ÚLTIMAS INSTRUCIÓNS!
Estimadas familias:
A raíz das novas instrucións recibidas dende a Consellería a última hora da mañá de hoxe, venres día 13 de marzo, a dirección do CEIP Vistahermosa de Ourense, informa:
A dirección do centro, no exercicio das atribucións que legalmente lle son propias e ao abeiro que as mencionadas instrucións outórganlle decidiu o peche total do centro.
Do mesmo xeito, esta dirección considera que os medios cos que conta o profesorado son máis que suficientes para garantir unha adecuada atención e titorización do alumnado por canles non presenciais, non habendo motivo algún para que o persoal docente e non docente do centro teña que poñer en risco a saúde colectiva e a súa propia desprazándose dende os seus domicilios para permanecer nun centro baleiro.
Polo tanto, dende o vindeiro luns, día 16 de marzo e, durante os seguintes catorce días naturais decretados polas autoridades competentes este centro permanecerá totalmente pechado e o persoal docente e non docentes, nos seus domicilios. Dende ese mesmo día, toda comunicación co centro realizarase polos medios telemáticos ou doutra índole dispostos ao efecto; vía telefónica(móbil do centro), web do centro, AbalarMóbil, correo electrónico...
Agardando volver á normalidade o antes posible, envíolles un cordial saúdo.
En Ourense, a 13 de marzo de 2020.
Asinado
José Miguel Corcobado Lorenzo
Director do CEIP Vistahermosa.
- Engadir novo comentario.
- 81 lecturas