Skip to Content

Audición e Linguaxe

RECOMENDACIÓNS BÁSICAS

 Cando o alumnado presenta unha alteración da fala debemos traballar para correxila, tanto dende os centros educativos como dende a casa.
Por iso, aquí ofreceranse unha serie de recomendacións que deberían ter en conta cando están cos seus fillos ou fillas.

CREAR SITUACIÓNS COMUNICATIVAS:

  • Debemos buscar momentos para compartir experiencias, xogos e todo tipo de actividades que favorezan a conduta comunicativa do neno ou da nena.
  • Cando o bañemos podemos ir ensinándolle as partes do corpo, no momento de vestirse podemos repasar as prendas de vestir... (todo dun xeito moi natural).
  • Os contos con imaxes son moi bos sempre que se incorporen comentarios ao neno ou nena sobre as imaxes que chaman a súa atención.

 

DESENVOLVER APTITUDES DE OBSERVACIÓN:

  • As familias sodes os que máis tempo pasades cos nenos e nenas e sodes os que mellor os coñecedes, polo tanto seredes os principais observadores das súas condutas.
  • É moi importante que teñades en conta como é a súa fala, cales son as súas maneiras de comunicarse, cando son máis expresivos, ou cales son os seus avances e retrocesos, para poder contárnolo aos mestres e mestras.

 

 

EVITAR A CONDUTA DIRECTIVA:

  • Debedes ser flexibles e evitar impoñerlles en todo momento o voso criterio.
  • Enriquecer en todo momento a súa actividade, aportándolle ideas.
  • Fomentar a interacción co resto do seu contorno.
  • Respectar certos espazos de tempo no que se poidan expresar libremente.

 

ELIMINAR CONDUTAS NEGATIVAS:

  • Intentar controlar todo tipo de actitude negativa ante a súa linguaxe.
  • Unha situación relaxada favorece unha emisión máis abundante e fluída.
  • Controlar as manifestacións de ansiedade.
  • Evitar castigos relacionados coa linguaxe.
  • Eliminar as correccións explícitas: “iso non se di así”, “dio ben”... teñen un tempo para adquirir os diferentes sons da nosa lingua e uns son máis fáciles ca outros.

 

AXUSTAR A NOSA LINGUAXE – APRENDER A USALA MELLOR

Os nenos e as nenas aprenden a linguaxe escoitando a fala das persoas do seu contorno familiar e imitándoo. Por iso, se lles debe falar moito, cunha linguaxe sinxela e clara que poidan entender:

  • Falarlles máis amodo pero sen romper a entoación natural.
  • Pronunciar correctamente sen esaxerar nin gritar.
  • Repetir se é preciso ou intentar dicir o mesmo doutro xeito con palabras que coñezan.
  • Respectar a quenda de palabra.
  • Empregar xestos naturais para facilitar a comprensión.
  • Adecuar o tamaño e a dificultade das mensaxes ao seu nivel.
  • Empregar frases simples pero correctas.
  • Devolverlle os seus enunciados mellorados e engadíndolle palabras (Exemplo: “mamá toche” ; “si, este é o coche de mamá, o coche de mamá a verde...”).
  • Formular preguntas alternativas, darlle opcións para que non se limite a dicir si ou non (Exemplo: De que queres o bocadillo, de xamón ou de queixo?)
  • Saber manter o noso interese e garantir a continuidade da conversa: si?, de verdade?, por que?, cando?...

 

FELICITAR E PREMIAR CADA META ACADADA

Distribuir contido


by Dr. Radut