Iniciar sesión: Acceso

Solta de troitas

Dous axentes forestais, Sindo e Camino, acompañáronnos o pasado luns 9. Soltamos troitas nos ríos Rubín e Sa aproveitando o bo tempo.

Trouxeron dúas garrafas, cada unha con 500 troitas. Metemos a garrafa no río, pouco a pouco, para que se vaian adaptando á temperatura da auga; así o desfase térmico será o menor posible.

Máis tarde, xa no centro, explicáronnos cales son os motivos desta actividade.

A través dunha proxección en power point ensináronnos todos os pasos que seguen ata a solta dos alevíns; hai que cubrir un longo proceso de análise xenético, reprodución, desove, extracción dos espermatozoides, embrionaxe, selección e clasificación cada mes.

Para chegar ao resultado final o proceso é complexo e custoso.

Aprendemos que por cada quilo de peso de troita nacen uns 1800 ovos.

Vimos imaxes de piscifactorías, escalas, filtros, os termómetros que usan para medir a temperatura da auga,  onde nacen os alevíns..

Debido ás grandes choivas das últimas datas, a auga dos ríos estaba turbia; isto provoca que os alevíns collan infeccións e morran. Por tanto, estes días de bo tempo son un momento idóneo para soltar as troitas, debido a que auga está máis limpa.

Os cambios no PH das augas, motivados pola contaminación (purín, vertidos industriais sen depurar), polos incendios forestais, pola falta de limpeza nas ribeiras que impide a axeitada insolación das augas… poderían estar detrás da escaseza de alevíns. Cada vez vemos menos troitas nos ríos do sur lucense.

Foi unha mañá moi amena, entretida e na que aprendemos máis sobre a natureza, da man de Sindo e de Camino, que seguro nos visitarán en máis ocasións. Moitas grazas.

Coidar o noso medio depende de todos

Convivencia co CEIP Ribas de Sil

O venres, 29 de abril, tivemos a convivencia co CEIP Ribas de Sil; sempre é agardada por todos con moita ilusión, xa que unha das características do noso centro é a apertura ao exterior e ás convivencias.

Este ano fomos nós os anfitrións. Ás 10:30 h chegaron ao colexio, onde os agardábamos cunha morea de globos que tiramos dende unha aula do primeiro andar. Queríamos que dende o primeiro momento sentisen que estaban na súa casa.

Logo deste recibimento, explicámoslles en que ía consistir a xornada e distribuímonos en grupos.

• O alumnado de infantil, 1º e 2º visitou as panaderías da localidade.

Infantil estivo na panadería Herbella; 1º e 2º na panadería de Guadalupe. Aproveitamos para darlles as grazas pola súa colaboración, sempre dispostos a participar en actividades do centro.

Lupe, Eva e outros panadeiros advertíronnos que estaban case sen durmir; isto débese a que é unha profesión moi sacrificada na que hai que traballar mentres todo o mundo dorme, para que cando amence estea todo listo.

Vimos de preto a máquina onde se mestura a levadura coa fariña e a auga para facer a masa.

Logo chegou o mellor momento para nós. Convertémonos en panadeiros e fixemos a nosa propia bola de pan. Puxémoslle os nosos nomes a cada peza antes de metelas no forno. Mentres se facían, aproveitamos para tomar unha merendiña e xogar no parque; tíñamos que repoñer forzas.

Cando nos demos conta xa tíñamos as nosas bolas de pan. Quedamos moi satisfeitos.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º coñeceu o fermoso pobo de Vilachá.

Fomos ata alí en autobús onde nos agardaba Puri, unha adegueira que leva toda a vida vivindo nese paraíso. Tomamos un pequeno aperitivo nada máis baixarnos do autobús.

A primeira parada neste pobo foi no museo; aprendemos moitas cousas sobre o proceso de obtención do viño, vimos o carro e a arca para transportalo que se empregaba antigamente…

Para seguir aprendendo e coñecendo aspectos moi importantes sobre este mundo, non había mellor maneira de facelo que visitando a súa adega (puidemos ver as cubas antigas e as actuais, contounos algúns segredos para facer un bo viño…).

Fixo un día moi bo, así que facer unha ruta de sendeirismo por estes paraxes é impresionante; máis aínda no día previo á celebración da súa festa. A ruta levounos ata o mirador da Capela, cunhas vistas espectaculares do Sil , de Torbeo...Deixámosvos unhas fotos para compartir con vós esta experiencia.

Puri foi unha anfitrión exemplar que nos achegou á vida en Vilachá, ao mundo das adegas.

A mañá pasou axiña e ás 14:30h chegamos ao colexio para xantar; seguimos compartindo momentos, coñecéndonos mellor. Ademais, intercambiámonos uns agasallos como sinal da gran amizade que nos une con este centro.

Despois de comer disfrutamos dun ratiño de xogo: os “forofos” do fútbol no polideportivo, outros no areeiro, outros optaron pola pista descuberta…

Este día pasou deseguida. Foi extraordinario, compartimos xogos e experiencias, e sobre todo afianzamos esa amizade que  a través deste tipo de actividades se vai agrandando ano a ano.

Este mesmo día tocou dicirlle un ata logo a Mercedes, que volverá no mes de setembro. Unha persoa moi activa, con enerxía, sempre disposta a colaborar. Unha das nosas cociñeiras, que nos alimentou con moito agarimo nos últimos meses.

Querémoslle dar as grazas polo seu traballo diario, por todo o que nos aporta. Vémonos moi pronto.

Día do Libro

Cada 23 de abril conmemórase o Día do Libro, unha data escollida pola UNESCO, para render homenaxe ao pracer da lectura.

A UNESCO elixe cada ano unha capital mundial do libro cuxo mandato comeza o 23 de abril. Este ano a cidade de Wroclaw (Polonia) foi a elixida.

Os libros teñen moito poder; invítannos a vivir outras vidas, colaboran para que vivamos as nosas con máis intensidade, con máis alegría, con máis preguntas…

Os libros son amigos que nos acompañan, son fontes de información, son ventás, puntos de vista, novas oportunidades. Momentos para compartir, para sentir, para disfrutar, para ser libres, para voar, para viaxar…

Nos libros dende sempre se acumulou o saber, o coñecemento. O desenvolvemento humano difundiuse a través deles ás novas xeracións. Gran parte do noso saber está nos libros. O libro é hoxe un dos representantes máis claros e máis importantes da cultura. Chega a calquera recuncho do planeta.

Ler estimula a creatividade, a imaxinación, a intelixencia, a expresión oral, a concentración, axuda a relaxarnos. Fai que as persoas sexamos máis amables e empáticas; ao ler intercambiamos a nosa vida coa de alguén máis, sempre hai una conexión.

Ler é fundamental para funcionar na sociedade de hoxe en día. Se os nenos len, serán adultos que pensen. Permítenos aprender cousas novas.

Ler mellora a escritura. Ao ler o noso vocabulario expándese, leemos novas palabras que gardamos na nosa mente para usalas despois,

Desenvolve a mente, precisa exercicio coma o noso corpo, necesitamos que a nosa mente sexa habilidosa.

A día de hoxe, o avance de soportes tecnolóxicos fíxolle perder un pouco a súa popularidade; pero “un libro sempre será un libro”, unha creación única que nos permite unha morea de beneficios.

 

Realizamos unha serie de actividade este pasado venres:

“Apadriña un conto”. O alumnado de infantil, 1º e 2º escolleu ao azar a un neno/a de 3º,4º,5º e 6º para que lle contase un conto.

Deixámosvos algúns dos que seleccionamos para este día.

Despois, fixeron un traballo de reflexión, no que analizaron o que sucedeu, as personaxes que interviron…

“O conto viaxeiro”. Ao longo desta semana creamos entre todo o colexio o noso propio conto: “Os soños de Martiño”. Comezaron os máis peques e logo foi viaxando de aula en aula.

Disfrutamos del léndoo tod@s xuntos.

Todos tivemos como premio un marcapáxinas e unha chapa para fomentar o hábito lector.

Foi o momento tamén de premiar aos nosos lectores; os nenos/as que máis libros leron foron:

3º e 4º:

    -1º Lorena

   - 2º Xana

   - 3º Sarai

5º e 6º:

   - 1º Candela / Marcos

   - 2º Verónica

   - 3º Sheila

 

Rematamos cunha frase de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO:

“Non hai nada coma un libro. Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza para crear e compartir a sabedoría e o coñecemento”.

Semana do deporte

Acabamos de vivir unha semana moi enriquecedora no centro, a semana do deporte,  coa que buscamos fomentar no alumnado a práctica de actividade física.

O deporte é un medio moi apropiado para educar ás persoas, para inculcar valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto polo demais, acatar unhas normas. Fai que medre o noso afán de superación.

A semana comezou o luns cas miniolimpiadas, onde o atletismo se elixiu protagonista. Aínda que socialmente non o ten recoñecido, é o deporte rei. Combina habilidades que facemos de forma innata xa dende pequenos: correr, saltar e lanzar. Aporta un alto grado de coordinación.

Comezamos con carreiras de velocidade, salto de lonxitude e carreiras de vallas.

O martes seguimos coas miniolimpiadas; fixemos carreiras de fondo, lanzamento de peso e carreiras de relevos.

O mércores…case nada. Ir con bicicletas, patinetes, patines ao colexio…Caras de felicidade, de ilusión, de entusiasmo, de disfrutar co que fan… Ver iso é unha gran satisfacción.

Querémosvos dar as grazas pola vosa participación para que esta actividade se levase a cabo. Xuntámonos con máis de 40 “vehículos”. A actividade “sobre rodas” buscou fomentar o uso da bicicleta, de patíns...  medios de transporte sans, que son moi recomendables para os nosos nenos/as. Aproveitamos para traballar a educación viaria: coñecer sinais coma o stop, o ceda, dirección prohibida; así como cumprir o que nos ordenan os semáforos, respectar os pasos de peóns…

Deixámosvos unha morea de fotos para que vexades o que disfrutamos; é certo iso de que unha imaxe vale máis que mil palabras.

O xoves, foi o momento de coñecer un pouco máis de preto o deporte de alta competición. Para iso, tivemos con nós a Manuel Martínez e a Verónica Contreras.

Manuel Martínez é todo un emblema no deporte Monfortino. É o creador do equipo de voleibol da Pinguela entre outras moitas cousas. Unha persoa que loitou moito para que o deporte medrase, unha persoa incansable que así o demostra día.

Verónica é unha xogadora internacional, participou nuns xogos olímpicos, o máximo para un deportista. É de Perú, pero conta coa dobre nacionalidade.

Hai que salientar o importantísimo traballo de canteira que están facendo coas categorías inferiores da Pinguela. Sempre formando persoas, deportistas, profesionais do voleibol.

Prestamos moita atención a todo o que nos contaron: diferentes aspectos do voleibol, como foron os seus comezos, como é o deporte de alta competición, que nos aporta...

A parte práctica fíxonos deleitar. Como recordo temos un balón firmado por eles e os nosos autógrafos personalizados.

Achegámonos a un deporte que merece moita máis repercusión do que a sociedade lle outorga.

Despois do recreo, repetimos a actividade do parque de tráfico debido a grandísima aceptación que tivo.

Chegou o venres case sen darnos de conta; unha semana intensa na que o deporte foi o fío condutor.

Este día, o alumnado, dirixido por Belén, xogou un partido de baloncesto e despois de fútbol fronte os mestres/as. Fíxonos moitísima ilusión. Levábamos meses agardando por esta cita.

Corremos, rimos, cansámonos…foi un gran momento. Miras ao teu arredor e ves unha gran familia feliz.

Tod@s quedamos moi satisfeitos con esta semana; foi unha experiencia positiva, enriquecedora, proveitosa. Foron momentos de moita unión, de ilusión, de divertimento. É moi fácil de resumir estes días se nos lembramos da cara dos nenos/as en moitas ocasións.

Este venres, á vez, tamén resultou amargo.

Hai 4 meses chegou Eva ao centro. Non precisou moitos días para gañarse ao alumnado e aos mestres/as co seu traballo diario, coas súas gañas de facernos progresar a todos. Sempre aportando ideas, sempre cun sorriso.

Todos a imos botar moito de menos, e intentamos demostrarllo un pouquiño onte.

Desexamos que sexa un ata pronto,e que Eva volva ao colexio para seguir aportando cada día  un gran de area moi valioso. Deixa unha gran pegada en todo nós.

Eva Gracias.

Vantaxes e perigos do uso de internet

Hoxe tivemos con nós a un enxeñeiro informático para falar do uso de internet e dos perigos que iso pode ocasionar.

Comezou a charla preguntándonos para que empregamos internet (buscar información, xogar en liña, mandar correos electrónicos, visitar as redes sociais, consultar enciclopedias…).

Cales son os puntos chave de internet? O acceso é “anónimo”, pero sempre se pode seguir o noso rastro. É un acceso case permanente,  xa que estamos conectados dende todas as partes dun xeito cada vez máis doado.

Internet ofrécenos unha serie de comodidades, de vantaxes que medran cada día: obter información, mensaxería instantánea…Pero debemos ter coidado coa publicidade enganosa, coa información falsa, con virus que se meten nos nosos ordenadores; chégannos correos pesados que pretenden captar a nosa atención co obxectivo de obter cartos a cambio de nada, por exemplo. Aínda que soe a tópico, en internet podémonos encontrar con cousas boas e con outras non tan boas.

Nas redes sociais, moi presentes hoxe en día, temos que pararnos e reflexionar un pouquiño. É practicamente imposible borrar unha foto unha vez que se colga na rede; quedan aí para sempre, porque google ten unha memoria prodixiosa. Debemos coidar a nosa privacidade e a dos demais. Non é axeitado difundir información ou fotos sen o consentimento das persoas implicadas. Temos que pensar con detemento antes de actuar.

Outro tema de actualidade é o ciberbullying, que é un acoso psicolóxico e persistente contra unha persoa a través de medios telemáticos. Debemos estar sempre alerta, denuncialo se acontece  e gardar as probas.

A charla ía avanzando, e agora detivémonos no PEGI dos xogos, que nos indica a idade para a que se recomenda. Cumprindo iso, os contidos serán apropiados e educativos; aprenderemos de xeito lúdico.

Lembrounos tamén a importancia de protexer os nosos ordenadores e dispositivos con antivirus; coñecemos unha serie de ligazóns interesantes cun gran aproveitamento pedagóxico.

Á hora de crear os usuarios e contrasinais non debemos poñer os nosos nomes; recoméndase mesturar maiúsculas e minúsculas, 8 caracteres como mínimo… Moito ollo cos datos persoais, non hai regalos gratuítos.

Nas conexións sen fíos que son abertas non sabemos o que hai detrás delas; pódennos extraer información dun xeito moi sinxelo. Somos moi vulnerables.

 

Queremos resaltar a importancia de conservar a ortografía cando empregamos redes sociais, mensaxería instantánea… xa que ás veces coas presas ou co uso de abreviaturas  cometemos erros moi graves.

Finalizamos, lembrando que é bo aproveitar as vantaxes que nos ofrece a rede, pero non fagas nada en internet que non farías na túa vida real.

Non hai que ter medo a usala, farémolo dun xeito prudente e conservando tanto a nosa privacidade como a dos demais.

3,2,1...Comeza a semana do deporte

Mañá comeza a semana do deporte. Ten como obxectivo fomentar a actividade física, facer fincapé na multitude de valores que nos pode aportar o deporte e dar a coñecer a deportistas da zona.

Distribuirase do seguinte xeito:

 

   Luns 11 → “Miniolimpiadas I”

 

   Martes 12 → “Miniolimpiadas II”

 

   Mércores 13 → “Sobre dúas rodas”

 

   Xoves 14 → “Visita dun deportista ao centro”

Contaremos coa presenza de Manuel Martínez, todo un referente do mundo do deporte en Monforte; así mesmo, estará con nós unha xogadora internacional de voleibol.

 

   Venres 15 → “Partidos de baloncesto e fútbol alumn@s – mestr@s”

 

Pedimos a vosa colaboración para o mércores 13. Este día montaremos un pequeno parque de tráfico no pavillón, no que o alumnado se desprazará sobre dúas rodas (patinete, bicicleta…). Buscamos fomentar a actividade física e dar a coñecer ao alumnado normas básicas de seguridade viaria.

Tod@s aqueles que queirades e así o desexedes, podedes traer a bicicleta, patinete…dos vosos/as fillos/as para esta actividade, así como o casco e outros elementos de protección.

Podédelas traer ese día á hora de entrada (9:30h) ou durante os días previos, se é máis cómodo para vós.

Así mesmo, para recollelas xa o podedes facer ese mesmo mércores.

A idea é xuntarnos con algunhas bicicletas / patinetes para compartir e poder disfrutar dunha actividade diferente e enriquecedora.

 

Agradecemos de antemán a vosa colaboración.

 

Nos próximos días, irémosvos dando máis detalles de todo o que aconteza ao longo desta semana.

 

Visita de Xosé Lois

O xoves tivemos unha visita moi especial, recibimos a Xosé Lois. Compartimos esta actividade cos nosos amigos do centro de día.

Gran escrito galego, nacido en Lugo en 1945, pero que se criou na parroquia de Merlán, en Chantada. Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre todo simboloxía románica na Ribeira Sacra. Como poeta ten publicados 23 libros, aínda que a súa obra compóñena máis de setenta libros sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán.

Xosé Lois coñeceu moi de preto a Manuel María, polo que nos achegou á figura homenaxeada nas Letras Galegas 2016. Fixo que nos enriquecéramos, que aprendéramos, que coñezamos máis a un dos autores máis representativos de Galicia, unha voz fundamental na segunda metade do século XX. Debemos ter moi presente que foi un activo promotor da cultura galega.

Levamos xa tempo traballando sobre Manuel María: visitamos a súa Casa – Museo, participamos no calendario do Colectivo Pedagóxico Estiño, indagamos na súa vida e obra cun recuncho que recolle todos os libros que temos del no centro.

Xosé Lois contounos anécdotas de Manuel María, inquedanzas, os seus intereses…

Contámosvos algunhas cousiñas interesantes que aprendemos esta mañá.

Naceu en Outeiro de Rei, onde só viviu 13 anos. Amaba a súa comarca, A Terra Chá.

A temperán morte do seu pai fixo que se viñese para Lugo onde tiña un tío cura. Fixo o servizo militar en Santiago onde coñece a emblemas galegos como Otero Pedrayo, Maside… En 1958 foise para Monforte e en 1959 casou coa súa dona Saleta. Viviu 40 anos nestas terras. Andou por toda a Ribeira Sacra, dende Quiroga ata Chantada.

Xuntaba aos seus amigos cada 8 de xullo para comer xuntos, conversar, disfrutar, compartir momentos, recordos. Unha persoa con moito sentido do humor.

Escribiu libros infantís, poemas, teatro, artigos. Tiña unha libraría, “a Xistral”, que contaba cunha sección de libros moi interesantes en Galegos, para que os nenos o coñecesen, se formasen, para fomentar a lectura en galego. Destacar tamén que en Monforte foi procurador nos tribunais.

Escribiu máis de 1500 artigos. Neles falou sobre Monforte, Pantón, sobre as Terras de Pobra de Brollón. Facíalles poemas aos concellos que llo pedisen.

Manuel María era un neno grande. Xosé Lois dicíalle que era “un poeta de andar e ver”. Manuel María ensinoulle un baúl con máis de 200 pezas de teatro.

Gustáballe comunicar coa xente, coñecer as súas inquedanzas, facía unha colección do significado de palabras para logo escribir. Descubriu o país, as formas de falar.

Tamén tivemos a oportunidade de facerlle preguntas:

Cando coñeceu a Manuel María?

En 1972.  Os 2 andaban preocupados por Galicia, que non ía nada ben. Había moita emigración, falaban de como fomentar a agricultura, a industria. Dende aquela foron grandes amigos. Contounos aquí unha anécdota boa: A Manuel María gustáballe ir cear á cafetería Polar filete de atún frito.

Cal foi o primeiro libro que publicou Manuel María?

A nai de Manuel María era de Nadela (en Lugo). Alí ía 8 días de vacacións na época que estaba co seu tío cura nesta cidade . Un día, foi coas vacas cun primo; naquel prado había un muíño. Aí comezouse a escribir o seu primeiro libro; un libro lúdico, paisaxístico. Así naceu como poeta, foi o que o animou a escribir. Estamos falando de “Muiñeiro de Brétema”, publicado en 1951.

O segundo libro, sobre a súa comarca, “Terra chá”, publícase en 1954

 

Tamén lle fixemos preguntas sobre el:

Cando comezaches a escribir?

Comezou con 10 anos aproximadamente. Escribía sobre o amarelo das flores de nabo, sobre as vacas, como pacían, como tiraban dos arados…

Cal foi o primeiro libro que publicaches?

Tiña poemas na mesa de noite. En 1974, publicounos Manuel María na Edición chamada “Val de Lemos”.

 

Ademais de todo isto, para os máis pequenos leulles adiviñas de animais, do seu libro “Animalario”. Quedaron encantados, riron moito.

Rematou a charla coa dedicatoria dos seus libros para nós e cun pequeno agasallo.

 

Foi unha mañá moi interesante, produtiva e enriquecedora, que fomenta a nosa ansia por escribir, por expresarnos, por transmitir, por dar ao coñecer o que nos invade.

Ademais, achegámonos á figura de Manuel María, unha das persoas máis influentes no panorama galego.

Rematamos cun poema seu:  “A fala”

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Día da árbore

O 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da árbore, un ben prezado e que debemos conservar. As árbores contribúen en gran parte ao osíxeno que respiramos, humedecen o ambiente, reducen o ruído, axudan a diminuír a contaminación…son riqueza…

Como nesta data nos atopábamos en período de vacacións, decidimos celebralo este venres plantando con moita ilusión e concienciación  un castiñeiro.

Primeiro, o alumnado fixo o burato para meter o castiñeiro; a continuación botáronlle terra e abono.

O seguinte paso, foi pisar a terra para que quedase ben prensada.

Máis tarde, rodeamos o castiñeiro cun pneumático para sinalizalo e protexelo.

Finalmente, regámolo.

Un traballo en equipo, que nos serviu para ser máis conscientes da importancia das árbores, dos seus beneficios, dos coidados que precisan.

 Ao longo desta semana tamén limos o conto “O castiñeiro dos desexos”, unha actividade en colaboración coa Deputación de Lugo que nos enviou os contos e o castiñeiro.

 

Charla sobre o medio natural

O venres tivemos unha charla / exposición sobre medio ambiente a cargo de Francisco Javier Quintana, técnico do distrito forestal VIII de Terras de Lemos, e de Javier González, axente forestal da nosa zona.

Dividiron a xornada en dúas partes:

-Primeiro, unha parte máis teórica, na que nos falaron  da paisaxe galega, dos seus tipos (natural, transformada, de costa, de charia…), dos elementos da mesma.

Debatimos sobre si existe paisaxe urbana, sobre como e por qué se deteriora a paisaxe; saíron moitas cuestións interesantes que debemos levar a cabo no día a día para coidar o medio natural, os nosos ecosistemas (reciclar, reducir, reutilizar, coidar os espazos protexidos…)

Coñecemos tamén aqueles animais que hoxe en día se atopan en perigo de extinción. Como dato curioso, soubemos que na nosa Comunidade habita un só lince ibérico.

-A segunda parte, logo dun descanso, foi práctica.

O alumnado tiña que ubicar unha morea de animais no seu hábitat natural:  granxa, bosque, mar. Colocamos ovellas, cans, vacas, golfiños, quenllas, vacalouras, zorros, linces…

Reflexionamos sobre o bosque, que é un dos ecosistemas no que máis animais conviven.

Foi unha sesión moi amena, que se nos pasou voando; aprendemos máis sobre o noso entorno, sobre os ecosistemas, como podemos coidar o medio natural. Unha actividade enriquecedora,  idónea para seguir traballando no Proxecto Voz Natura.

Rematamos dándolles as grazas e un merecido agasallo aos nosos convidados, por todo o que nos transmitiron, e pola maneira tan divertida en que o fixeron.

Con esta foto de familia, despedímonos ata despois das vacacións.

As mochilas viaxeiras

O venres puxemos en marcha as mochilas viaxeiras. Os protagonistas son:

- 1º Txell, Marcos, José Ramón e Álvaro

- 2º Erea, Manuel, Senén, Daniel e Fabián

- 3º Xulia, Roi, Carlos e Adai

- 4º Xana, Maiki, Lorena, Moraima, Noé, Estrella, Sarai e Lucía

- 5º Candela, Joel, Leila e Zaro

- 6º Sheila, Marcos, Verónica e Manuel

Co seguinte texto, dirixímonos aos nenos/as, ás familias…

Saúdos lectores!

Dende o equipo de biblioteca Escolar do CEIP da Pobra do Brollón, dámosvos a benvida, un ano máis, ao enriquecedor mundo da…

MOCHILA VIAXEIRA!

Trátase dunha actividade, que tomando o mundo dos libros convértese nunha experiencia compartida de lectura en familia.

Reforzamos o vínculo entre familia e escola, no labor común da formación dos  nosos lectores/as. Por tanto fomentamos o hábito lector e conseguimos un nexo interxeneracional: estréitanse lazos afectivos e intereses común entre fillos, país, avós…

Pero….por que a mochila viaxeira?

A lectura ensínanos que todos temos cabida, ensínanos a entusiasmarnos, aprender. Desenvolve a convivencia democrática, a liberdade de pensamento.

É una ferramenta básica para o desenvolvemento da personalidade e a creatividade. Os libros permítennos chegar lexos. Necesitamos ler par coñecer o mundo….

Permítennos tamén fortalecer outras destrezas e competencias: escribir, contar, escoitar… Como ben sabedes ler é una experiencia única e irrepetible.

A lectura infórmanos, edúcanos, crea en nós hábitos de reflexión, de análise, de concentración… nútrenos, transfórmanos.

Ler mellora as relación humanas, permítenos expoñer o noso pensamento, amplía os horizontes, desperta afeccións e intereses, a nosa sensibilidade.  Lembrade que a lectura é un gran instrumento que ten o cerebro  para progresar.

Lede con intensidade, despacio, vivindo a vida das palabras. Cando cada palabra cobra vida, a imaxinación bota a voar.

Toda lectura vai deixar pegada en nós. Quizais non haxa nada que enriqueza a mente como una lectura do noso agrado.

A mochila seguirá a estar con cada familia 3 semanas…para que a disfrutedes e viaxedes con ela…

Adxuntamos a relación de material que entre tod@s debemos coidar.

Tedes a posibilidade de dar vida a cada unha destas páxinas en branco, de escribir a vosa historia….

Vivide, soñade, sede libres, expresádevos, reflexionade…e compártideo a través deste caderno que nos enriquecerá e unirá a tod@s.

Contádenos as vosas vivencias, que libros vos gustaron mais, que supuxo para vós esta actividade…

Agardamos tod@s moi expectantes o que escribades, os vosos debuxos, fotos, colaxes…en fin as vosas creacións!

Como premio obteremos o noso libro viaxeiro, que  nos fará medrar xuntos.

A historia está a piques de comezar:

3, 2, 1…!

É o teu momento, ADIANTE!

 

Distribuir contido