Iniciar sesión: Acceso

A castaña

A castaña, un froito de moita tradición nas nosas terras, convértese en protagonista nesta época do ano. 

O venres 10 celebramos o Magosto.

Sobre as 12h comezamos a traballar, para que despois de comer estivese todo listo: preparamos as castañas, o caldeiro para asalas, prendemos o lume, fixemos os cucuruchos. O alumnado de 5º e 6º encargouse, con moita ilusión e predisposición deste traballo.

Ás 15:00h chegou  o momento de comer castañas, de compartir no patio momentos de risa cos compañeiros/as, de xogar… As castañas estaban moi ricas, no punto xusto.

Queremos agradecer ás familias a súa colaboración para que fose posible o Magosto, tanto coas castañas como coa leña.

Finalmente… apareceu o carbón; puxémonos un pouco negros. As nosas caras de ledicia dino todo.

Nestas últimas semanas, traballamos en torno ás castañas:

• Elaboramos un receitario, no que este produto típico da nosa Comunidade, fose o ingrediente principal; descubrimos receitas como o biscoito de castañas, crema doce de castañas, sopa de castañas…

O alumnado de 5º e 6º, nunha das súas visitas ao centro de día, traballou en conxunto cos nosos maiores, descubrindo a importancia que tivo a castaña: alimento básico en Galicia durante moitos anos, diferentes posibilidades de comelas…

Estamos a piques de rematar a súa edición, momento no cal o compartiremos con vós.

Saídas ao entorno. Estaban previstas para antes de celebrar o magosto, pero as condicións metereolóxicas impedíronnos que fose así. Buscábamos realizar un traballo previo de investigación e experimentación no medio. Finalmente, leváronse a cabo o mércores 15.

- Visita á área recreativa do San Vitoiro do alumnado de Infantil, 1º e 2º.

Alí, , nada máis chegar, os nenos/as disfrutaron da merenda nun entorno natural moi fermoso. A carón do río atópase un sequeiro no que puideron ver cada unha das dúas partes, observaron a fauna da zona…Como anécdota queda unha ra que collemos e á que puideron tocar. Despois, deixámola no seu hábitat natural.

Ao outro lado do río viron os bancos, peches de casetas…que quedan dun ano para outro da festa popular que alí se celebra.

Aproveitamos a ocasión para recoller setas da man de Paco, descubrindo cales eran, si se podían comer…

Rematamos cunha actuación medioambiental, recollendo diferentes restos presentes na zona, que contaminan o noso medio.

- Saída ao sequeiro de Paramedela, do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º. Acudiron a Salcedo para ver un souto, un sequeiro…

Agardábanos Felipe, un axente forestal moi involucrado nos coidados da natureza. Con el descubrimos parte da ruta do mel e da castaña. Dende aquí, dámoslle as gracias por esta mañá chea de aprendizaxes.  

Falounos da importancia de coidar os soutos, xa que nos proporcionan cada ano moreas de castañas, madeira, follas…  Hai tempo, contounos que as familias pasaban unha boa parte do ano arredor dos soutos (uns 5 ou 6 meses). Temos moitos motivos para aprecialos, xa que en Galicia é a arbore á que máis lle debemos.

Debemos pararnos a pensar porque van morrendo os soutos a medida que pasa o tempo; sen ir aos extremos devastadores dos incendios, soubemos que son árbores que están afeitas a recibir moitos coidados; no momento que non os reciben, deixar de producir progresivamente.  Púxonos o exemplo de que un carballo sae adiante por si só; pola conta, un castiñeiro senón recibe uns coidados axeitados acabará “morrendo”. De momento, temos a sorte de telos, porque no pasado coidáronos moito.

En primeira persoa descubrimos o gran labor de recuperación que está facendo Felipe no souto de Paramedela; estaba condenado a ir desaparecendo pouco a pouco, debido á falta de coidados que recibe a día de hoxe, a pragas como a tinta… Con paciencia e esforzo foise restaurando.   

Aprendemos que a demouca é o nome técnico que recibe a poda dos castiñeiros.

Explicounos que a xente conservaba as castañas dous ou tres meses semiverdes ao gardalas nas ouriceiras (construcións circulares de muros pequenos nas que botaban os ourizos, cubríndoos con xestas, fentos…).

Outra maneira de conservalas é a través dos sequeiros. Tivemos a sorte de descubrir de preto a súa estrutura: ten dúas partes. Na parte de abaixo préndese o lume, e na parte de arriba, chamada cañiceira (conxunto de ripias, que son cada unha das táboas de castiñeiro, separadas lixeiramente) é onde  se colocan as castañas. Coa calor e co fume van secando durante uns 15 ou 20 días.  Así aguantan durante moito tempo.  

Foron unhas semanas de moita investigación e contacto directo coa castaña.