AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO, MATERIAL ESCOLAR, FONDO SOLIDARIO E BANCO DE LIBROS DA ANPA
No DOG de 20 de maio de 2021 publicouse a Orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2021/2022.
No curso 2021/2022 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º e 4º de Primaria. En 1º e 2º de educación primaria haberá as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado en toda a Educación Primaria.
O alumnado matriculado no curso 2021/22 en 5º e 6º de EP no noso centro, ao formar parte do Proxecto E-DIXGAL, está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúnan os requisitos establecidos na orde.
A convocatoria tamén pode consultarse no taboleiro de anuncios do colexio e no portal da Consellería: https://www.edu.xunta.es/fondolibros/PaxinaInicio.action
O prazo para a presentación das solicitudes remata o 22 de xuño de 2021, inclusive.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «fondolibros» (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente no centro ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Neste caso a solicitude será única para todos os fillos admitidos no mesmo centro.
Para presentar a solicitude presencialmente no centro é preciso concertar cita previa (881880022 -- ceip.sada@edu.xunta.gal).
Fondo público solidario. Será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros de texto do curso 2020 2021.
Banco de libros da Asociación de Nais e Pais. Para aquelas familias que non se lles concedan libros a través do Fondo solidario (por superar os límites de renda ou non o solicitaran) hai libros da ANPA nestes cursos que seguramente sexan suficientes. A ANPA comunicará más adiante como acollerse ao Banco de libros (para facelo é preciso ser socio/a).