Iniciar sesión: Acceso

"FELIZ IDADE"

           

 

A semana pasada tomamos un contacto moi especial coa poesia. Olga Novo convidounos a participar na presentación do seu libro de poesia, Feliz Idade  o sábado 30 de marzo, na Casa da Cultura do concello que leva o seu nome, Olga Novo. Sentímonos moi ledos e agradecidos por esta invitación así que nos preparamos  para acompañar a Olga  neste evento tan especial e importante como é a saída á luz do seu novo libro : “Feliz Idade”,  unha xoia para a literatura galega.

Chegou o sábado,  as 20:30 horas, e o acto deu comezo,  e coas primeiras palabras de Olga,  brotou a emoción  que inundou a casa da cultura vivindo unha  xornada emotiva, donde a  poesía e a sensibilidade foron as raíñas indiscutibles.

Presentou o acto cun texto  marabilloso  sobre a poesía, que tivo a xentileza de compartir con nós, para que os nenos e nenas traballen sobre él, na elaboración dun programa de radio.

 “ A Poesía nace como nace a herba. A Poesía está por todas partes. No becerriño que chega ás nosas maus desde o ventre dunha vaca. Está na terra que se nos mete nas uñas cando arrancamos as patacas. A Poesía está nas flores da cerdeira e na carouba e na cereixa. Está na vida.” …

Un grupo de nenos e nenas de infantil a 4º de primaria prepararon para recitar un poema que Olga nos escribiu hai anos e que podedes   ler aquí.

O alumnado de 5º e 6º xogou de novo coa poesía: retomaron a entrevista  a Olga  en radio Guímaro do mes de febreiro. Escoitamos unha vez máis tramos nos que nos fala da poesía, da súas fontes de inspiración… Despois cada un elexiu o seu  tema e escribiu o seu  poema. Ilustrárono  e crearon un libro, que ten na última páxina un acróstico, creado entre todos, adicado a Olga. 

Podedes  lelos aquí.

Na segunda parte,  Olga presentou a outra poeta da Pobra, Noa Moreira, que tamén recitou poemas escritos por ela. Interviron os seus acompañantes, na presentación do libro: Luis Rei Núñez, poeta tamén e director da colección Tambo da editorial Kalandraca; e Xurxo Ayán Vila, amigo de Olga, e arqueólogo que dirixiu varias excavacións, entre elas, a do Castro de San Lourenzo, e que tamén nos ten agasallado con moita información sobre a nosa historia.

Xa na terceira parte, Olga recitounos varios poemas do seu novo libro á vez que nos falaba das súas fontes de inspiración, tan entrañables como o seu pai que faleceu, a súa filla, o tractor do seu pai…sempre enraizadas no seu pobo, na súa vida.

E remataron o acto un grupo de persoas que querían darlle unha sorpresa a Olga, así que soou o violín de Pablo e oito persoas entre as que se encontraban as profes do cole, amigos e o marido de Olga recitaron algúns versos de Totem, o poema adicado ao seu pai.

Despois mercamos o libro de Olga, que por certo, nos adicou cunhas palabras fermosísimas. Contamos dende hoxe cun agasallo valioso que nos acompañará daquí en diante.

O sábado foi un día especial  nas nosas vidas, na historia da Pobra,  na literatura galega… Grazas Olga por este día,  por axudarnos a descubrir emocións indescriptibles, por ese aporte de vitaminas que nos chega da túa man, da man de Feliz Idade”.

Podedes disfrutar de todas as imaxes deste fermoso día no seguinte enlace. 

                                  Álbume da presentación de "Feliz Idade"

 

Podeses escoitar os  programas de radio que crearon os nenos e nenas de 5º e 6º  sobre este evento en radio Guímaro

Presentación de Feliz Idade 1

Presentación de Feliz idade 2