Novo curso, novo PDI: "Xacobeo-Bureleo 2021". Ao longo de setembro, os diferentes equipos do cole fumos conxuntamente perfilando o deseño do novo proxecto que presentaremos á comunidade educativa o Día das Bibliotecas Escolares a través dun "CADERNO DO VIAXEIRO" VIRTUALque irá amosando o noso camiño paso a paso co itinerario de actividades propostas e o resultado final. Será un caderno que medre a medida que avanzamos nas distintas etapas do noso camiño e no que iremos gardando, a modo de caderno de bitácora, todo o noso proxecto.
Comezaremos a nosa andaina cunha CARTA DE PRESENTACIÓN DE LIBRUXA.
O obxectivo deste proxecto é fomentar o coñecemento do patrimonio cultural relacionado co Xacobeo e dar a coñecer ao noso alumnado a riqueza patrimonial, ecolóxica e cultural da nosa terra a través das rutas do Camiño, ao mesmo tempo que tamén nos convertiremos en "peregrinos" da nosa propia ruta "Bureleo 2021" que acondicionaremos, sinalizaremos e explicaremos a través da elaboración dunha guía co itinerario e lugares de interese do noso concello.
Coñecer o noso é o primeiro paso para coidado, polo que debemos aproveitar, dende as aulas, a capacidade de asombro e descubrimento dos nen@s fronte ao mundo que os rodea e facer intervir ás familias e a outros profesionais da contorna que os axude e os guíe no fomento de prácticas saudables como parte do proceso permanente no que van adquirindo conciencia do munod que os rodea.
Este Camiño especial tamén será un camiño de volta á nosa cultura, tradicións, paisaxes, gastronomía, etnografía, literatura...un camiño cheo de imaxinación, descubrimento e creatividade.
Para comezar esta primeira parte do proxecto propóñense estas ACTIVIDADES.
Os nosos nenos e nenas tamén disporán dun carnet cunha serie de credenciais lectoras que terán que ir selando a medida que vaian superando os diferentes retos lectores para conseguir a súa Compostelana: "Os contos do Camiño".
- Credencial lectora Educación Infantil.
- Credencial lectora 1º e 2º de Primaria.
- Credencial lectora 3º e 4º de Primaria.
- Credencial lectora 5º e 6º de Primaria.
Todo está preparado para comezar!!!! O día 24 de outubro daremos o pistoletazo de saída polas nosas rutas Xacobeas, esperando que esta situación de pandemia tan estraña non merme os nosos ánimos nin ilusións.