Iniciar sesión: Acceso

Vantaxes e perigos do uso de internet

Hoxe tivemos con nós a un enxeñeiro informático para falar do uso de internet e dos perigos que iso pode ocasionar.

Comezou a charla preguntándonos para que empregamos internet (buscar información, xogar en liña, mandar correos electrónicos, visitar as redes sociais, consultar enciclopedias…).

Cales son os puntos chave de internet? O acceso é “anónimo”, pero sempre se pode seguir o noso rastro. É un acceso case permanente,  xa que estamos conectados dende todas as partes dun xeito cada vez máis doado.

Internet ofrécenos unha serie de comodidades, de vantaxes que medran cada día: obter información, mensaxería instantánea…Pero debemos ter coidado coa publicidade enganosa, coa información falsa, con virus que se meten nos nosos ordenadores; chégannos correos pesados que pretenden captar a nosa atención co obxectivo de obter cartos a cambio de nada, por exemplo. Aínda que soe a tópico, en internet podémonos encontrar con cousas boas e con outras non tan boas.

Nas redes sociais, moi presentes hoxe en día, temos que pararnos e reflexionar un pouquiño. É practicamente imposible borrar unha foto unha vez que se colga na rede; quedan aí para sempre, porque google ten unha memoria prodixiosa. Debemos coidar a nosa privacidade e a dos demais. Non é axeitado difundir información ou fotos sen o consentimento das persoas implicadas. Temos que pensar con detemento antes de actuar.

Outro tema de actualidade é o ciberbullying, que é un acoso psicolóxico e persistente contra unha persoa a través de medios telemáticos. Debemos estar sempre alerta, denuncialo se acontece  e gardar as probas.

A charla ía avanzando, e agora detivémonos no PEGI dos xogos, que nos indica a idade para a que se recomenda. Cumprindo iso, os contidos serán apropiados e educativos; aprenderemos de xeito lúdico.

Lembrounos tamén a importancia de protexer os nosos ordenadores e dispositivos con antivirus; coñecemos unha serie de ligazóns interesantes cun gran aproveitamento pedagóxico.

Á hora de crear os usuarios e contrasinais non debemos poñer os nosos nomes; recoméndase mesturar maiúsculas e minúsculas, 8 caracteres como mínimo… Moito ollo cos datos persoais, non hai regalos gratuítos.

Nas conexións sen fíos que son abertas non sabemos o que hai detrás delas; pódennos extraer información dun xeito moi sinxelo. Somos moi vulnerables.

 

Queremos resaltar a importancia de conservar a ortografía cando empregamos redes sociais, mensaxería instantánea… xa que ás veces coas presas ou co uso de abreviaturas  cometemos erros moi graves.

Finalizamos, lembrando que é bo aproveitar as vantaxes que nos ofrece a rede, pero non fagas nada en internet que non farías na túa vida real.

Non hai que ter medo a usala, farémolo dun xeito prudente e conservando tanto a nosa privacidade como a dos demais.

3,2,1...Comeza a semana do deporte

Mañá comeza a semana do deporte. Ten como obxectivo fomentar a actividade física, facer fincapé na multitude de valores que nos pode aportar o deporte e dar a coñecer a deportistas da zona.

Distribuirase do seguinte xeito:

 

   Luns 11 → “Miniolimpiadas I”

 

   Martes 12 → “Miniolimpiadas II”

 

   Mércores 13 → “Sobre dúas rodas”

 

   Xoves 14 → “Visita dun deportista ao centro”

Contaremos coa presenza de Manuel Martínez, todo un referente do mundo do deporte en Monforte; así mesmo, estará con nós unha xogadora internacional de voleibol.

 

   Venres 15 → “Partidos de baloncesto e fútbol alumn@s – mestr@s”

 

Pedimos a vosa colaboración para o mércores 13. Este día montaremos un pequeno parque de tráfico no pavillón, no que o alumnado se desprazará sobre dúas rodas (patinete, bicicleta…). Buscamos fomentar a actividade física e dar a coñecer ao alumnado normas básicas de seguridade viaria.

Tod@s aqueles que queirades e así o desexedes, podedes traer a bicicleta, patinete…dos vosos/as fillos/as para esta actividade, así como o casco e outros elementos de protección.

Podédelas traer ese día á hora de entrada (9:30h) ou durante os días previos, se é máis cómodo para vós.

Así mesmo, para recollelas xa o podedes facer ese mesmo mércores.

A idea é xuntarnos con algunhas bicicletas / patinetes para compartir e poder disfrutar dunha actividade diferente e enriquecedora.

 

Agradecemos de antemán a vosa colaboración.

 

Nos próximos días, irémosvos dando máis detalles de todo o que aconteza ao longo desta semana.

 

Visita de Xosé Lois

O xoves tivemos unha visita moi especial, recibimos a Xosé Lois. Compartimos esta actividade cos nosos amigos do centro de día.

Gran escrito galego, nacido en Lugo en 1945, pero que se criou na parroquia de Merlán, en Chantada. Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre todo simboloxía románica na Ribeira Sacra. Como poeta ten publicados 23 libros, aínda que a súa obra compóñena máis de setenta libros sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán.

Xosé Lois coñeceu moi de preto a Manuel María, polo que nos achegou á figura homenaxeada nas Letras Galegas 2016. Fixo que nos enriquecéramos, que aprendéramos, que coñezamos máis a un dos autores máis representativos de Galicia, unha voz fundamental na segunda metade do século XX. Debemos ter moi presente que foi un activo promotor da cultura galega.

Levamos xa tempo traballando sobre Manuel María: visitamos a súa Casa – Museo, participamos no calendario do Colectivo Pedagóxico Estiño, indagamos na súa vida e obra cun recuncho que recolle todos os libros que temos del no centro.

Xosé Lois contounos anécdotas de Manuel María, inquedanzas, os seus intereses…

Contámosvos algunhas cousiñas interesantes que aprendemos esta mañá.

Naceu en Outeiro de Rei, onde só viviu 13 anos. Amaba a súa comarca, A Terra Chá.

A temperán morte do seu pai fixo que se viñese para Lugo onde tiña un tío cura. Fixo o servizo militar en Santiago onde coñece a emblemas galegos como Otero Pedrayo, Maside… En 1958 foise para Monforte e en 1959 casou coa súa dona Saleta. Viviu 40 anos nestas terras. Andou por toda a Ribeira Sacra, dende Quiroga ata Chantada.

Xuntaba aos seus amigos cada 8 de xullo para comer xuntos, conversar, disfrutar, compartir momentos, recordos. Unha persoa con moito sentido do humor.

Escribiu libros infantís, poemas, teatro, artigos. Tiña unha libraría, “a Xistral”, que contaba cunha sección de libros moi interesantes en Galegos, para que os nenos o coñecesen, se formasen, para fomentar a lectura en galego. Destacar tamén que en Monforte foi procurador nos tribunais.

Escribiu máis de 1500 artigos. Neles falou sobre Monforte, Pantón, sobre as Terras de Pobra de Brollón. Facíalles poemas aos concellos que llo pedisen.

Manuel María era un neno grande. Xosé Lois dicíalle que era “un poeta de andar e ver”. Manuel María ensinoulle un baúl con máis de 200 pezas de teatro.

Gustáballe comunicar coa xente, coñecer as súas inquedanzas, facía unha colección do significado de palabras para logo escribir. Descubriu o país, as formas de falar.

Tamén tivemos a oportunidade de facerlle preguntas:

Cando coñeceu a Manuel María?

En 1972.  Os 2 andaban preocupados por Galicia, que non ía nada ben. Había moita emigración, falaban de como fomentar a agricultura, a industria. Dende aquela foron grandes amigos. Contounos aquí unha anécdota boa: A Manuel María gustáballe ir cear á cafetería Polar filete de atún frito.

Cal foi o primeiro libro que publicou Manuel María?

A nai de Manuel María era de Nadela (en Lugo). Alí ía 8 días de vacacións na época que estaba co seu tío cura nesta cidade . Un día, foi coas vacas cun primo; naquel prado había un muíño. Aí comezouse a escribir o seu primeiro libro; un libro lúdico, paisaxístico. Así naceu como poeta, foi o que o animou a escribir. Estamos falando de “Muiñeiro de Brétema”, publicado en 1951.

O segundo libro, sobre a súa comarca, “Terra chá”, publícase en 1954

 

Tamén lle fixemos preguntas sobre el:

Cando comezaches a escribir?

Comezou con 10 anos aproximadamente. Escribía sobre o amarelo das flores de nabo, sobre as vacas, como pacían, como tiraban dos arados…

Cal foi o primeiro libro que publicaches?

Tiña poemas na mesa de noite. En 1974, publicounos Manuel María na Edición chamada “Val de Lemos”.

 

Ademais de todo isto, para os máis pequenos leulles adiviñas de animais, do seu libro “Animalario”. Quedaron encantados, riron moito.

Rematou a charla coa dedicatoria dos seus libros para nós e cun pequeno agasallo.

 

Foi unha mañá moi interesante, produtiva e enriquecedora, que fomenta a nosa ansia por escribir, por expresarnos, por transmitir, por dar ao coñecer o que nos invade.

Ademais, achegámonos á figura de Manuel María, unha das persoas máis influentes no panorama galego.

Rematamos cun poema seu:  “A fala”

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Día da árbore

O 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da árbore, un ben prezado e que debemos conservar. As árbores contribúen en gran parte ao osíxeno que respiramos, humedecen o ambiente, reducen o ruído, axudan a diminuír a contaminación…son riqueza…

Como nesta data nos atopábamos en período de vacacións, decidimos celebralo este venres plantando con moita ilusión e concienciación  un castiñeiro.

Primeiro, o alumnado fixo o burato para meter o castiñeiro; a continuación botáronlle terra e abono.

O seguinte paso, foi pisar a terra para que quedase ben prensada.

Máis tarde, rodeamos o castiñeiro cun pneumático para sinalizalo e protexelo.

Finalmente, regámolo.

Un traballo en equipo, que nos serviu para ser máis conscientes da importancia das árbores, dos seus beneficios, dos coidados que precisan.

 Ao longo desta semana tamén limos o conto “O castiñeiro dos desexos”, unha actividade en colaboración coa Deputación de Lugo que nos enviou os contos e o castiñeiro.

 

Charla sobre o medio natural

O venres tivemos unha charla / exposición sobre medio ambiente a cargo de Francisco Javier Quintana, técnico do distrito forestal VIII de Terras de Lemos, e de Javier González, axente forestal da nosa zona.

Dividiron a xornada en dúas partes:

-Primeiro, unha parte máis teórica, na que nos falaron  da paisaxe galega, dos seus tipos (natural, transformada, de costa, de charia…), dos elementos da mesma.

Debatimos sobre si existe paisaxe urbana, sobre como e por qué se deteriora a paisaxe; saíron moitas cuestións interesantes que debemos levar a cabo no día a día para coidar o medio natural, os nosos ecosistemas (reciclar, reducir, reutilizar, coidar os espazos protexidos…)

Coñecemos tamén aqueles animais que hoxe en día se atopan en perigo de extinción. Como dato curioso, soubemos que na nosa Comunidade habita un só lince ibérico.

-A segunda parte, logo dun descanso, foi práctica.

O alumnado tiña que ubicar unha morea de animais no seu hábitat natural:  granxa, bosque, mar. Colocamos ovellas, cans, vacas, golfiños, quenllas, vacalouras, zorros, linces…

Reflexionamos sobre o bosque, que é un dos ecosistemas no que máis animais conviven.

Foi unha sesión moi amena, que se nos pasou voando; aprendemos máis sobre o noso entorno, sobre os ecosistemas, como podemos coidar o medio natural. Unha actividade enriquecedora,  idónea para seguir traballando no Proxecto Voz Natura.

Rematamos dándolles as grazas e un merecido agasallo aos nosos convidados, por todo o que nos transmitiron, e pola maneira tan divertida en que o fixeron.

Con esta foto de familia, despedímonos ata despois das vacacións.

As mochilas viaxeiras

O venres puxemos en marcha as mochilas viaxeiras. Os protagonistas son:

- 1º Txell, Marcos, José Ramón e Álvaro

- 2º Erea, Manuel, Senén, Daniel e Fabián

- 3º Xulia, Roi, Carlos e Adai

- 4º Xana, Maiki, Lorena, Moraima, Noé, Estrella, Sarai e Lucía

- 5º Candela, Joel, Leila e Zaro

- 6º Sheila, Marcos, Verónica e Manuel

Co seguinte texto, dirixímonos aos nenos/as, ás familias…

Saúdos lectores!

Dende o equipo de biblioteca Escolar do CEIP da Pobra do Brollón, dámosvos a benvida, un ano máis, ao enriquecedor mundo da…

MOCHILA VIAXEIRA!

Trátase dunha actividade, que tomando o mundo dos libros convértese nunha experiencia compartida de lectura en familia.

Reforzamos o vínculo entre familia e escola, no labor común da formación dos  nosos lectores/as. Por tanto fomentamos o hábito lector e conseguimos un nexo interxeneracional: estréitanse lazos afectivos e intereses común entre fillos, país, avós…

Pero….por que a mochila viaxeira?

A lectura ensínanos que todos temos cabida, ensínanos a entusiasmarnos, aprender. Desenvolve a convivencia democrática, a liberdade de pensamento.

É una ferramenta básica para o desenvolvemento da personalidade e a creatividade. Os libros permítennos chegar lexos. Necesitamos ler par coñecer o mundo….

Permítennos tamén fortalecer outras destrezas e competencias: escribir, contar, escoitar… Como ben sabedes ler é una experiencia única e irrepetible.

A lectura infórmanos, edúcanos, crea en nós hábitos de reflexión, de análise, de concentración… nútrenos, transfórmanos.

Ler mellora as relación humanas, permítenos expoñer o noso pensamento, amplía os horizontes, desperta afeccións e intereses, a nosa sensibilidade.  Lembrade que a lectura é un gran instrumento que ten o cerebro  para progresar.

Lede con intensidade, despacio, vivindo a vida das palabras. Cando cada palabra cobra vida, a imaxinación bota a voar.

Toda lectura vai deixar pegada en nós. Quizais non haxa nada que enriqueza a mente como una lectura do noso agrado.

A mochila seguirá a estar con cada familia 3 semanas…para que a disfrutedes e viaxedes con ela…

Adxuntamos a relación de material que entre tod@s debemos coidar.

Tedes a posibilidade de dar vida a cada unha destas páxinas en branco, de escribir a vosa historia….

Vivide, soñade, sede libres, expresádevos, reflexionade…e compártideo a través deste caderno que nos enriquecerá e unirá a tod@s.

Contádenos as vosas vivencias, que libros vos gustaron mais, que supuxo para vós esta actividade…

Agardamos tod@s moi expectantes o que escribades, os vosos debuxos, fotos, colaxes…en fin as vosas creacións!

Como premio obteremos o noso libro viaxeiro, que  nos fará medrar xuntos.

A historia está a piques de comezar:

3, 2, 1…!

É o teu momento, ADIANTE!

 

Visita aos Museos Científicos da Coruña

O xoves foi un día de moita ilusión, de convivencia fóra de centro, de ampliar coñecementos, de enriquecernos; unha boa maneira de dar un pasiño máis na nosa formación.

Ás 9h  saímos do colexio, rumbo á Coruña para visitar os museos científicos desta cidade. Dende o primeiro momento acompañáronnos cancións, sorrisos, enerxía…

Chegamos ao Parque de Santa Margarita ás 11:15, no que aproveitamos para facer un pequeniña merenda antes de entrar ao planetario. Nel vimos unha proxección: O Conde Siro é un encantador vampiro que hai moito decidiu ser vexetariano e alimentarse só de zume de tomate. Vive nun remoto castelo dedicado ás súas afeccións preferidas: ler, tocar o órgano do seu bisavó e observar o firmamento. Canso de tantas noites anubradas nas que non pode ver as estrelas, decide contratar un científico para que constrúa un simulador de ceo. Tras pasar varias semanas encerrado no laboratorio, Dagoberto, que así se chama o seu axudante, completa a máquina e preséntalla ao conde: o Kinké Catódico Bicéfalo, un artefacto espectacular que lle permite reproducir un ceo estrelado ou viaxar a outros planetas.

Con este planetario dixital podemos ver panoramas e ceos completos, e a proxección de imaxes en movemento en toda a cúpula. Deste xeito, alí sentados entramos nas dependencias do castelo do Conde  Siro, recreadas a toda cúpula, e descubrir o ceo da noite, no que se poden observar as estrelas, planetas e constelacións. Tamén puidemos viaxar ata paisaxes de Marte, a Terra e a Lúa, representados en panoramas de 360º, ou achegarnos a Saturno para ver como son os seus aneis, formados por anacos de xeo.

Por tanto, achegámonos ao apaixoante mundo da astronomía. Indagamos sobre estrelas, observamos o planeta, aprendemos máis sobre a vía láctea, coñecemos os segredos do cosmos.

A continuación,  visitamos o Museo da Casa das Ciencias, no mesmo edificio. Encóntrase dividido en 3 plantas: “Experiencias, exposicións temporais e actualidade científica”. Puidemos experimentar, achegarnos un pouco máis á actividade científica.

Como o bo tempo nos respetou, repuxemos forzas no citado parque; serviunos tamén para facer un pequeno descanso, xogar.

A seguinte parada da nova visita, levounos ao MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía), no que fixemos dous grupos:

- Infantil, 1º e 2º visita e Obradoiro Vidrieira de Peteiro.

- 3º, 4º, 5º e 6º visita e obradoiro desafío MUNCYT.

Fomos recorrendo diversas salas nas que tiñamos que ir superando retos, probas por equipos. Un xeito moi bo de implicarnos activamente e que nos serviu para aprender ludicamente.

A primeira sala na que estivemos foi  a maiúscula, na que como o propio nome o indica encontrámonos con máquinas grandes.

Na sala Iberia, está exposta a parte de adiante do “Boin 747” que durante case 40 anos reinou nos ceos do mundo. Coñecemos de preto a bodega, onde viaxan os pasaxeiros e o habitáculo dos pilotos. É o avión máis grande do mundo, cunhas dimensións coma un campo de fútbol, e no que poden viaxar 500 persoas. Esta sala pareceunos espectacular.

A sala século XX deixounos abraiados; nela encontramos 100 inventos (un por cada ano deste século).  Puidemos ver unha das primeiras televisións, a primeira lavadora…A mellor maneira de contárvolo é que vexades as fotos.

Verdadeiramente interesante e que nos sirve para reflexionar sobre a rapidez coa evoluciona o mundo.

Logo, collemos o autobús para ir ao acuario e acercarnos ao mundo mariño. Atópase á beira do Océano Atlántico, xunto ao histórico faro da Torre de Hércules; polo que de camiño gozamos do paseo marítimo.

Vimos unha multitude de peixes (Tiburóns touro, águias mariñas, meros, douradas, rodaballos…). Viven neste estanque, de máis de 4 millóns de litros de auga.

Vimos en primeira persoa como lles daban de comer a 13 focas comúns do norte de Europa. Descubrimos como se comportan no seu hábitat natural, como xogan, se sumerxen…

Tamén puidemos ver corvos mariños galegos.

Baixamos ao Nautilus, unha sala somerxida no mar, que revive o sono de Julio Verne en “20.000 leguas de viajes submarinos”. O decorado recrea o gabinete do capitán Nemo, cunha musicalidade composta para esta sala. Miles de peixes de 50 especies diferentes nada ao seu arredor. Aquí atópase o famoso tiburón Gastón, que nos deixou perplexos.

Noutra sala, o Maremagnum, permítenos coñecer máis cousas sobre o mar. Acuarios de gran volume representan todos os ecosistemas da costa galega. Aprendemos sobre oceonografía, acuicultara, tradicións mariñeiras…

Canta vida hai no mar, que importante é coidar o mundo mariño.

Saímos do acuario sobre ás 18:15h para merendar e ter un pouquiño de tempo de lecer antes de subir ao autobús e regresar a Puebla.

Chegamos ao colexio pasadas as 21:00, despois de disfrutar dun gran día, no que aprendemos numerosas cousas.

Estamos, desexando xa, que chegue a próxima saída; son días moi enriquecedores.

A bailar

O alumnado de 3º a 6º  estivo preparando coreografías en grupo ao longo das últimas dúas semanas. O venres foi un día con moito ritmo; o momento de sentirse protagonistas, de amosarlle aos  compañeiros /as os seus bailes.

A expresión corporal fomenta a capacidade de disfrute e de alegría, de desinhibición, a creatividade, a sensibilidade. Axúdanos a desenvolver  a atención, a memoria, a axilidade mental.

Ensínanos valores como o respeto, a comunicación, a integración, a cooperación, o afán de superación, a confianza nun mesmo e nos demais.

Por todo isto, considerámola unha ferramenta útil e imprescindible na educación, un modo de expresarnos e de comunicarnos, de transmitir emocións, sentimentos, ilusións, estados de ánimo.

Disfrutamos moito cos nosos artistas; o traballo e o esforzo realizado tivo recompensa. Deixámosvos algunhas fotos para que vos adentredes nas nosas coreografías.

• 3º: “Proxy”. Martin Garrix

• 4º: “Amanecí contento”. El famoso biberón

• 5º: “Toca, toca”. Fly project

• 6º: “Sheila, Verónica, Manuel e Marcos”

Presentación do conto de María Castaña

No día de hoxe acudimos á casa da cultura de Monforte á presentación do conto de María Castaña. O curso pasado traballamos sobre esta muller tan importante na historia. Unha figura loitadora que naceu na parroquia de Cereixa.

O conto foi elaborado pola Concellaría de igualdade do Concello de Monforte de Lemos, a través do Centro de Información á muller (CIM) coa colaboración das bibliotecas escolares da zona que integran o Colectivo Lemos le.

Os nenos e nenas son os protagonistas desta obra, con pingas de creatividade, esforzo, dedicación…

Deixámosvos o conto en fotos para que poidades disfrutar del.

Este ano centrarémonos nunha célebre oleira nacida en Gundivós, Lola de Penelas. Este é sobrenome co que se coñecía popularmente á artesá María Dolores López López. Tratarase de recuperar e difundir a unha das tradicións artesanais máis características da comarca de Lemos.

Manuel María seguirá estando moi presente no centro ao longo deste curso. Aproveitamos a ocasión para facernos unha foto no busto dedicado a el.

Almorzando saudablemente

Hoxe realizamos unha actividade do  “Proxecto Deportivo de Centro”.

Como ben sabedes, ten como obxectivo a planificación e desenvolvemento dos programas de fomento da actividade física. É necesario que o alumnado leve unha vida activa, que  incremente a carga de actividade física realizada tanto dentro coma fora do centro escolar. Numerosos son os beneficios que nos aporta o deporte: saúde, valores, diversión…

Comezamos o día, compartindo mestres e alumn@s, un almorzo saudable. É a comida máis importante do día xa que pasa un período bastante longo dende que inxerimos alimentos por última vez. Vainos permitir obter os nutrientes necesarios para afrontar todas as actividades que realizamos durante a mañá. Por tanto, debe ser un almorzo saudable, variado e equilibrado.

Pretendemos fomentar unha alimentación suficiente,completa, variada e axeitada. Isto axudará ao correcto crecemento, ao  desenvolvemento físico e intelectual dos nenos/as, ao mesmo tempo que contribúe a manter unha boa saúde. Danos a enerxía precisa para as funcións vitais, lúdicas e de aprendizaxe.

Nun almorzo saudable non pode faltar a froita (uvas, melón, fresas), torrada con tomate e xamón, zume de laranxa, leite con cereais

Aproveitamos a ocasión para facer unha pequena entrega de premios da liga de tenis de mesa que vimos de rematar. Coñecemos e practicamos un deporte con menos repercusión, pero que nos aporta axilidade, concentración, reflexos…

Un obxectivo innegociable, que debe primar sempre que facemos deporte é pasalo ben, disfrutar, compartir sorrisos… e iso foi o que buscamos con esta iniciativa. Todos merecen ser premiados polo seu esforzo, por buscar sempre a diversión, por sorrir co deporte.

Os tres primeiros clasificados de cada grupo foron:

1º e 2º:

-1º: Senén

-2º: José Ramón

-3º: Manuel

3º e 4º:

-1º: Lorena

-2º: Carlos e Noé

-3º: Roi

5º e 6º:

-1º: Manuel

-2º: Verónica

-3º: Marcos

Seguiremos compartindo cos vós novas aventuras.

 

Distribuir contido