manter o contacto coa escola, de manterse activos, de seguir, dalgún xeito, conectados coa realidade que deixamos fai uns días. Non vos sintades agobiados pola súa cantidade e diversidade, ese é o obxectivo; tentar chegar a todas as realidades e cubrir todas as necesidades do mellor xeito posible. Hai, e haberá, actividades e propostas de todo tipo, non só académicas. Por favor, tomádeas como o que son; máis unha axuda que unha obriga, máis unha guía que un plan pechado a seguir.     

Tamén queremos lembrar que hai actividades que serven para calquera materia e que ademais non dependen de medios tecnolóxicos: a lectura, a música, o cine, os xogos de mesa, a conversa coa familia, etc. Todas elas son actividades formativas de gran valor; ao igual que as tarefas relacionadas coa autonomía persoal e o fogar: estamos ante unha oportunidade de que as nosas alumnas e os noso alumnos, se non o fan xa, colaboren activamente na cociña, limpeza e orde da casa, da roupa (lavadora e pasar o ferro), etc.

E xa por último, desexamos saír desta situación o antes posible e volver á normalidade, por iso animámosvos a todas e a todos a cumprir coas normas das autoridades sanitarias, esto si é imprescindible, si é unha obriga de todos, porque só entre todos o poderemos lograr.

Recibide das mestras e mestres as nosas máis sinceras apertas!

ÁNIMO!

#EUQUEDONACASA  #QUEDANACASA



story | by Dr. Radut