Iniciar sesión: Acceso

Actividades

Excursión Voz Natura

O sábado 4 chegou a xuntanza anual dos colexios participantes no Programa Voz Natura. O lugar de encontro foi  Culleredo.

Traballamos sobre os ecosistemas da nosa contorna (elementos, árbores, animais, plantas…) , e tratamos de sintetizar o traballo nun libro.

Saímos do colexio ás 9, e en torno ás 11 horas estábamos na Coruña, con gañas de baixar do autobús e disfrutar do tan ansiado día que tíñamos por diante.

Os xogos e talleres funcionaban de 11 a 13:15 e de 15:30 a 19:30.

Tivemos inchables, taller de maquillaxe, globoflexia, taller de reciclaxe con botellas de coca cola, taller de chapas, taller de experimentos con auga e electricidade. Había cabalos moi bonitos: montamos neles  e vimos demostracións, ao igual que por parte dos bombeiros.

Gustounos moito ver o helicóptero da Garda Civil, os coches de tráfico, as motos, salvamento mariño, protección civil ( en todos puidemos subir e velos por dentro). Fixéronnos un carné de tráfico.

Aquí podedes ver máis fotos deste día.

Ás 13:30h vimos a actuación de “Furios Monkey House” e tivo lugar a entrega de premios dos coles gañadores desta edición.

Ás 14h foi o momento de facer unha parada e repoñer forzas, para afrontar con enerxía o resto do día. Comemos todos xuntos.

Logo deste descanso, na xornada de tarde  vimos os traballos de todos os colexios, fixemos un taller de prensa e incluso nos fixeron  caricaturas. Ademais, seguimos disfrutando dos xogos e talleres.

A iso das 18:30 merendamos para poñernos rumbo a Brollón. Chegamos ao colexio ás 21 h aproximadamente, logo dunha xornada de convivencia, de bos momentos, de xogos…

Solta de troitas

Dous axentes forestais, Sindo e Camino, acompañáronnos o pasado luns 9. Soltamos troitas nos ríos Rubín e Sa aproveitando o bo tempo.

Trouxeron dúas garrafas, cada unha con 500 troitas. Metemos a garrafa no río, pouco a pouco, para que se vaian adaptando á temperatura da auga; así o desfase térmico será o menor posible.

Máis tarde, xa no centro, explicáronnos cales son os motivos desta actividade.

A través dunha proxección en power point ensináronnos todos os pasos que seguen ata a solta dos alevíns; hai que cubrir un longo proceso de análise xenético, reprodución, desove, extracción dos espermatozoides, embrionaxe, selección e clasificación cada mes.

Para chegar ao resultado final o proceso é complexo e custoso.

Aprendemos que por cada quilo de peso de troita nacen uns 1800 ovos.

Vimos imaxes de piscifactorías, escalas, filtros, os termómetros que usan para medir a temperatura da auga,  onde nacen os alevíns..

Debido ás grandes choivas das últimas datas, a auga dos ríos estaba turbia; isto provoca que os alevíns collan infeccións e morran. Por tanto, estes días de bo tempo son un momento idóneo para soltar as troitas, debido a que auga está máis limpa.

Os cambios no PH das augas, motivados pola contaminación (purín, vertidos industriais sen depurar), polos incendios forestais, pola falta de limpeza nas ribeiras que impide a axeitada insolación das augas… poderían estar detrás da escaseza de alevíns. Cada vez vemos menos troitas nos ríos do sur lucense.

Foi unha mañá moi amena, entretida e na que aprendemos máis sobre a natureza, da man de Sindo e de Camino, que seguro nos visitarán en máis ocasións. Moitas grazas.

Coidar o noso medio depende de todos

Día da árbore

O 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da árbore, un ben prezado e que debemos conservar. As árbores contribúen en gran parte ao osíxeno que respiramos, humedecen o ambiente, reducen o ruído, axudan a diminuír a contaminación…son riqueza…

Como nesta data nos atopábamos en período de vacacións, decidimos celebralo este venres plantando con moita ilusión e concienciación  un castiñeiro.

Primeiro, o alumnado fixo o burato para meter o castiñeiro; a continuación botáronlle terra e abono.

O seguinte paso, foi pisar a terra para que quedase ben prensada.

Máis tarde, rodeamos o castiñeiro cun pneumático para sinalizalo e protexelo.

Finalmente, regámolo.

Un traballo en equipo, que nos serviu para ser máis conscientes da importancia das árbores, dos seus beneficios, dos coidados que precisan.

 Ao longo desta semana tamén limos o conto “O castiñeiro dos desexos”, unha actividade en colaboración coa Deputación de Lugo que nos enviou os contos e o castiñeiro.

 

Charla sobre o medio natural

O venres tivemos unha charla / exposición sobre medio ambiente a cargo de Francisco Javier Quintana, técnico do distrito forestal VIII de Terras de Lemos, e de Javier González, axente forestal da nosa zona.

Dividiron a xornada en dúas partes:

-Primeiro, unha parte máis teórica, na que nos falaron  da paisaxe galega, dos seus tipos (natural, transformada, de costa, de charia…), dos elementos da mesma.

Debatimos sobre si existe paisaxe urbana, sobre como e por qué se deteriora a paisaxe; saíron moitas cuestións interesantes que debemos levar a cabo no día a día para coidar o medio natural, os nosos ecosistemas (reciclar, reducir, reutilizar, coidar os espazos protexidos…)

Coñecemos tamén aqueles animais que hoxe en día se atopan en perigo de extinción. Como dato curioso, soubemos que na nosa Comunidade habita un só lince ibérico.

-A segunda parte, logo dun descanso, foi práctica.

O alumnado tiña que ubicar unha morea de animais no seu hábitat natural:  granxa, bosque, mar. Colocamos ovellas, cans, vacas, golfiños, quenllas, vacalouras, zorros, linces…

Reflexionamos sobre o bosque, que é un dos ecosistemas no que máis animais conviven.

Foi unha sesión moi amena, que se nos pasou voando; aprendemos máis sobre o noso entorno, sobre os ecosistemas, como podemos coidar o medio natural. Unha actividade enriquecedora,  idónea para seguir traballando no Proxecto Voz Natura.

Rematamos dándolles as grazas e un merecido agasallo aos nosos convidados, por todo o que nos transmitiron, e pola maneira tan divertida en que o fixeron.

Con esta foto de familia, despedímonos ata despois das vacacións.

Visita ao punto limpo

Este ano en Voz Natura traballaremos sobre “Os ecosistemas”. O punto de partida do proxecto foi pedirlle ao noso alumnado que investigase sobre os ecosistemas da Pobra e os elementos físicos. Así que obtivemos información sobre os animais da nosa contorna, as árbores, as plantas…

A próxima semana faremos unha asemblea todo o colexio; cada neno/a expoñeralle aos demais o que buscou; trátase de aprender de xeito conxunto, uns dos outros.

Hoxe, para concienciarnos da importancia de coidar a natureza, de non contaminar, de non ferir aos ecosistemas…visitamos o punto limpo.

Querémoslle dar as grazas ao Concello por compartir con nós esta hora, por ensinarnos o punto limpo e por tantas cousas novas que aprendemos da man de Elvira.

Ao punto limpo lévanse aqueles residuos que non podemos reciclar nas nosas casas, é dicir,  os que non podemos botar nos colectores que nos encontramos nas rúas habitualmente, dado o seu tamaño ou o seu alto nivel de contaminación.

É unha instalación cerrada e vixiada para a recollida selectiva de residuos. Trátanse de maneira axeitada para que o medio ambiente non se deteriore.

Recorrémolo e vimos a súa distribución: os colectores de residuos perigosos (aceites vexetais, minerais…). Na parte de arriba, atópanse os colectores habituais, os de plásticos agrícolas, ferralla, os de residuos voluminosos, roupa usada

Ao carón do punto limpo,  disfrutamos da natureza (árbores, plantas…); demos un paseo que nos permitiu mergullarnos nun mundo de tranquilidade e respirar aire puro. Alí vimos unhas charcas nas que antigamente se lavaba o ouro. Reflexionamos sobre a contaminación das augas, como lle afecta ás árbores que beben dela…

Se miramos ao noso arredor, dámonos conta de que ás veces non lle devolvemos á natureza unha pequena parte do que ela nos da; contaminamos en exceso cando resulta moi sinxelo reciclar, reutilizar ou reducir.

Chamounos moito a atención que unha botella de plástico tarde de 100 a 1000 anos en degradarse, que unha botella de vidro tarde 4000, ou que as pilas o fagan despois de 1000 anos.

Foi unha visita proveitosa, que nos serviu, entre outras cousas, para sensibilizarnos un pouco máis da importancia de coidar ese ben tan prezado chamado natureza.

Distribuir contido