Iniciar sesión: Acceso

Conmemoración das Bibliotecas Escolares

Cada 24 de outubro, conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares. Celébrase dende o ano 1997, en homenaxe á destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada no ano 1992 durante a guerra dos Balcáns.

É unha data importante, polo que significan os libros para nós, polo que nos transmiten, polo que nos entusiasma ler, contar contos… A través dos libros voamos, viaxamos, sentimos, vemos, imaxinamos. As bibliotecas son un recurso cultural; debemos aprender máis e mellor dende elas.

O luns 23, fixemos unha xornada de portas abertas para dar a coñecer ás familias do alumnado de infantil, 1º e 2º a nosa biblioteca: as normas, os recunchos nos que se distribúe (primeiros lectores, lectores autónomos, lectores expertos, sección dos autores galegos máis significativos, recuncho temático…), as posibilidades que nos ofrece, como podemos atopar os libros nela, CDU; ademais dunha serie de recomendacións para disfrutar da lectura. Puideron ver a renovada imaxe de guimariñoleo, a través do concurso de mascotas.

Os biblioaxudantes (o alumnado de 6º) encargáronse desta actividade. Primeiro, nos días previos, formáronse. Logo, apoiados na seguinte presentación en powerpoint, relacionada coa formación de usuarios, foron os encargados de impartir estas xornadas.

Colaboran coa organización e colocación da biblioteca.

O martes 24, non podía faltar unha sesión de contacontos, tan demanda sempre.

O alumnado deleitounos cunha serie de contos clásicos cun final inesperado, descoñecido para nós, divertido, que nos fai aprender unha lección. Ademais, disfrutamos dun conto creado polo alumnado de 1º e 2º do curso pasado. 

- 1º e 2º: “Aventuras no bosque encantado”

- 3º: “Aladino e a lámpada espantosa”

- 4º: “Branca Neves dos 7 xigantóns”

- 5º: “Pinocho non era o mentiroso”

- 6º: “A fea durmente”. “Un patiño belo”.

Temos uns verdadeiros artistas contando contos.

Despois, chegou un dos momentos máis agardados polo nenos/as; estaban moi entusiasmados coa sorpresa. Este ano Pinocho veu cargado de lambonadas.

Xunto con este agasallo, recibiron o marcapáxinas do colectivo Lemos Le. No reverso, contén un texto de Lois Diéguez, escrito para o Día Das Biblioteca.

A ANPA proporcionounos material que aproveitamos para entregarlle ao alumnado nesta data: mochilas, estoxos, pinturas, arquivadores…

O mércores 25, a xornada de portas abertas tivo como destinatarios ás familias do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º.

Neste día, continuamos aprendendo na biblioteca.

O alumnado de infantil, 1º e 2º, realizou crebacabezas de diferentes contos.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, realizou un xogo no que tiñan que ir avanzando nas celdas dunha mariola do saber. Nos números impares tiñan que resolver probas. Nos números pares responderon a diferentes preguntas. Tratouse por tanto, dun xogo de pistas pola biblioteca, no que tiñan que representar autores mediante mímica, buscar libros dun determinado autor, identificar libros pola súa etiqueta…

Un xeito enriquecedor de aprender xogando, de afondar na biblioteca, nas posibilidades que nos ofrece.

Este ano, entregaremos ao alumnado os carnets de usuarios da biblioteca, para que os préstamos queden rexistrados dixitalmente.

Rematamos co lema deste ano das Bibliotecas Escolares de Galicia:

“Aprende a pensar coa Biblioteca Escolar”

Ruta do Camiño de Inverno e visita ao Museo de Arxeriz

O pasado mércores, día 4, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º realizou un percorrido polo camiño de inverno. O tramo comezou en San Lourenzo (Concello Pantón) e levounos ata a Barxa, no Saviñao. Aproximadamente 6 kms co obxectivo de dar a coñecer o Camiño de Inverno, un camiño a Santiago que pasa polas nosas terras e que debemos divulgar e poñer en valor. É moi amplo o patrimonio material e inmaterial que hai en torno ao mesmo.

Compartimos a actividade con outros centros da zona, realizando así unha xornada de convivencia.

Mentras, o alumnado de infantil, 1º e 2º, visitou a Biblioteca do Saviñao.

En torno á unha da tarde rematamos a andaina en Arxeriz; alí  xuntámonos todo o colexio para visitar o Ecomuseo. Está inserido nun marco natural de máis de 30 ha con bosque, nas que ademais de disfrutar da natureza, o alumnado pode aprender a valorar o patrimonio e coñecer como era non só o pasado máis afastado senón tamén o máis achegado a nós.

Para elo, realizamos os seguintes obradoiros, despois de facer unha parada para repoñer forzas.

- Infantil, 1º e 2º: “A lareira”.

Apoiándose na lareira do pazo coñeceron como era a vida dos nosos antepasados, os usos de cada un dos mobles e utensilios.  

Remataron a actividade cun conto onde coñeceron unha receita tradicional.

- 3º, 4º, 5º, 6º: “Cultura fluvial”.

Apoiándose nas artes de pesca expostas na primeira sala da cultura fluvial, o alumnado coñeceu peixes que se capturaban e como se facía. As imaxes de diferentes paneis amosan os núcleos de poboación que quedaron anegados e entenderon porque quedaron baixo a auga.

Na segunda das salas viron as embarcacións tradicionais e os seus usos.

 

Para rematar a visita, achegámonos ao Castro de Arxeriz, dende o cal puidemos disfrutar de fermosas vistas.

Comezo do novo curso

O vindeiro luns 11, comeza o curso 2017 – 2018.

Durante o mes de setembro, o horario será de 9.30h a 14.15h.

Adxuntamos o calendario escolar.

FONDO LIBROS CURSO 2017-018

LISTA DE ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DOS LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2017-18

FONDO LIBROS CURSO 2017-18

FONDO LIBROS PARA O CURSO 2017-18

Consulta a lista provisional de admitidos no fondolibros para o curso 2017-18 AQUÍ

Excursión Fin de Curso 5º e 6º

O alumnado de 5º e 6º, acompañados por Dori e Julio, estamos disfrutando da excursión de fin de curso.

Despois dun longo ano de traballo, hoxe comezou a aventura que con tantas ganas levábamos días esperando: compartir cos nosos amig@s e mestr@s uns días de descanso, de aprendizaxe lonxe do colexio, pero sobre todo de risas, de bos momentos, de anécdotas que nos unen un chisquiño máis.

Luns 19 de xuño: Saída do colexio, visita á cidade de Segovia (Alcazar, catedral, acueduto, centro da cidade…) e chegada a Madrid.

Martes 20 de xuño: Parque Warner Madrid, paseo nocturno pola capital de España (Palacio Real, Catedral da Almudena...).

Mércores 21 de xuño: Coñecemos Madrid (Praza Maior, Porta do Sol, movémonos en metro...), estadio Santiago Bernabeu e Musical "O rei Leon".

Xoves 22 de xuño: Visitamos o Museo de Cera e o Museo do Prado.

Logo destes días de convivencia, quédannos a tod@s uns recordos boísimos, que nos acompañarán no noso camiño.

Tamén se achega o momento de voar para algúns dos nosos nen@s. Zaro, Candela e Leila comezan unha nova etapa no mes de setembro. Desexámoslles o mellor para que sigan crecendo como persoas. Aquí sempre terán a súa casa.

Con isto, pechamos un novo curso, un ano moi intenso e cheo de aprendizaxes.

Voz Natura

Outro ano máis chegou a xuntanza dos colexios participantes en Voz Natura. O sábado 3 de xuño volvemos a Culleredo coa idea de pasalo xenial.

Este ano como era o 20 aniversario de Voz Natura a temática era a elección dos colexios e nós traballamos sobre a reciclaxe co proxecto titulado “as 4 R Guímaras”, o cal tratamos de sintetizar nesta exposición.

Saímos do colexio ás 9:30, e en torno ás 11:15 horas estábamos na Coruña, con gañas de baixar do autobús e disfrutar do tan ansiado día que tíñamos por diante.

Os xogos e talleres funcionaban de 11 a 11.30 e de 15.30 a 19.30.

Tivemos inchables, taller de maquillaxe, globoflexia, taller de reciclaxe con botellas de coca cola, taller de chapas, taller de experimentos con auga e electricidade, talleres de reciclaxe, demostracións do helicóptero da Garda Civil, os axentes de tráfico cos seus coches e motos, salvamento mariño, protección civil, coches e camións de bombeiros.

Había cabalos moi bonitos: montamos neles  e vimos demostracións levadas a cabo polo personal da granxa escola medio ambiental de Bergando.

Aquí podedes ver fotos deste día.

Ás 13:30h tivo lugar a entrega de premios dos gañadores desta edición e o sorteo de agasallos.

Ás 14h foi o momento de facer unha parada e repoñer forzas, para afrontar con enerxía o resto do día. Comemos todos xuntos.

Logo deste descanso, na xornada de tarde  vimos os traballos de todos os colexios, fixemos un taller de prensa e incluso nos fixeron  caricaturas. Ademais, seguimos disfrutando dos xogos e talleres.

A iso das 18:30 merendamos para poñernos rumbo a Brollón. Chegamos ao colexio ás 21 h aproximadamente, logo dunha xornada de convivencia, de bos momentos, de xogos…

Convivencia co CEIP Rosalía de Castro (Bóveda)

O xoves 1 de xuño visitamos o C.E.I.P Rosalía de Castro, de Bóveda. Agardábamos esta convivencia con moita ansia, con ilusión, con emoción…No próximo curso nen@s de ambos centros serán compañeiros no instituto, así que cremos que é unha boa oportunidade para coñecerse, facer amizade, compartir xogos, conversas, unha comida xuntos.

A xornada de convivencia comezou ás 10:30h.

Dividímonos en 4 grupos; deixámosvos fotos para que descubrades de primeira man como transcorreu a mañá:

- Infantil: Fixeron pulseiras, xogos…

- 1º e 2º: Estiveron no ximnasio realizando xogos como motrices.

- 3º e 4º: A través de diferentes probas, adiviñas…tiñan que ir avanzando nun plano.

- 5º e 6º: Xogo de pistas no que lle tiñan que axudar a resolver o misterio ao inspector Marínez.

Ao rematar, polo seu gran traballo recibiron unha medalla e fixemos unha parada para merendar.

Tamén tivemos un ratiño para o tradicional partido de fúbtol.

Ás 14h repuxemos forzas logo dunha intensa e divertida maña. Sempre axuda a seguir coñecéndonos, a entrelazar a nosa amizade…

Quedámonos con bos momentos, bos recordos. Sempre desexando que chegue o seguinte reencontro. Foi unha mañá moi especial.

 

 

Viaxando pola Ribeira Sacra

Como ben sabedes, estamos participando na proposta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra que nos ofreceu unha actividade titulada: “Move ficha pola Ribeira Sacra”.

O pasado luns 8 de maio, tivemos un obradoiro no centro para coñecer máis sobre a Ribeira Sacra. Onte, martes, realizamos unha saída co CEIP Virxe do Carme de Sober, para poñer en práctica o que aprendemos no obradoiro, e para coñecer os encantos que agocha a Ribeira Sacra. Non hai mellor maneira de aprender que experimentar, vivenciar,

Así que o obxectivo desta segunda parte da actividade é continuar coñecendo o noso patrimonio, as nosas raíces, a beleza da Ribeira Sacra…

O alumnado de 4º, 5º e 6º saímos do centro ás 9.30h con destino a Sober, onde nos esperaban os nosos compañeiros/as.

Os puntos nos que estivemos ao longo do día, foron:

- Belesar: Coñecemos os encantos do pobo, fixemos unha pequena parte da ruta dos viñedos, achegámonos á presa…

- Pesqueiras: Visitamos a igrexa, que data do século XII, adentrámonos pola ruta disfrutando das súas vistas, do aire puro que se respira…

As 14.00h fixemos unha parada na Devesa do Saviñao para comer tranquilamente, descansar un anaco e xogar cos nosos compañeiros de Sober.

- Aproveitamos a ocasión para visitar a Biblioteca Municipal de O Saviñao que nos brindou a oportunidade de coñecer  máis sobre Balbina López, muller homenaxeada polo colectivo Lemos Le neste curso.  Estivemos tamén no primeiro edificio no que viviu esta muller loitadora.

- A última parada levounos ao Dolmen de Abuime, no que puidemos ver os restos que quedan del e coñecer máis sobre a nosa historia.

 

É moi importante indagar sobre o noso patrimonio para que nos axude a medrar como persoas, e por suposto, valoralo antóxase unha cuestión esencial.

Graciñas a Bea, a monitora que nos acompañou nesta ruta,  e que nos ensinou unha morea de aspectos que descoñecíamos, así como a Mónica, Bibliotecaria do Saviñao.

 

Distribuir contido