Iniciar sesión: Acceso

Plan Proxecta, Proxecto Deportivo

Almorzo saudable

Onte comezamos o día compartindo mestres e alumn@s, un almorzo saudable. É a comida máis importante do día xa que pasa un período bastante longo dende que inxerimos alimentos por última vez. Vainos permitir obter os nutrientes necesarios para afrontar todas as actividades que realizamos durante a mañá. Por tanto, debe ser un almorzo saudable, variado e equilibrado.

Pretendemos fomentar unha alimentación suficiente,completa, variada e axeitada. Isto axudará ao correcto crecemento, ao  desenvolvemento físico e intelectual dos nenos/as, ao mesmo tempo que contribúe a manter unha boa saúde. Danos a enerxía precisa para as funcións vitais, lúdicas e de aprendizaxe.

Nun almorzo saudable non pode faltar a froita (uvas, melón, fresas), torrada con tomate e xamón, zume de laranxa, leite con cereais…

Aproveitamos a ocasión para facer unha pequena entrega de premios da liga de tenis de mesa que vimos de rematar.

Un obxectivo innegociable, que debe primar sempre que facemos deporte é pasalo ben, disfrutar, compartir sorrisos… e iso foi o que buscamos con esta iniciativa. Todos merecen ser premiados polo seu esforzo, por buscar sempre a diversión, por sorrir co deporte.

Liga de tenis de mesa

Durante os meses de xaneiro e febreiro xogamos unha liga de tenis de mesa no tempo de lecer dos martes e xoves. Tivo éxito este deporte durante o curso pasado, polo que seguimos con esta iniciativa, coincidindo cunha unidade didáctica de deportes de raqueta na área de Educación Física.

É unha maneira de achegalos a unha nova modalidade deportiva, unha nova posibilidade. Amosaron gañas de disfrutar, de compartir momentos lúdicos cos seus amigos/as, de esforzarse, de superarse

Xogamos en tres grupos:

- 1º e 2º: Pretendemos que se inicien, que coñezan o tenis de mesa, que disfruten xogando.

- 3ºe 4º: Buscamos que o pasen ben , que sexa un momento de divertimento.

- 5º e 6º: Incidindo un pouco máis nas regras, en algún aspecto técnico sinxelo.

 

A seguinte actividade dentro do Proxecto Deportivo de Centro é un almorzo saudable, que terá lugar este venres, día 10, ás 09:30h.

Aproveitaremos o momento, para darlles un pequeno agasallo aos primeiros clasificados da liga de tenis de mesa; e o que é máis importante, os parabéns a todos/as pola súa participación e involucración.

 

Merendas saudables

Ao longo desta semana, do 12 ao 16 de decembro, dentro do Proxecto Deportivo de Centro, realizamos un calendario de merendas durante o período de lecer.

O calendario a seguir foi o seguinte:

- Luns: Froita

- Martes: Bocadillo ou sandwich

- Mércores: Lácteos ou derivados

- Xoves: Froita

- Venres: Libre

Con esta actividade tratamos de  concienciar ao alumnado da importancia dunha dieta suficiente e variada; que sexan conscientes de que alimentarse ben é fundamental para a práctica de actividade física, entre outras cousas.

Pon unha dieta saudable na túa vida

Liga de Baloncesto

Rematou novembro, e con el a liga de baloncesto.

Disputouse os martes e xoves no tempo de lecer da maña.

Alumnado de 1º, 2º e 3º: 13 alumnos/as distribuídos en 4 equipos.

Alumnado de 4º, 5º e 6º:  14 alumnos/as que formaron 4 equipos.

Os equipos son mixtos, contando polo menos cun neno e cunha nena; ademais deberán ter un participante de cada curso (por exemplo, un neno/a de 1º, un neno/a de 2º e un neno/a de 3º).

En cada recreo xogáronse dous partidos de 10 minutos. O sistema que levamos a cabo foi o de liga, onde todos os equipos se enfrontaron entre si ao longo do mes de novembro. O último martes e xoves do mes, fixemos un partido libre para despedir esta primeira liga de baloncesto do colexio.

O alumnado estivo moi motivado ante esta iniciativa, con gañas de participar. Aproveitamos para fomentar este deporte, para dar a coñecer  as súas regras, aspectos básicos do mesmo.. Coma o ano anterior, tivo unha acollida moi boa; os nenos/as amosáronse moi ilusionados.

“Os deportes son importantes para min, porque xogaron un papel vital na miña vida. Sacáronme da rúa cando me estaba metendo en problemas. Os deportes ensináronme o compromiso e o sacrificio, ensináronme o traballo en equipo”.

 Dwayne Johnson

Proxecto Deportivo de Centro 2016 - 2017

Podedes ver o Proxecto Deportivo de Centro que levaremos a cabo no curso 2016 -2017.

Convivencia co CEIP Rosalía de Castro (Bóveda)

O venres 17 de xuño visitounos o C.E.I.P Rosalía de Castro, de Bóveda. Agardábamos esta convivencia con moita ansia, con ilusión, con emoción…Nuns anos nen@s de ambos centros serán compañeiros no instituto, así que cremos que é unha boa oportunidade para coñecerse, facer amizade, compartir xogos, conversas, unha comida xuntos.

Recibímolos sobre as 10:30h, cunha morea de globos e un pequeno aperitivo.

Tiñamos preparada unha xornada de iniciación á orientación. Son moitos os beneficios que nos aporta: permite un enfoque real e práctico das actividades no medio natural, é unha actividade moi motivadora, que fomenta o traballo en grupo, a integración, o esforzo. Na orientación adquire unha vital importancia a toma de decisións, de comprobar a cada instante se son correctas ou non. O manexo do mapa e da brúxula son básicos.É unha actividade interdisciplinar, entre outras moitas cousas que poderíamos citar.

Desafortunadamente non puidemos  desenvolver esta actividade dadas as adversas condicións metereolóxicas. Tivemos que adaptala ao espazo do que dispoñemos.

O alumnado de infantil estivo  no patio cuberto e alí fixeron xogos co paracaídas, circuítos, carreiras de relevos, xogos dos bolos, zancos…non había máis que mirar a súa cariña para darnos conta do ben que o pasaban.

Por outro lado, o alumnado de primaria estivo no pavillón e tiña que superar diferentes probas. Para conseguilo é moi importante o traballo en equipo, a cooperación, a comunicación

Fixemos 8 grupos mesturando nenos/as de Pobra e de Bóveda. As probas foron:

Proba 1: Escorre a esponxa

2 caldeiros colocados a uns 3 metros; un baleiro e outro cheo. O obxectivo é levar a auga dun a outro coas esponxas.

Proba 2: Colle aire e a soprar

Puxemos a proba os nosos pulmóns. Debíamos inchar 15 globos cada equipo e atalos; despois, amarralos todos xuntos a unha corda.

Proba 3: Busca nomes

Na sopa de letras hai agochados 10 nomes de deportes que debemos buscar.

Proba 4: Cruza a tea de araña

De un en un, foron atravesando a tea de araña o máis axiña posible.

Proba 5: Demostro a miña axilidade

Un circuíto de axilidade para percorrer sen a axuda.

Proba 6: Mural de mans

Na cartolina cada compoñente do grupo estampa unha das súas mans con pintura de dedos.

Proba 7: A ambulancia

Entre todos/as  levan ao enfermo dun punto a outro sen que caia para que non se fira máis. Todos pasan polo rol de enfermo.

Proba 8: Acrosport

Sobre as colchonetas realizaron unha das figuras propostas.

 

Ao superar cada proba, o responsable íalles selando a parte correspondente; así cada equipo completou a súa ficha.

Máis tarde, quedounos un ratiño para o ansiado partido de fútbol. Xa é un clásico nas nosas convivencias.

Ás 13h repuxemos forzas logo dunha intensa e divertida maña. Sempre axuda a seguir coñecéndonos, a entrelazar a nosa amizade…

Saíron cara Bóveda sobre as 14:30h; quedámonos con bos momentos, bos recordos. Sempre desexando que chegue o seguinte reencontro. Foi unha mañá moi especial.

 

 

Semana do deporte

Acabamos de vivir unha semana moi enriquecedora no centro, a semana do deporte,  coa que buscamos fomentar no alumnado a práctica de actividade física.

O deporte é un medio moi apropiado para educar ás persoas, para inculcar valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto polo demais, acatar unhas normas. Fai que medre o noso afán de superación.

A semana comezou o luns cas miniolimpiadas, onde o atletismo se elixiu protagonista. Aínda que socialmente non o ten recoñecido, é o deporte rei. Combina habilidades que facemos de forma innata xa dende pequenos: correr, saltar e lanzar. Aporta un alto grado de coordinación.

Comezamos con carreiras de velocidade, salto de lonxitude e carreiras de vallas.

O martes seguimos coas miniolimpiadas; fixemos carreiras de fondo, lanzamento de peso e carreiras de relevos.

O mércores…case nada. Ir con bicicletas, patinetes, patines ao colexio…Caras de felicidade, de ilusión, de entusiasmo, de disfrutar co que fan… Ver iso é unha gran satisfacción.

Querémosvos dar as grazas pola vosa participación para que esta actividade se levase a cabo. Xuntámonos con máis de 40 “vehículos”. A actividade “sobre rodas” buscou fomentar o uso da bicicleta, de patíns...  medios de transporte sans, que son moi recomendables para os nosos nenos/as. Aproveitamos para traballar a educación viaria: coñecer sinais coma o stop, o ceda, dirección prohibida; así como cumprir o que nos ordenan os semáforos, respectar os pasos de peóns…

Deixámosvos unha morea de fotos para que vexades o que disfrutamos; é certo iso de que unha imaxe vale máis que mil palabras.

O xoves, foi o momento de coñecer un pouco máis de preto o deporte de alta competición. Para iso, tivemos con nós a Manuel Martínez e a Verónica Contreras.

Manuel Martínez é todo un emblema no deporte Monfortino. É o creador do equipo de voleibol da Pinguela entre outras moitas cousas. Unha persoa que loitou moito para que o deporte medrase, unha persoa incansable que así o demostra día.

Verónica é unha xogadora internacional, participou nuns xogos olímpicos, o máximo para un deportista. É de Perú, pero conta coa dobre nacionalidade.

Hai que salientar o importantísimo traballo de canteira que están facendo coas categorías inferiores da Pinguela. Sempre formando persoas, deportistas, profesionais do voleibol.

Prestamos moita atención a todo o que nos contaron: diferentes aspectos do voleibol, como foron os seus comezos, como é o deporte de alta competición, que nos aporta...

A parte práctica fíxonos deleitar. Como recordo temos un balón firmado por eles e os nosos autógrafos personalizados.

Achegámonos a un deporte que merece moita máis repercusión do que a sociedade lle outorga.

Despois do recreo, repetimos a actividade do parque de tráfico debido a grandísima aceptación que tivo.

Chegou o venres case sen darnos de conta; unha semana intensa na que o deporte foi o fío condutor.

Este día, o alumnado, dirixido por Belén, xogou un partido de baloncesto e despois de fútbol fronte os mestres/as. Fíxonos moitísima ilusión. Levábamos meses agardando por esta cita.

Corremos, rimos, cansámonos…foi un gran momento. Miras ao teu arredor e ves unha gran familia feliz.

Tod@s quedamos moi satisfeitos con esta semana; foi unha experiencia positiva, enriquecedora, proveitosa. Foron momentos de moita unión, de ilusión, de divertimento. É moi fácil de resumir estes días se nos lembramos da cara dos nenos/as en moitas ocasións.

Este venres, á vez, tamén resultou amargo.

Hai 4 meses chegou Eva ao centro. Non precisou moitos días para gañarse ao alumnado e aos mestres/as co seu traballo diario, coas súas gañas de facernos progresar a todos. Sempre aportando ideas, sempre cun sorriso.

Todos a imos botar moito de menos, e intentamos demostrarllo un pouquiño onte.

Desexamos que sexa un ata pronto,e que Eva volva ao colexio para seguir aportando cada día  un gran de area moi valioso. Deixa unha gran pegada en todo nós.

Eva Gracias.

3,2,1...Comeza a semana do deporte

Mañá comeza a semana do deporte. Ten como obxectivo fomentar a actividade física, facer fincapé na multitude de valores que nos pode aportar o deporte e dar a coñecer a deportistas da zona.

Distribuirase do seguinte xeito:

 

   Luns 11 → “Miniolimpiadas I”

 

   Martes 12 → “Miniolimpiadas II”

 

   Mércores 13 → “Sobre dúas rodas”

 

   Xoves 14 → “Visita dun deportista ao centro”

Contaremos coa presenza de Manuel Martínez, todo un referente do mundo do deporte en Monforte; así mesmo, estará con nós unha xogadora internacional de voleibol.

 

   Venres 15 → “Partidos de baloncesto e fútbol alumn@s – mestr@s”

 

Pedimos a vosa colaboración para o mércores 13. Este día montaremos un pequeno parque de tráfico no pavillón, no que o alumnado se desprazará sobre dúas rodas (patinete, bicicleta…). Buscamos fomentar a actividade física e dar a coñecer ao alumnado normas básicas de seguridade viaria.

Tod@s aqueles que queirades e así o desexedes, podedes traer a bicicleta, patinete…dos vosos/as fillos/as para esta actividade, así como o casco e outros elementos de protección.

Podédelas traer ese día á hora de entrada (9:30h) ou durante os días previos, se é máis cómodo para vós.

Así mesmo, para recollelas xa o podedes facer ese mesmo mércores.

A idea é xuntarnos con algunhas bicicletas / patinetes para compartir e poder disfrutar dunha actividade diferente e enriquecedora.

 

Agradecemos de antemán a vosa colaboración.

 

Nos próximos días, irémosvos dando máis detalles de todo o que aconteza ao longo desta semana.

 

Almorzando saudablemente

Hoxe realizamos unha actividade do  “Proxecto Deportivo de Centro”.

Como ben sabedes, ten como obxectivo a planificación e desenvolvemento dos programas de fomento da actividade física. É necesario que o alumnado leve unha vida activa, que  incremente a carga de actividade física realizada tanto dentro coma fora do centro escolar. Numerosos son os beneficios que nos aporta o deporte: saúde, valores, diversión…

Comezamos o día, compartindo mestres e alumn@s, un almorzo saudable. É a comida máis importante do día xa que pasa un período bastante longo dende que inxerimos alimentos por última vez. Vainos permitir obter os nutrientes necesarios para afrontar todas as actividades que realizamos durante a mañá. Por tanto, debe ser un almorzo saudable, variado e equilibrado.

Pretendemos fomentar unha alimentación suficiente,completa, variada e axeitada. Isto axudará ao correcto crecemento, ao  desenvolvemento físico e intelectual dos nenos/as, ao mesmo tempo que contribúe a manter unha boa saúde. Danos a enerxía precisa para as funcións vitais, lúdicas e de aprendizaxe.

Nun almorzo saudable non pode faltar a froita (uvas, melón, fresas), torrada con tomate e xamón, zume de laranxa, leite con cereais

Aproveitamos a ocasión para facer unha pequena entrega de premios da liga de tenis de mesa que vimos de rematar. Coñecemos e practicamos un deporte con menos repercusión, pero que nos aporta axilidade, concentración, reflexos…

Un obxectivo innegociable, que debe primar sempre que facemos deporte é pasalo ben, disfrutar, compartir sorrisos… e iso foi o que buscamos con esta iniciativa. Todos merecen ser premiados polo seu esforzo, por buscar sempre a diversión, por sorrir co deporte.

Os tres primeiros clasificados de cada grupo foron:

1º e 2º:

-1º: Senén

-2º: José Ramón

-3º: Manuel

3º e 4º:

-1º: Lorena

-2º: Carlos e Noé

-3º: Roi

5º e 6º:

-1º: Manuel

-2º: Verónica

-3º: Marcos

Seguiremos compartindo cos vós novas aventuras.

 

Tenis de mesa

Durante os meses de xaneiro e febreiro estamos xogando unha liga de tenis de mesa no tempo de lecer. Buscamos amosarlle ao noso alumnado un deporte que pouco a pouco vai tendo máis presenza no noso país, a pesar de ser xa Olímpico dende 1988.

É unha maneira de achegalos a unha nova modalidade deportiva, unha nova posibilidade. Están moi motivados ante esta iniciativa, con gañas de disfrutar, de compartir momentos lúdicos cos seus amigos/as, de esforzarse, de superarse

Xogamos en tres grupos:

- 1º e 2º: Pretendemos que se inicien, que coñezan o tenis de mesa, que disfruten xogando.

- 3ºe 4º:

Buscamos que o pasen ben , que sexa un momento de divertimento.

- 5º e 6º: Incidindo un pouco máis nas regras, en algún aspecto técnico sinxelo.

 

Seguirémosvos informando das actividades que se realicen dentro do Proxecto Deportivo de Centro. A seguinte, un almorzo saudable, a comezos de marzo.

“O deporte ten o poder de transformar o mundo.Ten o poder de inspirar, de unir á xente como poucas outras cousas…Ten máis capacidade que os gobernos de derribar as barreiras sociais”.

 Nelson Mandela

Distribuir contido