Iniciar sesión: Acceso

Samaín

A semana pasada celebramos o Samaín; unha tradición que vivimos intensamente, xa que nos invade a emoción, o medo

Do 30 de outubro ao 3 novembro familiares do alumnado viñeron ao centro para contar historias de medo na hora de ler; sempre cunha mensaxe moi clara, extraendo así aprendizaxe de cada conto. Queremos darlles unha vez máis as grazas pola súa participación e involucración nesta actividade; resultou moi positiva, moi enriquecedora.

A verdade que tivemos grandes conta contos con nós; foron os seguintes:

Luns 30: Alejandra (nai de Zeltia)

Martes 31: María José (nai de Pedro)

• Xoves 2: Marisa (nai de Lola)

• Venres 3: Martín (pai de Emma e Martín) e Javier (Pai de Moraima e Senén)

O martes 31 celebramos Samaín; o medo foi  protagonista dende primeiras horas da mañá.

Disfrutamos dun saboroso menú terrorífico, que nos prepararon Óscar e Mercedes. Demos boa conta del e collemos forza xa que a xornada de tarde se presentaba cando menos intensa.

A partir das 14:30h a sensación de medo, de incerteza foi medrando polos corredores, polo patio… De repente, apareceron uns seres un pouco terroríficos que seguindo a tradición da festa inglesa Halloween foron percorrendo as aulas. Pasámolo “ de medo”.

Máis tarde, baixamos ao comedor para realizar entre nós unhasesión de conta contos  sobre medo. Historias de pantasmas, de bruxas… invadíronnos durante un cachiño.

A celebración continuou  coa entrega de premios do concurso de cabazas. Como non podía ser menos ,foi moi difícil a decisión. Premiamos a orixinalidade, as grandes ideas, a utilización de materiais de refugallo…

Damos as gracias a todas as familias pola participación no concurso de cabazas, e a todo o alumnado polo seu traballo, o seu esforzo.

Os ganadores foron:

Infantil: Pedro

1º e 2º:  Emma

3º e 4º: Erea e Manuel

5º e 6º: Lorena e Roi

Unha gran cantidade de chuches terroríficas puxo o colofón  a esta xornada.

Ao longo desta semana traballamos unha emoción fundamental no ser humano, “o medo”. Axúdanos a protexernos, a ser precavidos…e debemos aprender a controlalo e superalo.

 

Conmemoración das Bibliotecas Escolares

Cada 24 de outubro, conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares. Celébrase dende o ano 1997, en homenaxe á destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada no ano 1992 durante a guerra dos Balcáns.

É unha data importante, polo que significan os libros para nós, polo que nos transmiten, polo que nos entusiasma ler, contar contos… A través dos libros voamos, viaxamos, sentimos, vemos, imaxinamos. As bibliotecas son un recurso cultural; debemos aprender máis e mellor dende elas.

O luns 23, fixemos unha xornada de portas abertas para dar a coñecer ás familias do alumnado de infantil, 1º e 2º a nosa biblioteca: as normas, os recunchos nos que se distribúe (primeiros lectores, lectores autónomos, lectores expertos, sección dos autores galegos máis significativos, recuncho temático…), as posibilidades que nos ofrece, como podemos atopar os libros nela, CDU; ademais dunha serie de recomendacións para disfrutar da lectura. Puideron ver a renovada imaxe de guimariñoleo, a través do concurso de mascotas.

Os biblioaxudantes (o alumnado de 6º) encargáronse desta actividade. Primeiro, nos días previos, formáronse. Logo, apoiados na seguinte presentación en powerpoint, relacionada coa formación de usuarios, foron os encargados de impartir estas xornadas.

Colaboran coa organización e colocación da biblioteca.

O martes 24, non podía faltar unha sesión de contacontos, tan demanda sempre.

O alumnado deleitounos cunha serie de contos clásicos cun final inesperado, descoñecido para nós, divertido, que nos fai aprender unha lección. Ademais, disfrutamos dun conto creado polo alumnado de 1º e 2º do curso pasado. 

- 1º e 2º: “Aventuras no bosque encantado”

- 3º: “Aladino e a lámpada espantosa”

- 4º: “Branca Neves dos 7 xigantóns”

- 5º: “Pinocho non era o mentiroso”

- 6º: “A fea durmente”. “Un patiño belo”.

Temos uns verdadeiros artistas contando contos.

Despois, chegou un dos momentos máis agardados polo nenos/as; estaban moi entusiasmados coa sorpresa. Este ano Pinocho veu cargado de lambonadas.

Xunto con este agasallo, recibiron o marcapáxinas do colectivo Lemos Le. No reverso, contén un texto de Lois Diéguez, escrito para o Día Das Biblioteca.

A ANPA proporcionounos material que aproveitamos para entregarlle ao alumnado nesta data: mochilas, estoxos, pinturas, arquivadores…

O mércores 25, a xornada de portas abertas tivo como destinatarios ás familias do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º.

Neste día, continuamos aprendendo na biblioteca.

O alumnado de infantil, 1º e 2º, realizou crebacabezas de diferentes contos.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, realizou un xogo no que tiñan que ir avanzando nas celdas dunha mariola do saber. Nos números impares tiñan que resolver probas. Nos números pares responderon a diferentes preguntas. Tratouse por tanto, dun xogo de pistas pola biblioteca, no que tiñan que representar autores mediante mímica, buscar libros dun determinado autor, identificar libros pola súa etiqueta…

Un xeito enriquecedor de aprender xogando, de afondar na biblioteca, nas posibilidades que nos ofrece.

Este ano, entregaremos ao alumnado os carnets de usuarios da biblioteca, para que os préstamos queden rexistrados dixitalmente.

Rematamos co lema deste ano das Bibliotecas Escolares de Galicia:

“Aprende a pensar coa Biblioteca Escolar”

Ruta do Camiño de Inverno e visita ao Museo de Arxeriz

O pasado mércores, día 4, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º realizou un percorrido polo camiño de inverno. O tramo comezou en San Lourenzo (Concello Pantón) e levounos ata a Barxa, no Saviñao. Aproximadamente 6 kms co obxectivo de dar a coñecer o Camiño de Inverno, un camiño a Santiago que pasa polas nosas terras e que debemos divulgar e poñer en valor. É moi amplo o patrimonio material e inmaterial que hai en torno ao mesmo.

Compartimos a actividade con outros centros da zona, realizando así unha xornada de convivencia.

Mentras, o alumnado de infantil, 1º e 2º, visitou a Biblioteca do Saviñao.

En torno á unha da tarde rematamos a andaina en Arxeriz; alí  xuntámonos todo o colexio para visitar o Ecomuseo. Está inserido nun marco natural de máis de 30 ha con bosque, nas que ademais de disfrutar da natureza, o alumnado pode aprender a valorar o patrimonio e coñecer como era non só o pasado máis afastado senón tamén o máis achegado a nós.

Para elo, realizamos os seguintes obradoiros, despois de facer unha parada para repoñer forzas.

- Infantil, 1º e 2º: “A lareira”.

Apoiándose na lareira do pazo coñeceron como era a vida dos nosos antepasados, os usos de cada un dos mobles e utensilios.  

Remataron a actividade cun conto onde coñeceron unha receita tradicional.

- 3º, 4º, 5º, 6º: “Cultura fluvial”.

Apoiándose nas artes de pesca expostas na primeira sala da cultura fluvial, o alumnado coñeceu peixes que se capturaban e como se facía. As imaxes de diferentes paneis amosan os núcleos de poboación que quedaron anegados e entenderon porque quedaron baixo a auga.

Na segunda das salas viron as embarcacións tradicionais e os seus usos.

 

Para rematar a visita, achegámonos ao Castro de Arxeriz, dende o cal puidemos disfrutar de fermosas vistas.

Comezo do novo curso

O vindeiro luns 11, comeza o curso 2017 – 2018.

Durante o mes de setembro, o horario será de 9.30h a 14.15h.

Adxuntamos o calendario escolar.

FONDO LIBROS CURSO 2017-018

LISTA DE ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DOS LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2017-18

FONDO LIBROS CURSO 2017-18

FONDO LIBROS PARA O CURSO 2017-18

Consulta a lista provisional de admitidos no fondolibros para o curso 2017-18 AQUÍ

Excursión Fin de Curso 5º e 6º

O alumnado de 5º e 6º, acompañados por Dori e Julio, estamos disfrutando da excursión de fin de curso.

Despois dun longo ano de traballo, hoxe comezou a aventura que con tantas ganas levábamos días esperando: compartir cos nosos amig@s e mestr@s uns días de descanso, de aprendizaxe lonxe do colexio, pero sobre todo de risas, de bos momentos, de anécdotas que nos unen un chisquiño máis.

Luns 19 de xuño: Saída do colexio, visita á cidade de Segovia (Alcazar, catedral, acueduto, centro da cidade…) e chegada a Madrid.

Martes 20 de xuño: Parque Warner Madrid, paseo nocturno pola capital de España (Palacio Real, Catedral da Almudena...).

Mércores 21 de xuño: Coñecemos Madrid (Praza Maior, Porta do Sol, movémonos en metro...), estadio Santiago Bernabeu e Musical "O rei Leon".

Xoves 22 de xuño: Visitamos o Museo de Cera e o Museo do Prado.

Logo destes días de convivencia, quédannos a tod@s uns recordos boísimos, que nos acompañarán no noso camiño.

Tamén se achega o momento de voar para algúns dos nosos nen@s. Zaro, Candela e Leila comezan unha nova etapa no mes de setembro. Desexámoslles o mellor para que sigan crecendo como persoas. Aquí sempre terán a súa casa.

Con isto, pechamos un novo curso, un ano moi intenso e cheo de aprendizaxes.

Voz Natura

Outro ano máis chegou a xuntanza dos colexios participantes en Voz Natura. O sábado 3 de xuño volvemos a Culleredo coa idea de pasalo xenial.

Este ano como era o 20 aniversario de Voz Natura a temática era a elección dos colexios e nós traballamos sobre a reciclaxe co proxecto titulado “as 4 R Guímaras”, o cal tratamos de sintetizar nesta exposición.

Saímos do colexio ás 9:30, e en torno ás 11:15 horas estábamos na Coruña, con gañas de baixar do autobús e disfrutar do tan ansiado día que tíñamos por diante.

Os xogos e talleres funcionaban de 11 a 11.30 e de 15.30 a 19.30.

Tivemos inchables, taller de maquillaxe, globoflexia, taller de reciclaxe con botellas de coca cola, taller de chapas, taller de experimentos con auga e electricidade, talleres de reciclaxe, demostracións do helicóptero da Garda Civil, os axentes de tráfico cos seus coches e motos, salvamento mariño, protección civil, coches e camións de bombeiros.

Había cabalos moi bonitos: montamos neles  e vimos demostracións levadas a cabo polo personal da granxa escola medio ambiental de Bergando.

Aquí podedes ver fotos deste día.

Ás 13:30h tivo lugar a entrega de premios dos gañadores desta edición e o sorteo de agasallos.

Ás 14h foi o momento de facer unha parada e repoñer forzas, para afrontar con enerxía o resto do día. Comemos todos xuntos.

Logo deste descanso, na xornada de tarde  vimos os traballos de todos os colexios, fixemos un taller de prensa e incluso nos fixeron  caricaturas. Ademais, seguimos disfrutando dos xogos e talleres.

A iso das 18:30 merendamos para poñernos rumbo a Brollón. Chegamos ao colexio ás 21 h aproximadamente, logo dunha xornada de convivencia, de bos momentos, de xogos…

Convivencia co CEIP Rosalía de Castro (Bóveda)

O xoves 1 de xuño visitamos o C.E.I.P Rosalía de Castro, de Bóveda. Agardábamos esta convivencia con moita ansia, con ilusión, con emoción…No próximo curso nen@s de ambos centros serán compañeiros no instituto, así que cremos que é unha boa oportunidade para coñecerse, facer amizade, compartir xogos, conversas, unha comida xuntos.

A xornada de convivencia comezou ás 10:30h.

Dividímonos en 4 grupos; deixámosvos fotos para que descubrades de primeira man como transcorreu a mañá:

- Infantil: Fixeron pulseiras, xogos…

- 1º e 2º: Estiveron no ximnasio realizando xogos como motrices.

- 3º e 4º: A través de diferentes probas, adiviñas…tiñan que ir avanzando nun plano.

- 5º e 6º: Xogo de pistas no que lle tiñan que axudar a resolver o misterio ao inspector Marínez.

Ao rematar, polo seu gran traballo recibiron unha medalla e fixemos unha parada para merendar.

Tamén tivemos un ratiño para o tradicional partido de fúbtol.

Ás 14h repuxemos forzas logo dunha intensa e divertida maña. Sempre axuda a seguir coñecéndonos, a entrelazar a nosa amizade…

Quedámonos con bos momentos, bos recordos. Sempre desexando que chegue o seguinte reencontro. Foi unha mañá moi especial.

 

 

Distribuir contido