2022/2023

DÍA DA POESÍA (21 - 3 - 2023)

    Desde 1999, o 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía coa finalidade de promover a súa ensinanza, crear unha imaxe atractiva dela e fomentar a expresión e tradición oral.

 

  No noso colexio foron os nenos e nenas de Ed. Infantil e de 3º e 4º de primaria os encargados de recitar varios poemas na biblioteca e gravalos despois en Radiuvín para conmemorar este día.

   A clase de Infantil A, recitou un poema sobre a chegada da primavera.

 

 

A clase de Infantil B, recitou dous poemas do libro O xardín de Irene de Xosé Neira Vilas.

 
    E os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria recitaron o poema Eu xa te bisquei de Celso Emilio Ferreiro e Adivínase el dulce y perfumado... de Rosalía de Castro.

 

DÍA DA NARRACIÓN ORAL (20-3-2023)

O 20 de marzo é o Día da Narración Oral.

 

  

   Para conmemorar esta data os nenos e nenas de 1º e 2º contáronlle aos seus compañeiros dous contos na biblioteca que podedes escoitar a continuación.

    Comezaron os alumnos/as de 1º de Primaria contando O Gatipedro, basado no libro do mesmo nome de Jacobo Paz. Con esta historia coñecemos a un neno que non quere poñer cueiros pola noite pero cando vai durmir ten un grave problema: sempre se levanta coas sabas molladas. Queredes saber quen lle fai isto? Pois escoitade atentos.

 
 

 

 

   Despois continuou o alumnado de 2º de Primaria contando A boneca de Lucas, basada no libro de Alicia Acosta que é a historia de Lucas, un neno que desexa máis que nada no mundo unha boneca. Por que non poden xogar os nenos con bonecas? 

 
 

 

 

 

 

 

 

APRENDENDO SOBRE O DANO CEREBRAL ADQUIRIDO (16-3-2023)

 A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) é unha organización que persegue a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.

 

  Para iso, ademais de apoio a estas persoas realiza campañas de sensibilización e información sobre esta discapacidade mediante a formación a diferentes colectivos nos que se inclúe o alumnado de centros educativos.
 
    Por esta razón tivemos na biblioteca a Carla, representante da asociación, explicándolle aos nenos e nenas de 1º e 2º de primaria que é o dano cerebral adquirido, as súas principais causas, as consecuencias e os síntomas de alarma do ictus.

 

   A actividade tivo como base a guía de Os Bolechas titulada Mireia conta que é o dano cerebral adquirido que lle serviu de apoio para ampliar os conceptos básicos de esta sesión.

 

   A continuación deixamos unhas imaxes desta guía sobre o que podemos facer nós para axudar a persoas que sufran esta doenza.

  Para rematar, lembrade a Regra dos 3 F para detectar con rapidez se unha persoa está sufrindo un ictus e o teléfono ao que debemos chamar.

  Moitas grazas a FEGADACE por esta sesión de sensibilización entre o noso alumnado que ademais axuda a reforzar o obxectivo 3 da axenda 2030!!

 

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

SEMANA DA PRENSA 2023

    Debido á importancia que os medios de comunicación teñen hoxe en día como instrumentos que nos informan do que pasa arredos e nos achegan á realidade cultural e social na que vivimos, parécenos moi importante tamén traballar con eles na escola.

   Os xornais, a televisión, internet... fan que as noticias cheguen en diferentes soportes pero... son todos fiables?

 

 A desinformación (noticias falsas, información sesgada, manipulación de titulares ou similares) é un problema ao que o noso alumnado se deberá enfrontar a partir de agora xa que as posibilidades actuais de xerar contidos e distribuílos en diferentes soportes e medios sen pasar ningún filtro son cada vez maiores.

 

    A linguaxe escrita e as imaxes que a acompañan, sogan un papel fundamental na interpretación de todas as noticias que lemos, vemos ou atopamos na rede; por iso, desde o punto de vista escolar, parécenos fundamental compartir co alumnado experiencias que inclúan a análise dos medios de comunicación que forman ou formarán parte da súa vida cotiá.

   Para levar todo isto á práctica deseñamos unha situación de aprendizaxe que ten como resultado final este xornal no que poderedes ler noticiais reais pero tamén outras que non o son tanto (as chamadas fake news).

 

  Esperamos que saibades apreciar todo o traballo desenvolvido polo alumnado. Nós como docentes, estamos moi orgullosos deles.

 

8M DÍA INTERNACIONAL DA MULLER (2023)

  O Día Internacional da Muller deste ano 2023 xira en torno ao seguinte lema: "Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía par a igualdade de xénero".

  Tamén a igualdade de xénero ten un obxectivo propio na Axenda 2030 que é o obxectivo 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas

 

  Na nosa biblioteca traballamos co concepto de igualdade durante todo o ano pero nestas datas intensificamos o traballo con diferentes actividades que compartimos a continuación:
 
 OBRADOIRO  DE  VISIBILIDADE
 
    Este obradoiro foi unha actividade proposta polo Concello de Sober na que o noso alumnado tiña que escribir nos seus globos o nome de mulleres referentes para eles; podían ser mulleres que destacaran en diferentes campos ou mulleres da súa contorna ou familia.
 
 
    Para as mestras do cole foi unha sorpresa ver que entre os nomes de científicas, activistas, nais ou avoas aparecían tamén os nosos nomes e os das cociñeiras de xeito espontáneo. Foi un pracer sentir este recoñecemento dos nenos e nenas ao cariño e traballo que lles dedicamos todos os días; moitas grazas!!
 
 
 Despois con eses globos fíxose un gran 8M que se levou á Praza do Concello para que todo o mundo poida velo e reflexionar sobre o día de hoxe.
 
 

 

 

 
 
ALFABETO  DE  MULLERES  RELEVANTES
 
   Outra das actividades que se fixeron foi a elaboración deste mural a partir do libro El ABC de las mujeres que han hecho historia escrito por  Miriam Payá López (@MiriamiTaP) no que se recollen mulleres relevantes en ámbitos moi diversos: ciencia, deporte, televisión, literatura, medio ambiente, paz, igualdade, política...
 
 
 
 WOMEN´S  DAY
 
   Como somos un centro plurilingüe, o departamento de plástica coa axuda de Aly, a nosa auxiliar de conversa, elaborou un mural para esta conmemoración e un vídeo en inglés con subtítulos en galego co que coñeceredes os motivos polos que se celebra esta data e algunhas mulleres importantes da historia.
 
   Ademais na parte final do mesmo poderedes ver a todo o alumnado do centro cos debuxos que fixeron das mulleres que son importantes para eles/elas.
 
 
 
 

TRABALLANDO OS TEXTOS BIOGRÁFICOS

Na materia de Lengua Castelá e Literatura o alumnado de 4º de primaria estivo a traballar a biografía

Primeiro, estudamos este tipo de texto e logo, a cada xn de nós tocóunnos realizar a biografía dalgunha persona ilustre da historia. 

 

A continuación, podedes vernos cos nosos traballos. Esperamos que vos gusten!
 

ADA: MIGUEL DE CERVANTES

 

 
PABLO:WILLIAM SHAKESPEARE
 
 

CANDELA: GLORIA FUERTES

 


 ANTÍA: SEBASTÍAN DE COVARRUBIAS

 

MARTÍN: CONCEPCIÓN ARENAL

 

LARA:  AUDREY HEPBURN

 

 
XAVIER:  MARÍA CALLAS
 
 
 NAYARA: HIPATIA
 
 
 DANIELA: CLARA CAMPOAMOR
 
 
Unha vez presentados na aula, colgamos os traballos na entrada da nosa biblioteca para que xs nosxs compañeirxs os poidan ver. 
 

 

 

PREPARANDO Á VISITA Á CATEDRAL DE SANTIAGO (28 - 02 - 2023)

Para a nosa visita á Catedral De Santiago de Compostela estivemos a facer unha investigación sobre os datos máis relevantes da mesma durante a sesión de INEIN. 

 
A investigación que realizamos dá reposta a varias preguntas sobre datos relativos a un dos monumentos máis importantes da nosa comunidade. Esta guía será proxectada a todo o alumnado para que todxs poidamos aprender con ella. 
 
Esperamos que vós tamén aprendades algo novo co noso traballo!
 

    

DÍA DE ROSALÍA (23 - 02 - 2023)

    Desde o ano pasado celébrase o Día de Rosalía o 23 de febreiro, despois de que a investigadora galega Sagrario Abelleira atopase documentación que confirmara o 23 como data real do seu nacemento e non o día 24 como se cría antes.

     Para esta conmemoración o alumnado de 2º de Primaria elaborou un pequeno resumo da súa vida que hoxe visualizamos na biblioteca.

 

 

   Tamén lle deron cor a diferentes ilustracións de Rosalía que agora están expostas nas paredes dos corredores do colexio para lembrarnos desta autora tan importante.

 

 

 

 

   Se queredes ampliar a información, podedes acceder á súa web na que atoparedes moitos máis datos sobre ela e toda a súa obra:

 

rosalía.gal

 

 

COMANDAS DO MECO - XOVES (16 - 02 - 2023)

   Hoxe xoves rematan as comandas do Meco con todos os nenos e nenas en pixama. 

 

 

 

 

Pero... por que viñemos todos así vestidos, ou mellor dito, sen vestir?

Porque como din as comandas do Meco:

 

E de que tartaruga pensades que estamos falando?

  De A tartaruga que quería durmir que é a protagonista da historia escrita por Roberto Aliaga

 
   Carlota, Germán, Diego e Javier foron os que nos contaron o que lle pasa a esta tartaruga que ten moito sono e que o único que quere é durmir o inverno todo. 
 

 

    Pero cando xa está na cama, despois de cumprir con todo o ritual necesario (cepillar os dentes, poñer o camisón, acomodar as sabas), alguén chama á porta. 
 

 

     Parece que todos os seus amigos se puxeron dacordo para petar na porta traendo agasallos para acompañala antes do longo período de sono que lle agarda!
 
     
Será capaz a tartaruga de conseguir durmir o inverno todo?
Se queredes coñecer o final do libro, podedes escoitalo no seguinte podcast!
 

 

 

DÍA INTERNACIONAL DA NENA E A MULLER NA CIENCIA (2023)

     O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia. Un día co que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas pretende visibilizar "o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia".

 
   Desde o colexio xa fai varios anos que nos sumarnos a esta iniciativa invitando a mulleres de Ciencia do noso Concello. Nesta ocasión tivemos con nós a Tamara Quiroga e Betty Pérez, que ademais de ser de Sober; son nais dos nosos compañeiros Aldán e Noa.
    
     Elas son técnicas de Raios e traballan no Servizo de Radioloxía do Hospital de Monforte de Lemos polo que puidemos aprender moitísimas cousas sobre este traballo que pertence á rama sanitaria que se encarga do radiodiagnóstico con probas como radiografías ou ecografías.
 


    Durante a súa intervención, faláronos dos diferentes tipos de probas que se fan e das diferentes máquinas que se utilizan para facelas: radiografías, TAC, resonancias, mamografías... e para que o entenderamos ben, explicáronos que cando nos fan unha resonancia as imaxes que vemos son como se nos cortasen en rebanadas.



 

   Ademais de explicarnos en que consiste o seu traballo, ensináronos un vídeo co que coñecemos un pouco da orixe e o descubremento destas probas desde a 1ª radiografía que se fixo en 1895.

   

Tamén nos mostraron radiografías antigas na mesa de luz para que puidésemos ver exemplos de como se ven as diferentes partes do noso corpo:

Craneo

 

 

Vexiga, riles e uréteres

 

Pulmóns

 

Columna vertebral

 

E ata unha prótese de cadeira!!

 

      Ademais aprendemos que para protexerse das radiacións a sala onde se fan está aislada con chumbo e que se teñen que quedarse co paciente que ten que facer a proba deben protexerse con delantais plomados.

      Para rematar a visita, acudiron as instalacións de Radiuvín onde falaron con Lola e Darío sobre todo o que nos contaran na biblioteca.

 

 

ESPERAMOS  QUE  O  VOSO  EXEMPLO  DE  MULLERES  DE  CIENCIA, AXUDE  ÁS  NOSAS  ALUMNAS  A  COMPRENDER  QUE  DE  MAIORES  PODEN  SER  O  QUE  ELAS  QUEIRAN SER.   

 

   MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR
CON  NÓS  ESTE  DÍA!!

 

GALERÍA  DE  IMAXES 

 

 

 

Distribuir contido