Skip to Content

INSCRICIÓN ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES 20/21

A partir de hoxe (non nos especificaron hora) e ata o día 24 de setembro ábrese o prazo de inscripción nas seguintes actividades extraescolares que ofertamos a través da Federación de Anpas e do Concello. 

Todas as inscricións faranse online na web http://www.fedapascoruna.org/inscripciones

Para inscribirse tede en conta o seguinte: 

- Tedes que ser socios da Anpa (podedes facervos socios premendo aquí)

- Hai que aboar 4€ por neno/a en concepto de seguro, con independencia do numero de actividades ás que acuda.

- As persoas beneficiarias da bolsa comedor teñen dereito a calquera destas actividades de xeito gratuito.

Tamén comentar que igual alguna actividade non se chega a facer senon chegamos ao mínimo de 10 nenos.

 

PERÍODO DE REALIZACIÓN

Do 1 de outubro de 2020 ao 31 de maio de 2021.

 

COTAS TRIMESTRAIS A ABOAR

Aboaranse 3 cotas ao longo do curso 20/21 nos seguintes períodos:

• Período outubro-decembro: 15€ por participante e escola deportiva/obradoiro e 18€ por participante e Proxecto.

• Período xaneiro-marzo: 15€ por participante e escola deportiva/obradoiro e 18€ por participante e Proxecto.

• Período abril-maio: 10€ por participante e escola deportiva/obradoiro e 12€ por participante e Proxecto.

En relación a actividade PROXECTOS, a cota inclúe saídas culturais a espazos ou entidades da cidade ou visitas de persoas de referencia, segundo o proxecto, ao propio centro.

 

COLORÍN COLORADO. Contacontos

Actividade de contacontos que fomenta o gusto pola lectura á vez que potencia a imaxinación, curiosidade e a creatividade introducíndoos noutros mundos: reais ou fantásticos. Os contos, historias ou poemas permitirán expresarnos oral e corporalmente; inventando e recreando novos contos e personaxes, apropiándonos das palabras e desenvolvendo así valores estéticos e éticos.

EUREKA! Ciencia Divertida

Descubrir a ciencia dunha maneira lúdica e divertida, a través da experimentación e a observación directa do mundo que nos rodea, fomentando a creatividade e o pensamento crítico.

CANTO CONTO. Animación á Lectura. Contacontos

Actividade que trata de espertar a imaxinación, a desinhibición e o interese pola literatura infantil. Realizarase mediante a narración dun conto, a súa escenificación, algo de atrezo, vestiario e a implicación na historia contada e a creación doutras inventadas. A escoita activa, a comprensión, a súa interpretación e a posta en marcha da imaxinación, son os principais obxectivos desta actividade.

XENIOS. Xogos de Lóxica Matemática

A través da variedade de xogos de lóxica matemática como crebacabezas, ilusións ópticas, parellas, enigmas ou xogos de taboleiro, desenvolveranse habilidades cognitivas como a observación, atención, comprensión, memoria, organización, toma de decisións, xestión emocional e velocidade de pensamento.

ESCAPE ROOM. Pensamento Lóxico Matemático

Xogo baseado no desenvolvemento das habilidades mentais para a solución de enigmas e problemas. Os nenos e nenas traballando en grupo poñerán en xogo a creatividade e o pensamento crítico para ir superando diferentes probas ou retos e así resolver a proba. O obxectivo é saír dunha sala (pode ser virtual) dentro do contexto e recreación dunha historia, e para iso os xogadores deberán usar todas as súas capacidades intelectuais, creativas e de razoamento deductivo.

ESCOLA DE MAXIA. Ciencia e Maxia

Espertar o interese pola ciencia dunha maneira lúdica e apaixonante como é a maxia, desenvolvendo habilidades mentais e corporais. Aplicar a base do método científico en diferentes procesos, propiciando así unha aprendizaxe significativa do mundo que lles rodea. Resolver problemas de maneira sinxela, crear enigmas, elaborar e ensaiar trucos de maxia tamén desenvolverá ao máximo a creatividade e imaxinación.

PROXECTOS

É unha actividade na que partindo dun centro de interese ou tema motivador e baixo a metodoloxía de “traballo por proxectos”, desenvolveranse diferentes actividades multidisciplinares nas que os verdadeiros protagonistas serán os nenos e nenas xerando a súa propia aprendizaxe (aprendizaxe significativo) a través da indagación/investigación e experimentación, fomentando á vez o espírito crítico e o traballo en grupo. 



page | by Dr. Radut