Iniciar sesión: Acceso

Alerta amarela e laranxa

A consellería de Educación fai o seguinte comunicado:

Alerta AMARELA E LARANXA por nevadas os días 22 e 23 de marzo en Galicia

Coñecemos Allariz

Onte descubrimos que Allariz é historia, tradición…

A monumentalidade de Allariz é o resultado da importancia do seu pasado. O casco histórico ofrece un bo estado de conservación, grazas ao esforzo rehabilitador dos últimos anos, que se viu recompensado co Premio Europeo de Urbanismo e sendo declarada, pola Unesco, Reserva da Biosfera.

Saímos ás 9:30h do colexio e sobre as 11h xa estábamos repoñendo forzas en Allariz para aproveitar ao máximo un día que prometía.

O primeiro contacto percorrendo as rúas do casco histórico ata o Concello captou a nosa atención. Alí fomos recibidos polo alcalde, dándonos a benvida e presentándonos a vila.

O primeiro punto de interese do día centrouse na reciclaxe, xa que este ano en Voz Natura estamos traballando sobre “os 4 R Guímaros”. Vimos de preto como funciona un composteiro; moi pronto teremos un na Pobra.

A separación na casa dos diferentes residuos vainos permitir separar a materia orgánica para facer compost, separar e reciclar os envases lixeiros (en bolsas de plástico nos colectores amarelos), o papel e cartón, o vidro nos iglús verdes e o rexeitamento (o único que hoxe en día non se pode reciclar, polo que irá en bolsas de plástico en colectores verdes).

Despois, visitamos o Museo Galego do xoguete de Allariz:

Peculiar Museo localizado nun edificio de finais do século XVII construído, na súa orixe, como pazo señorial. Abriu no ano 1994 como doazón dun veciño, que cede a súa colección de case 800 xoguetes de distintas características e épocas.

A continuación, foi o momento de adentrarnos no Museo do Coiro:

Edificación do século XVIII, de planta cadrada e cun patio central. Situada á marxe do río Arnoia, é un claro exemplo dun pasado florecente no curtido de peles. No Museo, coa súa particular arquitectura de pilos e a presenza de ferramentas e maquinaria, pódese coñecer o proceso do curtido en todas as súas fases.

A última parada da maña, levounos ao Museo da Moda de Allariz:

Ubícase nun antigo pazo do século XII, e xira ao redor do mundo da moda. Este centro componse dunha infinidade de estancias que recrean a vida na localidade ao longo dos séculos pasados; é un espazo interactivo onde o visitante pode probar vestimentas e desfilar como modelos. Hai unha sala dedicada aos máis pequenos con recortables para vestir.

As 14:30h chegou o momento de comer, xogar e descansar un pouquiño antes da xornada de tarde, na que puidemos disfrutar do mundo da Hípica montando a cabalo.

A carón das 19:30h chegamos á Pobra logo dun día que pasou voando. Agardamos xa pola seguinte saída.

Loitamos pola IGUALDADE

O 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, aínda que todos os días debemos loitar pola igualdade, polos dereitos da muller, pola non discriminación, para que sexan valoradas xustamente…porque o Día da Muller son os 365 días do ano. Agardemos que o mundo progrese polo camiño correcto e algún día non sexa preciso conmemorar esta data.

Se miramos ao noso arredor vemos ás nosas avoas, nais, irmáns, compañeiras…que son un exemplo para nós, mulleres loitadoras, cunha serie de valores dos que nos debemos impregnar. 

Se facemos un percorrido pola historia, Rosalía de Castro merece unha mención especial, polo que se lle dedica o 24 de febreiro.

Traballamos pois, estas dúas conmemoracións de xeito conxunto, aínda que é certo que son valores que inculcamos no día a día.

O 8 de marzo acudimos á Casa da Cultura de Monforte para asistir á presentación do conto dedicado no pasado curso a Lola de Penelas, oleira de Gundivós. É coordinado polo CIM de Monforte de Lemos e no que colabora o Colectivo Lemos Le, integrado polos colexios e bibliotecas municipais da zona.

Sempre traballamos sobre unha muller da zona; a homenaxeada neste curso é Balbina López, farmacéutica nacida en Pantón e que traballou no Saviñao. A súa profesión levouna a investigar, a ser unha das poucas universitarias da Comarca.

Este mércores, traballamos con poesías de Rosalía de Castro:

Infantil: As de cantar

É a primeira poesía de Cantares Galegos. Rosalía invita a falar en Galego a través dunha rapaza galega que vive as costumes, as tradicións da Terra.

1º 2º: Vente rapaza

Representa costumes e tradicións que para Rosalía son entrañables.

3º e 4º:  Adiós Ríos, Adiós Fontes

Rosalía pon no seu sentir lonxe de Galicia a saudade que sinte pola terra. Bota de menos as paisaxes típicas de Galicia, as costumes... e trata de que se coñeza.

5º e 6º: Tecín soia a miña tea. Queridiña dos meus ollos

Traballamos a igualdade no sentido máis amplo da palabra:

Unha muller que ten que vivir soa, facer fronte á vida;  elas soas levantaron Galicia, xa que os homes tiveron que emigran buscando un mundo mellor.

A segunda, amosa o outro punto de vista, o sentimento do emigrante que se vai, que bota de menos o seu amor, a súa vida en Galicia.

Creamos un mural co título de “EU TAMÉN SON ROSALÍA”.

 

O Entroido

Chegou seguramente a data máis esperada por todos/as: O ENTROIDO. Na nosa zona encerra moita tradición, polo que  as últimas dúas semanas tinguíronse de sabor a festa.

Fixemos unha paréntese esquecéndonos da igualdade e establecendo dous bandos moi claros: mestres e nenos por un lado, e mestras e nenas no outro. Deste xeito, o venres 10 creamos no centro un obradoiro a partir de 3º de primaria para comezar a facer os Compadres e as Comadres. Uns e outros son os mestres baixo algunha caracterización e…a partir dese momento reina a intriga por saber uns dos outros.

Tamén houbo momentos para as trasnadas, as risas, o bo ambiente…

- O luns 13 visitounos Teddi para coñecer máis de preto o Entroido de Salcedo. Estamos facendo un traballo de investigación sobre o Entroido nas diferentes zonas de Galicia. Por tanto, non hai mellor maneira de investigar, de profundar na temática.

- Xoves de Compadres (16 de febreiro)

A primeira hora apareceron os compadres, que este ano mesturaron a Monarquía e a película Frouzen.  A historia conta a realidade máis graciosa dos mestres.

Despois as nenas sacaron o Compadre para queimalo e os nenos tratan de impedilo. Son uns minutos de carreiras, onde finalmente se queima.

- Xoves de Comadres (23 de febreiro)

O xogo invértese. As comadres do cole aparecen representando cadros famosos nun Museo. Ademais, as nosas Comadres levaron algún apuro e recibiron algunha broma ao longo da mañá. Pola tarde coñecemos máis detalles da vida diaria das mestras. Logo, os nenos saen coa Comadre; as nenas intentarán salvala; pero finalmente quéimase.

- Esta semana de Entroido, do 20 ao 24, estivo acompañadas das Ordes do Meco. Así que cada día tocou algo que nos caracterizase a todos cunha gotiña de Entroido que se ía agrandando en gracia , xa que era acumulativo:

• Luns: Sombreiro.

• Martes: Nariz de pallaso.

• Mércores: Camiseta longa.

• Xoves: Un instrumento musical.

Hoxe, venres desfilamos pola Pobra. Disfrazámonos todos baixo a temática de Peregrinos, de acordo cun dos proxectos que desenvolveremos neste curso.

Saímos do colexio sobre as 12.15h; a primeira parada foi no centro de día, como non podía ser doutro xeito. Sabedes que ao longo do ano compartimos moitos momentos con eles, forman parte de nós, ensínannos cousas novas.

Continuamos o noso desfile por diante Das Viñas e da panadería Roelma, comezamos a disfrutar dos primeiros caramelos desta soleada mañá.

Chegamos ao Concello, onde nos selaron as nosas credenciais como bos peregrinos. Foi o momento idóneo para sacar unha foto en grupo.

Máis tarde, era o momento de volver ao colexio, para rematar a xornada cun rico cocido e cun ratiño de troula.

Queremos darvos as grazas a todos/as:

Os nenos/as, que son os verdadeiros protagonistas. Estes días estiveron con moita ilusión, enerxía, emoción, inquedanza.

Os mestres e mestras que están sempre dando o mellor de si no día a día: Óscar, Paco, Vanesa, Pablo, Nieves, Félix,  Dori… Traballaron moito para que nese desfile o alumnado estivese impecable cos seus disfraces.

As nosas cociñeiras Mercedes e Lola, pola enerxía diaria que nos proporcionan.

Gracias a todos vós (pais, nais, avós, avoas, veciños, comerciantes…) por camiñar con nós, por tirarnos tantos caramelos, por darnos agarimo. 

Sen dúbida, o mellor de todo isto é a unión entre mestres, alumnos; crea vínculos moi especiais; aprendemos unha serie de valores que nos acompañarán toda a vida.

Temos que seguir mantendo viva unha festa popular de Galicia, algo que nos fai únicos. Disfrutade destes días que veñen por diante.

¡¡¡Viva o Entroido!!!

 

Día da NON violencia e a PAZ

O 30 de xaneiro  celebramos o Día da Non Violencia e a Paz, coincidindo co aniversario da morte de Gandhi. É de vital importancia inculcar valores que sustenten  a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos demais, a igualdade… e que deben reinar nunha sociedade que en moitas ocasións dista disto.

Por tanto, son elementos transversais que traballamos todo o ano.

Nestes días, reflexionamos co alumnado sobre como se atopa o mundo na actualidade, a situación dos refuxiados, a maneira de axudalos… A lectura de “Pequeña Carlota”, “Clandestino” de Manu Chao, vídeos (entre outros sobre refuxiados Sirios)… foi o material que empregamos. Está á vosa disposición no seguinte enlace:

https://www.edu.xunta.gal/centros/ceippobrabrollon/aulavirtual2/course/view.php?id=17

Con todas estas reflexións, o luns 30, elaboramos un mural no que plasmamos as nosas mellores intencións para seguir loitando pola Paz, pola comprensión, a igualdade de oportunidades… nun mundo no que hai tanta guerra, tanto egoísmo, tanto desorden.

Tamén a temática das lecturas destas semana tivo como eixe central a Paz, os refuxiados. Así por exemplo, o alumnado de 5º e 6º leu “a lagoa das nenas mudas”. Aproveitamos para visitar, o xoves 26,  aos nosos maiores do centro de día e contarlles que Amina vaise vivir a un lugar remoto do que descoñece ata o idioma. O relato trata da emigración e o rexeitamento e as dificultades que sofren moitos emigrantes. Outra das protagonistas é Ío, unha rapaza que case non fala, que esconde o maltrato do seu pai. A amizade de Amina e Ío amosa que, tantas veces, a posibilidade da comunicación está por riba das palabras.

Eles faláronnos do libro “o neno co pixama de raias”. A acción é narrada dende a óptica de Bruno, fillo dun oficial Nazi, que establece amizade cun neno xudeu. O neno xudeu vive ao outro lado dunha verxa, nun campo de concentración, vestindo un pixama de raias.

Por tanto, esta xuntanza do club de lectura foi moi produtiva.

Outra das actividades para reivindicar a Paz, foi cantar  unha canción que compuxo o noso mestre de música, Pablo, co título de “inmigrante ilegal, refuxiado desahuciado”. A letra reflexa de xeito moi significativo a situación actual.

“Xa non queda onde ir

só hai unha saída

a fuxida cara adiante

é a única opción

inmigrante ilegais

na terra prometida

refuxiados desahuciados

vaia civiliazación”

No seguinte enlace, podedes disfrutar de toda a canción.

 “Non hai camiño para a Paz, a PAZ é camiño”. Gandhi.

 

Festival de Nadal

Chegou decembro e o Nadal presentouse cada sen decatarnos un ano máis… polo que o ambiente navideño foise apoderando do centro.  Vanesa e Nieves foron as directoras do equipo de manualidades. Onte, mércores día 21, celebramos o tradicional Festival. Un día que mestura ilusión, gañas, ledicia, emoción, traballo, satisfacción… Un día que plasma o traballo realizado por todos durante o último mes.

Queremos agradecer a asistencia aos profesionais e aos usuarios do centro de día, uns veciños moi entrañables para nós. Do mesmo xeito, queremos agradecer a presenza e que compartisen con nós este día, aos pais,nais, avós, avoas, irmáns e todos aqueles familiares presentes.

A todos os mestres polo súas horas para que este festival tivese tanto éxito e nos fixese disfrutar: Óscar, Pablo, Dori, Paco, Félix,  Nieves, Vanesa, Julio.

Os verdadeiros protagonistas, os nenos e nenas, levan un mes de ensaios, sen descansos, con exames, traballos… Sempre con alegría, con ilusión, con gañas.

Como non, a Mercedes e a Lola, que nos alimentan cada día.

Agradecer tamén a colaboración do Concello, que cada ano nos presta o equipo de megafonía.

Grazas aos provedores do Comedor Escolar, que colaboraron con donativos para facer a cesta. Todo o que se recadou, irá destinado á excursión de fin de curso do alumnado de 5º e 6º..

É un luxo, poder contar con esta comunidade educativa. ¡GRAZAS!

  

O Festival comezou as 11h pasadas, tendo como presentadores a Zaro, Leila e Candela. O programa foi o seguinte:

“Acrosport”: Os alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º encargáronse de comezar o día cun deporte que combina acrobacias e coreografías. Así que disfrutamos de bailes, volteretas…

“Revolto no Nadal”: Momento para o alumnado de infantil, cunha obra de teatro dirixidos por Óscar. Uns grandes artistas, que sempre nos engaiolan. Sempre acaban sendo os máis grandes.

“Cantámosche os reises”: 1º eº 2º cantaron esta panxoliña, baixo as ordes de Paco. Esta canción a moito de nós tróuxonos lembranzas, achegounos a unha tradición ben fermosa.

“O club de chiste”. O alumnado de 5º e 6º  intentou facernos rir una ratiño, parodiar algunhas situacións da vida…

“Os cegos e o elefante”: Pablo dirixiu aos alumnos/as de 3º e 4º , nunha obra de teatro na que plasmou como coñecer e interpretar unha realidade, segundo o que perciba cada un. Un equipo singular e de aúpa., que nos ensinou que a mellor maneira de coñecer é escoitar sempre, reflexionar; é san debater, pero escoitando e senenfadarse.

“Con un sombreiro de palla”: 1º e 2º cantaron esta panxoliña, baixo as ordes de Paco novamente.

“Land Rober Tunai Show”: Viaxamos á televisión de Galicia para ver dous sketchs dun dos programas humorísticos máis de moda; “Joao Simois” e “os gorrillas” deleitáronnos coas súas historias. Os nenos e nenas de 5º e 6º esperan traernos proximamente o segundo programa de Land Rober.

• Canción “The Skat e board queen”. Paco dirixiunos para cantar esta canción na lingua de Skespeare.

• Teatro “O alfinete” e baile “Tres reis en bicicleta”, polos alumnos/as de 5º e 6º dirixidos por Dori e Julio. A obra fainos ver que lle debemos pedir aos reis só aquilo que precisamos, que nos gusta e co que imos xogar.

“Gañadores do XXVI Certame contos de Nadal

A través destas composicións, da lectura de contos…descubrímonos a nós mesmos, enriquecémonos; consideramos que é a mellor maneira de medrar. Noraboa a todos e a todas por participar, polo voso traballo.  Os gañadores deste ano son:

     - 2º: Marcos

     - 3º: Senén

     - 4º: Xulia

     - 5º: Noé e Sarai

     - 6º: Candela

• Canción “The little drummer boy”. Paco dirixiu aos nenos e nenas de 5º e 6º nesta canciónen inglés.

”Entrega da cesta de Nadal

Como dixemos anteriormente, os nenos e nenas de 5º e 6º queremos ir de excursión de fin de curso. O lugar aínda non o temos decidido. Para recadar fondos para a excursión vendemos rifas. O sorteo celebrouse o martes no comedor.

“Noite de Nadale”. A última actuación xuntou a todos os alumnos/as do colexio, que baixo a dirección de Pablo cantou unha panxoliña que nos puxo a todos/as os pelos de punta. Dá gusto ver esa unión, ese bo entendemento de todos eles.

Rematamos entregándolle a cada alumno/a un calendario do próximo ano, no cal vai impreso un reloxo e en cada unha das horas a foto dun neno/a, a dun mestre.

A comida foi o punto e final a este ano que chega á súa fin, un momento moi especial, de moita unión e ledicia.

Nos últimas días visitounos Ana López Castaño, da ONG MISEVI (Misioneiros Seglares Vicencianos). Explicounos o traballo que levan a cabo en Honduras, a falta de recursos básicos que se poden apreciar na zona…

Deixámosvos o enlace para que coñezades un pouco máis a causa; traballaremos con eles nun microproxecto para axudarlles aos nenos/as a que teñan material escolar.

http://microproyectos.misevi.es/quienes-somos/

Querémosvos dar unha vez máis as grazas pola vosa asistencia.

Despedímonos ata o próximo ano, cos nosos mellores desexos:

Desexamos que este Nadal:

-       Recibades a visita da riqueza: Paz no fogar, amor, solidariedade, ilusión.

-       Que no 2017 sintamos a compañía dos que queremos, a man dos que precisamos, nos ilusionen proxectos, desapareza a violencia…

-       Que os soños cambien á par da realidade.

 

¡¡¡Bo Nadal e Próspero Aninovo!!!

Festival de Nadal

Dende o CEIP da Pobra Do Brollón convídamos a toda a comunidade educativa ao Festival de Nadal que se celebrará o próximo mércores, día 21 de decembro, ás 11:00h.

Disfrutaredes de acrosport, teatro, humor, bailes, panxoliñas…

Levamos traballando moitas semanas, con sacrificio, ilusión, unión, nervios… e queremos compartir con todos vós esta mañá. Esperámosvos.

Deixámosvos o programa de actos e o noso desexo para o 2017.

Merendas saudables

Ao longo desta semana, do 12 ao 16 de decembro, dentro do Proxecto Deportivo de Centro, realizamos un calendario de merendas durante o período de lecer.

O calendario a seguir foi o seguinte:

- Luns: Froita

- Martes: Bocadillo ou sandwich

- Mércores: Lácteos ou derivados

- Xoves: Froita

- Venres: Libre

Con esta actividade tratamos de  concienciar ao alumnado da importancia dunha dieta suficiente e variada; que sexan conscientes de que alimentarse ben é fundamental para a práctica de actividade física, entre outras cousas.

Pon unha dieta saudable na túa vida

Liga de Baloncesto

Rematou novembro, e con el a liga de baloncesto.

Disputouse os martes e xoves no tempo de lecer da maña.

Alumnado de 1º, 2º e 3º: 13 alumnos/as distribuídos en 4 equipos.

Alumnado de 4º, 5º e 6º:  14 alumnos/as que formaron 4 equipos.

Os equipos son mixtos, contando polo menos cun neno e cunha nena; ademais deberán ter un participante de cada curso (por exemplo, un neno/a de 1º, un neno/a de 2º e un neno/a de 3º).

En cada recreo xogáronse dous partidos de 10 minutos. O sistema que levamos a cabo foi o de liga, onde todos os equipos se enfrontaron entre si ao longo do mes de novembro. O último martes e xoves do mes, fixemos un partido libre para despedir esta primeira liga de baloncesto do colexio.

O alumnado estivo moi motivado ante esta iniciativa, con gañas de participar. Aproveitamos para fomentar este deporte, para dar a coñecer  as súas regras, aspectos básicos do mesmo.. Coma o ano anterior, tivo unha acollida moi boa; os nenos/as amosáronse moi ilusionados.

“Os deportes son importantes para min, porque xogaron un papel vital na miña vida. Sacáronme da rúa cando me estaba metendo en problemas. Os deportes ensináronme o compromiso e o sacrificio, ensináronme o traballo en equipo”.

 Dwayne Johnson

Día da NON Violencia

O venres 25 de novembro conmemoramos o Día Mundial da Non Violencia de Xénero. Nós quixemos ir un pouco máis alá, e facer fincapé na importancia dunha sociedade sen ningún tipo de violencia (nin de xénero, nin discriminatoria, nin psicolóxica…). Unha data que nos serve para lembrar como debe ser a nosa actitude todo o ano.

No mes de novembro seleccionamos contos en relación ao tema da violencia xa que procuramos que a biblioteca sexa sempre protagonista das conmemoracións.

• Infantil, 1º e 2º: Traballaron co conto de "Artur e clementina".

É a historia dunha parella de tartarugas. Clementina recibe desprezos de Artur que sempre lle di que non vale para nada. A súa cuncha cada día pésalle máis ata que consigue liberarse conseguindo a dignidade que lle corresponde como ser.  Traballamos valores como a igualdade, a autoestima.

• 3º, 4º:  Traballan co libro "Xela Volveuse vampira" de Fina Casalderrey.

Coñecemos esta historia a través das impresións duns nenos dunha clase de 5º que á volta de vacacións ven como a súa mestra, á que adoraban, está totalmente cambiada. Unha persoa cariñosa, alegre, que xogaba con eles, falandeira....de súpeto,   é todo o contrario: triste, silenciosa, viste descoidada, protéxese cunha bufanda.
Un día ven as pálpebras de Xela escuras, marcas no pescozo. Algúns nenos ata cren que se volveu vampira. Un neno descubrirá que Xela é maltratada polo seu marido que nos cursos pasados era o noivo. A través dun ser fantástico conseguirán castigar severamente ao maltratador converténdoo nun personaxe raro e moi pouco agraciado. Xela volverá a ser a mestra que todos admiraban. Trata claramente a violencia de xénero e os danos que ocasiona.

• 5º, 6º: Están a ler "A lagoa das Nenas mudas" de Fina casalderrey.

Dúas historias paralelas.

Nárranos a chegada dunha nena nixeriana  a Galicia coa súa nai, que pronto comeza a escola. Amina fai amizade cunha nena da clase, Ío a que os compañeiros consideran muda, xa que non fala e cando o fai, a súa voz é un fío imperceptible. Debuxa moi ben e así vaille comunicando a Amina o que sucede.

A través das cartas que Amina lle escribe a un amigo de Nixeria e as vivencias da aula imos coñecendo dúas historias que precisan comprensión, tolerancia, respeto...
Por un lado a de Amina, que nos vai contando as dificultades de vivir nun país no que non  teñen nada, nin os papeis en regra, as dificultades de integración.  Algúns compañeiros en algunha ocasión fan burla dela. O descoñecemento do idioma fai que Amina o interprete ao revés.

Un día Ío desaparece. Búscana, pero é Amina quen descubre que está nunha lagoa fermosa na que estiveran as dúas anteriormente. Ío é maltratada polo seu pai que ten problemas co alcohol.

Estas obras permitíronnos afondar neste tema, reflexionar co alumnado, extraer conclusións moi positivas.

Neste Día mundial da Non Violencia infantil, 1º e 2º viron o conto de “Artur e Clementina” para seguir traballando e inculcando neles valores que se deben adquirir na infancia.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º viron a curtametraxe “El viaje de Saíd”.

Un neno de África que soña cun mundo mellor; a través dese sono viaxa a España. Descubre que aquí tampouco somos tolerantes, non somos quen de comprender.

Reflexionamos sobre outro tipo de violencia, da que ás veces non somos conscientes.

Rematamos o día elaborando siluetas de nenos e nenas que reivindican a igualdade, a tolerancia, o respeto, a comprensión, o amor, a empatía, a diversidade, o diálogo, a protección, a colaboración

“Ponte no seu lugar, así nunca empregarás violencia”

 

 

Distribuir contido