Iniciar sesión: Acceso

XOGOS TRADICIONAIS. Plan proxecta.

A pasada semana e seguindo coa celebración do día das Letras Galegas, celebramos as Xornadas de Xogos tradicionais Galegos, dentro do noso proxecto deportivo de centro. Coñecer os xogos da nosa comunidade, os que xogaron nosos pais e avós, e respectar e fortalecer a cultura galega son obxectivos que se perseguiron con esta actividade, sen esquencer a práctica de exercicio habitual durante os tempos de lecer. Os nenos e nenas de quinto e sexto foron os encargados da actividade. O martes, cada un deles fíxose cargo dun xogo tendo que buscar o material, colocalo no espazo que lle correspondía e explicándolle as normas aos demais compañeiros que se acercaban a xogar.

Ademais, dentro do Plan Lector e da man de Dori, cada un deles fixo un traballo de investigación para recoller as normas, materiais e funcionamento deses xogos. Utilizaron libros de consulta da biblioteca, a rede e incluso fontes orais, traendo cantigas para xogar á goma que cantaban os seus pais e nais e algunha variante doutros xogos contadas por avós e avoas. Todo un traballo de investigación que agora está exposto no pavillón e do que podedes disfrutar premendo aquí.

Os xogos tradicionais dos que disfrutamos todas e todos foron:

  • Os birlos: Foi un dos xogos con máis éxito, onde todos e todas intentamos derribar o maior número de birlos posibles. Ademais, utilizamos uns birlos feitos polo alumnado en anos anteriores con materiais de refugallo.
  • A mariola: Para este xogo utilizamos as mariolas que xa temos pintadas no patio e nenos e nenas xogaron por igual. Algún incluso compartiu algunha canción que lle cantaron na casa e que puidemos compartir todxs.
  • A petanca: Deste xogo disfrutaron moito sobre todos os nenos e nenas máis pequenos, e ademais fixérono con moito tino, gañando incluso aos máis maiores da escola.
  • A ra: Para este xogo tamén utilizamos material que xa tiñan feito no cole anos anteriores con materiais de refugallo. Utilizamos chapas para recicladas para tirar e tivemos moita puntería, aínda que tamén houbo quen intentaba facer algo de trampa pisando a liña.
  • Zancos: Outro dos xogos que máis aceptación tivo. Cada nena e neno subíase no seu par de zancos e facía un percorrido. Algún dos maís maiores incluso se atreveu a facer algunha que outra carreira.
  • A buxaina: Buxaina, peón, peonza, barrilete… foron moitos os nomes que descubrimos estes días para este xogo. Estes días tivemos a oportunidade de de bailalo peón e descubrir que moitos dos nenos e nenas son capaces de facelo moi ben. Ademais, compartiron o seu saber cos demais nenxs axudándolles e ensinándolles trucos para que a buxaina xirase.
  • A goma: Este xogo da goma elástica foi todo un descubrimento. Os rapaces e rapazas de infantil descubrimos o xogo en Educación Física e puideron ensinárllelo aos seus compañeiros. Ademais, varias compañeiras trouxeron cantigas que lles contaron na casa como “Chicle, chicle” ou “O patio”.

A semana dos xogos tradicionais foi toda unha experiencia que nos permitiu descubrir xogos novos que en moitos casos estaban esquecidos, e ampliar o abanico á hora de disfrutar dos tempos de lecer. Ademais, fomos capaces de investigar sobre os xogos de Galicia, recoñecendo a nosa cultura como un valor moi importante como pobo. A pesar de que foi a primeira vez que incluiamos esta actividade no Plan Proxecta, esperamos poder mantela en vindeiros anos dada a incrible aceptación por parte de todo o colexio e os bos resultados obtidos.

Podedes disfrutar de todas as imaxes desta semana de Xogos populares aquí.