Skip to Content

Un poema para ir preparando a entrada no Cole

E ti... vas á escola?

 

O pitiño branco

de crista vermella

comeza hoxe a escola

do medio da eira.

 

 Intúe que a escola

 é algo importante,

porque no poleiro

só fan preguntarlle:

 

 -E ti?...vas á escola?

 -Cando á escola irás?

 -Se non vas á escola...

 non aprenderás.

 

Onte pola noite

non pechaba ollo,

estaba nervioso

con todo ese embrollo.

 

O pitiño branco

non dorme, non soña,

faise mil preguntas

sobre iso da escola:

 

Haberá unha mestra?,

ou un educador?,

será un sitio frío?,

fará nel calor?

 

Que fago cando entre?,

terei que sentar?

Se non teño sitio...

poderei marchar?

 

Alí hai moita xente...

coñecerei a alguén?

Con quen xogo se...

non coñezo a ninguén?

 

E se quero caca

ou facer pipí...

a quen llo debo eu

comentar ou dicir?

 

Se vou ao retrete

saberei regresar?

Quen a cremalleira

me axudará a pechar?

 

E se cando acabe

non me veñen buscar...

que fago? marchar?

ou pórme a chorar?

 

Estas e outras dúbidas

fanlle presentir

que iso da escola

non é para si.

 

Cando dorme, soña

coa avoa galiña.

Que emocionada

está a pobriña!:

 

 -Como pasa o tempo!

Onte inda era ovo,

e hoxe o meu neto

é un alumno novo!

 

Espertou outra vez,

ás tres da mañá

e lembrou as cousas

que lle mercou papá:

 

Un lapis, uns folios,

as cores, un traxe...,

Moitas máis cousas

que se vou de viaxe!

 ..................................

 

 

 

 

 

O galo ergueuse

e chamou ao pitiño,

a pola mandou

bulir un pouquiño:

 

- Hai que bulir un pouco,

 xa pasa da hora

correde ou non chegamos

cediño á escola.

 

Será que a escola

- pensa o pitiño-

se vai desprazando

cada minutiño?

 

Ai que nervios teño!

Xa estamos chegando

con pitas e pitos

eu voume atopando.

 

 

O pai, o galo

está preocupado...:

que fará o pito

cando estea esgotado?

 

Se a escola é –cavila –

o mellor que hai...

por que lle treme todo

á miña bela nai?

...............................

 

Que é iso que soa?

Que é ese timbre?..

Non entro, non quero,

as miñas ás resístense.

 

Mamá dáme bicos,

papá dáme máis,

Nin que me fose

alén de Xangai!

 

Se me dan máis bicos,

voume suxeitar,

forte, moi forte,

non me hei soltar.

 ...........................

 

Chegou o momento,

xa teño que entrar,

saúdanme na porta...

isto vaime gustar.

 

Papá e mamá

quedaron un pouquiño

por se tiña medo

de ficar soíño.

 ............................

... Aos poucos días

vai seguro á escola,

está pouco tempo,

mais todo controla.

 

E é que esta escola,

a escola da eira,

ten un plan de entrada

que é de primeira.

 

Azucena Arias Correa

 



page | by Dr. Radut