Iniciar sesión: Acceso

Move ficha pola Ribeira Sacra

Participamos na proposta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra que nos ofreceu unha actividade titulada: “Move ficha pola Ribeira Sacra”.

Esta actividade consta de dúas partes: Un obradoiro no centro, con dúas monitoras, que ocupou a mañá do luns 8 de maio e unha saída posterior, que se fará o día 30 de maio conxuntamente co CEIP Virxe do Carme de Sober.

O obradoiro empapounos de coñecementos da Ribeira Sacra, algo do que formamos parte, e démonos conta de canto nos queda por coñecer, e dende logo por valorar… pois o seu encanto e valor patrimonial a través de toda unha historia é incalculable.

O obradoiro constou de dúas partes:

Dende o comezo estivemos en equipos de cinco compostos por nen@s de 3º, 4º, e 5º e 6º tomando apuntes; ao final, estaba esperándonos un xogo con probas e preguntas sobre o que viramos.

Unha primeira parte expositiva, na que a través dunha presentación en power point as dúas monitoras, contáronnos de forma moi lúdica  información da Ribeira Sacra.

Comezaron falándonos dos aspectos xerais:

- A Ribeira Sacra é unha comarca natural bañada polos ríos Miño e Sil, que comprende 21 concellos tales como A Pobra do Brollón, Monforte (que é o máis grande), Portomarín, Chantada, Sober, a Teixeria (o concello máis pequeno)…Déronnos a coñecer cada un dos concellos que a forman; por exemplo, en Esgos, descubrimos que se atopa o Mosteiro máis antigo de Galicia; en Parada de Sil un mirador chamada os “balcóns de Madrid”; en Castro Caldelas o Castelo; en Quiroga o Museo Xeolóxico…

En fin, coñecemos as festas, os costumes, o Patrimonio, a riqueza da Ribeira Sacra. Por tanto, nesta zona, que comprende o norte da provincia de Ourense e o sur da de Lugo, o turismo é un gran motor económico.

- Analizamos os ríos Miño e Sil (onde nacen, os seus afluentes….).

- Flora: atopamos oliveiras en Quiroga polo clima que presenta; pero se miramos ao noso arredor vemos castiñeiros, carballos, sobeiras, vides, cerdeiras… e nalgunhas zonas tamén especies invasoras como o eucalipto.

- Fauna: Contamos con raposos, coellos do monte, donicelas, corzos, aguias, píntegas comúns, cóbregas, anguías, troitas….

- Mosteiros: Ribeira Sacra significa (ribeira dos ríos e sagrada). Por tanto, despois dos ríos, podemos dicir que o máis importantes son os Mosteiros.

A maior parte deles creáronse no século X. A partir do ano 1103 sepáranse en masculinos e femininos.

Podemos diferenciar dous tipos: San Benito (van vestidos de negro) e San Bernando (van vestidos de branco).

Un exemplo do primeiro, os Benedictinos, é o de San Vicente do Pino en Monforte.

Un exemplo de Cistercienses é o de Santa María de Montederramo.

Os seus principais elementos son a igrexa, sala capitular (onde se realizan as reunións), o claustro e o refectorio (comedor).

- Arte Románica: moitos turistas visíntannos para disfrutar a arte románica, que nace no século XI, influenciada pola arte romana, e chega á Ribeira Sacra entre o século XII e o XIII.

Nela, destaca a horizontalidade e a curvatura. Podémolo comprobar nas numerosas igrexas románicas que hai na nosa zona.

-Arquitectura románica: Destaca unha nave única e unha cabeceira curva, recta ou triple. Chaman a atención os elementos decorativos xeométricos (axadrexado, os arcos de medio punto…); os elementos decorativos vexetais (tallaban as plantas da zona); e os elementos decorativos animais e mitolóxicos (Basilisco, sereas paxaro, becerros, centauros…).

Da escultura románica conservamos pouco na Ribeira Sacra.

- Oficios tradicionais: Oleiros, barquilleiros, afiadores…

 

Logo desta primeira parte interesante, na que non deixamos de estar moi atentos, chegou o momento de facer un pequeno descanso.

 

Despois do recreo, coñecemos o aspecto cultural e social da Ribeira sacra:

Discorren por ela parte dos dous camiños de Santiago: o camiño Francés que pasa por Portomarín e o Camiño de Inverno… Información moi valiosa pois neste tema estamos investigando co obxectivo de coñecer máis profundamente o Camiño de Inverno que pasa pola nosa localidade, Pobra do Brollón.

Soubemos que para ter acreditado o camiño é suficiente percorrer 100km; por iso, aínda que nace en Francia, facendo o último tramo Sarria - Santiago é suficiente.

A ruta do camiño en Galicia comeza no Cebreiro, onde se bifurca por Piedrafita, Sarria…. (Camiño Francés) ou Barco, Rúa,  Quiroga, Pobra… (Camiño de Inverno).

Lembramos os símbolos e complementos dos peregrinos, sobre os que xa traballaramos cando nos disfrazamos de peregrinos no entroido: o bordón  (bastón), a cabaza para beber, a cuncha colgada tamén para beber directamente na fonte, o fito (os km que faltan) a cruz (símbolo do apóstolo).

Coñecemos vestixios que proban que realmente existiu este camiño de inverno, pois a súa oficialidade é moi recente. Nun pobo,  Codos de Belesar consérvase un tramo dunha calzada romana.

Outro tema do que nos falaron foi do entroido da Ribeira Sacra que ten dúas zonas nas que esta celebración ten moita tradición; xa sabíamos algo delas: tamén investigamos cando celebramos o entroido:

- Unha das zonas celebran o entroido Ribeirao de Chantada. Celébrase especialmente nun pobo, Santiago de Abaixo. Aparecen personaxes como os volantes, con moito colorido, un pucho moi pesado, campaniñas… saltan e bailan; os mecos métense coa xente, e os maragatos vístense con peles de ovella, representan oficios tradicionais…..

- Outro entroido que xa coñeciamos moi ben é o de Salcedo. A figura máis representativa é o oso. Sae o luns acompañado de criados que  collen á xente e acércanlla  para que este a pinte. O oso simboliza o comezo da primavera, o ciclo agrícola no que volve a brotar todo.

Outras figuras son as madamas e os danzantes, parellas moi ben vestidas.  Os danzantes de traxe e as madamas de branco e con sombreiros con cintas de cores.

Máis tarde, coñecemos un produto moi típico de aquí cultivado dende a época dos romanos. Cultívase a vide que da uns viños excelentes, de aí o nome de Ribeira Sacra.

A mañá foi pasando case sen ser conscientes; e así chegou a parte final, na que tíñamos que por en práctica todo o aprendido.

 

O xogo é unha especie de trivial. Consiste en que cada equipo vai movendo a ficha por un taboleiro. Segundo no lugar no que caias pasas unha proba de debuxar, mímica, pregunta, describir sen dicir algunhas palabras….

Un membro do equipo fai a proba ou a pregunta e os outros compañeiros/as deben acertar. O equipo que consiga primeiro os cinco ladrillos (distintivos da ribeira sacra) é o gañador.

 

Pasou a mañá nun suspiro, tan pronto que cando tocou o timbre para comer, preferimos rematar o xogo.

Moitas grazas por ensinarnos tanto. Agora agardamos esa excursión na que seguro nos seguiremos adentrando nos encantos da Ribeira Sacra.

Así que os nosos parabéns para o Consorcio de turismo por esta iniciativa e ás monitoras que nos acompañaron.