Iniciar sesión: Acceso

Proxecto Deportivo

Semana do deporte

Acabamos de vivir a semana do deporte,  coa que buscamos fomentar no alumnado a práctica de actividade física. Desenvolveuse do 9 ao 13 de abril..

O deporte é un medio moi apropiado para educar ás persoas, para inculcar valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto polo demais, acatar unhas normas. Fai que medre o noso afán de superación.

A semana comezou o luns cas miniolimpiadas, onde o atletismo se elixiu protagonista. O deporte rei combina habilidades que facemos de forma innata xa dende pequenos: correr, saltar e lanzar. Aporta un alto grado de coordinación.

Salto de lonxitude, lanzamento de peso e carreiras de valados.

O martes, foi o momento de facer carreiras de velocidade, carreiras de resistencia e carreiras de valados, novamente.

O mércores, o alumnado, dirixido por Vanesa, xogou un partido de baloncesto e despois de fútbol fronte os mestres/as. Fíxonos moita ilusión. Corremos, rimos, cansamos…foi un gran momento.

Tivemos con nós a Camilo López, que foi  campión de España de esquí en categoría xuvenil e máster. Unha persoa que nos permitiu coñecer máis sobre os deportes de inverno: cales son, o sacrificio que hai que facer para practicalos, o gratificante de superarse, os materiais que son precisos para practicalo… Unha morea de cousas que nos “engancharon” e nos abren novas portas.

O xoves todos/as con bicicletas, patinetes, patíns ao colexio

Querémosvos dar as grazas pola vosa participación para que esta actividade se levase a cabo. Xuntámonos con máis de 40 “vehículos”. A actividade “sobre rodas” buscou fomentar o uso da bicicleta, de patíns...  medios de transporte sans, que son moi recomendables para os nosos nenos/as. Aproveitamos para traballar a educación viaria: coñecer sinais coma o stop, o ceda, dirección prohibida; así como cumprir o que nos ordenan os semáforos, respectar os pasos de peóns… Os maiores, cos seus carnés por puntos, concienciáronse da importancia de adquirir uns bos hábitos viarios.

O venres repetimos a actividade do parque de tráfico debido a grandísima aceptación que tivo.

Ademais, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, realizou coreografías en grupo. Despois, continuaron coas coreografías individuais. Coordinación, ritmo, sentimento, ilusión…para esta mañá de venres.

Tod@s quedamos moi satisfeitos con esta semana; foi unha experiencia positiva, enriquecedora, proveitosa. Foron momentos de moita unión, de ilusión, de divertimento. É moi fácil de resumir estes días se nos lembramos da cara dos nenos/as en moitas ocasións.

 

Almorzando saudablemente no CEIP da Pobra do Brollón

Hoxe compartimos mestres e alumn@s, un almorzo saudable. É a comida máis importante do día xa que pasa un período bastante longo dende que inxerimos alimentos por última vez. Vainos permitir obter os nutrientes necesarios para afrontar todas as actividades que realizamos durante a mañá. Por tanto, debe ser un almorzo saudable, variado e equilibrado.

Nun almorzo saudable non pode faltar a froita (uvas, melón, fresas, kiwi), torrada con tomate e xamón, zume de laranxa, leite con cereais…

Aproveitamos a ocasión para facer unha pequena entrega de premios da liga de tenis de mesa que vimos de rematar.

Un obxectivo innegociable, que debe primar sempre que facemos deporte é pasalo ben, disfrutar, compartir sorrisos… e iso foi o que buscamos con esta iniciativa. Todos merecen ser premiados polo seu esforzo, por buscar sempre a diversión, por sorrir co deporte.

Liga de tenis de mesa

Durante os meses de xaneiro e febreiro xogamos unha liga de tenis de mesa no tempo de lecer dos martes e xoves. Tivo éxito este deporte durante o curso pasado, polo que seguimos con esta iniciativa.

É unha maneira de achegalos aos deportes de raqueta, unha nova posibilidade. Amosaron gañas de disfrutar, de compartir momentos lúdicos cos seus amigos/as, de esforzarse, de superarse

Xogamos en tres grupos:

- 1º e 2º: Pretendemos que se inicien, que coñezan o tenis de mesa, que disfruten xogando.

- 3ºe 4º: Buscamos que o pasen ben , que sexa un momento de divertimento.

- 5º e 6º: Incidindo un pouco máis nas regras, en algún aspecto técnico sinxelo.

Merendas saudables

Ao longo desta semana, do 11 ao 15 de decembro, dentro do Proxecto Deportivo de Centro, realizamos un calendario de merendas durante o período de lecer.

O calendario que seguimos foi o seguinte:

- Luns: Froita

- Martes: Bocadillo ou sandwich

- Mércores: Lácteos ou derivados

- Xoves: Froita

- Venres: Libre

Con esta actividade tratamos de  concienciar ao alumnado da importancia dunha dieta suficiente e variada; que sexan conscientes de que alimentarse ben é fundamental para a práctica de actividade física, entre outras cousas.

Liga de baloncesto

Hoxe, 30 de novembro, finalizou a liga de baloncesto, que se disputou durante todo o mesos martes e xoves no tempo de lecer da maña.

Tivemos 2 grupos:

Alumnado de 1º, 2º e 3º

Alumnado de 4º, 5º e 6º.

Os equipos son mixtos, contando polo menos cun neno e cunha nena; ademais deberán ter un participante de cada curso (por exemplo, un neno/a de 1º, un neno/a de 2º e un neno/a de 3º).

En cada recreo xogáronse dous partidos de 10 minutos. O sistema que levamos a cabo foi o de liga, onde todos os equipos se enfrontaron entre si.

O último martes e xoves do mes, fixemos un partido libre para despedir a terceira liga de baloncesto do colexio.

Continuando co proxecto deportivo, no mes de decembro, teremos as merendas saudables do 11 ao 15.

Recreos saudables

Comezou por terceiro ano consecutivo o Proxecto Deportivo de Centro co obxectivo de fomentar a práctica de actividade física entre o alumnado.

O proxecto garantirá que todas as actividades deportivas que realicen os alumnos/as teñan un carácter eminentemente educativo. Debemos aproveitar a actividade física, o deporte como un excelente medio para educar persoas.

A primeira actividade proposta é a dos recreos saudables, que se realiza xa dende comezos de mes. Temos tres zonas os luns, mércores e venres; martes e xoves libre.

O material do que dispón o alumnado en cada zona é o seguinte:

Zona 1: Patio cuberto pequeno e cancha de voleibol → 1 Pelota baloncesto, 1 pelotas espuma, 1 pelota de voleibol,  2 cordas, mariolas pintadas neste curso.

Zona 2: Pista polideportiva descuberta 1 Pelota de fútbol, 1 pelota de baloncesto, 1 pelota balonmán.

 Zona 3: Parte descuberta → 1 pelota espuma (brilé), 2 aros grandes. Nesta zona contan coas pistas de atletismo e cun 3 en raia, pintados tamén ao comezo deste curso.

 Zona infantil: (Columpios e areeiro) 1 Pelota espuma, 3 pelotas plástico, 5 aros pequenos.

 

O alumnado está distribuído en 3 grupos: 1º e 2º, 3º e 4º e 5º e 6º. Rotarán seguindo esta táboa:

 

ZONA 1

ZONA 2

ZONA 3

LUNS

1º / 2º

3º / 4º

5º / 6º

MARTES

LIBRE

MÉRCORES

3º / 4º

5º / 6ª

1º / 2º

XOVES

LIBRE

VENRES

5º / 6º

1º / 2º

3º / 4º

Os luns, mércores e venres cada grupo xogará na súa zona co material que lle corresponde.

Os martes e xoves pódese xogar en calquera das zonas, con calquera material e con calquera compañeiro /a.

O material de cada unha das zonas cólleno ao comezo do  tempo de lecer (tanto no da mañá coma no do comedor) e déixano recollido ao rematar.

Os días que chove non seguimos esta organización, dadas as limitacións dos espazos.

Con esta actividade conseguimos que o alumnado faga máis actividade física durante os tempos de lecer, que amosen máis interese polo exercicio, que se relacionen con todos os alumnos/as do centro…

A próxima semana chega a liga de baloncesto…Manterémosvos informados.

Liga de Baloncesto

Rematou novembro, e con el a liga de baloncesto.

Disputouse os martes e xoves no tempo de lecer da maña.

Alumnado de 1º, 2º e 3º: 13 alumnos/as distribuídos en 4 equipos.

Alumnado de 4º, 5º e 6º:  14 alumnos/as que formaron 4 equipos.

Os equipos son mixtos, contando polo menos cun neno e cunha nena; ademais deberán ter un participante de cada curso (por exemplo, un neno/a de 1º, un neno/a de 2º e un neno/a de 3º).

En cada recreo xogáronse dous partidos de 10 minutos. O sistema que levamos a cabo foi o de liga, onde todos os equipos se enfrontaron entre si ao longo do mes de novembro. O último martes e xoves do mes, fixemos un partido libre para despedir esta primeira liga de baloncesto do colexio.

O alumnado estivo moi motivado ante esta iniciativa, con gañas de participar. Aproveitamos para fomentar este deporte, para dar a coñecer  as súas regras, aspectos básicos do mesmo.. Coma o ano anterior, tivo unha acollida moi boa; os nenos/as amosáronse moi ilusionados.

“Os deportes son importantes para min, porque xogaron un papel vital na miña vida. Sacáronme da rúa cando me estaba metendo en problemas. Os deportes ensináronme o compromiso e o sacrificio, ensináronme o traballo en equipo”.

 Dwayne Johnson

Proxecto Deportivo de Centro 2016 - 2017

Podedes ver o Proxecto Deportivo de Centro que levaremos a cabo no curso 2016 -2017.

Convivencia co CEIP Rosalía de Castro (Bóveda)

O venres 17 de xuño visitounos o C.E.I.P Rosalía de Castro, de Bóveda. Agardábamos esta convivencia con moita ansia, con ilusión, con emoción…Nuns anos nen@s de ambos centros serán compañeiros no instituto, así que cremos que é unha boa oportunidade para coñecerse, facer amizade, compartir xogos, conversas, unha comida xuntos.

Recibímolos sobre as 10:30h, cunha morea de globos e un pequeno aperitivo.

Tiñamos preparada unha xornada de iniciación á orientación. Son moitos os beneficios que nos aporta: permite un enfoque real e práctico das actividades no medio natural, é unha actividade moi motivadora, que fomenta o traballo en grupo, a integración, o esforzo. Na orientación adquire unha vital importancia a toma de decisións, de comprobar a cada instante se son correctas ou non. O manexo do mapa e da brúxula son básicos.É unha actividade interdisciplinar, entre outras moitas cousas que poderíamos citar.

Desafortunadamente non puidemos  desenvolver esta actividade dadas as adversas condicións metereolóxicas. Tivemos que adaptala ao espazo do que dispoñemos.

O alumnado de infantil estivo  no patio cuberto e alí fixeron xogos co paracaídas, circuítos, carreiras de relevos, xogos dos bolos, zancos…non había máis que mirar a súa cariña para darnos conta do ben que o pasaban.

Por outro lado, o alumnado de primaria estivo no pavillón e tiña que superar diferentes probas. Para conseguilo é moi importante o traballo en equipo, a cooperación, a comunicación

Fixemos 8 grupos mesturando nenos/as de Pobra e de Bóveda. As probas foron:

Proba 1: Escorre a esponxa

2 caldeiros colocados a uns 3 metros; un baleiro e outro cheo. O obxectivo é levar a auga dun a outro coas esponxas.

Proba 2: Colle aire e a soprar

Puxemos a proba os nosos pulmóns. Debíamos inchar 15 globos cada equipo e atalos; despois, amarralos todos xuntos a unha corda.

Proba 3: Busca nomes

Na sopa de letras hai agochados 10 nomes de deportes que debemos buscar.

Proba 4: Cruza a tea de araña

De un en un, foron atravesando a tea de araña o máis axiña posible.

Proba 5: Demostro a miña axilidade

Un circuíto de axilidade para percorrer sen a axuda.

Proba 6: Mural de mans

Na cartolina cada compoñente do grupo estampa unha das súas mans con pintura de dedos.

Proba 7: A ambulancia

Entre todos/as  levan ao enfermo dun punto a outro sen que caia para que non se fira máis. Todos pasan polo rol de enfermo.

Proba 8: Acrosport

Sobre as colchonetas realizaron unha das figuras propostas.

 

Ao superar cada proba, o responsable íalles selando a parte correspondente; así cada equipo completou a súa ficha.

Máis tarde, quedounos un ratiño para o ansiado partido de fútbol. Xa é un clásico nas nosas convivencias.

Ás 13h repuxemos forzas logo dunha intensa e divertida maña. Sempre axuda a seguir coñecéndonos, a entrelazar a nosa amizade…

Saíron cara Bóveda sobre as 14:30h; quedámonos con bos momentos, bos recordos. Sempre desexando que chegue o seguinte reencontro. Foi unha mañá moi especial.

 

 

Semana do deporte

Acabamos de vivir unha semana moi enriquecedora no centro, a semana do deporte,  coa que buscamos fomentar no alumnado a práctica de actividade física.

O deporte é un medio moi apropiado para educar ás persoas, para inculcar valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto polo demais, acatar unhas normas. Fai que medre o noso afán de superación.

A semana comezou o luns cas miniolimpiadas, onde o atletismo se elixiu protagonista. Aínda que socialmente non o ten recoñecido, é o deporte rei. Combina habilidades que facemos de forma innata xa dende pequenos: correr, saltar e lanzar. Aporta un alto grado de coordinación.

Comezamos con carreiras de velocidade, salto de lonxitude e carreiras de vallas.

O martes seguimos coas miniolimpiadas; fixemos carreiras de fondo, lanzamento de peso e carreiras de relevos.

O mércores…case nada. Ir con bicicletas, patinetes, patines ao colexio…Caras de felicidade, de ilusión, de entusiasmo, de disfrutar co que fan… Ver iso é unha gran satisfacción.

Querémosvos dar as grazas pola vosa participación para que esta actividade se levase a cabo. Xuntámonos con máis de 40 “vehículos”. A actividade “sobre rodas” buscou fomentar o uso da bicicleta, de patíns...  medios de transporte sans, que son moi recomendables para os nosos nenos/as. Aproveitamos para traballar a educación viaria: coñecer sinais coma o stop, o ceda, dirección prohibida; así como cumprir o que nos ordenan os semáforos, respectar os pasos de peóns…

Deixámosvos unha morea de fotos para que vexades o que disfrutamos; é certo iso de que unha imaxe vale máis que mil palabras.

O xoves, foi o momento de coñecer un pouco máis de preto o deporte de alta competición. Para iso, tivemos con nós a Manuel Martínez e a Verónica Contreras.

Manuel Martínez é todo un emblema no deporte Monfortino. É o creador do equipo de voleibol da Pinguela entre outras moitas cousas. Unha persoa que loitou moito para que o deporte medrase, unha persoa incansable que así o demostra día.

Verónica é unha xogadora internacional, participou nuns xogos olímpicos, o máximo para un deportista. É de Perú, pero conta coa dobre nacionalidade.

Hai que salientar o importantísimo traballo de canteira que están facendo coas categorías inferiores da Pinguela. Sempre formando persoas, deportistas, profesionais do voleibol.

Prestamos moita atención a todo o que nos contaron: diferentes aspectos do voleibol, como foron os seus comezos, como é o deporte de alta competición, que nos aporta...

A parte práctica fíxonos deleitar. Como recordo temos un balón firmado por eles e os nosos autógrafos personalizados.

Achegámonos a un deporte que merece moita máis repercusión do que a sociedade lle outorga.

Despois do recreo, repetimos a actividade do parque de tráfico debido a grandísima aceptación que tivo.

Chegou o venres case sen darnos de conta; unha semana intensa na que o deporte foi o fío condutor.

Este día, o alumnado, dirixido por Belén, xogou un partido de baloncesto e despois de fútbol fronte os mestres/as. Fíxonos moitísima ilusión. Levábamos meses agardando por esta cita.

Corremos, rimos, cansámonos…foi un gran momento. Miras ao teu arredor e ves unha gran familia feliz.

Tod@s quedamos moi satisfeitos con esta semana; foi unha experiencia positiva, enriquecedora, proveitosa. Foron momentos de moita unión, de ilusión, de divertimento. É moi fácil de resumir estes días se nos lembramos da cara dos nenos/as en moitas ocasións.

Este venres, á vez, tamén resultou amargo.

Hai 4 meses chegou Eva ao centro. Non precisou moitos días para gañarse ao alumnado e aos mestres/as co seu traballo diario, coas súas gañas de facernos progresar a todos. Sempre aportando ideas, sempre cun sorriso.

Todos a imos botar moito de menos, e intentamos demostrarllo un pouquiño onte.

Desexamos que sexa un ata pronto,e que Eva volva ao colexio para seguir aportando cada día  un gran de area moi valioso. Deixa unha gran pegada en todo nós.

Eva Gracias.

Distribuir contido