Skip to Content

ADAPTACIÓNS DAS PROGRAMACIÓNS .

 Atendendo as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación  Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, para os centros docentes da Comunidade Autónoma publicamos as adaptacións  das programacións didácticas .

Publicadas no apartado Documentos do centro.

 

Día do Libro

Que alegría levamos as profes ao ver que  guap@s estades cos vosos libros, este ano non puidemos celebrar o día do libro na nosa biblioteca, donde sempre había algunha bonita lectura.

Por iso a profe Carmen fixo este vídeo coas vosas imaxes e os vosos libros preferidos , para que compartirades un minutiño do voso tempo e así sentirmos máis cerca.

Temos que agradecer a Pablo Díaz que nos dera permiso para utilizar a súa canción.

 

Pinchade na imaxe para ver o vídeo.

 

MATRÍCULA 2020/2021

Reapertura do prazo de admisión de alumnado

Novas matrículas

 

 DOG do 6 de maio, publícase o Acordo sobre o restablecemento do proceso de admisión de alumnado. Para a realización e seguimento deste acordo a dirección do centro informa do seguinte:

  • O novo prazo de entrega de solicitudes será do 11 ao 18 de maio ambos inclusive, en horario de 10 a 13h na secretaría do colexio ou de forma telemática en
    https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/. Cubrir solitude acompañala do libro de familia o DNI do neno ou nena. Recoméndase traer tamén certificado de empadronamento e demáis documentación que quere aportar ao baremo. Revisar que ven cuberta a folla do autobaremo e que todos os membros da unidade familiar consinten na cosulta telemática dos datos.
  • A presentación de documentación acreditativa do baremo será ata o 26 de maio. (Recoméndase entregala do 11 ao 18 de maio)
  • Publicación de listaxes provisionais de alumnado admitido e non admitido  o 8 de xuño.
  • Reclamacións do 9 ao 11 de xuño en horario de 10 a 12h na secretaría do colexio.
  • Publicación das listaxes definitivas antes do 26 de xuño.
  • Formalización da matrícula en secretaría: do 1 ao 10 de xullo 

NORMAS BÁSICAS DE ACCESO AO COLEXIO

  1. Na medida do posible, unha única persoa para realizar a xestión en secretaría.
  2. Seguir indicacións na entrada, e manter distancia de seguridade con outras persoas que se atopen no recinto.

NOTA IMPORTANTE: O colexio abre o luns 11, exclusivamente e co persoal imprescindible para atender este proceso de admisión de alumnado. Para o resto de consultas ou trámites, por favor, utilizar o teléfono 881930336 ou o correo electrónico: ceip.santiago.apostolo@edu.xunta.gal

 

FACEMOS UNHA MARIONETA?

Aquí tedes unha proposta de actividade plástica moi ben explicadiña pola profe Carmen que é unha gran artista. Pinchando na foto podedes observar a súa obra e os pasos a seguir para chegar a facer unha similar.

Animádevos e veredes como con materiais que tod@s tedes por casa, podedes elaborar cousas ben bonitas e divertidas.

Mandádenos as vosas fotos ou pequenos vídeos a un dos seguintes enderezos

ceip.santiago.apostolo@edu.xunta.gal

bibliofranza@gmail.com

INSTRUCIÓNS 3º TRIMESTRE

Prezadas familias;

A Consellería publicou esta semana as instrucións para o desenvolvemento do terceiro  trimestre

http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/instrucions_3trimestre.pdf

Unha vez reunido o claustro para a aplicación das mesmas no noso centro, o primeiro que queremos, é continuar transmitíndovos tranquilidade e agradecervos a vosa participación e implicación nas nosas propostas.

A continuación, detallámosvos, algúns dos aspectos que nos parecen máis relevantes e acordos tomados:

  • O curso remata o día 19 de xuño, tal e como se regula na Orde do 20 de xuño de 2019, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2019/2020 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

  • O profesorado levará a cabo unha revisión das programación didácticas, que se fará pública na páxina web do centro o día 12 de maio.

 

  • No terceiro trimestre do curso 2019-2020 o traballo do alumnado centrarase especialmente no desenvolvemento das actividades de recuperación, repaso, reforzo, e fomentando as rutinas de traballo .

 

  •  A avaliación terá carácter continuo e global, diagnóstico e formativo,realizarase a partir das avaliacións anteriores e as actividades desenvolvidas durante o terceiro trimestre, sempre que iso favoreza ao alumno ou á alumna. En ningún caso, o alumnado poderá verse prexudicado polas dificultades derivadas do cambio de metodoloxía a distancia do terceiro trimestre.

 

O profesorado do centro solicitará o envío de certas actividades, como evidencia da realización das mesmas, a través das canles de comunicación que utilizades habitualmente..

 

  • Flexibilizaranse de maneira excepcional durante o curso 2019-2020, os criterios de promoción en todos os cursos de Educación Primaria, sen ter en conta limitacións que afecten ao número de áreas pendentes. A avaliación do alumnado terá en conta o seu progreso no conxunto das áreas. A repetición considerarase unha medida de carácter excepcional.

Agardando que esteades todas e todos ben, quedamos á vosa disposición.

 

Un saúdo

O equipo directivo

23 de abril DIA DO LIBRO na distancia

Non estaremos xunt@s na biblioteca, non faremos actividades colectivas no cole, pero, aínda que sexa a distancia, non queremos deixar de recordar e celebrar con vós este día tan especial na vida do noso colexio.

Para iso empezamos cun fermoso texto sobre a lectura escrito por Manuel Gago para a Asesoría de Biblitotecas Escolares. Podedes lelo pinchando no enlace

MANUEL GAGO

Continuamos cun vídeo do álbum ilustrado "Flotante": unha historia dentro dunha historia, un mundo dentro doutro mundo...

E rematamos cun conto deste tema tan actual: o coronavirus, feito con papiroflexia.

 Animádevos a facelo na casa!

 

O MEU LIBRO FAVORITO É...

Propoñémosvos que busquedes o libro que máis vos guste dos que tedes na casa e vos saquedes unha foto con el para compartilo con tod@s nós.

Enviade a foto ao correo da biblioteca   bibliofranza@gmail.com  para facer unha montaxe con todas xuntas.

 

SEMANA DO 20 AO 24 DE ABRIL

Xa tedes publicado nos diferentes cursos unha serie de actividades novas para esta semana.

Tamén deixámosvos aquí unhas recomendacións que seguro nos van vir ben a tod@s.

 

SEMANA DO 14 AO 17 DE ABRIL

Ante a falta de novas instrucións por parte da Consellería de Educación para comezar e desenvolver o 3º trimestre, nós, decidimos continuar como ata o de agora.

Enviámosvos para esta 4ª semana lectiva de confinamento, unha nova proposta de actividades dende as diferentes titorías e especialistas. A partir de agora ides poder consultar as actividades  clasificadas por cursos na columna da esquerda, na sección ACTIVIDADES.

En colaboración co concello de Mugardos fixemos chegar ao alumnado que non dispoñía dos medios informáticos axeitados para consultar as actividades propostas, o material necesario para levar a cabo os diferentes traballos.

 Ao resto, ímosvos facilitar un nome de usuario e un contrasinal para que poidades acceder á páxina wwwanayaeducación.es onde ides atopar os libros on line ademais dunha serie de actividades interactivas das diferentes materias. A todo isto podedes chegar entrando na sección de alumnado e familias.

                 

Se tedes algunha dúbida ou problema poñédevos en contacto coas vosas titoras que vos axudarán a resolvelo.

ÁNIMO, estádelo facendo moi ben e aprendendo unha gran lección.

 

PACIENCIA que xa queda menos para que nos volvamos a encontrar.

INSTRUCIÓNS DA CONSELLERÍA E ABALAR MÓBIL

A pesar desta situación que estamos a vivir, as novas remitidas pola Consellería son que se vai levar a cabo a 2ª avaliación con data do venres 13 de marzo.

As titoras e mestres especialistas avaliarán os contidos traballados ata ese momento. Pero tede en conta que, o único que todo o profesorado do centro queremos transmitir a cada unha das familias do noso alumndado, é moitísima tranquilidade, xa que somos conscientes das prioridades que deben existir actualmente nas casas. Esperemos saír desta situación o antes posible  sen vernos demasiado afectados por todo o que nos toca vivir e confiade en que cando volvamos reencontrarnos tentaremos facer todo o que estea nas nosas mans para voltar á normalidade.

Para acceder ás cualificacións d@s vos@s fill@s tedes á vosa disposición abalar móbil. O seguinte enlace contén unha guía para descargar a aplicación e os pasos a seguir para rexistrarse.

GUÍA ABALARMÓBIL

A aplicación está tanto en Play Store como en Apple Store.

As cualificacións da 2ª avaliación estarán dispoñibles o venres 3 de abril, a partir das 14:00h, no apartado "Consultar cualificacións" da aplicación.

Na páxina de abalar móbil tamén tedes acceso a "Respostas a preguntas frcuentes". Premede aquí.

Ante calquera dúbida ou dificultade non dubidedes en poñervos en contacto con nós no enderezo ceip.santiago.apostolo@edu.xunta.gal

Estamos a vosa disposición para o que precisedes.

MOITO ÁNIMO PARA TOD@S!!!!

Reunións coas familias

Os vindeiros luns 7 e martes 8 levaremos a cabo as reunións presenciais coas familias  seguindo os horarios establecidos a continuación.

Luns 7 Martes 8

de E.P.: 10:30 h

de E.P.: 11:30 h

de E.P.: 10:00 h

de E.P.: 10:15 h

de E.P.: 10:30 h

de E.P.: 11:30 h

*Ás familias do alumnado de Educación Infantil serán avisadas telefonicamente.

Importante:Ás reunións so poderá asistir unha persoa por familia e non deberá vir acompañada por ningún nen@.

Distribuir contido


by Dr. Radut