Día Internacional contra a violencia de xénero

25/11/2014

Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller.

Día Internacional contra a violencia de xénero

 

O Día Internacional da "Non Violencia Contra a Muller", foi acordado durante o "I Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe", realizado na cidade de Bogotá, Colombia, no ano 1.981. Tal data foi disposta en homenaxe ás irmás MIRABAL: Minerva, Patria e María Teresa.

A súa valente historia conta que, o 25 de Novembro de 1.960 as tres irmás MIRABAL, caen vítimas da violencia do réxime militar do Xeneral TRUJILLO, quen mantivo durante trinta anos ao poboo dominicano no máis cruel atraso. 

A participación activa das irmás MIRABAL na loita contra TRUJILLO, creou nelas a denominación política de revolucionarias, motivo máis que suficiente para ser un problema para o xeneral. Ese 25 de Novembro, as tres irmás foron a visitar aos seus esposos ao cárcere. Nun lugar solitario do camiño foron interceptadas por axentes do Servizo Militar de Intelixencia e conducidas a un cañaveral. Alí foron obxecto das máis crueis torturas antes de cometerse o que se considerou o máis horrible crime da historia dominicana. Xa mortas, puxéronas novamente no vehículo no que viaxaban e arroxáronas por un precipicio coa finalidade de simular un accidente. 

Unha cuarta irmá , Dede, segue con vida. 

Todo o mundo coñece ás irmás MIRABAL, mulleres extraordinarias que sempre vivirán na memoria colectiva.