Iniciar sesión: Acceso

Descubrindo o noso PATRIMONIO

Estamos desenvolvendo un proxecto en torno ao noso patrimonio: cultura, lingua, personaxes relevantes…

O pasado venres, 19 de maio, fixemos un roteiro: visitamos lugares emblemáticos da Pobra do Brollón e percorremos unha etapa do camiño de inverno. Para iso, contamos coa participación dunha grandísima persoa que ten as súas raíces no noso concello, o arqueólogo e investigador Xurxo Ayán. Unha persoa moi sinxela que unha máis engaiolou as nenos/as. Estamos moi agradecidos pola súa amabilidade e interese en pasar a mañá con nós.

O itinerario que elaborou para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, tivo o seu punto de partida no colexio, onde comezamos a adquirir novos coñecementos sobre o noso patrimonio. No caderno de notas fomos anotando e debuxando unha morea de contidos que vos resumimos a continuación.

1ª Parada: Rotonda da entrada ao concello. Nela está simbolizado o escudo da Pobra; a coroa simboliza a realeza, o vínculo da xente de aquí cos reis; a vide presenta un elemento característico da Ribeira Sacra.

• 2ª Parada: A Fontela. Unha casa, ubicada no alto da Pobra, á par dun camiño de entrada á localidade; hoxe pouco usado, pero naquela época era o Camiño Real.

A casa Conserva un escudo de pedra de granito traída do Incio. O escudo identifica a casa dos nobres, ou señor, donos das terras que á súa vez dependían dos condes de Lemos.

Aquí aproveitou moi ben para contarlles como era a sociedade na Idade Media.

• 3ª Parada: Ponte de San Antón. O nome fai honra ao seu patrón, que protexe ás persoas e aos animais. Está a carón da Ponte Medieval, da que só se conserva unha parte, dado que foi reparada con cemento.

Esta ponte era a entrada á vila da Pobra. Descubrimos que a Pobra tiña unha muralla, aínda que non quedan restos dela. Antigamente non había casas fóra da muralla, e agora case non vive ninguén no casco vello.

• 4ª Parada: Posible concello antigamente. Paramos nunha casa que conserva un arco, posiblemente a antiga casa do concello, xa que está nunha rúa principal. Consérvase pouca documentación do noso pobo, pois cando entraron os franceses arrasaron parte de Monforte e tamén da Pobra. Queimaron a casa do Concello antiga e tamén os arquivos que contiñan documentación.

Logo, comezando a baixar puidemos disfrutar dunha vista panorámica da localidade e ao Lonxe vense os Castros que rodearon esta localidade: O de Chavaga, Castroncelos, Castrosante, Ferreirúa...

Galicia conta con 6000 castros, dos cáles 15 se encontran na Pobra. Isto é importante para entender como os Guímaros loitaban cos condes.

5ª parada:  Analizamos a arquitectura de fai 600 anos. Explicounos o material empregado para construír unha casa aproveitando os existentes na zona. Vimos unha casa en ruínas, o seu pombal, as 3 rúas paralelas que lle dan unha forma de améndoa ao casco vello.

6ª parada: Cuartel da Garda Civil. O avó de Xurxo traballou na súa construción.

Chegados a este punto, seguimos a aventura cara Cereixa. Na última parte do camiño asfaltado, e antes de adentrarnos no camiño tradicional, falounos de que as primeiras fotos aéreas do noso concello datan dos anos 50. Descubrimos que Afonso IX fundou a Pobra, concedéndolle unha serie de privilexios.

Lembrouno a importante do ouro na nosa zona, explotado polos Romanos.

Xa inmersos no camiño tradicional cara Cereixa, analizamos as árbores da que hai ao noso arredor (sobreiras, castiñeiros, piñeiros…).

Un dos mellores momentos do día foi que puidemos facer unha escavación arqueolóxica no camiño do Escorial.

Outra parada moi interesante foi o Castro de San Lourenzo, que sobreviviu a todo e no que nos demos conta do poder que ten a natureza. Neste castro Xurxo Ayán está realizando un proxecto arqueolóxico, levando o nome de Cereixa fóra da Comunidade. Explicounos a súa estrutura, a súa historia…

As pedras de San Lourenzo é un documental no que podedes coñecer máis de preto o gran traballo que está desenvolvendo Xurxo Ayán.

Xa no colexio, ensinounos en primicia os obxectos atopados no castro, antes de que vaian para o castro de Viladonga.

 

Como podedes ver foi unha mañá desas que nos fan sentir a todos repletos de información e tamén de valores. Aprendemos moito da historia da Pobra, e sobre todo a mirar todo con máis respecto.

 

Non hai mellor maneira de rematar que…

En cada camiño hai unha historia agochada que hai que saber ler. Para saber a onde imos é vital coñecer de onde vimos.

Compartindo momentos co centro de día

A estreita relación que levamos cos nosos amigos/as do centro de día é algo que nos caracteriza, que nos fai medrar como persoas.

Nas últimas dúas semanas, acudimos ao centro de día os xoves. Queriamos  contarvos que estamos compartindo experiencias únicas, enriquecedoras, que nos enchen.

Realizamos debuxos en pequenos grupos, mesturando a súa experiencia e a nosa creatividade. Participaremos nun concurso interxeneracional, que organizan os centros de día e que leva por título de 0 a 100. O concurso é o de menos, a nós o que nos encanta é cruzar a rúa e aprender deles, con eles, emocionarnos, ilusionarnos, conversar cos nosos amigos…

Resúltanos moi complexo explicar con palabras os sentimentos que nos invaden alí dentro. Deixámosvos unhas fotos, co pequeno obxectivo de intentar transmitir o que vai por dentro, aínda que a mellor maneira de facelo é sendo espectador do seu traballo conxunto, dos seus diálogos, da súa sintonía, da súa complicidade, da felicidade que se respira…

Cada vez o lazo de unión é maior. Seguirémosvos informando dos nosos intercambios.

Move ficha pola Ribeira Sacra

Participamos na proposta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra que nos ofreceu unha actividade titulada: “Move ficha pola Ribeira Sacra”.

Esta actividade consta de dúas partes: Un obradoiro no centro, con dúas monitoras, que ocupou a mañá do luns 8 de maio e unha saída posterior, que se fará o día 30 de maio conxuntamente co CEIP Virxe do Carme de Sober.

O obradoiro empapounos de coñecementos da Ribeira Sacra, algo do que formamos parte, e démonos conta de canto nos queda por coñecer, e dende logo por valorar… pois o seu encanto e valor patrimonial a través de toda unha historia é incalculable.

O obradoiro constou de dúas partes:

Dende o comezo estivemos en equipos de cinco compostos por nen@s de 3º, 4º, e 5º e 6º tomando apuntes; ao final, estaba esperándonos un xogo con probas e preguntas sobre o que viramos.

Unha primeira parte expositiva, na que a través dunha presentación en power point as dúas monitoras, contáronnos de forma moi lúdica  información da Ribeira Sacra.

Comezaron falándonos dos aspectos xerais:

- A Ribeira Sacra é unha comarca natural bañada polos ríos Miño e Sil, que comprende 21 concellos tales como A Pobra do Brollón, Monforte (que é o máis grande), Portomarín, Chantada, Sober, a Teixeria (o concello máis pequeno)…Déronnos a coñecer cada un dos concellos que a forman; por exemplo, en Esgos, descubrimos que se atopa o Mosteiro máis antigo de Galicia; en Parada de Sil un mirador chamada os “balcóns de Madrid”; en Castro Caldelas o Castelo; en Quiroga o Museo Xeolóxico…

En fin, coñecemos as festas, os costumes, o Patrimonio, a riqueza da Ribeira Sacra. Por tanto, nesta zona, que comprende o norte da provincia de Ourense e o sur da de Lugo, o turismo é un gran motor económico.

- Analizamos os ríos Miño e Sil (onde nacen, os seus afluentes….).

- Flora: atopamos oliveiras en Quiroga polo clima que presenta; pero se miramos ao noso arredor vemos castiñeiros, carballos, sobeiras, vides, cerdeiras… e nalgunhas zonas tamén especies invasoras como o eucalipto.

- Fauna: Contamos con raposos, coellos do monte, donicelas, corzos, aguias, píntegas comúns, cóbregas, anguías, troitas….

- Mosteiros: Ribeira Sacra significa (ribeira dos ríos e sagrada). Por tanto, despois dos ríos, podemos dicir que o máis importantes son os Mosteiros.

A maior parte deles creáronse no século X. A partir do ano 1103 sepáranse en masculinos e femininos.

Podemos diferenciar dous tipos: San Benito (van vestidos de negro) e San Bernando (van vestidos de branco).

Un exemplo do primeiro, os Benedictinos, é o de San Vicente do Pino en Monforte.

Un exemplo de Cistercienses é o de Santa María de Montederramo.

Os seus principais elementos son a igrexa, sala capitular (onde se realizan as reunións), o claustro e o refectorio (comedor).

- Arte Románica: moitos turistas visíntannos para disfrutar a arte románica, que nace no século XI, influenciada pola arte romana, e chega á Ribeira Sacra entre o século XII e o XIII.

Nela, destaca a horizontalidade e a curvatura. Podémolo comprobar nas numerosas igrexas románicas que hai na nosa zona.

-Arquitectura románica: Destaca unha nave única e unha cabeceira curva, recta ou triple. Chaman a atención os elementos decorativos xeométricos (axadrexado, os arcos de medio punto…); os elementos decorativos vexetais (tallaban as plantas da zona); e os elementos decorativos animais e mitolóxicos (Basilisco, sereas paxaro, becerros, centauros…).

Da escultura románica conservamos pouco na Ribeira Sacra.

- Oficios tradicionais: Oleiros, barquilleiros, afiadores…

 

Logo desta primeira parte interesante, na que non deixamos de estar moi atentos, chegou o momento de facer un pequeno descanso.

 

Despois do recreo, coñecemos o aspecto cultural e social da Ribeira sacra:

Discorren por ela parte dos dous camiños de Santiago: o camiño Francés que pasa por Portomarín e o Camiño de Inverno… Información moi valiosa pois neste tema estamos investigando co obxectivo de coñecer máis profundamente o Camiño de Inverno que pasa pola nosa localidade, Pobra do Brollón.

Soubemos que para ter acreditado o camiño é suficiente percorrer 100km; por iso, aínda que nace en Francia, facendo o último tramo Sarria - Santiago é suficiente.

A ruta do camiño en Galicia comeza no Cebreiro, onde se bifurca por Piedrafita, Sarria…. (Camiño Francés) ou Barco, Rúa,  Quiroga, Pobra… (Camiño de Inverno).

Lembramos os símbolos e complementos dos peregrinos, sobre os que xa traballaramos cando nos disfrazamos de peregrinos no entroido: o bordón  (bastón), a cabaza para beber, a cuncha colgada tamén para beber directamente na fonte, o fito (os km que faltan) a cruz (símbolo do apóstolo).

Coñecemos vestixios que proban que realmente existiu este camiño de inverno, pois a súa oficialidade é moi recente. Nun pobo,  Codos de Belesar consérvase un tramo dunha calzada romana.

Outro tema do que nos falaron foi do entroido da Ribeira Sacra que ten dúas zonas nas que esta celebración ten moita tradición; xa sabíamos algo delas: tamén investigamos cando celebramos o entroido:

- Unha das zonas celebran o entroido Ribeirao de Chantada. Celébrase especialmente nun pobo, Santiago de Abaixo. Aparecen personaxes como os volantes, con moito colorido, un pucho moi pesado, campaniñas… saltan e bailan; os mecos métense coa xente, e os maragatos vístense con peles de ovella, representan oficios tradicionais…..

- Outro entroido que xa coñeciamos moi ben é o de Salcedo. A figura máis representativa é o oso. Sae o luns acompañado de criados que  collen á xente e acércanlla  para que este a pinte. O oso simboliza o comezo da primavera, o ciclo agrícola no que volve a brotar todo.

Outras figuras son as madamas e os danzantes, parellas moi ben vestidas.  Os danzantes de traxe e as madamas de branco e con sombreiros con cintas de cores.

Máis tarde, coñecemos un produto moi típico de aquí cultivado dende a época dos romanos. Cultívase a vide que da uns viños excelentes, de aí o nome de Ribeira Sacra.

A mañá foi pasando case sen ser conscientes; e así chegou a parte final, na que tíñamos que por en práctica todo o aprendido.

 

O xogo é unha especie de trivial. Consiste en que cada equipo vai movendo a ficha por un taboleiro. Segundo no lugar no que caias pasas unha proba de debuxar, mímica, pregunta, describir sen dicir algunhas palabras….

Un membro do equipo fai a proba ou a pregunta e os outros compañeiros/as deben acertar. O equipo que consiga primeiro os cinco ladrillos (distintivos da ribeira sacra) é o gañador.

 

Pasou a mañá nun suspiro, tan pronto que cando tocou o timbre para comer, preferimos rematar o xogo.

Moitas grazas por ensinarnos tanto. Agora agardamos esa excursión na que seguro nos seguiremos adentrando nos encantos da Ribeira Sacra.

Así que os nosos parabéns para o Consorcio de turismo por esta iniciativa e ás monitoras que nos acompañaron.

"Navega con rumbo"

O pasado xoves, 4 de maio, tivemos unha charla baixo o título de “navega con rumbo”, unha iniciativa da Consellería de Educación,  co obxectivo de analizar os beneficios e perigos do uso de internet.

Analizamos, en primeiro lugar, os usos que facemos de internet no día a día.

Cales son os puntos chave de internet? O acceso é “anónimo”, pero sempre se pode seguir o noso rastro. É un acceso case permanente,  xa que estamos conectados dende todas as partes dun xeito cada vez máis doado.

Internet ofrécenos unha serie de comodidades, de vantaxes que medran cada día: obter información, mensaxería instantánea…Pero debemos ter coidado coa publicidade enganosa, coa información falsa, con virus que se meten nos nosos ordenadores. Aínda que soe a tópico, en internet podémonos encontrar con cousas boas e con outras non tan boas.

Nas redes sociais, moi presentes hoxe en día é practicamente imposible borrar unha foto unha vez que se colga na rede; quedan aí para sempre. Debemos coidar a nosa privacidade e a dos demais. Temos que pensar con detemento antes de actuar.

Outro tema de actualidade é o ciberbullying, que é un acoso psicolóxico e persistente contra unha persoa a través de medios telemáticos. Debemos estar sempre alerta, denuncialo se acontece  e gardar as probas.

Lembráronnos tamén a importancia de protexer os nosos ordenadores e dispositivos con antivirus.

Á hora de crear os usuarios e contrasinais non debemos poñer os nosos nomes, recoméndase mesturar maiúsculas e minúsculas, 8 carácteres mínimo…

Nas conexións sen fíos que son abertas non sabemos o que hai detrás delas; pódennos extraer información dun xeito moi sinxelo. Somos moi vulnerables.

Queremos resaltar a importancia de conservar a ortografía cando empregamos redes sociais xa que ás veces coas presas ou co uso de abreviaturas  cometemos erros moi graves.

A aprendizaxe desta mañá queda resumida do seguinte xeito: Non fagas nada en internet que non farías na túa vida real.

 

Día do libro

O próximo domingo,23 de abril, conmemórase o Día do Libro. É un día simbólico para a literatura mundial, xa que neste día no ano 1616 faleceron Cervantes ou Shakespeare.

Os libros teñen moito poder: son ventás abertas á diversidade de culturas, enriquecen o patrimonio inmaterial da humanidade, son fontes de información, de pracer, son novas oportunidades. Permítennos compartir, sentir, voar, experimentar…

Ler mellora a escritura, a expresión oral, estimula a creatividade, a imaxinación, a intelixencia, a concentración, axuda a relaxarnos, a pensar…

Hoxe venres, realizamos unha serie de actividades:

“Apadriña un conto”. O alumnado de infantil, 1º e 2º, escolleu ao azar un neno/a de 3º, 4º, 5º e 6º para que lle contase un conto.

Despois,  falaron sobre o que sucedeu, as personaxes que interviñeron, o que aprenderon do conto…

“O conto dos disparates”. Ao longo desta semana creamos entre todo o colexio o noso propio conto. Cada grupo fixo unha parte (introdución, nó, desenlace). O divertido e enriquecedor é non saber nada do que escriben os demais. Hoxe, cando o limos, tocounos darlle coherencia, unificar todo o que escribimos nun só conto.

Repartímolo da seguinte maneira:

- Infantil: Quen? Había unha vez…

-1º e 2º:  Cando? e onde? Describen o lugar no que se desenvolve a acción…

- 3º e 4º: Os personaxes facían…

- 5º: Pero un día…

- 6º: Ao final…

 Cada aula, elaborou unha parte do mesmo, sen saber nada dos demais. Infantil “había unha vez”, 1º e 2º, 3º e 4º, 5º e 6º “ao final”. Loxicamente foi un conto disparatado que nos serviu para aprender da importancia de traballar en equipo, de

“Gustoume ler”: Cada neno/a elixiu o seu libro favorito para recomendarlle aos seus compañeiros/as. Deixámosvos unha mostra das distintas propostas que xurdiron.

Foi o momento tamén de premiar aos nosos lectores; os nenos/as que máis libros leron ao longo deste curso foron:

-1º: Alejandra

- 2º: Marcos

- 3º: Erea

- 4º: Xulia

- 5º: Xana e Lorena

- 6º: Candela

Todos tivemos como premio un marcapáxinas para fomentar o hábito lector, e un poema de Rosalía Fernández Rial sobre o libro e o acto de ler, un agasallo para as Bibliotecas Escolares de Galicia.

Aproveitamos a ocasión para presentarvos as camisetas que acabamos de facer. Son dous modelos, verde e branco, con dúas mensaxes moi claras relacionadas coa lectura, coa maxia dos libros. Están deseñadas integramente polo alumnado.

“Un libro aumentará as marabillas do saber”.

“A mellor ruta de viaxe é abrir un libro e contemplar as súas paisaxes”.

Nos vós quededes sen ela!!!

O que se recade será destinado á excursión de fin de curso que realizará o alumnado de 5º e 6º.

Hoxe estreámolas no colexio.

Rematamos cunha frase do escritor británico Robert Louis Stevenson:

“Sempre levo dous libros no peto, un para ler e outro para escribir nel”.

Semana do Deporte

Acabamos de vivir a semana do deporte,  coa que buscamos fomentar no alumnado a práctica de actividade física. Desenvolveuse do 3 ao 7 de abril, coincidindo nesta semana o Día do deporte (6 de abril) e o Día Mundial da saúde (7 de abril).

O deporte é un medio moi apropiado para educar ás persoas, para inculcar valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto polo demais, acatar unhas normas. Fai que medre o noso afán de superación.

A semana comezou o luns cas miniolimpiadas, onde o atletismo se elixiu protagonista. O deporte rei combina habilidades que facemos de forma innata xa dende pequenos: correr, saltar e lanzar. Aporta un alto grado de coordinación.

Carreiras de velocidade, salto de lonxitude, carreiras de vallas, lanzamento de peso e carreira por relevos.

O martes, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, realizou coreografías en grupo que levaban practicando dende semanas atrás. Despois, continuaron coas coreografías individuais. Coordinación, ritmo, sentimento, ilusión…para esta mañá de martes.

O mércores todos/as con bicicletas, patinetes, patíns ao colexio

Querémosvos dar as grazas pola vosa participación para que esta actividade se levase a cabo. Xuntámonos con máis de 40 “vehículos”. A actividade “sobre rodas” buscou fomentar o uso da bicicleta, de patíns...  medios de transporte sans, que son moi recomendables para os nosos nenos/as. Aproveitamos para traballar a educación viaria: coñecer sinais coma o stop, o ceda, dirección prohibida; así como cumprir o que nos ordenan os semáforos, respectar os pasos de peóns… Os maiores, cos seus carnés por puntos, concienciáronse da importancia de adquirir uns bos hábitos viarios.

Onte, venres,  repetimos a actividade do parque de tráfico debido a grandísima aceptación que tivo.

Máis tarde, o alumnado, dirixido por Nieves, xogou un partido de baloncesto e despois de fútbol fronte os mestres/as. Fíxonos moita ilusión. Levábamos días agardando por esta cita.

Corremos, rimos, cansamos…foi un gran momento.

Puxemos o broche final a esta semana, coa visita de Sergio Cabanelas: porteiro Monfortino, formado no Calasanz e durante 6 anos nas categorías inferiores do Real Madrid.

Contounos as súas vivencias no mundo do fútbol,o que lle aportou, a súa etapa adestrando en Valdebebas, aconsellounos que o máis importante é disfrutar facendo deporte… Aprendemos moitas cousas da man dun deportista da nosa zona.

Actualmente recupérase dunha lesión no ombreiro e milita no Atlético Escairón.  Seguro que moi pronto o vemos onde se merece, entre os grandes porteiros do panorama nacional.

Foi un auténtico pracer poder compartir este tempo con el, escoitalo, xogar un partido no pavillón

Tod@s quedamos moi satisfeitos con esta semana; foi unha experiencia positiva, enriquecedora, proveitosa. Foron momentos de moita unión, de ilusión, de divertimento. É moi fácil de resumir estes días se nos lembramos da cara dos nenos/as en moitas ocasións.

 

Un día en Santiago

Este pasado xoves visitamos Santiago de Compostela. O noso calendario de actividades complementarias fixo que a capital de Galicia fose o lugar no que pasaríamos esta xornada.

Saímos do centro pasadas as 9h. Ás 11h xa estabamos en Santiago dispostos a coñecer Museos, Meteogalicia…

Logo, dunha pequena merenda, a primeira parada foi o Museo do Pobo Galego: institución dedicada ao estudo, promoción e a difusión do patrimonio histórico – antropolóxico e da cultura galega en todos os seus ámbitos.

Puidemos acceder nel a un compendio da diversidade  cultural de Galicia, dos elementos que nos definen e dos obxectos que nos caracterizan.

A través dun xogo de preguntas tipo test, fomos recorrendo as diferentes salas (sección de mar, de campo, de oficios, de indumentaria, de arquitectura popular, de sociedade…).

A carón das 12:30h o alumnado de infantil, 1º e 2º fixo unha parada para descansar e xogar baixa unha soleada mañá.

O resto do alumnado visitou Meteogalicia (Axencia Meteorolóxica en Galicia),  que prové aos cidadáns dunha serie de servizos relacionados tanto coa observación como coa predición meteorolóxica e outros relacionados co estudo do clima do país. 

Coñecemos as súas instalacións, unha caseta que mide a calidade do aire…

A sorpresa da mañá chegou á hora de comer, cando nos dirixidos ao McDonalds. Unha boa maneira de recuperar forzas para a xornada de tarde que nos levou ao MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia).

Disfrutamos dunha exposición didáctica co obxectivo de amosar o rico patrimonio escolar ás novas xeracións para facelas partícipes do mesmo.

Exploramos o Museo a través de diferentes actividades.

No andar de abaixo exhíbense pezas singulares relacionadas coa escola e o xogo, e unha solaina de personaxes destacados na historia de Galicia.

No primeiro andar, baixo o epígrafe “A infancia, os ensinantes e a escola” acolle varias seccións: Mundo infantil, a administración educativa, escolas chegadas alén do Mar, o sistema educativo…

O segundo andar, está dedicado ao “ensino nas aulas”

Unha vez rematada esta visita, foi o momento da merenda de media tarde e de poñer rumbo á Pobra, ao onde chegamos pasadas as 20.30h.

Un día de moita aprendizaxe, convivencia, bo tempo…

Semana do Deporte

O luns comeza a semana do deporte. Ten como obxectivo fomentar a actividade física, facer fincapé na multitude de valores que nos pode aportar o deporte e dar a coñecer a deportistas da zona.

Distribuirase do seguinte xeito:

   Luns 3 → “Miniolimpiadas”

  Martes 4 → “Coreografías colectivas e individuais do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º”

   Mércores 5 → “Sobre rodas”

  Venres 7 → “Partidos de baloncesto e fútbol alumn@s – mestr@s”

Este mesmo día, como colofón a esta semana, contaremos coa presenza de Sergio Cabanelas, porteiro das categorías inferiores do Real Madrid e actualmente porteiro do Club Atlético Escairón.

 

Pedimos a vosa colaboración para o mércores 5. Este día montaremos un pequeno parque de tráfico no pavillón, no que o alumnado se desprazará sobre dúas rodas (patinete, patíns, bicicleta…). Buscamos fomentar a actividade física e dar a coñecer ao alumnado normas básicas de seguridade viaria.

Tod@s aqueles que queirades e así o desexedes, podedes traer a bicicleta, patinete…dos vosos/as fillos/as para esta actividade, así como o casco e outros elementos de protección.

Podédelas traer ese día á hora de entrada (9:30h) ou durante os días previos, se é máis cómodo para vós.

Así mesmo, para recollelas xa o podedes facer ese mesmo mércores.

A idea é xuntarnos con algunhas bicicletas / patinetes / patíns para compartir e poder disfrutar dunha actividade diferente e enriquecedora.

 

Agradecemos de antemán a vosa colaboración.

 

Nos próximos días, irémosvos dando máis detalles de todo o que aconteza ao longo desta semana.

Convivencia co CEIP de San Clodio

O venres, 31 de marzo, tivemos a convivencia co CEIP de San Clodio; sempre é agardada por todos con moita ilusión, xa que unha das características do noso centro é a apertura ao exterior e ás convivencias.

Este ano fomos nós os convidados. Ás 10:00h saímos da Pobra e recibíronnos cunha fermosa pancarta e cunha carta de benvida, pasadas as 10:30h. Dende o primeiro momento sentimos que estabamos na nosa casa.

Logo deste recibimento, disfrutamos dun pequeno aperitivo para coller forzas e afrontar a xornada que tiñamos por diante.

No Concello quedamos abraiados coa actuación do grupo de Teatro “Migallas”, que nos puxo a cantar, a rir...Divertímonos moito.

Antes de comer, aínda tivemos tempo para:

• O alumnado de infantil, 1º e 2º fixeron un obradoiro de manualidades.

Unha medalla formada por unha flor cunha xoaniña.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º xogou o tradicional partido de fútbol.

Carreiras, emocións…o deporte sempre une.

A mañá pasou axiña e ás 14:00h xantamos. Seguimos compartindo momentos, coñecéndonos mellor. Ademais, intercambiamos uns agasallos  como sinal da gran amizade que nos une con este centro. Deixámolos convidados para que nos visiten o próximo curso.

Este día pasou deseguida. Foi extraordinario, compartimos momentos e sobre todo afianzamos a amizade que  a través deste tipo de actividades se vai agrandando ano a ano.

Distribuir contido