Iniciar sesión: Acceso

FONDO LIBROS CURSO 2017-018

LISTA DE ADXUDICACIÓN DEFINITIVA DOS LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2017-18

FONDO LIBROS CURSO 2017-18

FONDO LIBROS PARA O CURSO 2017-18

Consulta a lista provisional de admitidos no fondolibros para o curso 2017-18 AQUÍ

Excursión Fin de Curso 5º e 6º

O alumnado de 5º e 6º, acompañados por Dori e Julio, estamos disfrutando da excursión de fin de curso.

Despois dun longo ano de traballo, hoxe comezou a aventura que con tantas ganas levábamos días esperando: compartir cos nosos amig@s e mestr@s uns días de descanso, de aprendizaxe lonxe do colexio, pero sobre todo de risas, de bos momentos, de anécdotas que nos unen un chisquiño máis.

Luns 19 de xuño: Saída do colexio, visita á cidade de Segovia (Alcazar, catedral, acueduto, centro da cidade…) e chegada a Madrid.

Martes 20 de xuño: Parque Warner Madrid, paseo nocturno pola capital de España (Palacio Real, Catedral da Almudena...).

Mércores 21 de xuño: Coñecemos Madrid (Praza Maior, Porta do Sol, movémonos en metro...), estadio Santiago Bernabeu e Musical "O rei Leon".

Xoves 22 de xuño: Visitamos o Museo de Cera e o Museo do Prado.

Logo destes días de convivencia, quédannos a tod@s uns recordos boísimos, que nos acompañarán no noso camiño.

Tamén se achega o momento de voar para algúns dos nosos nen@s. Zaro, Candela e Leila comezan unha nova etapa no mes de setembro. Desexámoslles o mellor para que sigan crecendo como persoas. Aquí sempre terán a súa casa.

Con isto, pechamos un novo curso, un ano moi intenso e cheo de aprendizaxes.

Voz Natura

Outro ano máis chegou a xuntanza dos colexios participantes en Voz Natura. O sábado 3 de xuño volvemos a Culleredo coa idea de pasalo xenial.

Este ano como era o 20 aniversario de Voz Natura a temática era a elección dos colexios e nós traballamos sobre a reciclaxe co proxecto titulado “as 4 R Guímaras”, o cal tratamos de sintetizar nesta exposición.

Saímos do colexio ás 9:30, e en torno ás 11:15 horas estábamos na Coruña, con gañas de baixar do autobús e disfrutar do tan ansiado día que tíñamos por diante.

Os xogos e talleres funcionaban de 11 a 11.30 e de 15.30 a 19.30.

Tivemos inchables, taller de maquillaxe, globoflexia, taller de reciclaxe con botellas de coca cola, taller de chapas, taller de experimentos con auga e electricidade, talleres de reciclaxe, demostracións do helicóptero da Garda Civil, os axentes de tráfico cos seus coches e motos, salvamento mariño, protección civil, coches e camións de bombeiros.

Había cabalos moi bonitos: montamos neles  e vimos demostracións levadas a cabo polo personal da granxa escola medio ambiental de Bergando.

Aquí podedes ver fotos deste día.

Ás 13:30h tivo lugar a entrega de premios dos gañadores desta edición e o sorteo de agasallos.

Ás 14h foi o momento de facer unha parada e repoñer forzas, para afrontar con enerxía o resto do día. Comemos todos xuntos.

Logo deste descanso, na xornada de tarde  vimos os traballos de todos os colexios, fixemos un taller de prensa e incluso nos fixeron  caricaturas. Ademais, seguimos disfrutando dos xogos e talleres.

A iso das 18:30 merendamos para poñernos rumbo a Brollón. Chegamos ao colexio ás 21 h aproximadamente, logo dunha xornada de convivencia, de bos momentos, de xogos…

Convivencia co CEIP Rosalía de Castro (Bóveda)

O xoves 1 de xuño visitamos o C.E.I.P Rosalía de Castro, de Bóveda. Agardábamos esta convivencia con moita ansia, con ilusión, con emoción…No próximo curso nen@s de ambos centros serán compañeiros no instituto, así que cremos que é unha boa oportunidade para coñecerse, facer amizade, compartir xogos, conversas, unha comida xuntos.

A xornada de convivencia comezou ás 10:30h.

Dividímonos en 4 grupos; deixámosvos fotos para que descubrades de primeira man como transcorreu a mañá:

- Infantil: Fixeron pulseiras, xogos…

- 1º e 2º: Estiveron no ximnasio realizando xogos como motrices.

- 3º e 4º: A través de diferentes probas, adiviñas…tiñan que ir avanzando nun plano.

- 5º e 6º: Xogo de pistas no que lle tiñan que axudar a resolver o misterio ao inspector Marínez.

Ao rematar, polo seu gran traballo recibiron unha medalla e fixemos unha parada para merendar.

Tamén tivemos un ratiño para o tradicional partido de fúbtol.

Ás 14h repuxemos forzas logo dunha intensa e divertida maña. Sempre axuda a seguir coñecéndonos, a entrelazar a nosa amizade…

Quedámonos con bos momentos, bos recordos. Sempre desexando que chegue o seguinte reencontro. Foi unha mañá moi especial.

 

 

Viaxando pola Ribeira Sacra

Como ben sabedes, estamos participando na proposta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra que nos ofreceu unha actividade titulada: “Move ficha pola Ribeira Sacra”.

O pasado luns 8 de maio, tivemos un obradoiro no centro para coñecer máis sobre a Ribeira Sacra. Onte, martes, realizamos unha saída co CEIP Virxe do Carme de Sober, para poñer en práctica o que aprendemos no obradoiro, e para coñecer os encantos que agocha a Ribeira Sacra. Non hai mellor maneira de aprender que experimentar, vivenciar,

Así que o obxectivo desta segunda parte da actividade é continuar coñecendo o noso patrimonio, as nosas raíces, a beleza da Ribeira Sacra…

O alumnado de 4º, 5º e 6º saímos do centro ás 9.30h con destino a Sober, onde nos esperaban os nosos compañeiros/as.

Os puntos nos que estivemos ao longo do día, foron:

- Belesar: Coñecemos os encantos do pobo, fixemos unha pequena parte da ruta dos viñedos, achegámonos á presa…

- Pesqueiras: Visitamos a igrexa, que data do século XII, adentrámonos pola ruta disfrutando das súas vistas, do aire puro que se respira…

As 14.00h fixemos unha parada na Devesa do Saviñao para comer tranquilamente, descansar un anaco e xogar cos nosos compañeiros de Sober.

- Aproveitamos a ocasión para visitar a Biblioteca Municipal de O Saviñao que nos brindou a oportunidade de coñecer  máis sobre Balbina López, muller homenaxeada polo colectivo Lemos Le neste curso.  Estivemos tamén no primeiro edificio no que viviu esta muller loitadora.

- A última parada levounos ao Dolmen de Abuime, no que puidemos ver os restos que quedan del e coñecer máis sobre a nosa historia.

 

É moi importante indagar sobre o noso patrimonio para que nos axude a medrar como persoas, e por suposto, valoralo antóxase unha cuestión esencial.

Graciñas a Bea, a monitora que nos acompañou nesta ruta,  e que nos ensinou unha morea de aspectos que descoñecíamos, así como a Mónica, Bibliotecaria do Saviñao.

 

Festival Letras Galegas e Cena Pro-excursión 5º e 6º

Na última semana rendémoslle homenaxe ás Letras Galegas, as nosas Letras. Carlos Casares, o autor deste ano, é un deses Galegos, que viviu comprometido co seu pobo, traballando e loitando pola vida digna dos galegos, polo medrar e o recoñecemento social  da nosa lingua.

Carlos Casares Mouriño nace na cidade de Ourense o 24 de agosto de 1941. Sendo un neno, a súa familia trasládase a Xinzo de Limia, onde o pai traballa como mestre.

No ano 1952 ingresa no seminario de Ourense, onde descobre a súa faceta de escritor. Nesta etapa escribe un xornal semanal, El Averno, do que era o "director e único redactor".

Abandona o seminario, pois descubre que non quere ser crego e segue os estudos de bacharelato por libre en Xinzo de Limia. En 1959 gaña un concurso de relatos breves e isto permítelle coñecer a Vicente Risco, membro do xurado, e participará nos seus faladoiros literarios onde coñece máis escritores.

No ano 1961 trasládase a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras e incorpórase ao grupo de galeguistas liderado por Ramón Piñeiro. En Compostela participa, como dirixente da Asociación Democrática de Estudantes, no movemento universitario de protesta contra o franquismo.

En 1967 publica a súa primeira obra, “Vento ferido”, un libro de relatos xuvenís  nos que aparecen xa os temas que se repetirán na súa obra, como a violencia, a opresión e a intolerancia nas relacións humanas.

Ao ano seguinte publica a primeira obra de relatos infantís, “A galiña azul” e, de alí a pouco, a primeira obra infantil de teatro,” As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”.

 En 1969 empeza a impartir docencia en Viana do Bolo pero é inhabilitado por defender o dereito ao comedor gratuíto para os nenos pobres e ten que marchar a Bilbao. En 1974, despois de aprobar as oposicións, exercerá como profesor en Cangas do Morrazo e posteriormente en Nigrán.

No ano 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, coñece unha rapaza sueca, Kristina Berg, coa que casa e que lle abre as portas de Suecia. Este país converterase nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia soñada.

Nestes tempos afiánzase como escritor e inicia a súa  colaboración coa prensa, primeiro no xornal La Región de Ourense e posteriormente en La Voz de Galicia.

En 1981 preséntase como galeguista independente nas listas do PSdeG ás primeiras eleccións ao Parlamento e é elixido deputado. Como parlamentario, participa na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística de 1983, na creación do Consello da Cultura Galega e da Radio e Televisión de Galicia e na elaboración da campaña Fálalle Galego.

Son anos de intensísima actividade intelectual nos que preside o Consello da Cultura Galega, dirixe a revista Grial, colabora activamente coa Real Academia Galega (da que é membro desde 1977), dirixe a Editorial Galaxia. Ademais, desde 1992 escribe a columna "Á marxe" para o xornal La Voz de Galicia e segue a publicar títulos de narrativa.

Da súa  obra cómpre salientar obras como: “Cambio en tres”, “Xoguetes pra un tempo prohibido”, “Os escuros soños de Clío”, “Ilustrísima”  e “Os mortos daquel verán”.

 Deixounos tamén moitas publicacións  para nenos: “A galiña azul”, “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” “Lolo anda en bicicleta”, “Un polbo xigante”, ou a serie Toribio.

Cómpre tamén subliñar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez, Ramón Piñeiro ou Vicente Risco. Traduciu ao galego obras como O Principiño.

Ao longo da súa traxectoria como escritor recibiu numerosos recoñecementos e premios.

Falece en Vigo o 9 de marzo de 2002, despois de entregar na imprenta a versión definitiva de O sol de verán.

Gracias a escritores como el contamos cun rico patrimonio lingüístico, social e cultural. O galego ten pois historia de seu. Na nosa man está que teña presente e por suposto un futuro.

Ao longo dos últimos días tivemos os seguintes actos:

Luns 22: Profundamos na vida e obra de Carlos Casares. No comedor podedes visitar a súa exposición

Martes 23: Presentación do 2º libro de teatro “Comedias para un pobo” de Javier González.

Mércores 24: Visionado da obra de teatro a galiña azul.

Xoves 25: Obradoiro de poesía.

 

Venres 25: Festival Letras Galegas.

Comezou ás 11h. Este ano presentárono alumn@s de 6º: Zaro, Leila e Candela, que tamén nos deron a coñecer  ao escritor homenaxeado.

Tivemos as seguintes actuacións; disfrutade das fotos para que vexades ou lembredes o acontecido na mañá do venres.

   - Infantil: Teatro “O casamento do piollo e a pulga”.

   - 1º e 2º: Danza Hawaiana “Hoe Ana”

   - 3º e 4º: Teatro “A consulta da doutora Casilda”.

   - 5º e 6º: Baile “Rock and Roll”.

   - 1º e 2º: Teatro “A nubiña Pascual”.

   - 5º e 6º: Skets Land Rober “Os gorrillas”.

   - 3º e 4º: “Danza dos machetes”.

   - 5º e 6º: Teatro “O camiño de Santiago”. 

   - “Entrega de premios do XXVI Certame de Contos de Letras Galegas 2017":

Os premiados foron:

1º e 2º: Lola e Elena.

3º: Fabián.

4º: Roi

5º: Noé

6º: Zaro

       - 5º e 6º: Skets Land Rober “Xubilados polo mundo”.

A mellor maneira de rematar este festival foi cantando tod@s xuntos a Rianxeira.

Queremos dar as grazas a tod@s polo voso grao de area para conseguir un Festival tan bonito, tan enriquecedor. Un Festival que significa moito, que nos da moitas cousas.

Grazas aos nosos amigos/as do centro de día, cos que compartimos actividades que nos fan medrar, madurar, aprender…

Grazas a todos os familiares que puidestes estar presentes, por alentarnos cos vosos aplausos, coas vosas miradas.

Grazas ao Concello por prestarnos coma sempre a megafonía.

Grazas a tod@s os mestres polo seu traballo, polas súas horas dedicadas ao longo destas últimas semanas: A Dori, óscar, Paco, Vanesa, Pablo, Nieves, Félix…

A verdade que este equipo merece todos os eloxios posibles.

E…como non, as Grazas tamén para os nosos artistas, os verdadeiros protagonistas, que unha vez máis estiveron á altura á que nos teñen acostumados. Estamos moi orgullosos deles.

Este ano despediremos a Zaro, Leila, Candela e Joel. Cerran unha etapa para comezar outra nova. O futuro significa camiñar e iso será o que fagan.

Foi unha mañá  na que floreceu o traballo de días anteriores.

A mellor homenaxe  ás nosas Letras é a de medrar facendo que Galicia teña a súa propia historia: falando a nosa lingua e coidándoa para que sexa cada día máis  forte e coñecida.

Logo, tocou repoñer forzas.

Este venres non rematou aquí…

Como sabedes, os nenos e nenas de 5º e 6º van de excursión a Madrid na última semana de curso, do 19 ao 22 de xuño; levan tempo traballando para sacar cartos para ela: vender rifas en Nadal, camisetas e…onte fixemos unha cea / convivencia, na que enchemos o comedor entre toda a comunidade educativa (pais, nais, familiares, alumn@s, mestres deste ano e de anteriores). 140 persoas, case nada…

En primeiro lugar, GRACIAS A TOD@S POR ASISTIR (familias, veciños, ex - alumnos, ex – mestres…). 

Ás 4 da tarde estas familias e os mestres puxémonos mans á obra cos preparativos: colocar o comedor, poñer as mesas, preparar a cea, os regalos…en definitiva, que todo estivese a punto para as 9. Pouco a pouco foi collendo forma..

Tamén lles queremos agradecer ás familias o seu traballo, colaboración e implicación. E como non, á hora de dar gracias temos que mencionar dun xeito moi moi especial aos nosos cociñeiros/as: Lola, Mercedes e Felipe; sería moi inxusto non mencionar a Óscar, encargado do comedor, e a Dori.

O menú foi:

   - Entremeses  

   - Melón con xamón

   - Empanada de atún, empanada de zorza

   - Costela con ensalada

   - Biscoito con queixo

   - Xeado

   - Café

A  cea comenzou a iso das 21.30h.

O  noso agradecemento aos provedores que colaboraron con alimentos para a cea: Panadería Roelma, Panadería Herbella, Comercial Buxán, Comercial Ana, Pescados Topi, Santorini, Comercial Sánchez Vado, Distribucións a Pinguela, Secundino Docampo, Disrela, Mafer Asturias, Discibrán, Frutas Yoli, O Fogón, Carnicería Real, Bonfrig.

Do mesmo xeito para o Concello, xa que recibimos unha subvención de 500 euros.

Foi unha gran noite, na que a comunidade educativa compartimos momentos, falamos, rimos, intercambiamos opinións

Rematamos cuns agasallos que se obtiñan co número da entrada. Estes agasallos para o sorte foron doados por:

Perruquería Bolboreta, Ferretería Vicente Chaos, Librería Núñez, farmacia Cristina Touza, panadería Roelma, Leónides, Comercial Agro, Librería Fénix, Agrasar e Carlín

 

Descubrindo o noso PATRIMONIO

Estamos desenvolvendo un proxecto en torno ao noso patrimonio: cultura, lingua, personaxes relevantes…

O pasado venres, 19 de maio, fixemos un roteiro: visitamos lugares emblemáticos da Pobra do Brollón e percorremos unha etapa do camiño de inverno. Para iso, contamos coa participación dunha grandísima persoa que ten as súas raíces no noso concello, o arqueólogo e investigador Xurxo Ayán. Unha persoa moi sinxela que unha máis engaiolou as nenos/as. Estamos moi agradecidos pola súa amabilidade e interese en pasar a mañá con nós.

O itinerario que elaborou para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, tivo o seu punto de partida no colexio, onde comezamos a adquirir novos coñecementos sobre o noso patrimonio. No caderno de notas fomos anotando e debuxando unha morea de contidos que vos resumimos a continuación.

1ª Parada: Rotonda da entrada ao concello. Nela está simbolizado o escudo da Pobra; a coroa simboliza a realeza, o vínculo da xente de aquí cos reis; a vide presenta un elemento característico da Ribeira Sacra.

• 2ª Parada: A Fontela. Unha casa, ubicada no alto da Pobra, á par dun camiño de entrada á localidade; hoxe pouco usado, pero naquela época era o Camiño Real.

A casa Conserva un escudo de pedra de granito traída do Incio. O escudo identifica a casa dos nobres, ou señor, donos das terras que á súa vez dependían dos condes de Lemos.

Aquí aproveitou moi ben para contarlles como era a sociedade na Idade Media.

• 3ª Parada: Ponte de San Antón. O nome fai honra ao seu patrón, que protexe ás persoas e aos animais. Está a carón da Ponte Medieval, da que só se conserva unha parte, dado que foi reparada con cemento.

Esta ponte era a entrada á vila da Pobra. Descubrimos que a Pobra tiña unha muralla, aínda que non quedan restos dela. Antigamente non había casas fóra da muralla, e agora case non vive ninguén no casco vello.

• 4ª Parada: Posible concello antigamente. Paramos nunha casa que conserva un arco, posiblemente a antiga casa do concello, xa que está nunha rúa principal. Consérvase pouca documentación do noso pobo, pois cando entraron os franceses arrasaron parte de Monforte e tamén da Pobra. Queimaron a casa do Concello antiga e tamén os arquivos que contiñan documentación.

Logo, comezando a baixar puidemos disfrutar dunha vista panorámica da localidade e ao Lonxe vense os Castros que rodearon esta localidade: O de Chavaga, Castroncelos, Castrosante, Ferreirúa...

Galicia conta con 6000 castros, dos cáles 15 se encontran na Pobra. Isto é importante para entender como os Guímaros loitaban cos condes.

5ª parada:  Analizamos a arquitectura de fai 600 anos. Explicounos o material empregado para construír unha casa aproveitando os existentes na zona. Vimos unha casa en ruínas, o seu pombal, as 3 rúas paralelas que lle dan unha forma de améndoa ao casco vello.

6ª parada: Cuartel da Garda Civil. O avó de Xurxo traballou na súa construción.

Chegados a este punto, seguimos a aventura cara Cereixa. Na última parte do camiño asfaltado, e antes de adentrarnos no camiño tradicional, falounos de que as primeiras fotos aéreas do noso concello datan dos anos 50. Descubrimos que Afonso IX fundou a Pobra, concedéndolle unha serie de privilexios.

Lembrouno a importante do ouro na nosa zona, explotado polos Romanos.

Xa inmersos no camiño tradicional cara Cereixa, analizamos as árbores da que hai ao noso arredor (sobreiras, castiñeiros, piñeiros…).

Un dos mellores momentos do día foi que puidemos facer unha escavación arqueolóxica no camiño do Escorial.

Outra parada moi interesante foi o Castro de San Lourenzo, que sobreviviu a todo e no que nos demos conta do poder que ten a natureza. Neste castro Xurxo Ayán está realizando un proxecto arqueolóxico, levando o nome de Cereixa fóra da Comunidade. Explicounos a súa estrutura, a súa historia…

As pedras de San Lourenzo é un documental no que podedes coñecer máis de preto o gran traballo que está desenvolvendo Xurxo Ayán.

Xa no colexio, ensinounos en primicia os obxectos atopados no castro, antes de que vaian para o castro de Viladonga.

 

Como podedes ver foi unha mañá desas que nos fan sentir a todos repletos de información e tamén de valores. Aprendemos moito da historia da Pobra, e sobre todo a mirar todo con máis respecto.

 

Non hai mellor maneira de rematar que…

En cada camiño hai unha historia agochada que hai que saber ler. Para saber a onde imos é vital coñecer de onde vimos.

Compartindo momentos co centro de día

A estreita relación que levamos cos nosos amigos/as do centro de día é algo que nos caracteriza, que nos fai medrar como persoas.

Nas últimas dúas semanas, acudimos ao centro de día os xoves. Queriamos  contarvos que estamos compartindo experiencias únicas, enriquecedoras, que nos enchen.

Realizamos debuxos en pequenos grupos, mesturando a súa experiencia e a nosa creatividade. Participaremos nun concurso interxeneracional, que organizan os centros de día e que leva por título de 0 a 100. O concurso é o de menos, a nós o que nos encanta é cruzar a rúa e aprender deles, con eles, emocionarnos, ilusionarnos, conversar cos nosos amigos…

Resúltanos moi complexo explicar con palabras os sentimentos que nos invaden alí dentro. Deixámosvos unhas fotos, co pequeno obxectivo de intentar transmitir o que vai por dentro, aínda que a mellor maneira de facelo é sendo espectador do seu traballo conxunto, dos seus diálogos, da súa sintonía, da súa complicidade, da felicidade que se respira…

Cada vez o lazo de unión é maior. Seguirémosvos informando dos nosos intercambios.

Distribuir contido