Skip to Content

Visita do pintor José Luis Vázquez Meijide

O venres o pintor vilagarcián José Luis Vázquez Meijide, MEI, visitou o noso centro para darlle a coñecer ao alumnado de 4º, 5º e 6º a súa obra e o camiño que tivo que percorrer ata atopar o seu propio estilo.

Explicoulles o importante que é non renderse e facer o que che gusta aínda que non saibas facelo ben, pois el malia non saber debuxar chegou a ter as súas propias exposicións individuais e expoñer  a súa obra en lugares tan importantes coma a Sala Gaudí en Madrid, Estocolmo ou Alemaña.

Foi un gran descubremento e unha charla moi amena.

Á volta do Nadal será o turno dos compañeiros de primaria.

 

 

Títeres polo Nadal!

Un ano máis celebramos o Nadal con títeres. Da man da compañía Tarabelos puidemos pasar unha mañá do máis entretida coa obra "Sabela e o paxaro máxico", que o artista adicou á nosa Sabela.

Nesta ocasión Sabela tivo que enfrontarse aos seus medos e ser quen de superar numerosas probas que lle fixeron ver que pode conseguir todo o que se propoña.

Campaña Nadal de Cáritas

Boas familias:

Coma cada ano por estas datas pedimos a vosa colaboración na Campaña de Nadal de Cáritas. Vai adxunto un documento coas necesidades máis urxentes que dende a entidade nos envían: alimentos básicos (leite, café, galletas, fariña, lentellas, conservas, etc), surtidos navideños dada as datas, productos de hixiene (deterxente, desodorante, servilletas, etc) ou roupa e calzado, entre outros.

O prazo para a entrega de alimentos e outros productos no centro é do luns 13 ao venres 17 de decembro.

Grazas pola vosa colaboración!

25N. Construímos Igualdade para loitar contra a Violencia de Xénero

No CEIP Plurilingüe de Rubiáns tomamos o exemplo da graffiteira afgá Shamsia Hassani e pintamos os nosos muros para expresarnos. Ao longo destes días, grazas a colaboración das familias, pintamos o muro da entrada e atamos lazos de cores para dárlle vida á entrada do noso cole, ao tempo que facemos ben visible un dos propósitos do noso centro: educar en Igualdade aos nenos e nenas para que no futuro sexan libres e fortes.

Ademais, tamén traballamos o conto "Pepuka e o Monstro que lle levou o sorriso", de Estela Moreno. Ao igual cas protagonistas das pinturas de Shamsia, Pepuka queda sen boca, xa que o Monstro lla levou. Fixemos a nosa propia versión e ata unha representación para os máis pequenos!

Coma cada ano fixemos unha fotografía como mostra de repulsa cara este tipo de violencia e, nesta ocasión engadimos unha reivindicativa pulseira morada ás camisetas negras. 

SE CHE QUITA O SORRISO, NON É AMOR!

25N: Shamsia Hassani

COÑECE A ARTISTA AFGANA 

 

AGORA DEMOSTRA O QUE APRENDECHES

 

Campo a través 2021

Que ganas tiñamos de saír!

Por fin puidemos saír do cole despois de tanto tempo! E nada menos que para facer deporte. Retomamos as actividades do programa XOGADE e hoxe fomos á carreira de campo a través, que nesta ocasión foi en Catoira.

Como non nos podemos mesturar con outros colexios nin clases tivemos que correr por clases; con todo, pasámolo xenial! Oxalá poidamos facer máis excursións.

Polo San Martiño trompos ao camiño

Como nos gusta a festa! Un ano máis celebramos o Magosto no día de San Martiño, pero desta volta cunha novidade. Veu un castañeiro co seu tren para asar as castañas. En grupos, separados por aulas, puidemos saborear este manxar tan importante para a nosa terra.

Despois de encher ben o bandullo, xogamos a moitos xogos tradicionais, aínda que tamén tivemos que facelo en zonas diferenciadas. Non faltaron a buxaina, o pano, a comba ou as chapas... foi unha xornada na que todos o pasamos moi ben cos xogos de antes que, como di o noso lema deste ano, tamén son para nenos e nenas de agora. E non faltou a música, desta volta a ritmo de rap. Que divertido foi!

O rap do magosto - Paco Moreiras

Convocatoria de eleccións ao Consello escolar

Familias:

Comunico que durante este mes de novembro terá lugar a renovación parcial do Consello escolar nos diversos sectores educativos (profesorado, familias, PAS).

Adxunto as instruccións e o calendario de actuacións que lle foi entregado ao alumnado en formato papel.

 

Uns artistas de medo!

Remata o verán celta e nós celebrámolo con cabazas que, como non podía ser doutro xeito, estaban decoradas inspiradas en obras de arte e artistas.

Por uns días a entrada do cole converteuse nun museo As cabazas eran impresionantes; todas as familias merecen unha felicitación polo seu traballo pois ao derroche de imaxinación engadiron moito traballo para lograr unhas obras de arte espectaculares. Non faltaba detalle; estaban Frida Kahlo, Picasso, Dalí...  O Grito, O fillo do home, unha menina, A mona Lisa, os xirasois... e moitas inspiradas na obra de Yayoi Kusama, Kandinski ou Miró; e ata un museo!

Pero a festa non quedou aí. Todos o alumnado fixo un relato de medo e para elixir un gañador de cada aula foi moi difícil pois todos eran arrepiantes. Os gañadores leron os seus contos aos compañeiros.

E non faltaron a teacher e a profe Chus contando uns contiños.

E para botar os medos fora puxémolos nun papel e démosllos ao come-medos. Que impresión meter a man na súa boca!

Tivemos que facer 3 sesións para cumprir as normas COVID, pero aínda que non estivemos todos xuntos pasámolo de medo!

RENOVACIÓN PARCIAL DO CONSELLO ESCOLAR

Informamos que o vindeiro venres 29 de outubro ás 10:00 terá lugar o sorteo para designar aos membros da Xunta Electoral como parte do proceso de renovación parcial do Consello Escolar.

A Xunta Electoral estará constituída pola dirección do centro, 1 representante dos mestres, 1 representante das familias e 1 representante de PAS. Serán nomeados tanto titulares coma suplentes.

Os representantes que resulten do sorteo serán informados para a constitución da Xunta.

Distribuir contido


by Dr. Radut