Skip to Content

ABRIUSE UN GROMO

 

Lembrades o proxecto que iniciamos en abril na Educación Infantil? Pois xa deu os seus froitos (nunca mellor dito!).

Plantamos moitas sementes: unhas medran moi rápido e outras moi amodo. Estas últimas aínda necesitan crecer un chisco máis, pero as outras xa están comestibles. 

E fomos apañalas, entón! Collemos coitelo e bañeira e xuntámonos todos e todas na horta. Recolleitamos leitugas, berros (algúns e algunhas pensan que era cilantro), amorodos e... tomates non puidemos porque non saiu ningún (lévano con calma). Trouxémolos da casa, logo.

 

Ao día seguinte, preparámolo todo para o banquete. Lavamos a comida moi ben, botámola en boles, aliñámola e, ao final, comémola. Pódese asegurar que algúns e algunhas incharon a ensalada! Bo proveito!

DÍA DO LIBRO 2016

O 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. No colexio levamos varios días conmemorando esta data a través de moitas actividades. Por exemplo, algúns mestres/as están acudindo a ler contos a clases diferentes ás súas e os nenos/as maiores iranlles contar algunha historia aos máis pequenos/as.

Pola súa parte, os cativos/as de Educación Infantil inventaron, entre as tres clases, un conto apaixoante que foron entregando por capítulos nesta ligazón. Premede na imaxe para velo.

Pero aínda hai máis. Os nenos/as de Primaria participaron nun concurso de ilustradores/as e creadores/as de contos. Primeiro, cada un/nha imaxinou e debuxou catro elementos para un conto. Reparade na cantidade de ingredientes que había para comezar a pensar historias. Puxéronse mans á obra e cada neno/a redactou un relato propio. Xuntouse unha magnífica colección de aventuras e desventuras con mil e un personaxes.

Os gañadores/as e algún outro están expostos na entrada do colexio para que lle poidades botar un ollo. Atoparedes títulos tan atractivos como:

  • El fantasma de María (1º EP).
  • La niña y el cristal mágico de Martina (2º EP).
  • La gran aventura de Manuel y Parlanchín de Carmen (3º EP).
  • Unha historia de amigos de Isabel (4º EP).
  • El perro salvador de Nicolás (5º EP).
  • El sueño de Pedro de Candela (6º EP).

E ilustracións tan suxestivas como:

Sara (1º EP)

Fabián (2º EP)

 

Carolina (3º EP)

Lía (4º EP)

Antía (5º EP)

Laura (6º EP)

ÁBRESE UN GROMO

Van Gogh Museum

Coa chegada da primavera, aparecen nos nosos campos e xardíns flores e plantas fermosísimas que espertan a nosa curiosidade. Aproveitamos, entón, este potencial motivador para comezar un novo proxecto en Educación Infantil dedicado ao mundo vexetal. Imos tratar todo tipo de recursos relacionados con esta temática:

  • Poesías, pinturas, libros...
  • Vídeos, películas, cancións...
  • Sementes, plantas reais, etc.
  • Instrumentos relacionados co cultivo...
  • E ata tentaremos montar unha pequena horta no patio.

Coma sempre, esperamos contar coa vosa colaboración, tanto coa vosa presenza para a realización dalgunha actividade como coa vosa achega de diversos materiais que enriquezan o noso traballo e as nosas aprendizaxes. Por exemplo, agora mesmo necesitamos un sacho para remexer a terra.

Ábrese un gromo,

sae unha flor

A primavera

ole a calor.

Antonio García Teijeiro

RESUMO DO PROXECTO SOBRE LUGRÍS

O remate do 2º trimestre supuxo tamén a finalización da nosa investigación sobre a vida e obra do pintor Urbano Lugrís. Recompilamos unha chea de información que nos serviu para realizar moitas tarefas na aula, pero, a xeito de resumo, deixámosvos un póster dixital. Premede na imaxe para acceder a el.

VINDEIRAS SAÍDAS EN EDUCACIÓN INFANTIL

Esta tempada, os nenos/as de Educación Infantil non van parar: realizarán tres saídas.

A primeira, o vindeiro venres, 19 de febreiro. Os nenos/as de 4º, 5º e 6º de Infantil asistirán, xunto co titor/a e mestra de apoio, á sala de teatro do Fórum Metropolitano para gozar da obra Giuseppe y Peppina, representada polo grupo arxentino El Retablo.

 

Fórum Metropolitano

A segunda, mércores, 24 de febreiro. Os nenos/as de 4º e 5º de Infantil visitarán o Museo de Belas Artes. No marco da iniciativa didáctica sobre o pintor Urbano Lugrís, acudirán á pinacoteca e verán in situ algún dos seus cadros. Lembrade que o alumnado de 6º de Infantil xa estivo alí.

Museo de Belas Artes

E a terceira, mércores, 2 de marzo. Todos os niveis de Infantil asistirán, xunto co titor/a e mestra de apoio, ao Pazo da Ópera para asistir ao concerto didáctico: O efecto Arcos Iris. Unha viaxe fascinante polas emocións a través da música. Xa sabemos cal vai ser o repertorio que nos van ofrecer e, por iso, podemos ir quentando motores consultando a seguinte lista de reprodución.

ENTROIDO

A semana do 1 ao 5 de febreiro dedicámola ao Entroido. Xa vos contamos que os nenos e nenas de Educación Infantil ían disfrazarse de pintores, como Urbano Lugrís.

Pero o venres a temática era libre e podíase vir vestido como se quixese. Premede na imaxe para ir á galería e ver máis.

Ademais, entre todas as clases elaboramos unha revista onde explicamos os Entroidos máis significativos de Galicia.

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

O pasado venres conmemoramos o Día da Paz  no colexio. Estivemos toda a semana ensaiando a canción que interpretamos na festa, inventando todo tipo de bicos e traendo comida para entregarlla ao Banco de Alimentos Rías Altas. Con todos os paquetes de comida fomos formando un fermoso mosaico no chan.

Distribuir contido


by Dr. Radut