Iniciar sesión: Acceso

Guimariñoleo, Biblioteca escolar, Dinamización, Traballo por proxectos, Radio escolar, Escornabots

Bibliotecas escolares (23.10.2015)

O venres celebramos o Día das Bibliotecas. Unha data que  estamos desexando que chegue, polo que significan os libros para nós, polo que nos transmiten, polo que nos entusiasma ler, contar contos…

Un libro é como unha bolboreta, voa, viaxa, sente, ve; un mundo cheo de oportunidades, que nos trae aprendizaxes.

O día comezou lembrando a distribución da biblioteca: a zona de infantil e 1º e 2º (vermello); a zona de 3º e 4º (verde) e a de 5º e 6º (amarelo). É un bo momento tamén para repasar as normas.

Máis tarde, tomaron protagonismo os contos:

-1º e 2º: “O pallaso que non quería facer rir”

- 3º e 4º: “Para morrer de risa”

O mundo adoece con tanta trompada, con tanta guerra…ofrécesenos un manual de armas para morrer de risa: Unha bomba boa, un canón teimudo que non quere disparar cando lle prenden mecha, unha metraballadora que sementa hortas, unha escopita cos canos furados…

-5º e 6º: “Quen me quere adoptar?”

Manuel, un mestre xubilado, tiña centos de libros, que cando abría convertía en bolboretas. Estaba só e non sabía que facer, algo que o poñía moi nervioso. Un día, decidiu fabricar a felicidade e preparou un cartel que colgou na porta da casa buscando familia. É un libro para reflexionar sobre a soidade das persoas maiores, sobre a importancia das relacións familiares…

Despois, chegou un dos momentos máis agardados polo nenos/as; estaban moi entusiasmados coa sorpresa, que este ano foi…bolsas de chuches con forma de bolboretas colocadas enriba dos contos. Algo que nos pareceu moi significativo, que fala por si só.

Xunto con este agasallo, recibiron o marcapáxinas do colectivo Lemos Le. No reverso, contén un texto de Olga Novo escrito para o Día Das Bibliotecas.

Rematamos este día cun momento de moita emoción.  

Lola, a nosa Lola, a nosa cociñeira, dinos ata pronto despois de toda unha vida no cole. Non hai forma de darlle as gracias, de devolverlle todo o que nos da cada día. O seu cariño diario, o seu sorriso, a súa predisposción para todo, e como non…esa comida que nos encanta, que nos fai recuperar enerxía…

Máis dunha vez escoitamos: “Hoxe hai lasaña de Lola”. “Como saben as albóndigas”. “Queremos sopa e pizza”.

Ímoste botar moito de menos…Un millón de gracias!

Neste 24 de outubro, Día das bibliotecas,  deixamos unha frase de José Luis Borgues: “Sempre imaxinei que o paraiso sería algún tipo de biblioteca”.

Mª CASTAÑA E A IDADE MEDIA NA POBRA DO BROLLON

 Mª CASTAÑA E A IDADE MEDIA NA POBRA DO BROLLÓN

O desenvolvemento despe proxecto implicará:

Un traballo de campo. Investigación sobre o tipo de vida nunha época histórica.

Interpretación dun mapa. Análise dos vestixios e investigación documental que corraboren os vestixios

presentación do proxecto a través de exposicións, murais e unha presentación.

Obxectivos

Identificar unha época histórica

Diferenciar tipos de vivendas e modos de vida segundo a época

Interpretar mapas

Participar en actividades de grupo.

Utilizar as TIC para buscar información e reproducir documentais.

Desenvolver documentación útil.

Recursos:

Material bibliográfico, libro de texto, enciclopedias de historia para nenos, colección a nosa terra. Posibilidade de realizar saídas con fontes de información como un arqueólogo.

Desenvolvemento

Fase inicial: presentación e motivación. Presentaremos o conto de Mª Castaña elaborado por persoal do CIM de Monforte coa intención de que coñecer a Mª Castaña  e elaborar o debuxo do capítulo que ten asinado o colexio dende o CIM para ilustrar o conto cos debuxos do alumnado dos colexios de primaria da zona que participan nesta actividade.

Mª Castaña naceu na Pobra do Brollón e todos apuntan datos de homenaxe a esta perso:, a Asociación Cultural do pobo donde naceu, Cereixa leva o seu nome, na localidade da Pobra hai unha rúa co seu nome...por iso agora que estamos a estudiar a idade media ímonos centrar na nosa localidade que ten moito que contarnos.

Fase 2 Recollida de información: consultamos internet, sobre edificios da idade media: o Castelo de Monforte, outros castelos, a Catedal de Santiago...o Alcázar de Segovia...realizaremos en xuño a visita na excursión de fin de curso.

contaremos cunha fonte de información de luxo para aprtarnos máis sobre Mª Castaña e da Idade Media no noso Concello. O arqueólogo Xurxo Ayán visitaranos e  será o guia dun roteiro pola localidade e Cereixa co alumnado de 3º,4º,5º, e 6º para analizar os vestixios da Idade Media na nosa localidade.

Visita de Xurxo Ayán

O martes día cinco de maio fixemos un roteiro en torno á figura de Mª Castaña e visitamos os lugares emblemáticos da localidade de Pobra do Brollón  e Cereixa. Acompañounos durante toda a mañá o arqueólogo que ten as súas raíces en Cereixa Xurxo Ayán Vila que nos encheo de información inda que parecia que nos estaba a contar un conto. Así enchemos os nosos cadernos de información que logo completariamos coas gravacións que fixeron os profesores. Foi unha mañá espectacular.

O resultado foi este traballo

Mª CASTAÑA E A IDADE MEDIA NA POBRA DO BROLLÓN

 

UN HORTO , MIL PRATOS

UN HORTO, MIL PRATOS

Así se titulaba o noso Proxecto de Voz Natura....

Implicará:

Un traballo de campo

A identificación das plantas dun lugar, as relacións entre ellas, os coidados e beneficios que nos aportan.

A valoración dos elementos estudiados

Obxectivos:

Desenvolver actitudes de sensibilización ante o cuidado das plantas, e o seu xonsumo benficioso para a nosa saúde.

Investigar situacións do medio natural

Realizar entrevistas e analizar críticamente as situaicóns

Identificar e comprender as relacións que se establecen entre as plantas.

Aplicar as TICs ás necesidades formuladas.

Recursos.

Plantas, terra, material bibliográfico (libros de consulta), Recursos dixitais: EDI, ordenador, conexión a internet, actividades con expertos, os maiores, a familia...)Fichas de traballo.

Na primeira etapa:identificamos un tema moi próximo a nós. Tendo en conta que estamos nunha zona rural e calquer alumno ten un horto na súa casa. Por outro lado, nos menús diarios no comedor escolar temos a presenza de verduras e hortaliza....

Pois imos coñecer un pouco máis dos alimentos partindo da invesigación, recollida de información e da propia experiencia creando o horto ecolóxico.

Recollida de información: Empregamos varias fontes:

  • libros sobre ese tema Hos hortos infantiles, a alimenación sá que mercamos e cos que creamos o recunho de Voz Natura deste ano.
  • Información recollida nas nosas familias.
  • Información dos nosos maiores recollida no centro de día mediante unha convivencia.
  • Inforamción aportada por Tico e Lola, dous expertos da nosa zona que están a traballar co horto ecolóxico.

Despois lemos, investigamos e  organizamos a información. Rematamos Elaborando este manual que podes coñecer pinchando :

UN HORTO, MIL PRATOS

 

Día das Letras Galegas

O pasado venres  22 de maio celebramos o noso festival das Letras Galegas.
Para o centro esta festa supón un esforzo grande, pois organízanse actividades: teatro, bailes, cancións...que se ensaian nos períodos de lecer unha gran parte. Pero conscientes da importancia que para o noso alumnado teñen estas  actividades, así como da convivencia  da comunidade educativa que os festivais crean,  seguimos  ilusionándonos con este tipo de actividades que acaba ademais dándolle singularidade ao noso centro.
Ao festival acode moita xente: as familias do alumnado, responsables das institucións culturais do nosa localidade, e os veciños e usuarios do Centro de día que está ubicado enfronte do noso centro.
É un dia completo, alegre para tod@s, no que florece o orgullo e a satisfacción dos traballos feitos, tanto do alumnado contento do seu protagonismo e bo facer como do profesorado e das familias…
Este ano presentaron o festival tres alumn@s de 5º e 6º: Marcos, Xurxo e Verónica que tamén nos deron a coñecer  ao escritor homenaxeado este ano Xosé Filgueira Valverde.
Os primeiros en actuar como case sempre foron os nenos e nenas de infantil que representaron o conto: “A ratiña presumida” e que engaiolaron a todos coa súa gracia e simpatía.
Despois o alumando de 3º e 4º creou o Clube do chiste. Saíron a contar de un en un dous chistes, cos que tamén rimos moito, tanto polo contido como polas  súas boas dotes para contalos.
Os nenos e nenas de 1º e 2º representaron unha obriña de teatro cargada de mensaxe. “Gorrionceteo paxariño que non quería aprender”. Fixérono moi ben e daba gusto ver aos paxariños nun niño que Nuria lles improvisou moi ben con follas de laurel.
A continuación, 5º e 6º contáronnos un conto tamén a través de guiñol:“O verme Rañoso e a galiña Clodovea”. Unha peciña chea de humor e na que  involucraron moi ben ós demais nenos e nenas espectadores. E na que ademais quedou a mensaxe: mellor sumar que pelexar…
Máis tarde, o alumnado de 3º e 4º tamén representaron outra obra de teatro con moita mensaxe, “Coida a lingua”. Así coa súa gracia deixáronnos a reflexión da importancia de falar galego e do importantes que temos que sentirnos sendo galegos.
Logo, era o momento da escola de música que ten a súa sede  en aulas do noso centro que nós non usamos, e que ademais un papa é profesor da escola. Tocáronnos a peza instrumental: “A Carballesa de Melide”.
O festival ía avanzando coa representación de 5º e 6º da obra de teatro: “A consulta do doutor”. Unha parodia dunha consulta pero na que tamén nos deixa a mensaxe da importancia da profesionalidade e da necesidade do bo funcionamento dos servizos públicos.
Case rematando chegou o momento da entrega dos premios do Certame de Contos Letras Galegas que se convoca cada ano e que este ano era xa o número XXIV. Este ano os premiados foron:
1º e 2º: Xulia
3º e 4º: Lorena e Noé
5º e 6º: Sheila
Finalmente foi o turno da música novamente: Un grupo de nen@s de 3º,4º, 5º, e 6º bailaron a muiñeira do Chao e 3º,4º,5º e 6º  cantou o Himno Galego.

Foi unha mañá  na que floreceu o traballo de días anteriores, na que disfrutamos, e sobre todo unímonos un pouco máis para seguir a loitar por coñecer  a nosa historia, para que este pasado sexa cada día máis valorado,  e para que a nosa lingua está cada día máis presente nas nosas vidas ocupando o lugar que se merece, medrando cara un  bo futuro.

UN ROTEIRO DE LUXO CON XURXO AYÁN VILA

 

O martes día cinco de maio agardábanos unha mañá moi especial. O día prometia, pois tratábase de facer un roteiro en torno á figura de Mª Castañae visitar os lugares emblemáticos pola localidade de Pobra do Brollón  e Cereixa.
 Para isto contamos coa participación dunha xoia que ten as súas raíces neste concello: o arqueólogo e investigador  Xurxo Ayán Vila. Tivemos pois un guía de luxo que elaborou un itenario dirixido ao alumnado de 3º,4º,5º e 6º e nos  embriagou de información sobre o noso patrimonio.
Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades que  estamos a realizar dende o colectivo Lemos Leen colaboración coCIM de Monforte de Lemos de coñecer cada ano unha muller da nosa zona. Este ano adícaselle a  Mª Castaña, nada nunha parroquia deste concello, Cereixa, parroquia tamén de Xurxo Ayán. Por iso tamén nos acompañaron neste roteiro as responsables da biblioteca municipal do concello, e é un preludio dun roteiro vindeiro destinado a adultos no que tamén teremos a sorte de ter de guía a Xurxo Ayán.
Con estas circunstancias, non hai mellor xustificación para desenvolver un dos proxectos de traballo do noso centro en torno á Idade Media: recoller información, analizar e  coñecer  esta época para crear o contexto histórico e sociocultural de Mª Castaña e de camiño o noso propio.
Xurxo chegou ao colexio ás 9:45horas horas. Deseguida soubemos que estabamos ante unha persoa sinxela, humana, sensible… que  transmitia coñecementos e valores… Así enganchounos a tod@s e especialmente ao alumnado que o acompañaría toda a mañá expectante ante as súas explicacións cos seus cadernos de notas, por certo, as libretas da Biblioteca.
1.º parada. A FONTELA, unha casa, ubicada no alto da Pobra, a par dun camiño de entrada á localidade, hoxe pouco usado, pero naquela época o Camiño Real”.  A casa Conserva un escudode pedra de granito traída de Incio. Os debuxos, simbolizan: cadrados Familia Andrade, círculos familia dos Castro que casaron formaron os Condes de Lemos.O escudo identifica a casa dos nobres, ou señor, donos das terras que á súa vez dependían dos condes de Lemos. Aquí aproveitou moi ben para contarlles como era a sociedade na idade media e os medios de vida.
2ª Parada: unha excavación que nos permite coñecer o tipo de pedra que hai na  zona alta da Pobra, rocha metamórfica, xistos e lousas... materiais que se empregan nas construcións. Máis adiante preto do rio veremos outras, os coios.
3º Parada: Comezando a baixar vista panorámica da localidade e ao lonxe dos Castros que rodearon esta localidade: O de Chavaga, Castroncelos, Castrosante, Ferreirúa…
4ª Parada: o parque unha pedra enorme, Que observamos xa que é contén materiales da zona. Observan o cuarzo o xeixo que é unha pedra moi dura e ten moitos usos. Observación e diferenciación entre a parte máis recenté da Pobra e máis antiga, a par do camiño real.
5ª Parada: Paseo pola beira do rio. Parada donde desemboca o Rubín no Saa. Explicación das lendas acerca de cómo se fundou a Pobra: a das formigas (Lenda de Miraflores), a das loitas entre as familias de dous castros: os dos Medos e o da familia de Saa, e a lenda dos Guímaros que supuxo a rebelión dos campesinos da Pobra contra o pago de impostos ao conde de lemos. Explicalles tamén antes de entrar no Casco vello a versión real da fundación, mandada construír polo rei Alfonso IX.
 Observación: como é este casco vello, ao que vamos entrar, ubicado entre os dous ríos. Ten forma de améndoa porque a Pobra tivo muralla!. Un descubrimento para tod@s. A muralla tiña moitas funcións: defensa, cobrar impostos, evitar epidemias… 
6ª Parada: O casco vello. Explicación do material empregado para construír unha casa con materiais da zona ante unha casa en ruinas e de camiño os medios de vida e costumes.,
Introducímonos polo casco vello visitamos o calexón e a praza da Condesa nomes alusivos á Condesa de Lemos.
7ª Parada: a ponte de Santo Antón. Esta capela está nun cruce na ponte. Explicación da capeliña, moi típicas da idade Media, nas entradas das ciudades e nos crueces. Este é un exemplo; a xente cre neste Santo como protector das persoas e dos animais por iso está a carón   da ponte medieval.  Da ponte só se conserva  unha parte dado que foi reparada con cemento. Esta ponte era a entrada á vila da Pobra.
8ª Parada: a igrexa ubicada no alto do casco vello. Aquí houbo outro Castro. Observación dende este lugar da contorna próxima con altos sobre os que se asentaron diversos Castros. Esta igrexa foi construída con material de restos dun castelo e unha torre que existiron na idade media.
 Esta é unha igrexa bastante monumental, Ten tres naves en planta de cruz latina.  porque aPobra do Brollóntivo unha xurisdicción importante. Destaca a súa Bóveda construída con materiais da zona: os coios, xistos, e granito que inda que non é da zona é unha pedra doada de traballar.
9ª Baixada da Igrexa: parada nunha casa que conserva un arco, posiblemente a antiga casa do concello, xa que está nunha rúa principal. Consérvase pouca documentación do noso pobo pois cando entraron os franceses arrasaron parte de Monforte e tamén da Pobra. Queimaron a casa do Concello antiga e tamén os arquivos que contillan documentación.
10ª Parada: Visita a unha pedra que se descubriu hai cinco anos aproximadamente, facendo obras nunha rúa.  Estaba enterrada, ten unha inscripción na que se le:"Año 1640. Esta ermita de la Magdalena la mandó construír Fernando Salgado capellán de los Condes de Lemos".sobre esta pedra investigará Xurxo. De seguro que nos aporta máis historia…
11ª Falcón: Subimos ao autobús para chegar a Cereixa e visitar unha casa con arco así como o primeiro lugar donde se supón que naceu Mª Castaña, Falcón. Hai dúas teorías do lugar onde naceu: Falcón e   outra que di que naceu na outra marxe do río, no barrio da Lende. Visitamos aquí, outra casa con arco, que perteneceu aunha familia pudiente, a dos Camba,que ademáis tiña capela e contounos a historia de Mª Castaña.
Non sabemos o lugar exacto do seu nacemento pero sí que foi en Cereixa e que Mª Castaña, nunha protesta contra os impostos abusivos  matou un maiordomo do bispo de Lugo.
No Archivo Histórico Nacional de Madridconsérvase un documento que nos dí queMª Castaña  arrepentida, chegou a un acordo co Bispo de Lugo, para ser perdoada, e deulle 1000 maravedís e as súas terras de Cereixa. A partir do Século XIV Cereixa, inda que pertenecia á Xurisdicción da Pobra do Brollón dependia directamente do bispo de Lugo que era o seu señor. 
 Aquí atopamos un veciño que nos contou unhalenda dos mouros, a Mariquiña que foi comida por unha moura. Despois Xurxo contounos unha segunda versión, na  que a moura lle cortara a lingua a Mariquiña por contar que a vira.
12ª Parada: Pasamos por un camiño, donde nas paredes sen muros das fincas, que están  máis elevadas co camiño, observamos o outro tipo de pedras da nosa zona na parte baixa, pois estamos preto do rio. Aquí observamos os coios.
13ª Cruzamos o río Saa por unha ponte recente na que paramos  para explicarlles as canalizacións que fan as persoas para aprovitar as augas para os muiños e para poder regar. Tamén nos explicau Xurxo que os romanosaproveitaron as augasdeste río Saa para extraer ouro,sendo esta zona un lugar de moita actividade  para a explotación de ouro, conservando moitos vestixios desta acitividade.
14ª A Lende. Visitamos unha casa que ten outra pedra con inscripción que procede dunha capela que existiu na época medieval a capela de San Lourenzo, no castro da Lende,que ademáis tamén recibe o nome de Castro de San Lourenzo. Contounos outra desas historias maravillosas que mezclan a realidade, a devoción e a lenda: Esta hermida foi construída porque nunha época de moita sequia a xente sacou a San Lourenzo, que morreu según contan, queimado, mollárono no rio e entón choveu. Así fixeron a capela baixo a crenza de que San Lourenzo era bo para chamar a choiva. 
Esta pedra  pertenceu á porta da capela  e conserva a data:1875 e "Ave María",unha forma de saúdo.
Como podedes ver foi unha clase desas que nos fan sentir a todos repletos de información e tamén de valores. Aprendemos moito da historia da Pobra e a valorar o noso pobo. De seguro que dende este día tod@s o miramos  con máis respecto, porque ademáis de saber moito máis despois de escoitar a Xurxo, tamén medramos en autoestima, no concepto de pobo con valor.  
Daremos conta do traballo que con esta rica información están a realizar os rapaces por iso non detallamos máis as paradas, nin as lendas..
Agradecer  con maiúsculas a boa vontade de Xurxoque accedeu encantado á nosa proposta e manifestar dende aquí que  Tod@s os que o  acompañamos   esa mañá recibimos unha clase maxistral.
Esperamos que nos visite moitas veces,  e nos siga enriquecendo.
Para saber a donde vamos, que mellor que coñecer de donde vimos.

Día Mundial da Non Violencia de Xénero (25 de novembro)

O martes 25 de novembro celebrouse o Día MUNDIAL DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO, unha data na que tratamos un aspecto da nosa sociedade que non atravesa o seu mellor momento.

A biblioteca estivo presente na celebración deste día.  O alumnado de 3º,4º,5º e 6º leron de xeito colectivo “Xela volveuse vampira” de Fina Casalderrey.

A historia dunha mestra alegre, a que querían moito os seus alumn@s;  pero de repente a inicios dun novo curso cambia por completo.

Os alumn@s saben que algo lle ocorre a Xela, xa que non é a mesma persoa: antes tan alegre, contáballes historias, levábaos de excursión, xogaba nos recreos con eles…

Agora sempre está triste, distraída, non xoga con eles, quere estar soa….ata cambiou a forma de vestir, e leva gafas que ocultan a súa mirada…

Un día na aula, cáelle a bufanda e descobren certas manchas vermellas no pescozo.... A imaxinación dos rapaces lévaos a pensar que pudo volverse vampiresa, porque o certo é que algo moi importante lle está a ocorrer.

De súpeto deixa de acudir ao colexio…

Breixo, un dos alumnos, contará coa axuda de Rute, un ser fantástico que só poden ver as persoas  nadas en domingo e de bo corazón.  Rute aparéceselle   Breixo ,  só el a pode ver pois cumpre estes os dous requisitos. Breixo pediralle a Rute axuda  para  descubrir que  lle ocorre a Xela.

Rute converte os muros da casa de Xela en transparentes e poden comprobar como Xela é maltratada polo seu marido tanto física como Psicoloxicamente.

Asombroso!!! Parecía tan amable…

Pero Rute  ten capacidade para castigalo soberanamente, convertendo a Cibrán, o marido de Xela nun home cocho que anda en moto perdido polo firmamento….

Un bo día Xela volve a clase…volve a ser aquela mestra alegre que lles ensinaba tantas cousas.

Esta obra permitiunos afondar neste tema, reflexionar co alumnado, extraer conclusións moi positivas.

Así que esta semana falamos cos alumnos/as sobre a Violencia de Xénero: indagamos nos seus coñecemento previos, para a partir de aí traballar neste tema e sacar o maior proveito posible.

Con todas as ideas que o noso alumnado sacou adiante elaboramos un mural no que pretendemos que queden reflexadas todas estas aprendizaxes, boas intencións…

No mural, represéntase o Mundo, e caen pingas de auga das nubes con mensaxes, con slogans para loitar contra a Violencia de Xénero.

O alumnado do 3º ciclo escribiu poesías empregando a técnica do acróstico, verdadeiras preciosidades.  Seguro que disfrutades delas.

 

O CAMIÑO é a igualdade, a comprensión, o amor, a empatía, a diversidade, o diálogo, a protección, a colaboración…

O CAMIÑO É POSIBLE.

 

Hallowen e Samaín (30-10-2014)

O pasado xoves, 30 de outubro celebramos conxuntamente o Hallowen e o Samaín, cun pouco de medo

Pedimos a colaboración das familias para que durante esta semana viñeran ao  centro contarnos historias de medo. Temos que agradecer a súa colaboración e implicación; e recoñecer que non hai que ir moi lonxe para ver grandes contacontos.

Os contacontos que tivemos foros os seguintes:

-Luns: Veu Martín, pai de Enma. Contounos un conto que aconteceu hai moitos anos por esta zona. Semella unha adaptación dos Músicos de Bremen. Aprendemos que todo pode ser útil, que non hai que desaproveitar nada nin tiralo antes de tempo.

-Martes: Veu Sandra, nai de Senén e Moraima. O conto tiña como protagonista un home moi valente, non había nada que lle fixera ter medo. Finalmente, descubre o medo dun xeito moi sinxelo.

-Mércores: Veu Teddi, pai de Leila. Falounos sobre o coidado que hai que ter á hora de meterlle medo ás persoas; ás veces podemos facelo dun xeito perigoso e sen saber as consecuencias que pode traer. O home do conto actúa subxestionado polo medo, morrendo finalmente do susto.

 

-Xoves: A partir do recreo comezamos a celebración desta festa.

Na hora da lectura, ás 11:45h, o alumnado de 5º e 6º representou con monicreques corre corre cabaciña. Deixounos a todos cun gran sabor de boca.

• Chegou a hora do xantar, e o noso menú terrorífico foi crema de cabaciña e hamburguesa.

• Pola tarde, os nenos e nenas de 5º e 6º, disfrazáronse segundo a tradición da festa Hallowen e foron polas diferentes clases asustando; para paliar o medo ocasionado repartían caramelos.

• Para rematar, tivemos a entrega de premios correspondente ó concurso de cabazas feitas con material de refugallo. Participou todo o alumnado do centro e hai que recoñecer que traballaron moito. Estivo moi apretada a decisión, pero os premiados foron os seguintes:

-       Infantil: Marcos

-       1º ciclo: Kevin

-       2º ciclo: Maiki

-       3º ciclo: Xurxo

En recompensa ó esforzo e tempo dedicado para elaborar as cabazas, todos disfrutaron dun pincho moruno de lambetadas ambientado no Samaín.

DÍA DAS BIBLIOTECAS (24.10.2014 )

O venres 24 de outubro celebramos o DÍA MUNDIAL DA BIBLIOTECA ESCOLAR.      

  O programa dos nosos actos foi o seguinte:

 

- Ás 12:45h, durante a hora da lectura, tivemos unha sesión de contacontos, a cargo da nai dun alumno do centro. Nunci Valcárcel; a popular actriz da TVG, que traballou entre outras, na serie Mareas Vivas.

Contoulles na biblioteca o Galo traganoces.

 

- Ás 14:30h o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º representou para os compañeiros unha obra de teatro, "todo é un conto". Nesta obra, os protoganistas son personaxes de contos tradicionais que acoden a consulta dun doutor.

 

- Finalmente, rematamos na biblioteca na que os agardaba unha sorpresa moi doce, unha tarta de lambetadas coa figura dunha casiña de chocolate.

 

Durante esta xornada, o alumnado coñeceu como se organiza a biblioteca, como se organizan os fondos da biblioteca en diferentes recunchos.

DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, SAMAÍN E HALLOWEN

Samaín...e a Biblioteca.

  No colexio da Pobra traballamos para celebrar conxuntamente: Hallowen, Samaín e o Día das Bibliotecas Escolares.

Así foi como, nestas datas, tomaron protagonismo as cabazas e os contos de medo.

Convocamos un concurso de decoración de Cabazas no que se tiña en conta a creatividade e o emprego de material de refugallo.Exposición

 Por outra banda, dada a proximidade nas datas do día das bibliotecas escolares tamén traballamos cos autores  que escribiron contos de medo. Na hora de ler o 3º ciclo leu “O misterio das badaladas” de Xavier Docampo. …e de camiño, coñecemos a algúns escritores que nos escribiron contos para nen@s  baixo a temática do medo; os rapaces do 3º ciclo investigaron e a través das Tics, realizando biografías de autores: Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Xosé Miranda, Anxo Fariña e Xavier do Campo.

Na hora do plan lector traballouse a lectura dolectiva por ciclos, lendo baixo esta temática:

Aos de infantil contoulles o seu profe contos de medo.

1º ciclo: "O aprendiz de home saco" Antonio Reigosa.

2º ciclo: "Fantasmas no corredor". Agustín Fernández Paz.

3º ciclo: "Malos tempos para os fantasmas". Agustín Fernández Paz.

O xoves 31 rematamos a festa:3º ciclo como todos os anos disfrazouse para asustar aos máis pequenos, despois repartiron caramelos…e para ambientar mellor,  pola tarde, disfrazámonos tod@s baixo a temática de Samaín. 

No xantar tamén estivo presente Samaín...Hamburguesa, acorde coa data!!

Os nen@s do 3º ciclo contáronnos un conto de medo. “Eu quero dous” recollido da tradición oral popular da nosa zona.

Rematamos esta festa coa entrega de premios con gominalas ambientadas en Samaín e un pastel en forma de libro….!.

Os premiados, que recibiron un diploma e un xogo didáctico  foron:

Infantil:  Álvaro e Marcos

1º : Roi

2º : Lorena

3º : Estrella

4º: Sheila

5º: Xurxo

6º: Andrés

 

 

 

GUIMARIÑOLEO

OLA..!

Hoxe comeza a camiñar o noso blog de novo....

Guimariñoleo vai velliño, xa ten canas...asi que contamos coas vosas aportacións como sempre para crear unha nova mascota que vos manteña informados das novas da biblioteca...

Precisamos unha mascota e un nome así que pon en marcha a imaxinación e crea unha!!!!Guiño

Distribuir contido