Iniciar sesión: Acceso

Plan Proxecta

LIGA DE TENIS DE MESA.

Como xa vos adiantasmos, estas semana tivo lugar a liga de tenis de mesa do noso colexio. Os martes e xovesdestas últimas semanas adicamos os tempos de lecer (mañá e tarde) a coñecer un pouco máis e disfrutar deste deporte. 

Esta liga continúa o traballo que se ven facendo dende o Plan Proxecta estes últimos anos e ten un gran éxito entre os nenos e nenas do cole. Ademais, é unha maneira de achegalos aos deportes de raqueta, unha nova posibilidade. Amosaron gañas de disfrutar, de compartir momentos lúdicos cos seus amigos/as, de esforzarse, de superarse

Xogamos en tres grupos:

1º e 2º: Pretendemos que se inicien, que coñezan o tenis de mesa, que disfruten xogando.

3ºe 4º: Buscamos que o pasen ben , que sexa un momento de divertimento.

5º e 6º: Incidindo un pouco máis nas regras, en algún aspecto técnico sinxelo.

No seguinte enlace podedes ver algunhas imaxes dos encontros. 

Nesta liga decidimos que os nenos simplemente disfrutasen da súa participación e da propia progresión que mostraron, sen dar importancia ao aspecto competitivo, polo que ao final do proxecto outorgaremos un premio conxunto que todos os nenos e nenas poderán disfrutar. 

Seguimos traballando e disfrutando do deporte!.

COMEZA A LIGA DE TENIS DE MESA.

 

Un ano máis, damos comezo á liga de tenis de mesa no Ceip Pobra do Brollón. Durante as dúas próximas semanas, todos os nenos de primaria disfrutarán nos tempos de lecer deste deporte.

Podedes consultar o calendario da liga nos seguinte enlace. 

Calendario Liga Tenis de Mesa. 

Manterémosvos informados de como resultou a actividade. A XOGAR!

 

MERENDAS SAUDABLES.

 

 

Un ano máis, decidimos celebrar a semana das merendas saudables. Ao longo destes días, do 10 ao 15 de decembro, dentro do Proxecto Deportivo de Centro, realizamos un calendario de merendas durante o período de lecer.

O calendario que seguimos foi o seguinte:

Luns: Froita

Martes: Bocadillo ou sandwich

Mércores: Lácteos ou derivados

Xoves: Froita

VenresLibre

Con esta actividade tratamos de  concienciar ao alumnado da importancia dunha dieta suficiente e variada; que sexan conscientes de que alimentarse ben é fundamental para a práctica de actividade física, entre outras cousas.

LIGA DE BALONCESTO.

Esta semana finalizou a liga de baloncesto, que se celebrou  os martes e xoves no tempo de lecer da maña. Debido ao mal tempo que nos acompañou durante o mes de novembro, non puidemos respectar o calendario previsto (xa que as canastras se atopan no patio descuberto), o que fixo que tiveramos que retrasar as datas dos partidos. Pero esto non nos impediu difrutalas ao máximo. 

Tivemos 2 grupos:

• Alumnado de 1º, 2º e 3º

• Alumnado de 4º, 5º e 6º.

Os equipos son mixtos, contando polo menos cun neno e cunha nena; ademais deberán ter un participante de cada curso (por exemplo, un neno/a de 1º, un neno/a de 2º e un neno/a de 3º).

En cada recreo xogáronse dous partidos de 10 minutos. O sistema que levamos a cabo foi o de liga, onde todos os equipos se enfrontaron entre si.

A última semana fixemos un partido libre para despedir a que xa é a cuarta liga de baloncesto do colexio.

No seguinte enlace podedes ver o documento resumo da organización da liga, así como as imaxes destes días.

Cal será o seguinte xogo? Seguiremosvos contando. 

 

RECREOS SAUDABLES

Tal como vos anunciamos a pasada semana e por cuarto ano consecutivo damos comezo ao Proxecto Deportivo de Centro co obxectivo de fomentar a práctica de actividade física entre o alumnado.

O proxecto garantirá que todas as actividades deportivas que realicen os alumnos/as teñan un carácter eminentemente educativo. Debemos aproveitar a actividade física, o deporte como un excelente medio para educar persoas.

primeira actividade proposta é a dos recreos saudables, que se realiza xa dende comezos de curso. Temos tres zonas os luns, mércores e venres, mentres que martes e xoves haberá xogo libre.

O material do que dispón o alumnado en cada zona é o seguinte:

Zona 1: Patio cuberto pequeno e cancha de voleibol → 1 Pelota baloncesto, 1 pelotas espuma, 1 pelota de voleibol,  2 cordas, mariolas pintadas neste curso.

Zona 2: Pista polideportiva descuberta  1 Pelota de fútbol, 1 pelota de baloncesto, 1 pelota balonmán.

 Zona 3: Parte descuberta → 1 pelota espuma (brilé), 2 aros grandes. Nesta zona contan coas pistas de atletismo e cun 3 en raia, pintados tamén ao comezo deste curso.

 Zona infantil: (Columpios e areeiro) → 1 Pelota espuma, 3 pelotas plástico, 5 aros pequenos.

 

O alumnado está distribuído en 3 grupos: 1º e 2º, 3º e 4º e 5º e 6º. Rotarán seguindo esta táboa:

 

ZONA 1

ZONA 2

ZONA 3

LUNS

1º / 2º

3º / 4º

5º / 6º

MARTES

LIBRE

MÉRCORES

3º / 4º

5º / 6ª

1º / 2º

XOVES

LIBRE

VENRES

5º / 6º

1º / 2º

3º / 4º

Os luns, mércores e venres cada grupo xogará na súa zona co material que lle corresponde.

Os martes e xoves pódese xogar en calquera das zonas, con calquera material e con calquera compañeiro /a.

O material de cada unha das zonas cólleno ao comezo do  tempo de lecer (tanto no da mañá coma no do comedor) e déixano recollido ao rematar.

Os días que chove non seguimos esta organización, dadas as limitacións dos espazos.

Con esta actividade conseguimos que o alumnado faga máis actividade física durante os tempos de lecer, que amosen máis interese polo exercicio, que se relacionen con todos os alumnos/as do centro…

Aquí vos deixamos o proxecto deportivo que desenvolveremos este ano de xeito detallado. 

A próxima semana disfrutaremos cunha liga de baloncesto para todo o alumnado de primaria, para a cal xa leva todo o mes entrenando. Manterémosvos informados.

TODOS A XOGAR!

 

PLAN PROXECTA 2018/19

 

Aplauso

No colexio de Pobra estamos de noraboa! Outro ano máis, fomos seleccionados para desenvolver o noso proxecto deportivo, dentro do Plan Proxecta 2018/19. Almorzos saudables, ligas, partidos mestres- alumnos... e moitas cousas máis nos esperan! Seguiremos informando!

Resolución Plan Proxecta 2018/19

 

COMEZAMOS!

Proxecto Deportivo

Adxuntamos o Proxecto Deportivo que desenvolveremos no curso 2017 - 2018.

Liga de brilé

Asoma o fin de curso, e con el a nosa última actividade dentro do Proxecto Deportivo de Centro. Comezamos no mes de outubro cos recreos saudables, que mantivemos ao longo de todo o curso. Continuamos cunha liga de baloncesto; un calendario de merendas; unha liga de tenis de mesa en xaneiro e febreiro. En marzo realizamos o almorzo saudable. Abril foi o mes grande coa semana do deporte: miniolimpiadas, coreografías individuais e en grupo, día sobre rodas, partidos alumnos/as contra os mestres.

Maio foi o mes da liga de brilé. Xogámola por cursos, nos recreos do luns, mércores e venres. Participou o alumnado e os mestres.

Quédanos un bo sabor de boca despois de dar continuidade ao Proxecto Deportivo neste segundo curso consecutivo. Xa pensamos en novas propostas como pintar unhas pistas de atletismo no patio e outros xogos que fomenten a práctica deportiva e a conseguinte adquisición duns hábitos de vida saudables.

A educación é moito máis que a educación física, pero moi pouco sen ela.

Semana do Deporte

Acabamos de vivir a semana do deporte,  coa que buscamos fomentar no alumnado a práctica de actividade física. Desenvolveuse do 3 ao 7 de abril, coincidindo nesta semana o Día do deporte (6 de abril) e o Día Mundial da saúde (7 de abril).

O deporte é un medio moi apropiado para educar ás persoas, para inculcar valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto polo demais, acatar unhas normas. Fai que medre o noso afán de superación.

A semana comezou o luns cas miniolimpiadas, onde o atletismo se elixiu protagonista. O deporte rei combina habilidades que facemos de forma innata xa dende pequenos: correr, saltar e lanzar. Aporta un alto grado de coordinación.

Carreiras de velocidade, salto de lonxitude, carreiras de vallas, lanzamento de peso e carreira por relevos.

O martes, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, realizou coreografías en grupo que levaban practicando dende semanas atrás. Despois, continuaron coas coreografías individuais. Coordinación, ritmo, sentimento, ilusión…para esta mañá de martes.

O mércores todos/as con bicicletas, patinetes, patíns ao colexio

Querémosvos dar as grazas pola vosa participación para que esta actividade se levase a cabo. Xuntámonos con máis de 40 “vehículos”. A actividade “sobre rodas” buscou fomentar o uso da bicicleta, de patíns...  medios de transporte sans, que son moi recomendables para os nosos nenos/as. Aproveitamos para traballar a educación viaria: coñecer sinais coma o stop, o ceda, dirección prohibida; así como cumprir o que nos ordenan os semáforos, respectar os pasos de peóns… Os maiores, cos seus carnés por puntos, concienciáronse da importancia de adquirir uns bos hábitos viarios.

Onte, venres,  repetimos a actividade do parque de tráfico debido a grandísima aceptación que tivo.

Máis tarde, o alumnado, dirixido por Nieves, xogou un partido de baloncesto e despois de fútbol fronte os mestres/as. Fíxonos moita ilusión. Levábamos días agardando por esta cita.

Corremos, rimos, cansamos…foi un gran momento.

Puxemos o broche final a esta semana, coa visita de Sergio Cabanelas: porteiro Monfortino, formado no Calasanz e durante 6 anos nas categorías inferiores do Real Madrid.

Contounos as súas vivencias no mundo do fútbol,o que lle aportou, a súa etapa adestrando en Valdebebas, aconsellounos que o máis importante é disfrutar facendo deporte… Aprendemos moitas cousas da man dun deportista da nosa zona.

Actualmente recupérase dunha lesión no ombreiro e milita no Atlético Escairón.  Seguro que moi pronto o vemos onde se merece, entre os grandes porteiros do panorama nacional.

Foi un auténtico pracer poder compartir este tempo con el, escoitalo, xogar un partido no pavillón

Tod@s quedamos moi satisfeitos con esta semana; foi unha experiencia positiva, enriquecedora, proveitosa. Foron momentos de moita unión, de ilusión, de divertimento. É moi fácil de resumir estes días se nos lembramos da cara dos nenos/as en moitas ocasións.

 

Semana do Deporte

O luns comeza a semana do deporte. Ten como obxectivo fomentar a actividade física, facer fincapé na multitude de valores que nos pode aportar o deporte e dar a coñecer a deportistas da zona.

Distribuirase do seguinte xeito:

   Luns 3 → “Miniolimpiadas”

  Martes 4 → “Coreografías colectivas e individuais do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º”

   Mércores 5 → “Sobre rodas”

  Venres 7 → “Partidos de baloncesto e fútbol alumn@s – mestr@s”

Este mesmo día, como colofón a esta semana, contaremos coa presenza de Sergio Cabanelas, porteiro das categorías inferiores do Real Madrid e actualmente porteiro do Club Atlético Escairón.

 

Pedimos a vosa colaboración para o mércores 5. Este día montaremos un pequeno parque de tráfico no pavillón, no que o alumnado se desprazará sobre dúas rodas (patinete, patíns, bicicleta…). Buscamos fomentar a actividade física e dar a coñecer ao alumnado normas básicas de seguridade viaria.

Tod@s aqueles que queirades e así o desexedes, podedes traer a bicicleta, patinete…dos vosos/as fillos/as para esta actividade, así como o casco e outros elementos de protección.

Podédelas traer ese día á hora de entrada (9:30h) ou durante os días previos, se é máis cómodo para vós.

Así mesmo, para recollelas xa o podedes facer ese mesmo mércores.

A idea é xuntarnos con algunhas bicicletas / patinetes / patíns para compartir e poder disfrutar dunha actividade diferente e enriquecedora.

 

Agradecemos de antemán a vosa colaboración.

 

Nos próximos días, irémosvos dando máis detalles de todo o que aconteza ao longo desta semana.

Distribuir contido