Iniciar sesión: Acceso

SESIÓN DE LECTURA NO CENTRO DE DÍA: “Coas alas de Kovar”

O pasado mércores día 8 de maio visitamos aos nosos amigos e amigas do centro de día para ter unha sesión do noso club de lectura. Neste caso leran un conto de Elena Villar Janeiro: “Coas alas de Kovar”, que nos recomendaron e por certo: encantounos!.

Lemos o conto, reflexionamos sobre os problemas da inmigración, o descoñecemento das linguas, o mal que se pode pasar cando se chega a un cole novo…a importancia de axudar aos amigos e amigas que temos ao redor, especialmente se teñen uha minusvalía física, a eliminación de barreiras arquitectónicas…

Chegamos ao centro de día e pedíronnos que llo leramos outra vez…e así foi por cachiños volvemos ler  en voz alta esta historia tan fermosa.

Kovar ten un problema muscular….non pode ir ao patio, pasa os recreos sentado nun banco…Xermán chega novo ao cole…,  non coñece o idioma, así que ten que esforzarse máis, pero non lle importa. Sentado na aula ao lado de kovar…axúdao, acompañao no banco para que non quede só, nace unha fermosa amizade entre eles. Por fin poñen rampa no cole! Desde entón, Kovar, sairá na súa cadeira de rodas ao patio sempre con sempre co seu amigo que guía a cadeira, e xa poderá percorrer o patio, e xogar coa axuda de Xermán…

Pero a axuda é mutua, pois Kovar axudarao coa lingua… a relación dos amigos é consistente e une ao resto do grupo…tanto que acaban formando unha orquestra, coa axuda do profe de música, pois Xermán ten coñecementos musicais…formando un equipo cooperativo coa diversidade de instrumentos que toca cada un…

Desta lectura saíron frases tan fermosas como a amizade non ten barreiras, nin idades…a diversidade suma, os sentimentos son libres…Os nosos maiores contáronlles que antes era moito peor…porque tampouco existía a eliminación de barreiras físicas, co que xa non poderían nin saír da casa. Por outra banda, moitas persoas non podían querer libremente, había que escoitar as recomendacións do pai, por exemplo para casar, os ricos, ou señoritos non acostumaban a ser amigos dos labregos…

Foi unha sesión moi rica, na que os nosos nenos e nenas tiveron moi claro que os dereitos e melloras de que disfrutamos hoxe, non son gratuitos…detrás está a loita e o traballo calado, sumiso moitas veces dos nosos maiores, moi conscientes da inxustiza, e da necesidade de cambio e mellora.

Por iso temos que ser responsables cos dereitos e obrigas para construír unha sociedade crítica, constructiva e sustentable…donde debemos colocarnos todos  sen exclusións porque todos somos importantes e todos podemos aportar.

Disfrutade das imaxes premendo AQUÍ.