Iniciar sesión: Acceso

Guimariñoleo, Biblioteca escolar, Dinamización, Traballo por proxectos, Radio escolar, Escornabots

Compartindo momentos co centro de día

A estreita relación que levamos cos nosos amigos/as do centro de día é algo que nos caracteriza, que nos fai medrar como persoas.

Nas últimas dúas semanas, acudimos ao centro de día os xoves. Queriamos  contarvos que estamos compartindo experiencias únicas, enriquecedoras, que nos enchen.

Realizamos debuxos en pequenos grupos, mesturando a súa experiencia e a nosa creatividade. Participaremos nun concurso interxeneracional, que organizan os centros de día e que leva por título de 0 a 100. O concurso é o de menos, a nós o que nos encanta é cruzar a rúa e aprender deles, con eles, emocionarnos, ilusionarnos, conversar cos nosos amigos…

Resúltanos moi complexo explicar con palabras os sentimentos que nos invaden alí dentro. Deixámosvos unhas fotos, co pequeno obxectivo de intentar transmitir o que vai por dentro, aínda que a mellor maneira de facelo é sendo espectador do seu traballo conxunto, dos seus diálogos, da súa sintonía, da súa complicidade, da felicidade que se respira…

Cada vez o lazo de unión é maior. Seguirémosvos informando dos nosos intercambios.

Move ficha pola Ribeira Sacra

Participamos na proposta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra que nos ofreceu unha actividade titulada: “Move ficha pola Ribeira Sacra”.

Esta actividade consta de dúas partes: Un obradoiro no centro, con dúas monitoras, que ocupou a mañá do luns 8 de maio e unha saída posterior, que se fará o día 30 de maio conxuntamente co CEIP Virxe do Carme de Sober.

O obradoiro empapounos de coñecementos da Ribeira Sacra, algo do que formamos parte, e démonos conta de canto nos queda por coñecer, e dende logo por valorar… pois o seu encanto e valor patrimonial a través de toda unha historia é incalculable.

O obradoiro constou de dúas partes:

Dende o comezo estivemos en equipos de cinco compostos por nen@s de 3º, 4º, e 5º e 6º tomando apuntes; ao final, estaba esperándonos un xogo con probas e preguntas sobre o que viramos.

Unha primeira parte expositiva, na que a través dunha presentación en power point as dúas monitoras, contáronnos de forma moi lúdica  información da Ribeira Sacra.

Comezaron falándonos dos aspectos xerais:

- A Ribeira Sacra é unha comarca natural bañada polos ríos Miño e Sil, que comprende 21 concellos tales como A Pobra do Brollón, Monforte (que é o máis grande), Portomarín, Chantada, Sober, a Teixeria (o concello máis pequeno)…Déronnos a coñecer cada un dos concellos que a forman; por exemplo, en Esgos, descubrimos que se atopa o Mosteiro máis antigo de Galicia; en Parada de Sil un mirador chamada os “balcóns de Madrid”; en Castro Caldelas o Castelo; en Quiroga o Museo Xeolóxico…

En fin, coñecemos as festas, os costumes, o Patrimonio, a riqueza da Ribeira Sacra. Por tanto, nesta zona, que comprende o norte da provincia de Ourense e o sur da de Lugo, o turismo é un gran motor económico.

- Analizamos os ríos Miño e Sil (onde nacen, os seus afluentes….).

- Flora: atopamos oliveiras en Quiroga polo clima que presenta; pero se miramos ao noso arredor vemos castiñeiros, carballos, sobeiras, vides, cerdeiras… e nalgunhas zonas tamén especies invasoras como o eucalipto.

- Fauna: Contamos con raposos, coellos do monte, donicelas, corzos, aguias, píntegas comúns, cóbregas, anguías, troitas….

- Mosteiros: Ribeira Sacra significa (ribeira dos ríos e sagrada). Por tanto, despois dos ríos, podemos dicir que o máis importantes son os Mosteiros.

A maior parte deles creáronse no século X. A partir do ano 1103 sepáranse en masculinos e femininos.

Podemos diferenciar dous tipos: San Benito (van vestidos de negro) e San Bernando (van vestidos de branco).

Un exemplo do primeiro, os Benedictinos, é o de San Vicente do Pino en Monforte.

Un exemplo de Cistercienses é o de Santa María de Montederramo.

Os seus principais elementos son a igrexa, sala capitular (onde se realizan as reunións), o claustro e o refectorio (comedor).

- Arte Románica: moitos turistas visíntannos para disfrutar a arte románica, que nace no século XI, influenciada pola arte romana, e chega á Ribeira Sacra entre o século XII e o XIII.

Nela, destaca a horizontalidade e a curvatura. Podémolo comprobar nas numerosas igrexas románicas que hai na nosa zona.

-Arquitectura románica: Destaca unha nave única e unha cabeceira curva, recta ou triple. Chaman a atención os elementos decorativos xeométricos (axadrexado, os arcos de medio punto…); os elementos decorativos vexetais (tallaban as plantas da zona); e os elementos decorativos animais e mitolóxicos (Basilisco, sereas paxaro, becerros, centauros…).

Da escultura románica conservamos pouco na Ribeira Sacra.

- Oficios tradicionais: Oleiros, barquilleiros, afiadores…

 

Logo desta primeira parte interesante, na que non deixamos de estar moi atentos, chegou o momento de facer un pequeno descanso.

 

Despois do recreo, coñecemos o aspecto cultural e social da Ribeira sacra:

Discorren por ela parte dos dous camiños de Santiago: o camiño Francés que pasa por Portomarín e o Camiño de Inverno… Información moi valiosa pois neste tema estamos investigando co obxectivo de coñecer máis profundamente o Camiño de Inverno que pasa pola nosa localidade, Pobra do Brollón.

Soubemos que para ter acreditado o camiño é suficiente percorrer 100km; por iso, aínda que nace en Francia, facendo o último tramo Sarria - Santiago é suficiente.

A ruta do camiño en Galicia comeza no Cebreiro, onde se bifurca por Piedrafita, Sarria…. (Camiño Francés) ou Barco, Rúa,  Quiroga, Pobra… (Camiño de Inverno).

Lembramos os símbolos e complementos dos peregrinos, sobre os que xa traballaramos cando nos disfrazamos de peregrinos no entroido: o bordón  (bastón), a cabaza para beber, a cuncha colgada tamén para beber directamente na fonte, o fito (os km que faltan) a cruz (símbolo do apóstolo).

Coñecemos vestixios que proban que realmente existiu este camiño de inverno, pois a súa oficialidade é moi recente. Nun pobo,  Codos de Belesar consérvase un tramo dunha calzada romana.

Outro tema do que nos falaron foi do entroido da Ribeira Sacra que ten dúas zonas nas que esta celebración ten moita tradición; xa sabíamos algo delas: tamén investigamos cando celebramos o entroido:

- Unha das zonas celebran o entroido Ribeirao de Chantada. Celébrase especialmente nun pobo, Santiago de Abaixo. Aparecen personaxes como os volantes, con moito colorido, un pucho moi pesado, campaniñas… saltan e bailan; os mecos métense coa xente, e os maragatos vístense con peles de ovella, representan oficios tradicionais…..

- Outro entroido que xa coñeciamos moi ben é o de Salcedo. A figura máis representativa é o oso. Sae o luns acompañado de criados que  collen á xente e acércanlla  para que este a pinte. O oso simboliza o comezo da primavera, o ciclo agrícola no que volve a brotar todo.

Outras figuras son as madamas e os danzantes, parellas moi ben vestidas.  Os danzantes de traxe e as madamas de branco e con sombreiros con cintas de cores.

Máis tarde, coñecemos un produto moi típico de aquí cultivado dende a época dos romanos. Cultívase a vide que da uns viños excelentes, de aí o nome de Ribeira Sacra.

A mañá foi pasando case sen ser conscientes; e así chegou a parte final, na que tíñamos que por en práctica todo o aprendido.

 

O xogo é unha especie de trivial. Consiste en que cada equipo vai movendo a ficha por un taboleiro. Segundo no lugar no que caias pasas unha proba de debuxar, mímica, pregunta, describir sen dicir algunhas palabras….

Un membro do equipo fai a proba ou a pregunta e os outros compañeiros/as deben acertar. O equipo que consiga primeiro os cinco ladrillos (distintivos da ribeira sacra) é o gañador.

 

Pasou a mañá nun suspiro, tan pronto que cando tocou o timbre para comer, preferimos rematar o xogo.

Moitas grazas por ensinarnos tanto. Agora agardamos esa excursión na que seguro nos seguiremos adentrando nos encantos da Ribeira Sacra.

Así que os nosos parabéns para o Consorcio de turismo por esta iniciativa e ás monitoras que nos acompañaron.

Día do libro

O próximo domingo,23 de abril, conmemórase o Día do Libro. É un día simbólico para a literatura mundial, xa que neste día no ano 1616 faleceron Cervantes ou Shakespeare.

Os libros teñen moito poder: son ventás abertas á diversidade de culturas, enriquecen o patrimonio inmaterial da humanidade, son fontes de información, de pracer, son novas oportunidades. Permítennos compartir, sentir, voar, experimentar…

Ler mellora a escritura, a expresión oral, estimula a creatividade, a imaxinación, a intelixencia, a concentración, axuda a relaxarnos, a pensar…

Hoxe venres, realizamos unha serie de actividades:

“Apadriña un conto”. O alumnado de infantil, 1º e 2º, escolleu ao azar un neno/a de 3º, 4º, 5º e 6º para que lle contase un conto.

Despois,  falaron sobre o que sucedeu, as personaxes que interviñeron, o que aprenderon do conto…

“O conto dos disparates”. Ao longo desta semana creamos entre todo o colexio o noso propio conto. Cada grupo fixo unha parte (introdución, nó, desenlace). O divertido e enriquecedor é non saber nada do que escriben os demais. Hoxe, cando o limos, tocounos darlle coherencia, unificar todo o que escribimos nun só conto.

Repartímolo da seguinte maneira:

- Infantil: Quen? Había unha vez…

-1º e 2º:  Cando? e onde? Describen o lugar no que se desenvolve a acción…

- 3º e 4º: Os personaxes facían…

- 5º: Pero un día…

- 6º: Ao final…

 Cada aula, elaborou unha parte do mesmo, sen saber nada dos demais. Infantil “había unha vez”, 1º e 2º, 3º e 4º, 5º e 6º “ao final”. Loxicamente foi un conto disparatado que nos serviu para aprender da importancia de traballar en equipo, de

“Gustoume ler”: Cada neno/a elixiu o seu libro favorito para recomendarlle aos seus compañeiros/as. Deixámosvos unha mostra das distintas propostas que xurdiron.

Foi o momento tamén de premiar aos nosos lectores; os nenos/as que máis libros leron ao longo deste curso foron:

-1º: Alejandra

- 2º: Marcos

- 3º: Erea

- 4º: Xulia

- 5º: Xana e Lorena

- 6º: Candela

Todos tivemos como premio un marcapáxinas para fomentar o hábito lector, e un poema de Rosalía Fernández Rial sobre o libro e o acto de ler, un agasallo para as Bibliotecas Escolares de Galicia.

Aproveitamos a ocasión para presentarvos as camisetas que acabamos de facer. Son dous modelos, verde e branco, con dúas mensaxes moi claras relacionadas coa lectura, coa maxia dos libros. Están deseñadas integramente polo alumnado.

“Un libro aumentará as marabillas do saber”.

“A mellor ruta de viaxe é abrir un libro e contemplar as súas paisaxes”.

Nos vós quededes sen ela!!!

O que se recade será destinado á excursión de fin de curso que realizará o alumnado de 5º e 6º.

Hoxe estreámolas no colexio.

Rematamos cunha frase do escritor británico Robert Louis Stevenson:

“Sempre levo dous libros no peto, un para ler e outro para escribir nel”.

Día da NON Violencia

O venres 25 de novembro conmemoramos o Día Mundial da Non Violencia de Xénero. Nós quixemos ir un pouco máis alá, e facer fincapé na importancia dunha sociedade sen ningún tipo de violencia (nin de xénero, nin discriminatoria, nin psicolóxica…). Unha data que nos serve para lembrar como debe ser a nosa actitude todo o ano.

No mes de novembro seleccionamos contos en relación ao tema da violencia xa que procuramos que a biblioteca sexa sempre protagonista das conmemoracións.

• Infantil, 1º e 2º: Traballaron co conto de "Artur e clementina".

É a historia dunha parella de tartarugas. Clementina recibe desprezos de Artur que sempre lle di que non vale para nada. A súa cuncha cada día pésalle máis ata que consigue liberarse conseguindo a dignidade que lle corresponde como ser.  Traballamos valores como a igualdade, a autoestima.

• 3º, 4º:  Traballan co libro "Xela Volveuse vampira" de Fina Casalderrey.

Coñecemos esta historia a través das impresións duns nenos dunha clase de 5º que á volta de vacacións ven como a súa mestra, á que adoraban, está totalmente cambiada. Unha persoa cariñosa, alegre, que xogaba con eles, falandeira....de súpeto,   é todo o contrario: triste, silenciosa, viste descoidada, protéxese cunha bufanda.
Un día ven as pálpebras de Xela escuras, marcas no pescozo. Algúns nenos ata cren que se volveu vampira. Un neno descubrirá que Xela é maltratada polo seu marido que nos cursos pasados era o noivo. A través dun ser fantástico conseguirán castigar severamente ao maltratador converténdoo nun personaxe raro e moi pouco agraciado. Xela volverá a ser a mestra que todos admiraban. Trata claramente a violencia de xénero e os danos que ocasiona.

• 5º, 6º: Están a ler "A lagoa das Nenas mudas" de Fina casalderrey.

Dúas historias paralelas.

Nárranos a chegada dunha nena nixeriana  a Galicia coa súa nai, que pronto comeza a escola. Amina fai amizade cunha nena da clase, Ío a que os compañeiros consideran muda, xa que non fala e cando o fai, a súa voz é un fío imperceptible. Debuxa moi ben e así vaille comunicando a Amina o que sucede.

A través das cartas que Amina lle escribe a un amigo de Nixeria e as vivencias da aula imos coñecendo dúas historias que precisan comprensión, tolerancia, respeto...
Por un lado a de Amina, que nos vai contando as dificultades de vivir nun país no que non  teñen nada, nin os papeis en regra, as dificultades de integración.  Algúns compañeiros en algunha ocasión fan burla dela. O descoñecemento do idioma fai que Amina o interprete ao revés.

Un día Ío desaparece. Búscana, pero é Amina quen descubre que está nunha lagoa fermosa na que estiveran as dúas anteriormente. Ío é maltratada polo seu pai que ten problemas co alcohol.

Estas obras permitíronnos afondar neste tema, reflexionar co alumnado, extraer conclusións moi positivas.

Neste Día mundial da Non Violencia infantil, 1º e 2º viron o conto de “Artur e Clementina” para seguir traballando e inculcando neles valores que se deben adquirir na infancia.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º viron a curtametraxe “El viaje de Saíd”.

Un neno de África que soña cun mundo mellor; a través dese sono viaxa a España. Descubre que aquí tampouco somos tolerantes, non somos quen de comprender.

Reflexionamos sobre outro tipo de violencia, da que ás veces non somos conscientes.

Rematamos o día elaborando siluetas de nenos e nenas que reivindican a igualdade, a tolerancia, o respeto, a comprensión, o amor, a empatía, a diversidade, o diálogo, a protección, a colaboración

“Ponte no seu lugar, así nunca empregarás violencia”

 

 

Pasámolo...de medo

O colexio foise ambientando dende finais da semana pasada da man de Vanesa, Nieves, Dori, Óscar para recibir o Samaín, que se presentou case sen decatarnos. Veu cargado de emoción, risas, algo de medo...Unha tradición que nos gusta moito; estamos desexando que chegue para vivila intensamente.

Nesta semana, do 24 ao 28 de outubro,  pais e nais viñeron ao centro para contar historias de medo na hora de ler; sempre cunha mensaxe moi clara, unha conclusión, unha moralexa que aprendemos de cada conto. Queremos darlles unha vez máis as grazas pola súa participación e involucración nesta actividade; resultou moi positiva, moi enriquecedora.

A verdade que tivemos grandes conta contos con nós; foron os seguintes:

Martes: Lidia (nai de Enma)

Mércores: Marisa (nai de Lola)

• Xoves: Tedi (pai de Leila)

• Venres: Nunci (nai de César) e María José (nai de Pedro)

O venres 28 celebramos Samaín; o medo foi  protagonista dende primeiras horas da mañá.

Disfrutamos dun saboroso menú terrorífico, que nos prepararon Óscar e Mercedes. Demos boa conta del e collemos forza xa que a xornada de tarde se presentaba cando menos intensa.

A partir das 14:30h a sensación de medo, de incerteza foi medrando polos corredores, polo patio… De repente, apareceron uns seres un pouco terroríficos queseguindo a tradición da festa inglesa Halloween foron percorrendo as aulas. Pasámolo “ de medo”.

Máis tarde, baixamos ao comedor para realizar entre nós unha sesión de conta contos  sobre medo. Historias de pantasmas, de bruxas… invadíronnos durante un cachiño.

A celebración continuou  coa entrega de premios do concurso de cabazas. Como non podía ser menos ,foi moi difícil a decisión. Premiamos a orixinalidade, as grandes ideas, a utilización de materiais de refugallo…

Damos as gracias a todas as familias pola participación no concurso de cabazas, e a todo o alumnado polo seu traballo, o seu esforzo.

Os ganadores foron:

Infantil: Antía

1º e 2º: Lola

3º e 4º: Manuel

5º e 6º: Candela

Unha gran cantidade de chuches terroríficas puxo o colofón  a esta xornada, para agradecer a todos os participantes o seu sacrificio.

Foi un día de nervios, de medo,  de incerteza. Traballamos con este día unha emoción básica, “o medo”. Fai que sexamos precavidos, que nos protexamos. Debemos de aprender a controlalo e superalo. Buscamos que o alumnado tome conciencia dos propios medos, que vexa normal que todos o sentimos algunha vez, que vaiamos gañando confianza en nós mesmos.

 

“O home valente non é aquel que non sente medo, senón aquel que conquista ese medo”

Nelson Mandela

 

 

Día das Bibliotecas Escolares

Hoxe, 24 de outubro, conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares. Celébrase dende o ano 1997, en homenaxe á destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada no ano 1992 durante a guerra dos Balcáns.

É unha data que estamos desexando que chegue, polo que significan os libros para nós, polo que nos transmiten, polo que nos entusiasma ler, contar contos… A través dos libros voamos, viaxamos, sentimos, vemos, imaxinamos. As bibliotecas son un recurso cultural; debemos aprender máis e mellor dende elas.

Comezamos reflexionando co alumnado sobre a importancia das mesmas na nosa vida. É un bo momento tamén para repasar as normas, para lembrarlles como se buscan libros, que é  a CDU.

Logo, analizamos a distribución da nosa biblioteca, que nas últimas datas recibiu algún cambio importante. A zona de infantil e 1º e 2º identifícase coa cor vermella; a zona de 3º e 4º co verde e a de 5º e 6º co amarelo. Así mesmo, contamos con material de consulta para mestres, alumnos/as.

Unha novidade importante é que creamos seccións para autores galegos máis significativos (Rosalía de Castro, Manuel María, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz). As Letras Galegas no ano 2017 renderán homenaxe a Carlos Casares.

No recuncho temático xa podemos atopar contos de medos; nos próximos días celebraremos o Samaín.

O alumnado está moi involucrado na dinámica da biblioteca, son moi participativos.

Máis tarde, tomaron protagonismo os contos. O elixido foi “Cambiache o conto” de Pinto e Chinto. Son unha serie de contos clásicos cun final inesperado, descoñecido para nós, divertido, que nos fai aprender unha lección.

- Daniel: “Alí Babá e os 40 ladróns”

- Erea: “A bela durminte”

- Fabián: “O frautista de Hamelín”

- Senén: “O rei Midas”

- Roi: “O traxe novo do emperador”

- Xulia: “Branca das Neves”

- Lorena: “A casiña de chocolate”

- Lucía: “Cincenta”

- Sarai: “O rato Pérez”

- Moraima: “Polgariño”

- Noé: “A leiteira”

- Xana: “A galiña dos ovos de ouro”

- Zaro: “A cigarra e a formiga”

- Leila: “Os 7 cabritos e o lobo”

- Joel: “Os tres porquiños”

- Candela: “O axóuxere do gato”

Temos uns alumnos/as que son grandes contacontos; todos merecen a noraboa polo esforzo realizado. Decidimos premiar aos seguintes:

- 3º: Daniel

- 4º: Xulia

- 5º: Noé e Xana

- 6º: Leila e Candela.

Recibiron un caderno para que eles sexan os autores de novos contos.

Despois, chegou un dos momentos máis agardados polo nenos/as; estaban moi entusiasmados coa sorpresa. Este ano a carapuchiña vermella veu cargada de lambonadas.

Xunto con este agasallo, recibiron o marcapáxinas do colectivo Lemos Le. No reverso, contén un texto de Xabier Quiroga, escrito para o Día Das Biblioteca.

Rematamos cunha frase de Benjamin Franklin:

“Carecer de libros propios é o colmo da miseria”

DESCUBRINDO A POBRA

Este curso Observamos o que nos rodea, investigamos, recollemos información, organizámola.

coñecemos un pouco mellor o noso medio natural.

Tamén estudiamos os nosos animáis

Agora miramos doutro xeito o noso concello e pedimos axuda para coidalo entre tod@s.

Está nas nosas máns

 

 

IMAXES MEMORIA CURSO 2015-16

PARA VER AS IMAXES DA MEMORIA CURSO 2015-16 PULSA AQUI

Distribuir contido