Skip to Content

Simone Biles

Actividades da promoción de 2011

Monicreques 6º

Este ano fixemos uns monicreques terroríficos, queredes velos?

Educación Viaria

O noso centro participa no Programa de Educación Viaria do Concello de Vilagarcía. 

O alumnado de 6º é o que máis sorte ten porque, grazas a este programa ademais de aprender moito sobre seguridade viaria, pon en práctica todo o aprendido no circuíto de bicis e karts que a Policía Municipal monta en FEXDEGA.

Pasámolo en grande!

Moitas grazas, un ano máis, á Policía Local.

Visitamos o Faro de Vigo e unha exposición de Leonardo da Vinci

O día 22 de febreiro fomos á cidade de Vigo a facer dúas visitas moi interesantes acompañados polos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do noso colexio.

En primeiro lugar, visitamos as instalacións do xornal "Faro de Vigo". Segundo nos contaron, é o xornal decano no noso país, é dicir, o xornal máis antigo de España. De feito, este ano 2018 están a celebrar o seu 165 aniversario!

Durante a nosa visita puidemos ver as oficinas dos diferentes grupos de traballo: redacción, persoal, administración, etc. Ademais, cara ao final da nosa visita, estivemos a ver a rotativa, unha impresora de tamaño xigante que é capaz de procesar 45.000 xornais cada día nunhas dúas horas. Incrible!

Ao saír do Faro de Vigo achegámonos á cidade Olívica para visitar unha exposición sobre o gran Leonardo da Vinci. Ao longo de toda a semana estivemos a traballar sobre as súas proezas e enxeños. Ademais, tamén obervamos algúns detalles sobre a Gioconda (sorrí en función de como a miremos, séguenos coa vista, etc.), e doutras obras como o "Home de Vitruvio" que reflicte as proporcións óptimas do corpo do ser humano.

Pero, sen dúbida, foi na exposición onde nos decatamos da xenialidade e grandiosidade deste persoeiro do Renacemento. Foi quen de anticiparse a inventos que non se farían realidade ata 400 ou 500 anos despois... Impresionante!

Durante a nosa visita visualizamos un documental sobre Leonardo, vimos réplicas dos seus cadros máis famosos para, finalmente, analizar os inventos realizados a partir dos esbozos do xenio florentino.

Sen dúbida, foi unha experiencia marabillosa para todas e todos!

Xa chegou o Entroido!

O pasado día 9 de xaneiro celebramos no cole o Entroido. Posto que estamos no proxecto "Sabela viaxa pola historia", iamos caracterizados con personaxes da idade media: Cabaleiros, princesas e mesmo bufóns.

E, por suposto, non hai mellores doces para acompañar unha merenda de Entroido que as orellas e as filloas! Noraboa ás nais e aos pais por preparar uns doces tan ricos!

Despois puidemos cantar a letra que fixemos na clase, versionando a canción de Ed Sheeran "Shape of you". Aquí a tedes:

Somos os alumnos de 4º de Primaria do Colexio de Rubiáns.

Estamos estudando sobre a Idade Media e dásenos xenial.

Estamos no castelo subimos á torre e observamos o batallón.

Somos reis, somos raíñas, princesas, cabaleiros ou mesmo un bufón.

 

O noso castelo imos defender,

non nos imos cansar

Imos loitar.

Ata podermos gañar,

ata podermos gañar.

 

A nosa muralla non derrubarán,

nós non imos perder,

imos vencer.

Témonos que protexer,

Témonos que protexer, mmm...

 

Temos o Castelo en Rubiáns

O medievo imos estudar.

Somos de cuarto xa verás,

Na muralla imos a loitar.

Os inimigos non vencerán,

ás torres a vixiar.

Estanse achegando, veñen a loitar...

Protexede o castelo

Uah, uah, uah, uah...

Protexede o castelo

Uah, uah, uah, uah...

Protexede o castelo

Uah, uah, uah, uah...

Levantade a ponte imos a loitar:

AOS DE 4º NON VENCERÁN!

Por último, debemos darlle os parabéns aos compañeiros e compañeiras dos demais cursos e aos seus profes por vir tan ben disfrazados.

Que viva o Entroido!

Os estandartes de avaliación

Co gallo de dinamizar a convivencia do grupo de 4º de primaria, decidimos elaborar, entre todos e todas, unha listaxe de normas de aula.

Esta listaxe está elaborada polos alumnos/as e revisada posteriormente. Xunto a estas normas creáronse (en relación co proxecto Historia) tres estandartes de comportamento. Estes estandartes teñen as mesmas cores que un semáforo: vermello, laranxa e verde.

Cada neno/a terá un marcador co seu nome que comezará, ao inicio de cada xornada escolar, no estandarte verde. Se a medida que avanza a xornada escolar, algún alumno/a incumple unha vez algunha das normas, pasará o seu marcador ao estandarte laranxa, ou mesmo ao vermello, no caso de producirse unha reiteración do incumprimento da mesma norma ou outra diferente.

Desde a nosa aula tentamos que a convivencia, o traballo en equipo, o respecto aos iguais e o esforzo son indispensables no desenvolvemento das actividades escolares. Deste xeito, pretendemos que a convivencia da aula vaia da man xunto co plan de convivencia e as NOFC (Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia) do noso centro.

Benvidos á Aula de 4º de Educación Primaria

Dámosvos a benvida ao espazo dixital da aula de 4º de educación primaria do CEIP de Rubiáns.

Ao longo do curso poderedes consultar a información das actividades que vaiamos realizando, así como outras cuestións de interese sobre o noso traballo na aula.

Como xa sabedes, os alumnos e alumnas de 4º de primaria teñen asignada a Simone Biles dentro do PDI (Proxecto Documental Integrado) sobre As Mulleres Importantes na Historia, ao longo deste curso achegarémosvos información sobre esta excelente atleta neste espazo da web do cole.

Ademais, desde a nosa aula, traballaremos de xeito aliñado co Proxecto de centro sobre a historia. Nós, xunto cos compañeiros e compañeiras de 3º de EP, faremos a nosa achega sobre o período correspondente á Idade Media.

Botade unha ollada de cando en vez, para ver os avances dos cativos ao longo deste curso 2017/18.

 

Resumo fotográfico 2º curso de primaria 2015/16

Neste enlace poderedes ver moito do que fixemos neste curso que remata:

 

VIVEIRO DE CASTAÑAS

Distribuir contido


by Dr. Radut