Radio

CUÑA FEIRA DO VIÑO DE AMANDI (8/4/2019)

    Desde Radio ECO FM Ribeira Sacra, puxéronse en contacto con nós para darnos a posibilidade de facer no colexio a cuña que publicitará a Feira do Viño de Amandi en todas as súas emisoras: ECO FM Valdeorras, Ourense e Pontevedra.
 
    A idea foi moi motivadora para o alumnado que decidiu facelo en verso. Cada un dos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria preparaou unha estrofa ou pareado sobre a feira e despois, nunha posta en común, seleccionamos as rimas, pareados, tercetos... que máis nos gustaron e fixemos un poema completo.
 
XXXIX Feira do viño de Amandi
 
Se o queres pasar ben
 
ven a feira do viño de Sober!
 
 
Para o pregón
 
virá María do Ceo,
 
seguro que o fai xenial
 
vide aquí a velo!
 
 
Con moita comida
 
para encher a barriga;
 
da nosa gastronomía
 
a rosca é a raíña!
 
 
e para beber,
 
viño de Sober
 
os adegueiros nos seus stands
 
darancho a catar!
 
 
Para respectar a tradición
 
podes bebelo nun xarro de Gundivós.
 
 
Se queres bailar na festa,
 
haberá charangas e orquestras.
 
 
O concerto de María do Ceo
 
e a banda de Sober
 
para os teus oídos
 
serán un pracer!
 
 
Do único que te tes que preocupar
 
é do xenial que o vas a pasar.
 

 
Ven a feira do viño o 13 e o 14 de abril
 
asegurámoste diversión sen fin.
 
 
Esperámoste aquí!!
 
    A cuña xa está no aire e pódese escoitar a todas as horas en punto e e media, aínda que unhas veces a emiten completa e outras por estrofas.

 

COÑECENDO OS NOSOS CONCELLOS. 4ª EMISIÓN (21/03/2019)

    Hoxe recibimos a cuarta emisión do programa Coñecendo os nosos concellos no que os alumnos de A Pobra do Brollón respostan a pregunta que lles fixemos no terceiro programa sobre a importancia da súa viticultura e as súas singularidades; así como a Ribeira Sacra no seu Concello.
 
   Neste programa cóntannos que para obter a información desta emisión foron de excursión a Vilachá onde os acompañou o arqueólogo Xosé Gago encargado da dinamización do Concello e a adegueira Puri.
 

     Despois de escoitar este programa tan interesante, xa temos tarefa: investigar sobre a arte no noso concello!!

    De seguida vos contestamos...

É TEMPO DE ENTROIDO. Os biblioaxudantes contan (01/03/2019)

    Hai algo mellor que comezar o día de entroido cun libro?
 
    Nós cremos que non e por iso, as biblioaxudantes Mara, Gisela e Uxía prepararon a lectura do libro É tempo de entroido de Ramón D. Veiga.
 
   Neste libro xúntanse os personaxes máis tradicionais do entroido galego (peliqueiros, cigarróns, madamas...) para facer unha comida xuntos na que non faltará ningún ingrediente do cocido nin filloas ou orellas.
 
 
      Ademais prepararon un baile coa canción do libro que podedes escoitar premendo na portada do libro.
https://vimeo.com/301619166
 

 

    E  por suposto, despois deste conto, que credes que habería hoxe de comer??  COCIDO!!!

 

DÍA DE ROSALÍA NA RADIO (22 - 2 - 2019)

    Unha das actividades que fixemos para conmemorar o Día de Rosalía foi o recitado dalgúns fragmentos de varios poemas de Rosalía de Castro do seu libro Cantares Gallegos.
 

 

 

 

 
 

COÑECENDO OS NOSOS CONCELLOS. 3ª EMISIÓN (20/02/2019)

   Esta é a terceira emisión do programa Coñecendo os nosos concellos que como sabedes é un programa de ida e volta entre o alumnado do noso colexio e o alumnado do colexio de A Pobra do Brollón.
 
 
   Nesta ocasión, tiñamos que respostar á pregunta que nos facían sobre a orixe de Lectuvín, a mascota da nosa biblioteca.
 
   Pois ben, se queredes saber todo sobre a nosa mascota e sobre a importancia da viticultura en Sober, só tedes que escoitar o programa dos nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria.
 

 Ata  pronto!!!
 
 

RADIO NA BIBLIO: FORMACIÓN (29/01/2019)

   Hoxe os nenos e nenas de 3º a 6º de Primaria recibiron formación para mellorar as súas emisións de Radiuvín.
 
   Este ano a formación veu da man de Luís Pardo, periodista de Cadena Ser (Santiago de Compostela) e un dos fundadores de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios)
 

 

   Con el fixemos varias actividades: O que di a nosa voz (entoación, volume, intención...), escribir para ler en alto e trucos de redacción (pautas para redactar guións radiofónicos de lectura máis sinxela) e voz, música, efectos... chsst... silencio! (recursos para mellorar as emisións).
 

 

   Unhas sesións moi produtivas nas que recordamos algunhas premisas que coñeciamos e aprendimos moitas novas:
Redactar frases curtas e con sentido para quen o le
Empregar vocabulario coñecido
Utilizar os signos de puntuación para respirar
Aproximar as cantidades que non teñan que ser necesariamente exactas
Non facer enumeracións moi longas: 1, 2, 3, moitos!
Imprimir o guión en letra grande para facilitar a lectura
Imprimir por unha soa cara para non ter que voltear a folla
Non deixar parágrafos cortados no final das páxinas
Marcar os parágrafos xa lidos
Practicar a articulación cun bolígrafo na boca...
 
   Unha morea de consellos que sen dúbida comezaremos a aplicar na elaboración dos guións radiofónicos e nas nosas gravacións!! 

SOBERICIAS: Premios do Certame de Nadal 2018

    Sobericias, o programa que che conta as mellores noticias céntrase neta emisión nos premios do Certame de Nadal convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Sober nas modalidades de Poesías e Postais.
 
    Da man dos seus locutores, Xoán e Mara, coñeceremos todos os detalles deste certame e escoitaremos os poemas premiados na voz dos seus autores.
 

 

 

RADIOS ESCOLARES, MUCHO MÁS QUE UN MEDIO (24/12/2018)

   O xornal ABC publicou o artigo Radios Escolares, mucho más que un medio o día 24 de decembro.
 
ABC, 24/12/2018
 
    Neste artigo falan sobre o proxecto Radio na biblio que se está desenvolvendo en 50 centros educativos de Galicia e recollen as impresións de varios mestres de centros que participamos no proxecto: Beatriz Otero do CEIP Enrique Barreiro de Cambados,Dolores Sánchez do CPI Manuel Suárez de O Rosal e Flora Grande do noso centro.
 
 

NORABOA YOLANDA!!

    A mestra do noso colexio, Yolanda Vázquez, ven de recoller o XII Premio de investigación Condado de Pallares polo seu traballo "Percorrido polos caneiros do Miño pertencentes a Guntín de Pallares".
El Progreso, 1/12/2018
La Voz de Galicia, 1/12/2018
 
 
     Para falarnos deste premio, o alumnado da súa titoría fíxolle unha entrevista en Radiuvín.

 
    PARABÉNS   YOLANDA!!
 
 

SEMANA DA MÚSICA: A FRAUTA TRAVESEIRA (28/11/2018)

    Con motivo de Santa Icía, patroa da música, que se celebra o 22 de novembro convocamos por sexto ano consecutivo a Semana da Música.
 
    Durante toda a semana, celebrouse un concurso na biblioteca na que cada día ían aparecendo diferentes probas para que o alumnado investigara e averiguara moitas cousas sobre o instrumento ao que se lle adicou este ano a semana musical: A FRAUTA  TRAVESEIRA.
 
   Para rematar as actividades, tivemos no centro a Ruth González, profesora de frauta da Escola Municipal de Música de Sober e directora do coro Berea.
 

   Ela ensinounos moitas cousas sobre este instrumento: as súas partes, a súa historia, as cualidades do seu son, diferentes tipos de frautas... e, sobre todo, agasallounos coa súa interpretación de varias obras; unda delas a dúo coa nosa alumna Uxía que tamén é alumna súa na Escola de Música.

 
   Ao finalizar o concerto, entregámoslle a Ruth unha peza de alfarería de Gundivós para agradecerlle a súa presenza e ela entregou os premios ao alumnado gañador do concurso, que incluía un punto de lectura cunha clave de sol da nosa impresora 3D (https://www.thingiverse.com/thing:2269324).
 
    E non podíamos rematar a actividade sen que a frautista invitada pasara polo noso estudo de Radiuvín.
 

 

 

Distribuir contido