Iniciar sesión: Acceso

Guimariñoleo, Biblioteca escolar, Dinamización, Traballo por proxectos, Radio escolar, Escornabots

MEMORIA DO PLAN LECTOR

Memoria do Plan Lector curso 2015-16

Letras Galegas

Na última semana rendémoslle homenaxe ás Letras Galegas, as nosas Letras. O poeta Lucense Manuel María é o protagonista deste ano; representa a conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega.

Manuel María Fernández Teixeiro nace en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929. Como fillo de labregos pasa a súa nenez e adolescencia no medio rural.

Vai á escola en Outeiro de Rei e fai o bacharelato en Lugo. Con 19 anos imparte a primeira conferencia no Círculo das Artes en Lugo.

Coñece e mantén amizade con escritores como Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Carballo Calero…

En 1950 escribe o seu primeiro libro de poemas “Muiñeiro de Brétemas”. Despois virán poesías, novelas, teatro…

En Santiago coincide con Uxío Novoneyra, Otero Pedrayo e funda a Editorial Xistral.

Coñece a Saleta Goi, a súa compañeira e musa coa que casa.

Instálase en Monforte onde exerce de procurador, forma parte do goberno municipal como concelleiro e rexenta a libraría Xistral.

Intensifica a súa creación como poeta, narrador e dramaturgo, comprometido coa fala, co pobo, coa xustiza do país

Recibe numerosos premios, homenaxes e recoñecementos. Con 73 anos entra como académico numerario na Real Academia Galega.

Falece o 8 de setembro de 2004 na Coruña e é trasladado a Outeiro de Rei. Hoxe en día, a casa onde naceu é a Casa Museo Manuel María.

 

Ao longo dos últimos días tivemos os seguintes actos:

Luns 9: Profundamos na vida e obra de Manuel María.

Martes 10: Coñecemos os nomes das partes do carro e do arado coa colaboración  de Chinco.

Mércores 18: Obradoiro “A música e Manuel María” (“A vaca”, “A cidade”)

Xoves 19: Intercambio co CEIP Santa María de Castro (Boiro) para contar Lendas da zona e recitar poemas de Manuel María.

Obradoiro de poesía.

 

Venres 20: Festival Letras Galegas.

Comezou ás 11h. Este ano presentárono dous alumn@s de 6º: Manuel e Sheila que tamén nos deron a coñecer  ao escritor homenaxeado.

Tivemos as seguintes actuacións; disfrutade das fotos para que vexades ou lembredes o acontecido na mañá do venres.

   - Infantil: Teatro “Pedro e o Lobo”.  Cantiga “O tren que me leva polo meu camiño”

Como de costume  comezamos cos máis pequenos e grandes a vez,  porque en idade serán pequenos pero en  espontaneidade e artes son  moi grandes

Na obra vemos o importante que é non  gastar algunhas bromas, non mentir nunca.

Logo, cantaron unha fermosa canción de Andrés Dobarro.

Estiveron dirixidos por Óscar.

   - 4º: “O club do chiste”

Os alumnos/as de 4º seguiron poñéndolle pingas de risa, de bo humor ao festival para que todos nos rísemos. Dirixidos por Julio.

   - 1º e 2º: Canción do poema “O Carro”

Manuel María móstranos a vida galega  e  o mundo do rural dedicando poemas ós  labregos e ás súas ferramentas como o carro. Estiveron dirixidos por Belén.

   - 5º: Peza de Guiñol “O ovo esférico”

O cuco anúncianos a chegada da primavera. Como non fai niño, en vez de traballar canta. Esta vez non fixo o niño e quería chocar un ovo alleo. Dirixidos por Dori.

   - 3º e 4º: Canción “Canto ao idioma galego”

Dirixidos por Belén, cunha mensaxe moi clara e entrañable: temos unha lingua que hai que coidar para que medre, camiñe…e a mellor maneira é falala.

    - 3º e 4º: Teatro “Berenguela”

Unha das pezas teatrais máis coñecidas de Manuel María dirixida aos nen@s, xa que el botou de menos lecturas infantís cando era neno. Nela son protagonistas unha folla de carballo e unha espiña de toxo, que finalmente queda ceibe.

Estiveron dirixidos por Dori e Julio.

   - 5º e 6º: Canción e baile “Rap de Manuel María”

Esta canción foi creada e composta por un profesor que hoxe está no CEIP de Oural pero que hai anos estivo neste cole, José Manuel Cabana. Dende aquí tamén lle damos os parabéns por este traballo tan fermoso, e o alumnado coa axuda de Belén recreárono..

   - 3º, 4º, 5º e 6º: “Recital de poesías de Manuel María”

Dirixidos por Dori e Julio recitaron algúns dos poemas máis característicos do poeta homenaxeado neste 2016.

   - 5º e 6º: Teatro “O cambio climático”

Unha obra que nos fixo reflexionar sobre a importancia de coidar o noso planeta, para que as persoas medremos sans e libres. Ademais, os nen@s fixeron un repaso dos mestres; a verdade que houbo para tod@s. Estiveron dirixidos por Dori.

   - “Entrega de premios do XXV Certame de Contos Letras Galegas 2016

Os premiados foron:

1º: Álvaro

2º: Fabián

3º e 4º: Moraima e Noé

5º: Candela

6º: Sheila

   - 5º e 6º: “Himno Galego”

A mellor maneira de rematar este festival foi cantando tod@s xuntos o noso himno, unha dos nosos sinais de identidade.

Queremos dar as grazas a tod@s polo voso gran de area para conseguir un Festival tan bonito, tan enriquecedor. Un Festival que significa moito, que nos da moitas cousas.

Grazas aos nosos amigos/as do centro de día, cos que compartimos actividades que nos fan medrar, madurar, aprender…

Grazas a todos os familiares que puidestes estar presentes, por alentarnos cos vosos aplausos, coas vosas miradas.

Grazas ao Concello por prestarnos coma sempre a megafonía.

Grazas a tod@s os mestres polo seu traballo, polas súas horas dedicadas ao longo destas últimas semanas: A Dori pola súa organización, o seu sacrificio e esforzo, a enerxía que transmite cada día.  Ao equipo de actividades plásticas polo mural que fixeron: Belén á cabeza, axudada por Estefanía, Nieves, Óscar, Dori.

A Belén por poñerlle música ao Festival. A Óscar por facer dos máis peques uns verdadeiros artistas, que sacan un sorriso con só miralos.

A Estefanía, Nieves, Paco, Félix…grazas polo traballo diario, a constancia.

A Lola e a Mercedes por axudarnos a repoñer forzas logo dunha maña intensa, sentida e produtiva.

A verdade que este equipo merece todos os eloxios posibles.

E…como non, as Grazas tamén para os nosos artistas, os verdadeiros protagonistas, que unha vez máis estiveron á altura á que nos teñen acostumados. Estamos moi orgullosos deles.

Este ano despediremos a Verónica, Manuel, Marcos e Sheila. Cerran unha etapa para comezar outra nova. O futuro significa camiñar e iso será o que fagan.

Foi unha mañá  na que floreceu o traballo de días anteriores, e sobre todo unímonos un pouco máis para seguir loitando por coñecer  a nosa historia, para que este pasado sexa cada día máis valorado,  e para que a nosa lingua estea cada día máis presente nas nosas vidas ocupando o lugar que se merece, medrando cara un  bo futuro.

A mellor homenaxe  ás nosas Letras é a de medrar facendo que Galicia teña a súa propia historia: falando a nosa lingua e coidándoa para que sexa cada día máis  forte e coñecida.

 

Queremos rematar cunha das grandes obras de Manuel María.

 

Galiza

 

Galicia docemente
está ollando o mar:
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballo
cargados de trafegos!

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala
¡Si buscas a Galiza
en ti tes que atopala!

Día do Libro

Cada 23 de abril conmemórase o Día do Libro, unha data escollida pola UNESCO, para render homenaxe ao pracer da lectura.

A UNESCO elixe cada ano unha capital mundial do libro cuxo mandato comeza o 23 de abril. Este ano a cidade de Wroclaw (Polonia) foi a elixida.

Os libros teñen moito poder; invítannos a vivir outras vidas, colaboran para que vivamos as nosas con máis intensidade, con máis alegría, con máis preguntas…

Os libros son amigos que nos acompañan, son fontes de información, son ventás, puntos de vista, novas oportunidades. Momentos para compartir, para sentir, para disfrutar, para ser libres, para voar, para viaxar…

Nos libros dende sempre se acumulou o saber, o coñecemento. O desenvolvemento humano difundiuse a través deles ás novas xeracións. Gran parte do noso saber está nos libros. O libro é hoxe un dos representantes máis claros e máis importantes da cultura. Chega a calquera recuncho do planeta.

Ler estimula a creatividade, a imaxinación, a intelixencia, a expresión oral, a concentración, axuda a relaxarnos. Fai que as persoas sexamos máis amables e empáticas; ao ler intercambiamos a nosa vida coa de alguén máis, sempre hai una conexión.

Ler é fundamental para funcionar na sociedade de hoxe en día. Se os nenos len, serán adultos que pensen. Permítenos aprender cousas novas.

Ler mellora a escritura. Ao ler o noso vocabulario expándese, leemos novas palabras que gardamos na nosa mente para usalas despois,

Desenvolve a mente, precisa exercicio coma o noso corpo, necesitamos que a nosa mente sexa habilidosa.

A día de hoxe, o avance de soportes tecnolóxicos fíxolle perder un pouco a súa popularidade; pero “un libro sempre será un libro”, unha creación única que nos permite unha morea de beneficios.

 

Realizamos unha serie de actividade este pasado venres:

“Apadriña un conto”. O alumnado de infantil, 1º e 2º escolleu ao azar a un neno/a de 3º,4º,5º e 6º para que lle contase un conto.

Deixámosvos algúns dos que seleccionamos para este día.

Despois, fixeron un traballo de reflexión, no que analizaron o que sucedeu, as personaxes que interviron…

“O conto viaxeiro”. Ao longo desta semana creamos entre todo o colexio o noso propio conto: “Os soños de Martiño”. Comezaron os máis peques e logo foi viaxando de aula en aula.

Disfrutamos del léndoo tod@s xuntos.

Todos tivemos como premio un marcapáxinas e unha chapa para fomentar o hábito lector.

Foi o momento tamén de premiar aos nosos lectores; os nenos/as que máis libros leron foron:

3º e 4º:

    -1º Lorena

   - 2º Xana

   - 3º Sarai

5º e 6º:

   - 1º Candela / Marcos

   - 2º Verónica

   - 3º Sheila

 

Rematamos cunha frase de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO:

“Non hai nada coma un libro. Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza para crear e compartir a sabedoría e o coñecemento”.

Visita de Xosé Lois

O xoves tivemos unha visita moi especial, recibimos a Xosé Lois. Compartimos esta actividade cos nosos amigos do centro de día.

Gran escrito galego, nacido en Lugo en 1945, pero que se criou na parroquia de Merlán, en Chantada. Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre todo simboloxía románica na Ribeira Sacra. Como poeta ten publicados 23 libros, aínda que a súa obra compóñena máis de setenta libros sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán.

Xosé Lois coñeceu moi de preto a Manuel María, polo que nos achegou á figura homenaxeada nas Letras Galegas 2016. Fixo que nos enriquecéramos, que aprendéramos, que coñezamos máis a un dos autores máis representativos de Galicia, unha voz fundamental na segunda metade do século XX. Debemos ter moi presente que foi un activo promotor da cultura galega.

Levamos xa tempo traballando sobre Manuel María: visitamos a súa Casa – Museo, participamos no calendario do Colectivo Pedagóxico Estiño, indagamos na súa vida e obra cun recuncho que recolle todos os libros que temos del no centro.

Xosé Lois contounos anécdotas de Manuel María, inquedanzas, os seus intereses…

Contámosvos algunhas cousiñas interesantes que aprendemos esta mañá.

Naceu en Outeiro de Rei, onde só viviu 13 anos. Amaba a súa comarca, A Terra Chá.

A temperán morte do seu pai fixo que se viñese para Lugo onde tiña un tío cura. Fixo o servizo militar en Santiago onde coñece a emblemas galegos como Otero Pedrayo, Maside… En 1958 foise para Monforte e en 1959 casou coa súa dona Saleta. Viviu 40 anos nestas terras. Andou por toda a Ribeira Sacra, dende Quiroga ata Chantada.

Xuntaba aos seus amigos cada 8 de xullo para comer xuntos, conversar, disfrutar, compartir momentos, recordos. Unha persoa con moito sentido do humor.

Escribiu libros infantís, poemas, teatro, artigos. Tiña unha libraría, “a Xistral”, que contaba cunha sección de libros moi interesantes en Galegos, para que os nenos o coñecesen, se formasen, para fomentar a lectura en galego. Destacar tamén que en Monforte foi procurador nos tribunais.

Escribiu máis de 1500 artigos. Neles falou sobre Monforte, Pantón, sobre as Terras de Pobra de Brollón. Facíalles poemas aos concellos que llo pedisen.

Manuel María era un neno grande. Xosé Lois dicíalle que era “un poeta de andar e ver”. Manuel María ensinoulle un baúl con máis de 200 pezas de teatro.

Gustáballe comunicar coa xente, coñecer as súas inquedanzas, facía unha colección do significado de palabras para logo escribir. Descubriu o país, as formas de falar.

Tamén tivemos a oportunidade de facerlle preguntas:

Cando coñeceu a Manuel María?

En 1972.  Os 2 andaban preocupados por Galicia, que non ía nada ben. Había moita emigración, falaban de como fomentar a agricultura, a industria. Dende aquela foron grandes amigos. Contounos aquí unha anécdota boa: A Manuel María gustáballe ir cear á cafetería Polar filete de atún frito.

Cal foi o primeiro libro que publicou Manuel María?

A nai de Manuel María era de Nadela (en Lugo). Alí ía 8 días de vacacións na época que estaba co seu tío cura nesta cidade . Un día, foi coas vacas cun primo; naquel prado había un muíño. Aí comezouse a escribir o seu primeiro libro; un libro lúdico, paisaxístico. Así naceu como poeta, foi o que o animou a escribir. Estamos falando de “Muiñeiro de Brétema”, publicado en 1951.

O segundo libro, sobre a súa comarca, “Terra chá”, publícase en 1954

 

Tamén lle fixemos preguntas sobre el:

Cando comezaches a escribir?

Comezou con 10 anos aproximadamente. Escribía sobre o amarelo das flores de nabo, sobre as vacas, como pacían, como tiraban dos arados…

Cal foi o primeiro libro que publicaches?

Tiña poemas na mesa de noite. En 1974, publicounos Manuel María na Edición chamada “Val de Lemos”.

 

Ademais de todo isto, para os máis pequenos leulles adiviñas de animais, do seu libro “Animalario”. Quedaron encantados, riron moito.

Rematou a charla coa dedicatoria dos seus libros para nós e cun pequeno agasallo.

 

Foi unha mañá moi interesante, produtiva e enriquecedora, que fomenta a nosa ansia por escribir, por expresarnos, por transmitir, por dar ao coñecer o que nos invade.

Ademais, achegámonos á figura de Manuel María, unha das persoas máis influentes no panorama galego.

Rematamos cun poema seu:  “A fala”

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

As mochilas viaxeiras

O venres puxemos en marcha as mochilas viaxeiras. Os protagonistas son:

- 1º Txell, Marcos, José Ramón e Álvaro

- 2º Erea, Manuel, Senén, Daniel e Fabián

- 3º Xulia, Roi, Carlos e Adai

- 4º Xana, Maiki, Lorena, Moraima, Noé, Estrella, Sarai e Lucía

- 5º Candela, Joel, Leila e Zaro

- 6º Sheila, Marcos, Verónica e Manuel

Co seguinte texto, dirixímonos aos nenos/as, ás familias…

Saúdos lectores!

Dende o equipo de biblioteca Escolar do CEIP da Pobra do Brollón, dámosvos a benvida, un ano máis, ao enriquecedor mundo da…

MOCHILA VIAXEIRA!

Trátase dunha actividade, que tomando o mundo dos libros convértese nunha experiencia compartida de lectura en familia.

Reforzamos o vínculo entre familia e escola, no labor común da formación dos  nosos lectores/as. Por tanto fomentamos o hábito lector e conseguimos un nexo interxeneracional: estréitanse lazos afectivos e intereses común entre fillos, país, avós…

Pero….por que a mochila viaxeira?

A lectura ensínanos que todos temos cabida, ensínanos a entusiasmarnos, aprender. Desenvolve a convivencia democrática, a liberdade de pensamento.

É una ferramenta básica para o desenvolvemento da personalidade e a creatividade. Os libros permítennos chegar lexos. Necesitamos ler par coñecer o mundo….

Permítennos tamén fortalecer outras destrezas e competencias: escribir, contar, escoitar… Como ben sabedes ler é una experiencia única e irrepetible.

A lectura infórmanos, edúcanos, crea en nós hábitos de reflexión, de análise, de concentración… nútrenos, transfórmanos.

Ler mellora as relación humanas, permítenos expoñer o noso pensamento, amplía os horizontes, desperta afeccións e intereses, a nosa sensibilidade.  Lembrade que a lectura é un gran instrumento que ten o cerebro  para progresar.

Lede con intensidade, despacio, vivindo a vida das palabras. Cando cada palabra cobra vida, a imaxinación bota a voar.

Toda lectura vai deixar pegada en nós. Quizais non haxa nada que enriqueza a mente como una lectura do noso agrado.

A mochila seguirá a estar con cada familia 3 semanas…para que a disfrutedes e viaxedes con ela…

Adxuntamos a relación de material que entre tod@s debemos coidar.

Tedes a posibilidade de dar vida a cada unha destas páxinas en branco, de escribir a vosa historia….

Vivide, soñade, sede libres, expresádevos, reflexionade…e compártideo a través deste caderno que nos enriquecerá e unirá a tod@s.

Contádenos as vosas vivencias, que libros vos gustaron mais, que supuxo para vós esta actividade…

Agardamos tod@s moi expectantes o que escribades, os vosos debuxos, fotos, colaxes…en fin as vosas creacións!

Como premio obteremos o noso libro viaxeiro, que  nos fará medrar xuntos.

A historia está a piques de comezar:

3, 2, 1…!

É o teu momento, ADIANTE!

 

Presentación do conto de María Castaña

No día de hoxe acudimos á casa da cultura de Monforte á presentación do conto de María Castaña. O curso pasado traballamos sobre esta muller tan importante na historia. Unha figura loitadora que naceu na parroquia de Cereixa.

O conto foi elaborado pola Concellaría de igualdade do Concello de Monforte de Lemos, a través do Centro de Información á muller (CIM) coa colaboración das bibliotecas escolares da zona que integran o Colectivo Lemos le.

Os nenos e nenas son os protagonistas desta obra, con pingas de creatividade, esforzo, dedicación…

Deixámosvos o conto en fotos para que poidades disfrutar del.

Este ano centrarémonos nunha célebre oleira nacida en Gundivós, Lola de Penelas. Este é sobrenome co que se coñecía popularmente á artesá María Dolores López López. Tratarase de recuperar e difundir a unha das tradicións artesanais máis características da comarca de Lemos.

Manuel María seguirá estando moi presente no centro ao longo deste curso. Aproveitamos a ocasión para facernos unha foto no busto dedicado a el.

Día de Rosalía

O 24 de Febreiro recordamos o nacemento desta gran poetisa galega. É a escritora galega máis universal.

Mito e símbolo de Galicia, autora de obras inmortais, como Follas Novas, En las orillas del Sar, Cantares Galegos.

Foi unha escritora polifacética, innovadora e comprometida, adiantada ao seu tempo, que empregou o galego na literatura cando ninguén o facía. Nas súas obras amosou a situación da Galicia máis dolorida e maltratada,  desangrada por la emigración. Denunciou a pobreza do campesiñado galego ou a precaria situación laboral que sufrían algúns dos seus habitantes fora da comunidade. Devolveu o galego ao seu carácter de lingua culta. Reflexa en cada verso o seu amor por Galicia, a loita incondicional polos dereitos dos galegos.

É difícil describir con palabras o que representa Rosalía para Galicia, para os galegos; debémoslle moito, temos que mantela viva, temos que honrala. Loitar polo que ela comezou.

Como non podía ser doutro xeito rendémoslle un merecido homenaxe no día de hoxe. Realizamos a actividade en conxunto co concello, que nos invitou a asistir á casa da cultura.

Para darnos a benvida puxéronnos unha proxección que trataba sobre a vida de Rosalía; contiña poemas. Puidemos coñecer un pouquiño máis sobre a súa casa –museo en Padrón.

Logo, agasalláronnos con poemas de Rosalía e cunha flor. Recitamos algúns deles, como “has de cantar” ou “negra sombra”.

Rematamos cun pequeno aperitivo para coller forzas e volver ao colexio.

Ao longo destes días traballamos no centro en torno a Rosalía de Castro: profundizamos na súa biografía, coñecemos máis a fondo a súa obra, entendemos o que significa para Galicia, para todos nós…O seu recuncho ensinounos algo cada día.

Limos e reflexionamos sobre “A pantasma da casa da matanza”, “Rosalía pequeniña”,” algúns dos máis característicos poemas da súa obra”… En definitiva, a biblioteca do centro aportounos unha ampla variedade de recursos literarios para traballar sobre esta grandísima figura de Galicia.

O equipo artístico (Belén, Eva, Estefanía, óscar), encargouse de elaborar murais para esta conmemoración. Ademais, achegaron ao alumnado ao “Pop Art”: un movemento artístico que nos Estados Unidos, nos anos 60 do século pasado, contrapúxose ao tipo de arte abstracto que estaba a ter repercusión no momento. Pretendía opoñerse ás elites culturais representando obxectos cotiás e ás personaxes públicas.

Ao longo desta semana completaremos o noso libro das poesías creadas alumnos/as baixo a dirección de Dori.

Podédesvos achegar ao colexio para ver as nosas obras.

Rematamos cun dos seus moitos e fermosos poemas:

 

“As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos”

 

Iste vaise i aquel vaise
e todos, todos se van;
Galicia sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas,
tés campos de soledad,
e nais que non teñen fillos,
e fillos que non tén pais.

E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viúdas de vivos e mortos
que ninguén consolará.

 

 

"Pasámolo de medo" no Samaín

Chegou o Samaín, e con el moitas sensacións,emocións, aprendizaxes.

Na semana de Samaín, do 26 ao 29 de outubro, os pais/nais/familiares do alumnado viñeron ao centro para contar historias de medo na hora de ler; sempre cunha mensaxe moi clara, unha conclusión, unha moralexa que aprendemos de cada conto. Queremos darlles unha vez máis as gracias pola súa participación e involucración nesta actividade; resultou moi positiva, moi enriquecedora.

A verdade que tivemos grandes contacontos con nós; foron os seguintes:

Luns: Lidia e Martín (os pais de Enma). “Érase unha vez unha ovella”

Podédelo ler enteiro no enlace anterior.

Martes: Marisa. (nai de Lola). “O home lobo” e “A serpe máxica”

A serpe encantada trata dun neno que está no monte coas ovellas sentado nunha pedra; aparécelle unha muller que di que está encantada e que debe deixarse enroscar pola serpe, que é ela, para desfacer o encantamento. Chega a casa e cóntallo á familia. Ao día seguinte, vai ao mesmo sitio cos seus pais, que se esconden, pero cando a serpe vai subir por el escapa.
Cóntano no pobo e o Señor Mingos busca dous homes moi valentes para desfacer o encantamento. Acoden ao lugar pero tamén teñen medo e despois de aguantar varias probas escapan..Dende ese día non falan.

Un ano despois aparecen tres mortos e ao seu lado unha serpe...

Mércores:

   - Javier (pai de Moraima e Senén). “Unha voda moi encigüeñada”.

   A cigüeña probou un anel sen permiso; por non dicir cada vez o que ocultaba agrandaba o problema. Ata que quedou ferida non contou a verdade.

    Ás veces cando contamos un mentira pequena, o verdadeiro problema son as grandes mentiras que temos que contar para tapar esa pequena mentira.

   - Isabel (avoa de Erea).

   Un conto escrito no ano 2003 por nenos e nenas dos colexios da Comarca. Trátase dun conto colectivo, no que cada centro escribía un capítulo. Ese conto foi iniciado polo escritor Monfortino Lois Diéguez sobre a historia de Lemos. Era unha actividade que coordinou Expolemos; participou o noso centro.

 

-Xoves: Sandra (nai de Senén e Moraima). “Un conto de Lobos” de Ánxel Fole.

   Unha historia de medo aos lobos, que parece que non temos medo ata que se nos presenta diante.

O xoves 29 celebramos Samaín; o medo foi  protagonista dende primeiras horas da mañá.

Ás 11:45h os nenos/as de 3º, 4º, 5º e 6º foron ao centro de día.

Foi a primeira convivencia deste ano cos nosos maiores. Os nenos/as contaron historias de medo. As persoas maiores falaron de quen os asustaba cando eran nenos: o home do saco que os podía levar, o quita sangues, o cocón…Unha fonte de sabiduría, de experiencias…que nos permitiu ampliar os nosos coñecementos.

Despois, era o momento de recuperar forzas cun saboroso menú terrorífico: Crema de cabaza, hamburguesa e macedonia con sirope de chocolate e de fresa. Demos boa conta del.

A sensación de medo, de incerteza ía medrando polos corredores, polo patio…De repente, apareceron uns seres un pouco terroríficos seguindo a tradición da festa inglesa Halloween. Foron percorrendo aulas, corredores…Pasámolo “ de medo”.

Máis tarde, o centro volveu á normalidade. Baixamos ao comedor para realizar entre nós unha sesión de contacontos sobre Samaín. Historias de medo, de pantasmas, de bruxas…invadíronnos durante un cachiño.

Rematamos a celebración coa entrega de premios do concurso de cabazas. Como non podía ser menos ,foi moi difícil a decisión. Premiamos a orixinalidade, as grandes ideas, a utilización de materiais de refugallo…

Damos as gracias a todas as familias pola participación no concurso de cabazas, e a todo o alumnado polo seu traballo, o seu esforzo.

Os ganadores foron:

Infantil: Enma

1º e 2º: Txell e Senén

3º e 4º: Maiki e Sarai

5º e 6º: Leila e Verónica

Foi un día de nervios, de medo, de inquedanza, de incerteza…pero que aproveitamos moi ben, que nos serve para dar un pasiño máis na educación dos nenos/as. Traballamos con este día unha emoción básica, “o medo”. Fai que sexamos precavidos, que nos protexamos. Debemos de aprender a controlalo e superalo.

Tratamos de que o alumnado tome conciencia dos propios medos, que supere os medos infantís, que o vexan normal xa que todos o  tivemos algunha vez, que vaian gañando confianza en si mesmos, que vivan esta festa como unha experiencia divertida…

 

 

"O medo chamou á porta.

A confianza contestou: "Quen é?".

E o medo desapareceu".

 

                                                                Proverbio chinés

 

Bibliotecas escolares (23.10.2015)

O venres celebramos o Día das Bibliotecas. Unha data que  estamos desexando que chegue, polo que significan os libros para nós, polo que nos transmiten, polo que nos entusiasma ler, contar contos…

Un libro é como unha bolboreta, voa, viaxa, sente, ve; un mundo cheo de oportunidades, que nos trae aprendizaxes.

O día comezou lembrando a distribución da biblioteca: a zona de infantil e 1º e 2º (vermello); a zona de 3º e 4º (verde) e a de 5º e 6º (amarelo). É un bo momento tamén para repasar as normas.

Máis tarde, tomaron protagonismo os contos:

-1º e 2º: “O pallaso que non quería facer rir”

- 3º e 4º: “Para morrer de risa”

O mundo adoece con tanta trompada, con tanta guerra…ofrécesenos un manual de armas para morrer de risa: Unha bomba boa, un canón teimudo que non quere disparar cando lle prenden mecha, unha metraballadora que sementa hortas, unha escopita cos canos furados…

-5º e 6º: “Quen me quere adoptar?”

Manuel, un mestre xubilado, tiña centos de libros, que cando abría convertía en bolboretas. Estaba só e non sabía que facer, algo que o poñía moi nervioso. Un día, decidiu fabricar a felicidade e preparou un cartel que colgou na porta da casa buscando familia. É un libro para reflexionar sobre a soidade das persoas maiores, sobre a importancia das relacións familiares…

Despois, chegou un dos momentos máis agardados polo nenos/as; estaban moi entusiasmados coa sorpresa, que este ano foi…bolsas de chuches con forma de bolboretas colocadas enriba dos contos. Algo que nos pareceu moi significativo, que fala por si só.

Xunto con este agasallo, recibiron o marcapáxinas do colectivo Lemos Le. No reverso, contén un texto de Olga Novo escrito para o Día Das Bibliotecas.

Rematamos este día cun momento de moita emoción.  

Lola, a nosa Lola, a nosa cociñeira, dinos ata pronto despois de toda unha vida no cole. Non hai forma de darlle as gracias, de devolverlle todo o que nos da cada día. O seu cariño diario, o seu sorriso, a súa predisposción para todo, e como non…esa comida que nos encanta, que nos fai recuperar enerxía…

Máis dunha vez escoitamos: “Hoxe hai lasaña de Lola”. “Como saben as albóndigas”. “Queremos sopa e pizza”.

Ímoste botar moito de menos…Un millón de gracias!

Neste 24 de outubro, Día das bibliotecas,  deixamos unha frase de José Luis Borgues: “Sempre imaxinei que o paraiso sería algún tipo de biblioteca”.

Mª CASTAÑA E A IDADE MEDIA NA POBRA DO BROLLON

 Mª CASTAÑA E A IDADE MEDIA NA POBRA DO BROLLÓN

O desenvolvemento despe proxecto implicará:

Un traballo de campo. Investigación sobre o tipo de vida nunha época histórica.

Interpretación dun mapa. Análise dos vestixios e investigación documental que corraboren os vestixios

presentación do proxecto a través de exposicións, murais e unha presentación.

Obxectivos

Identificar unha época histórica

Diferenciar tipos de vivendas e modos de vida segundo a época

Interpretar mapas

Participar en actividades de grupo.

Utilizar as TIC para buscar información e reproducir documentais.

Desenvolver documentación útil.

Recursos:

Material bibliográfico, libro de texto, enciclopedias de historia para nenos, colección a nosa terra. Posibilidade de realizar saídas con fontes de información como un arqueólogo.

Desenvolvemento

Fase inicial: presentación e motivación. Presentaremos o conto de Mª Castaña elaborado por persoal do CIM de Monforte coa intención de que coñecer a Mª Castaña  e elaborar o debuxo do capítulo que ten asinado o colexio dende o CIM para ilustrar o conto cos debuxos do alumnado dos colexios de primaria da zona que participan nesta actividade.

Mª Castaña naceu na Pobra do Brollón e todos apuntan datos de homenaxe a esta perso:, a Asociación Cultural do pobo donde naceu, Cereixa leva o seu nome, na localidade da Pobra hai unha rúa co seu nome...por iso agora que estamos a estudiar a idade media ímonos centrar na nosa localidade que ten moito que contarnos.

Fase 2 Recollida de información: consultamos internet, sobre edificios da idade media: o Castelo de Monforte, outros castelos, a Catedal de Santiago...o Alcázar de Segovia...realizaremos en xuño a visita na excursión de fin de curso.

contaremos cunha fonte de información de luxo para aprtarnos máis sobre Mª Castaña e da Idade Media no noso Concello. O arqueólogo Xurxo Ayán visitaranos e  será o guia dun roteiro pola localidade e Cereixa co alumnado de 3º,4º,5º, e 6º para analizar os vestixios da Idade Media na nosa localidade.

Visita de Xurxo Ayán

O martes día cinco de maio fixemos un roteiro en torno á figura de Mª Castaña e visitamos os lugares emblemáticos da localidade de Pobra do Brollón  e Cereixa. Acompañounos durante toda a mañá o arqueólogo que ten as súas raíces en Cereixa Xurxo Ayán Vila que nos encheo de información inda que parecia que nos estaba a contar un conto. Así enchemos os nosos cadernos de información que logo completariamos coas gravacións que fixeron os profesores. Foi unha mañá espectacular.

O resultado foi este traballo

Mª CASTAÑA E A IDADE MEDIA NA POBRA DO BROLLÓN

 

Distribuir contido