Iniciar sesión: Acceso

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.

                     

 

Con este lema, dende Bibliotecas Escolares nos animaban a celebrar o mes da ciencia dende as nosas bibliotecas, demostrando outra vez que as bibliotecas non son só un lugar para albergar libros, se non un espazo estupendo para compartir, traballar, aprender e experimentar. 

 

Dende o CEIP da Pobra pensamos que cada curso debería buscar un experimento, traballar con el e explicarllo aos seus compañeirxs. Comezamos revisando o recuncho da ciencia, buscando libros sobre experimentos, curiosidades, ciencia activa…. E entre todo o grupo decidimos que experimento facer. 

 

Cada grupo traballou na súa aula buscando os materiais, plantexando hipóteses, debatendo sobre cales serían os resultados e, por suposto, experimentando. 

 

E por fin, o 29 de Novembro, todos os grupo nos reunimos na biblioteca para compartir con todo o colexio os nosos descubrimentos. 

 

Comezaron os máis pequechos. Os nenos e nenas de infantil explicáronnos o seu experimento “CORES SOBRE LEITE”. Con axuda desta bebida, de colorantes alimenticios e moita maña os nenxs crearon preciosos cadros abstractos sobre o leite explicándonos a diferencia de densidades e a tensión superficial, para despois bórralo cun pouco de deterxente. Foi moi fermoso e sorprendente, e os máis cativos convertéronse en grandes científicos. 

 

Os nenos e nenas de 1º e 2º tamén xogaron coas cores, pero neste caso, completamente naturais co seu experimento “PIGMENTOS NATURAIS”. E tanto que naturais porque con axuda dun morteiro, alcohol e papel absorbente ensináronnos a todxs as cores que hai dentro das espinacas! Verdes, amarelos, violetas e incluso morados…. A natureza é máxica!

 

Chegou o turno dos nenos e nenas de 3º e 4º que fixeron “VARIOS EXPERIMENTOS”. Comezaron creando una lámpada de lava coa que explicaron as diferentes densidades dos líquidos e como se comportaban entre sí. Despois, agasalláronnos cunha demostración de como o aire e o seu volume se poden converter nunha ferramenta moi útil e por último, crearon una reacción química que, aínda que non saíu tal como se esperaba, serviu para ver que podemos mellorar e pensar en solución para o próximo experimento. 

 

Por último, os nenxs de 5º e 6º fixeron un experimento para estudar a flotabilidade dun elemento sobre auga doce e salgada con materiais que eles mesmos atoparon polo cole e despois sorprendéronnos coas “NUBES EMBOTELLADAS”. Nunha botella de cristal e con axuda dun inflador e un pouco alcohol demostraron como se crean as nubes no ceo polos cambios de presión. Aínda que non lles saíu á primeira foron quen de solucionalo e compartilo cos seus compañeirxs.

 

Sen dúbida, este traballo foi fantástico e permitiu que todxs aprendéramos moito e compartíramos o noso saber cos demais compañeirxs. 

 

Porque aquelo que se experimenta, non se esquece.