Skip to Content

CELEBRACIÓN DOS DEREITOS HUMANOS 10-12-19

O martes, día 10 de decembro de 2019, celebramos no colexio o "DÍA DOS DEREITOS HUMANOS". No pasillo do centro, comezaban os alumnos de 5º e 6º de primaria lendo un texto sobre o tema. Despois o resto dos nenos e nenas colgaron da nosa árbore de Nadal diferentes paxariños con mensaxes de paz, liberdade, igualdade,...Tamén escoitamos o podcast dos nenos e nenas de 3º e 4º de primaria sobre Ana Frank, coñecendo así un pouco máis da súa historia. Picade nas imaxes para velas todas.

CAMPO A TRAVÉS-FASE COMARCAL-A BAÑA 04-12-19

O pasado mércores, día 4 de decembro de 2.019, celebrouse no circuito do colexio de A Baña, a FASE COMARCAL DE CAMPO A TRAVÉS. Do noso centro foron competir 21 nenas e nenos escolarizados entre 2º e 6º de educación primaria (un 67,7% do alumnado con posibilidade de participar). Fixo unha mañá maravillosa, despois dun mes enteiro de chuvias, e foi unha gran experiencia para todos eles. Teremos que esperar ás clasificacións, e si non o mellor de todo foi PARTICIPAR!!!!!!!!! Vémonos o curso que ven..... e a seguir correndo!!!!!! Premendo nas fotos, verás todas as fotos e os vídeos de ese día.

TÍTERES CASCANUECES "Unha armadura con ferruxe" 25-11-19

O luns día 25 de novembro de 2019, entre outras actividades, para celebrar o DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, tivemos pola tarde a sorte de ver unha obra de TÍTERES CASCANUECES que levaba por título "UNHA ARMADURA CON FERRUXE", tratando de transmitir mensaxes sobre a igualdade de xénero. Pica nas fotos para ver máis.

EXCURSIÓN A SANTIAGO. AUDITORIO E RADIO GALEGA 21-11-19

O xoves día 21 de novembro de 2019 saimos de excursión a Santiago. Dividímonos en dous buses. Un que levou aos nenos de 3º a 6º de primaria ao Auditorio de Galicia para asistir ao Concerto Didáctico "CLÁSICOS Á GALEGA", rematando a visita asistindo á EXPOSICIÓN no Auditorio de Galicia titulada "INVISIBLE WOM@RTS", a través da obra de mulleres artistas. Mentres tanto noutro bus foron os alumnos de infantil 4-5 e 1º e 2º de primaria a visitar a RADIO GALEGA. Esta visita estaba pendente como gañadores do "I Concurso de Podcasts Radio na Biblio" do curso pasado. Explicáronlles cada recuncho da Radio Galega e viron emitir en directo o Programa "Galicia por diante" dirixido por KIKO NOVOA. Toda unha experiencia¡¡¡¡¡¡¡Pica nas fotos para ver máis. E picando AQUÍ veredes un video na Radio.

 

FACE 2 FACE TEATRO EN INGLÉS 19-11-19

O martes día 19 de novembro de 2019, fomos á Aula de Cultura da Picota para asistir coma en outras ocasións a ver o teatro en inglés da compañía FACE 2 FACE, xunto cos alumnos do C.E.I.P. de Pino de Val. Vimos dúas sesións, unha para os alumnos de infantil e 1º e 2º de primaria que levaba por título "UNDER THE SEA", e outra sesión para o alumnado de 3º a 6º de primaria titulada "CIRCUS LIFE". Pasamos unha mañá maravillosa. Pinchade nas fotos para ver máis.

OBRADOIRO DE ORIGAMIS DE ANDORIÑAS CON PALMIRA 15-11-19

O venres día 15 de novembro visitounos PALMIRA, que xa estivera outras veces con nós, para levar a cabo un OBRADOIRO DE ORIGAMI DE ANDORIÑAS, a través da papiroflexia. Asistiron a este obradoiro tódolos alumnos/as de primaria. E pasaron dúas horas maravillosas facendo á andoriña e escoitando as historias que nos contou Palmira. Ata sempre amiga!!!!!

PROXECTO INTEGRADO DE CENTRO 2019-2020: "AS AVES"

Eiquí vos deixamos o cartel, elaborado pola nosa compañeira Susi, do noso PROXECTO INTEGRADO DE CENTRO 2019-2020 SOBRE "AS AVES" e cuio lema votado polos nenos e nenas do centro foi "MAZARICO LE CO PICO". Esperamos que vos guste.

EXPOSICIÓN SOBRE AS AVES

Durante tres semanas do mes de novembro, teremos no pasillo do centro unha EXPOSICIÓN DE "AVES DE GALICIA" da Xunta de Galicia, proporcionada polo CEIDA, para todos/as os/as alumnos/as e aquelas persoas que se acerquen polo centro e teñan interese en vela. Esta actividade enmarcase dentro do Proxecto Integrado de Centro para este ano adicado ÁS AVES.

MOGOSTO E ACTUACIÓN DO MAGO BENXAMÍN 11-11-19

O luns día 11 de novembro celebramos o MAGOSTO coa visita do MAGO BENXAMÍN, que fixo a delicia dos nenos e nenas cos seus fantásticos trucos de maxia. Ao remate do día para celebrar esta festividade, todo o colexio e pais e nais saímos para o patio pola tarde para comer as castañas que previamente asaron as cociñeiras na cociña. Pica nas imaxes para ver máis.


SAMAÍN 30-10-19

Celebramos o SAMAÍN o mércores día 30 de outubro. Con anterioridade propuxéranse dous concursos, o CONCURSO DE CABAZAS e o CONCURSO DE RELATOS DE MEDO. Ese mesmo día entregáronse os premios e fixemos varios obradoiros. Comezamos a mañá coa canción do MOUCHO; logo falamos desta ave e finalizamos decorando, por parte dos nenos, un moucho grandísimo con anacos (tipo puzzle) decorados por eles. A 2ª actividade foi un OBRADOIRO DE PETISCOS TERRORÍFICOS, que unha vez elaborados, os nenos, xantaron antes de sair ao recreo. Logo fixemos o OBRADOIRO DE MAQUIULLAXE E CARETAS. Na hora de xantar entregáronse os premios aos gañadores da ambos concursos, para rematar as actividades deste día pola tarde cos nosos "AMADRIÑAMENTOS E APADRIÑAMENTOS LECTORES". Pica nas imaxes para ver máis.

Os gañadores do CONCURSO DE RELATOS DE MEDO foron:

  • Infantil 3 anos co seu relato "Había unha vez un conto negro"
  • Infantil de 4º e 5º anos co seu relato "A bruxa comenenos e o dragón aterrador"
  • 2º primaria PABLO AROSA ANTELO co seu relato "A Bruxa"
  • 3º primaria ÁNGEL GRILLE CALVELO co seu relato "O moucho, a bruxa e as tres curuxas"
  • 6º primaria JORGE LEMA ZAMORA co seu relato "O misterio das andoriás meixa"

Os gañadores do CONCURSO DE CABAZAS foron:

  • 1º PREMIO para SORAYA LAGO SILVA (3º primaria)
  • 2º PREMIO para DANIEL INSUA MOLDES (infantil 5 anos)
  • 3º PREMIO para MARTINA PEREIRA TUÑAS (4º primaria)

Para ver as fotos dos gañadores e da entrega de premios, pica nos títulos dos concursos.

Para ver os RELATOS gañadores picade AQUÍ.

CONTACONTOS TEATRAL TRINKETRINKE "Familias Diversas" 21-10-19

O xoves día 24 de outubro, para celebrar o "DÍA DA BIBLIOTECA", contamos no cole coa presenza da ratiña LILÍ GRUYÈRE da compañía de Teatro TRINKETRINKE, que nos contou unhas cantas historias. Pica nas imaxes para ver máis fotos de ese día.



CELEBRACIÓN DO "DÍA DAS AVES MIGRATORIAS" 11-10-19

Celebramos o día 11 de outubro no patio o "DÍA DAS AVES MIGRATORIAS" (12-10-19), adicándolle este día á Protección das aves contra a contaminación dos plásticos. Xuntámonos todo o colexio no patio, e a mestra Susi falounos un chisco sobre as aves migratorias e leunos un texto sobre as Andoriñas. Finalmente colocamos unha CAIXA-NIÑO no noso fermoso castiñeiro, co fin de ver aniñar a algunha ave. Para rematar o día vimos unha fermosa película sobre aves "VOANDO LIBRE". Pica nas fotos para ver máis.

         

        

"OS FABULOSOS CLEANERS" TEATRO DE POMPAS DE XABÓN 04-10-19

O venres día 4 de outubro, na Aula de Cultura da Picota, asistimos todo o colexio a un espectáculo de pompas de xabón a cargo de "Os Fabulosos Cleaners". Un espectáculo increible!!!!! Picade nas fotos para ver máis.




CHARLA DE DAVID ARCAY SOBRE A PESCA SEN MORTE 25-09-19

Dende o Concello se nos plantexou a posibilidade de levar a cabo un charla para os alumnos de 3º a 6º de primaria, con DAVID ARCAY, tetracampión do mundo de pesca sen morte. Logo, no patio, fíxonos algunha demostración con canas e algúns xogos de equipo. Pica nas imaxes para ver máis fotos.


INICIO DE CURSO 2019-2020

Iniciamos un curso máis, e para coñecernos todos un pouco, fixemos unha roda, onde se ían presentando os novos alumnos, pais, nais e mestres. Logo bailamos unha canción moi sinxela (Namariè), comenzando así un curso que se prevé maravilloso. Picando nas imaxes veredes máis fotos de ese día.


FONDO SOLIDARIO, AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR 2019-2020

EIQUÍ PODEREDES VER TODA A INFORMACIÓN RELATIVA AO FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO, AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR 2019-2020

Orde do 3 de maio de 2019 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinados ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2019-2020.

                                                        

CHARLA SOBRE "O DOCE MUNDO DO MEL DE GALICIA" 21-05-19

Visitou o noso centro Beatriz Ríos Cebreiros, o martes día 21 de maio, para dar unha charla aos nenos de primaria sobre "O DOCE MUNDO DO MEL DE GALICIA" dentro da campaña "Mel de Galicia nos colexios".

LETRAS GALEGAS 2019 (ANTÓN FRAGUAS) E OS MAIOS 15-05-19

O mércores, día 15 de maio, celebramos no cole o DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019, este ano adicado a ANTÓN FRAGUAS. Fixemos un maio, coma tódolos anos no patio sur, coas frores e prantas que as familias ían mandando dende as casas. Logo cantamos varias cancións dos maios "O maio das Nogais" e "O Mazarico", e rematamos coa entrega dos premios do Concurso de Ilustración e Narración das Letras Galegas.

Os gañadores foron:

  • Infantil: LAURA PÉREZ PARÍS
  • 1º e 2º: IKER FREIRE CAMBEIRO
  • 3º e 4º: AROA LEMA ZAMORA
  • 5º e 6º: PAULA MANEIRO BERGANTIÑOS

Se queredes ver as creacións gañadoras visitar o blogue da Biblioteca.

DIFERENTES SECCIÓNS NA NOSA "RADIO ROSIÑA".

Cabe destacar que a nosa RADIO ROSIÑA, cada vez ten maior actividade. Así podemos mencionar diferentes seccións que se están levando a cabo ao longo deste ano. Entre estas cabe destacar, A entrevista que se lle fixo a uns avos e avoas dos alumnos do cole sobre "O BOLO DO POTE", a participación no I CONCURSO DE PODCASTS DE RADIO, onde NOTICIÓN!!!!!!! os nosos alumnos máis pequenos de infantil, foron os gañadores do I Concurso de Podcasts Radio na Biblio, coa súa gravación "O MAZARICO" que será difundido pola Radio Galega. Ou que viñera un pai a ler un texto para o día do Libro Infantil 2019 (Luís Martínez Tubío). GRAZAS A TODOS POLA VOSA DESINTERESADA PARTICIPACIÓN. Se queredes escoitar estes audios premer nas imaxes.

"Mazarico, lindo mazarico,

quen che deu a ti ese tremendo pico.

Ai, ai, meu mazaricán,

flor da miña vida dame a túa man.

Ai, ai, meu mazaricón, flor da miña vida do meu corazón".

EXCURSIÓN A SANTIAGO. EXPOSICIÓN LEONARDO DA VINCI 14-05-19

O martes, día 14 de maio, fomos todo o colexio de excursión a Santiago para realizar unha visita que tiñamos concertada a San Martín Pinario para ver a EXPOSICIÓN DE LEONARDO DA VINCI, dentro do programa de actividades que estamos a facer este curso co noso proxecto sobre a Ciencia. Os nenos poideron ver dentro da visita guiada a dedicación de este xenio á pintura, ao seu estudo sobre a anatomía humana, á auga e ao voo, entre outras moitas cousas, celebrando así tamén o 500 aniversario da súa morte. Despois fomos todos paseando polas rúas de Compostela cara o Parque da Alameda onde os nenos xogaron ata cansar e onde xantamos antes de vir de volta para o centro. Picade nas fotos para ver máis.

GALETEATRO PARA CELEBRAR AS LETRAS GALEGAS 2019-ANTÓN FRAGUAS 06-05-19

O luns. dia 6 de maio, para ir quentando motores de cara ás Letras Galegas, tivemos no colexio a GALETEATRO. Con Alba e Tone deleitaron aos nenos co seu "Xogo das Letras". Un gran proxecto teatral que presta moitísima importancia á figura de Antón Fraguas. Para ver todas as fotos, picade nestas imaxes.

O NOSO HORTO ESCOLAR A PLENO RENDEMENTO 03-05-19

O noso HORTO ESCOLAR está super bonito, con todo canto plantaron os nenos e nenas do colexio (leitugas, tomates, pementos, amorodos, etc), dende infantil ata 6º de primaria. Así case tódolos días aproveitamos para que os nenos recollan leitugas e outras cousas para levar ao noso comedor. Así da gusto!!!!!!

CIENCIA EN MOVIMIENTO 03-05-19

O venres, día 3 de maio, visitou o noso centro unha actividade levada a cabo por Suso e Nuria que levaba por nome "CIENCIA EN MOVIMIENTO". Ao longo da mañá fixéronse diversos obradoiros para os alumnos de infantil e o alumnado de 1º a 3º de primaria, e despois do recreo o alumnodao de 4º ata 6º de primaria traballaron nun MUSEO cunha innuerable cantidade de experimentos que puideron probar in situ. Para ver tódalas fotos de ese día, picade nas fotos.

CELTIA FIGUEIRAS NO DÍA DO LIBRO E AMADRIÑAMENTOS E APADRIÑAMENTOS LECTORES 23-04-19

O martes, día 23 de abril de 2019, celebramos o DÍA DO LIBRO, traendo ao colexio a CELTIA FIGUEIRAS, que encheu de contos e música a nosa biblioteca, xa que viña acompañada dunha familia de bonecos, que fixeron as delicias dos nosos nenos. Pola tarde e seguindo coas celebracións de ese día, levamos a cabo os AMADRIÑAMENTOS E APADRIÑAMENTOS LECTORES, que consisten en que nenos de maior idade lles lean un conto a outros máis pequenos en calqueira parte do colexio, para rematar facendo un debuxo de conto leído. Picade nas imaxes, para ver as fotols de ese día.

EXCURSIÓN Á CORUÑA 05-04-19

O venres día 5 de abril, fomos todos de excursión a Coruña en dous autobuses: Un que levou aos nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria a visitar a Redacción Central de La Voz de Galicia en Arteixo. E outro bus que levou aos máis pequenos do cole, os de infantil e 1º e 2º de primaria ao Palacio da Ópera da Coruña para ver un concerto didáctico onde escoitaron temas tradicionais de rexións de África con instrumentos típicos africanos coma o djembé, o caxixi ou a kalimba. Para ver as fotos de ese día picade nas imaxes.

2ª XORNADA DE FORMACIÓN PARA OS ALUMNOS EN RADIO ROSIÑA 29-03-19

Durante dúas xornadas Luís de Radio Espora, visitounos para darlles aos nosos alumnos unhas pequenas clases a modo de formación na nosa Radio Rosiña. Foron indo en diferentes grupos para que todos poideran gravar algo na Radio. Se queredes escoitar as gravacións feitas ese día, picade AQUÍ.

EXCURSIÓN A SANTIAGO 20-03-19

O mércores día 20 de marzo, todo o centro fumos de excursión a Santiago. Os máis pequenos de Infantil e 1º e 2º de primaria foron ao Teatro Principal para asistir á representación teatral da compañía Elefante Elegante titulada "A Danza da choiva". Ao remate deron un paseo pola zona vella de Santiago, para rematar a camiñata nun parque da Alameda. Os maiores, mentres tanto, visitaban o laboratorio de ÁNGEL CARRACEDO, onde viviron moitísimas experiencias e o pasaron xenial entre tubos de ensaio e aparellos de análise de ADN. Despois foron ao Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, onde estiveron moi atentos ás explicacións dun experto que tamén nos ensinou diferentes aparellos meteorolóxicos e mesmo un telescopio grandísimo. Todos nos reunimos para xantar nun parque e regresar para San Cosme. Para ver tódalas fotos de ese día, picade en cada unha das diferentes imaxes.

NOVIDADES EN RADIO "ROSIÑA" 14-03-19

Dende principios de marzo, contamos na nosa RADIO ROSIÑA, cunha nova ferramenta: a de avisar á xente que pasa polo pasillo do centro de cando se está a gravar na radio e cando non, co fin de que se faga o menor ruído posible. Para este fin, colocouse un sinal visual coas letras "ON AIR" que cando se está gravando na radio está acendido.

QUEIMA DO MECO 11-03-19

O primeiro día de bo tempo despois do Entroido, foi o luns 11 de marzo, e foi o día escollido para a QUEIMA DO MECO, como todos os anos. En horario de tarde saímos co alumnado para levar a cabo esta actividade no patio. O MECO é un boneco tradicional que coa súa presencia anuncia a chegada do entroido. O enterro da sardiña ou a queima do Meco, é unha tradición que simboliza a penitencia ao desenfreo, o triunfo da cinza e a imposición da austeridade que comeza coa Cuaresma.

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

                          

Distribuir contido


by Dr. Radut