Iniciar sesión: Acceso

Actividades complementarias e extraescolares

SAMAÍN E HALLOWEEN NO CEIP DA POBRA DO BROLLÓN.

Chegan as datas de Samaín e Halloween, dúas festividades que nos achegan a cultura de dous países: o noso, coa celebración de Samaín e o culto aos antepasados e Halloween, festa  inglesa que celebramos para coñecer tamén a cultura do país do que estudiamos a lingua   relacionada tamén co Samaín.

Ninguén é alleo no centro a esta celebración. Entroncamos a materia de inglés, o EDLG, Activ. Complementarias e Extraescolares e a Biblioteca

Na biblioteca aparece no expositor da actualidade os contos e escritores de medo,  do que gardamos unha boa recopilación en Galicia  e que leremos na hora de ler ou no club de lectura durante este tempo. Alí temos a Agustín ferrnández Paz: “Malos tempos para os fantasmas”, “Fantasmas no corredor”; Xavier Docampo:  “O misterio das badaladas” “Corre corre cabaciña”, “Indo para o Samaín”, “A miña amiga a escuridade” obras de Marilar Aleixandre…

AS FAMILIAS CONTAN:

Durante esa semana o centro invita ás familias a vir contar un conto de medo  na hora de ler, Unha actividade que nos encanta a todxs ademáis de sorprender coa calidade do relato e ata as súas propias adaptacións e creacións. O certo  é que o alumnado de 3 a 12 anos queda  totalmente enganchado e  intrigrado mantendo a atención dun xeito asombroso.

O luns acudiron ao centro: Eva, tía de Marina e Lidia nai de Martín e Emma. Eva contounos  maxistralmente o conto de “Corre corre cabaciña”. Lidia contounos  unha historia de nen@s ambientada nun cemiterio “A alianza”. Mezcla de lectura e contar….pero mantívonos en suspense dende o principio ao fin no que nos deixou unha clara mensaxe:  “Nunca collas o que non é teu”.

O martes acudiou ao centro Sandra, nai de Senén. Contounos un conto de Anxel Fole, ambientado no Courel, a historia dun capador que despois da celebración da matanza se foi para a súa casa  noutro pobo nunha noite escura de inverno a pesar da invitación dos veciños a quedarse. Os lobos acompañárono todo o camiño….rodeábano…entón coñeceu o  medo.

O mércores   Toño, Silvia, Mª José e Pablo papás  e mamás de  Antía e Pedro  prepararon un conto de guiñol. Unha posta en escea de auténticos profesionales.  Unha historia de bruxas  que  fomentaba a lectura e que foi creada por Silvia e Mª José. Pasará a ocupar un lugar especial no recuncho das creacións. Podédela ver  neste vídeo.

Todos eles auténticos contacontos e de tal calidade, que nos deu mágoa non compartir estas historias. Así que as que non están en vídeo  serán contadas na radio escolar.  Teredes a oportunidade de   escoitalas próximamente en Radioguimariño.

Premendo aquí podedes ver as imaxes dos nosos contacontos.

MENÚ TERRORÍFICO

Ese día no comedor disfrutamos dun menú terrorífico. Comprobamos  as mañas e creatividade de Mercedes a cociñeira, e Óscar o encargado de comedor como podedes ver nestas imaxes.

HALLOWEN E SAMAÍN.

No tempo de lecer despois do xantar o alumnado de 5º e 6º disfrazouse para visitar as clases e asustar aos seus compañeiros. Deste xeito entroncamos as dúas festividades: halloween e Samaín. A fin de paliar os medos, os titores cóntanlles aos máis pequenos que o alumnado de 5º e 6º lles vai a dar unha sorpresa.  Nas visitas ás aulas, despois de intentar asustalos reparten caramelos para recompensar o primeiro susto, este ano chocolatinas….

Despois baixamos todos ao comedor e os nosos biblioaxudantes, o alumnado de 5º e 6º que recolleron relatos de medo da nosa zona contaránnolos  á carón da exposición das cabazas.

Aquí tedes as imaxes que resumen a nosa celebración.

CONCURSO DE CABAZAS:

Dende hai anos  convócase un concurso de cabazas con material de refugallo. Unha tarefa que fan nas casas. Acadamos unha exposición de creacións orixinais e de calidade donde de novo estiveron implicadas as familias. A calidade dos traballos era alta, difícil seleccionar unha por curso, así que o premio consisitiu nun lote de libros para cada aula, un diploma e chuches terroríficas para todxs.

Infantil: levou o premio das cabazas máis terroríficas.

Primeiro e segund levou o premio das cabazas máis ecolóxidcas  pois abundaban os elementos naturais.

Terceiro e cuarto levou o premio ás cabazas máis estrambóticas.

5º e 6º Levou o premio ás calabazas máis monstruosas.

A Cociñeira levou o premio á cabaza máis sabrosa.

Se premedes aquí podedes ver imaxes de todas as cabazas que chegaron ao centro.

Foron días de traballo colaborativo, no que estivo implicada toda a comunidade educativa. Moitas grazas especialmente ás familias que viñeron a contar, que axudaron a facer cabazas… Gracias á implicación de todxs vivimos días emocionantes, que romperon a monotonía  do dia a día das aulas, nos que non deixamos de compartir experiencias e aprender…

MARTES, 16 DE OUTUBRO, TOCOU EXCURSIÓN

 

O pasado martes, era esperado con ilusión pois tocaba excursión e eses días, para empezar, son distintos ademáis de pasalo sempre xenial

O alumnado de infantil e primeiro e segundo, acompañados dos seus titores, Óscar e Paco visitaron a panadería Roelma. Alí Rosa explicoulles como traballaban para facer o pan, as empanadas e algún doce, e despois chegou a hora da verdade: coas mans na masa!

Foi estupendo poder facer cada  un de nós e seu propio boliño coa masa que nos deu Rosa a cada un. Deixamolo a cocer e marchamos a xogar ao parque de Sanugueiros.

De volta para o cole paramos na panadería e recollemos o noso boliño que levamos para a casa e compartimos coas nosas familias.

Grazas Rosa polo teu tempo, pola masa e por ensinarnos a facer un pan que estaba boísimo.

Pasámolo xenial como podedes comprobar nas imaxes que podedes ver aquí.

 

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º tamén tiñamos visita pois tocaba a III andaina que organiza a Asociación Amigos do Camiño pola Ribeira Sacra cada curso.

Ë unha convivencia multitudinaria pois participan os colexios públicos e privados e os IES da zona. Este curso escolleuse un tramo entre os concellos do Saviñao e Chantada polo que se sumaron a esta andaina.

O punto de encontro foi en Diamondi á carón da igrexa romana de San Paulo de Diamondi, unha das mellores mostras do arte románico da Ribeira Sacra. Sorprendeunos a grandiosidade desta igrexa e o seu campo, alí naquela pequena parroquia.

Comezamos a camiñar, e baixamos ata Belesar por unha calzada romana, inda que era baixar seguido…disfrutamos da naturaleza.

En Belesar, collemos unha botella de auga, cruzamos o Miño e comezamos a subir ata facer unha parada na adega Via Romana. Aquí dábannos unha mazá e unha chocolatina para coller forzas e seguir subindo!. Tamén falamos pola radio a través da emisora onda cero.

O que quedaba de subida foi duro…. A algúns costounos ben pero por fin chegamos á igrexa, tamén románica, de San Pedro de Líncora no concello de Chantada.

Preme aquí para ver o resumo e datos técnicos da nosa andaina. 

Foi un día fermoso no que descubrimos paraxes naturais espectaculares, e tamén historia, ingredientes máis que suficientes para presumir de país porque Galicia, e en especial a Ribeira Sacra garda recunchos naturais únicos, cargados de historia, que temos pois que coñecer, valorar e conservar.

O resumo do día tédelo neste vídeo e imaxes. 

Excursión a Vilachá.

O 28 de setembro rematamos as xornadas deste mes dun xeito moi especial que nos encanta pois tiñamos excursión a Vilachá.

Visitamos un recuncho do noso concello que ten unhas paraxes singulares,  e coñecemos a demáis o valor e os coidados que precisa un cultivo desta zona que está en plena recolección: as uvas.

Saimos do colexio ás 10:30 para chegar a Vilachá ás 11. Nada máis baixar do autobús tomamos a nosa merenda para reponer pilas aínda que a ilusión que nos facía a primeira excursión deste curso pode con todo.

No campo da festa esperábanos Puri, unha adegueira comprometida co seu pobo que se adica á producción e comercialización do viño pero que ademáis nos axudou a valorar o patrimonio natural que encerra Vilachá, sen dúbida, un lugar emblemático da Pobra.

Comezamos unha camiñata de 1km aproximadamente para ir ao mirador da Capela. O primeiro  que  atopamos foron as adegas  que  forman un pequeno poboado a un lado e outro de calzadas de pedra á sombra de grandes carballos.

Despois dun paseo no que cruzamos o pobo de Vilachá, e vimos algunha Nogueira, e castiñeiros que tamén están a darnos os seus froitos desta época collemos un sendeiro ancho,  e chegamos ao mirador,  á beira do Sil que separa o Concello da Pobra do de Ribas de SIL. Dende alí, nunha especie de balcón, puidemos ver unha gran parte dos viñedos de Vilachá: O Val de Lagares, o dos Frades e e un pouco máis á esquerda o de Eivedo.

Puri contounos como para recoller as uvas, a materia prima para a elaboración do viño,  hai que traballar todo o ano os viñedos. O primeiro traballo é o da poda que consiste en quitar as ramas todas da colleita anterior, despois da caída da folla no outono para que broten novas ramas e saia o froito. Pero tamén o ameazan as pestes así que hai que sulfatar e quitarlle as malas herbas….

Por este mes, cando as uvan están maduras faise a vendima. Recóllense as uvas, e lévanse para as adegas. Ali verténse  as uvas nunha máquina  que as triutra e separa do ácio. O caldo vértese nunha cuba onde fermentará, aproximadamente unha semana para saír logo o viño cada ano coas súas particulariedades de sabor.

Pero nós voltamos a mirada atrás e comprobamos como facían os nosos avós e avoas antes e  que pisamos as uvas cos  pés. Non o fixemos na arca como antes pero si nunhos pilos e escoitamos como fervia a cuba. Foi moi emocionante…e pasámolo en grande compartindo as botas para pisalas.

Despois xa de camiño ao autobús visitamos o museo do viño. Alí vimos o carro e a arca na que transportaban o viño antes. As cestas onde vertían os racimos de uvas cando os cortaban  e os cestos nos que os homes carrexaban as uvas dende a viña ata a arca.

E aínda podemos mirar máis atrás, pois xa os romanos, que como sabemos todos moi ben pasaron por aquí cultivaron os viñedos.

Todos os anos se celebra a feira do viño de Vilachá o primeiro domingo de maio e inda que todos temos asistido hoxe encantounos descubrir máis deste lugar e deste produto que contribúe a facer o noso concello importante. Por certo comprobamos que están boisimas porque Puri deunos uvas que tomamos de postre.

Para ver a reportaxe en imaxes preme aquí.

 Grazas Puri, por ese postre delicioso, por adicarnos o teu tempo,  e ser un exemplo de adegueira e empresaria que  non dubida do valor do seu pobo.

Excursión fin de curso

O curso chega á súa fin, e non había mellor maneira de rematalo que acudindo ao Grove para disfrutar dun par de días todos xuntos, o luns 18 e o martes 19.

Luns 18: Disfrutamos da praia, de paseos en kayak...O mellor é que vós o comprobedes con estas fotos.

Martes 19: Iniciación ao bodyboard, descubrimos a través dunha actividade chamada intermareal animales mariños, xogamos na praia...Nas seguintes fotos veredes o ben que o pasamos. Non puidemos ter mellor tempo para disfrutar do mar.

 

Foron dous días nas Rías Baixas moi intensos, nos que vivimos unha experiencia enriquecedora, que nos permitiu aprender lonxe do cole...Uns días que mesturaron ocio, aprendizaxe, emocións, risas, unión...Pasaron voando.

 

Lembrade que o xoves o curso 2017 - 2018 pecha o telón. O horario de recollida de notas será de 10h a 11:30h.

Convivencia co CEIP Rosalía de Castro de Bóveda

O pasado venres 8 de xuño visitounos o C.E.I.P Rosalía de Castro, de Bóveda. No próximo curso nen@s de ambos centros serán compañeiros no instituto, así que cremos que é unha boa oportunidade para coñecerse, facer amizade, compartir xogos, conversas, unha comida xuntos.

Recibímolos ás 10:30h para darlles a benvida a esta xornada de convivencia.

Dividímonos en 3 grupos: infantil, 1º e 2º; 3º e 4º; 5º e 6º, para realizar 3 actividades diferentes de xeito rotatorio durante 45 minutos, cunha parada para a merenda.

O grupo dos máis pequenos realizou un obradoiro de manualidades (pulseiras, flores…), diferentes actividades cos escornabotse xogos no pavillón.

Os grupos de 3º - 4º e 5º e 6º cambiaron o obradoiro de manualidades pola gravación de programas en Radio Guímaro.

Programa 3º

Programa 4º

Programa 5º

Programa 6º

Ás 13:30h repuxemos forzas logo dunha intensa e divertida maña. Sempre axuda a seguir coñecéndonos, a entrelazar a nosa amizade…

Quedámonos con bos momentos, bos recordos. Sempre desexando que chegue o seguinte reencontro. Foi unha mañá moi especial.

Charla sobre acoso escolar e uso das novas tecnoloxías

Hoxe, mércores 6, o alumnado de 5º e 6º recibiu unha charla dentro do plan director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e os seus entornos.

A temática centrouse en dous aspectos: no acoso acolar e nos usos e riscos das novas tecnoloxías.

Deste xeito, durante dúas horas coñecemos máis sobre o acoso escolar, as súas características, os tipos de acoso que se producen, como facer un uso axeitado das redes sociais...

Aprendemos unha morea de aspectos que nos axudan a ser mellores persoas, a facer un uso responsable das oportunidades que nos ofrecen os avances tecnolóxicos que se producen a diario.

A idea esencial coa que nos quedamos é que o respecto a todas as persoas é un dereito fundamental.

Descubride como é o noso concello

O martes 5 de xuño, as nenas e os nenos de 5º e 6º acudiron á Casa da Cultura Olga Novo, para gravar un programa na cadea onda cero co obxectivo de promocionar o noso concello. Nel participaron o alcalde, José Luis; o concelleiro de cultura, Rodicio; Dori; Puri, adegueira de Vilachá; Manolo, dono da pandaría Herbella; Xosé Gago, arqueólogo e que está realizando actividades para promocionar o turismo na Pobra.

No programa, ademais, participou o alumnado do centro, parte vital deste concello xa que é o futuro.

Entre outras cuestións, deron a coñecer puntos de interese turístico como o Castro de San Lourenzo ou a cova das Choias; falaron dos sequeiros da zona como o de Paramedela; recalcaron a importancia de manter tradicións propias que forman parte da nosa cultura coma os brindos. Ata se atreveron a cantar un anaco dun.

Aproveitaron a ocasión para facerlles preguntas aos demais convidados, centrándose en indagar sobre medidas para atender aos peregrinos, en propostas para fomentar o turismo no noso concello…

Festival das Letras Galegas 2018

Este venres día 1 de xuño, ás 11h, tedes unha cita: o Festival das Letras Galegas 2018. Levamos tempo traballando con moita ilusión, e queremos compartilo con toda a comunidade educativa.

O programa podédelo coñecer na nosa web e, como non, a través de Radio Guímaro.

Compartindo momentos cos nosos amigos/as do centro de día

Como ben sabedes mantemos unha estreita relación cos nosos amigos/as do centro de día, compartirmos momentos moi emotivos. Ensínannos as súas vivencias, experiencias, os seus saberes… nós poñemos a enerxía propia da nosa infancia, as ganas por aprender. É un enriquecemento mutuo, momentos moi significativos.

Xuntámonos unha vez ao mes: no Samaín, no Nadal, polo entroido, con motivo do club de lectura…en calquera circunstancia que se de, xa que a escusa para xuntarnos é o de menos.

No mes de maio a tarefa consistiu en facer debuxos para participar nun concurso que se leva a cabo entre diferentes xeracións. A experiencia foi marabillosa, e froito diso xorden as fotos que compartimos con vós, para que descubrades de primeira man o que vos contamos.

No mes de xuño volveremos a xuntarnos para cerrar o curso 2017 – 2018.

Xornada de educación ambiental

O venres, día 20 de abril, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º participamos na segunda xornada de educación ambiental organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), en Folgoso do Courel.

Dentro da actividade Sementar Sementarei, fixemos un taller que consistía en realizar bólas de arxila para meter dentro unha landra, xunto con abono e sementes de trevo. O obxectivo desta técnica é protexer a landra.  Aproximadamente dentro dun mes estarán ben secas e poderanse “lanzar” á terra.

Despois deste primeiro obradoiro, tivemos un anaco para a merenda.

A continuación, movémonos en autobús uns quilómetros máis adiante, cara os montes de Folgoso, para plantar un castiñeiro.

Neste mesmo intre, fomos agasallados cunha árbore para plantas nas nosas casas.

Aproveitamos para comer na carballeira onde fixemos o primeiro obradoiro e disfrutar así da natureza.

Por tanto, vivimos unha mañá de concienciación da importancia de coidar o medio ambiente, de manter limpos os montes, da vitalidade das árbores…

 

Distribuir contido