Skip to Content

Visitamos o Faro de Vigo e unha exposición de Leonardo da Vinci

O día 22 de febreiro fomos á cidade de Vigo a facer dúas visitas moi interesantes acompañados polos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do noso colexio.

En primeiro lugar, visitamos as instalacións do xornal "Faro de Vigo". Segundo nos contaron, é o xornal decano no noso país, é dicir, o xornal máis antigo de España. De feito, este ano 2018 están a celebrar o seu 165 aniversario!

Durante a nosa visita puidemos ver as oficinas dos diferentes grupos de traballo: redacción, persoal, administración, etc. Ademais, cara ao final da nosa visita, estivemos a ver a rotativa, unha impresora de tamaño xigante que é capaz de procesar 45.000 xornais cada día nunhas dúas horas. Incrible!

Ao saír do Faro de Vigo achegámonos á cidade Olívica para visitar unha exposición sobre o gran Leonardo da Vinci. Ao longo de toda a semana estivemos a traballar sobre as súas proezas e enxeños. Ademais, tamén obervamos algúns detalles sobre a Gioconda (sorrí en función de como a miremos, séguenos coa vista, etc.), e doutras obras como o "Home de Vitruvio" que reflicte as proporcións óptimas do corpo do ser humano.

Pero, sen dúbida, foi na exposición onde nos decatamos da xenialidade e grandiosidade deste persoeiro do Renacemento. Foi quen de anticiparse a inventos que non se farían realidade ata 400 ou 500 anos despois... Impresionante!

Durante a nosa visita visualizamos un documental sobre Leonardo, vimos réplicas dos seus cadros máis famosos para, finalmente, analizar os inventos realizados a partir dos esbozos do xenio florentino.

Sen dúbida, foi unha experiencia marabillosa para todas e todos!

Comentarios

Enviar un comentario novo



page | by Dr. Radut